Volveu ao Areal da Torre o programa Entre Crebas, esa iniciativa da Asoc. Mar de Fábula, que convirte en axentes activos da concienciación e limpeza medioambiental ás persoas privadas de liberdade que cumplen a última parte da súa condena no Centro de Inserción Social (CIS) da Coruña. Unha auténtica acción de reinserción social a través da ecoloxía.
A terceira edición deste programa non arincou ata esta pasada semana por mor do mal tempo, pero comezou con novos folgos coa intención de facer o seguimento anual da contaminación do lixo mariño nas augas costeiras da Coruña. Xa estiveron nas Lapas en 2024, peitearon durante 12 meses o areal de Santo Amaro, e agora volven ao acubillo da Torre, a esta praia aberta ao océano, para desenvolver este exercicio de ciencia-cidadá.
Máis de 25 persoas voluntarias do CIS e de Mar de Fábula participaron nesta primeira acción Despois das palabras de benvida de Xosé Manuel Barros, situando o proxecto, todas as mans espalláronse ao longo das liñas de marea apañando, durante máis dunha hora, toda unha variada mostra que o tren de borrascas deste inverno trouxo do grande supermercado do lixo do océano Atlántico.
O resultado da “infame colleita neste lineal do supermercado” foi duro de analizar: 200 anacos plástico brando de envases e bolsas; 12 tapóns de botellas; 52 anacos espumas sintéticas; 550 mesoplásticos e microplásticos duros; 25 residuos da pesca; 12 restos telas e vestimenta e 4 calzados; 40 cabichas; 2 paquetes tabaco; 7 anacos madeira e tablóns; 5 ferros; 13 anacos ladrillo; 60 toalliñas hixiénicas; 23 bastonciños algodón e 3 aplicadores tampóns…
Un total de 1.008 residuos que botamos nalgún momento, pero que xa non volverán contaminar o noso mar.
Máis novas
Xosé Manuel Barros de Mar de Fábula, recoñecido polo CIS Coruña
Mar de Fábula realiza educa e conciencia medioambientalmente ao CIS
A labor de reinserción das limpezas medioambientais de Entre Crebas

