InicioCULTURACarlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G recoñecidos nos...

Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G recoñecidos nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua

Publicada o

Por Redacción

A Deputación da Coruña recoñece nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G. O certame, dotado con 5.000 euros para cada unha das categorías, está convocado pola Área de Lingua da Deputación e ten como obxectivo recoñecer persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade. Na edición deste ano presentáronse 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.

Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón. O activista da lingua, mestre e escritor, é o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa «traxectoria consolidada de trinta anos», destacando a labor dignificadora das conversas Lx15.

A cabanesa Mariña Lema é a docente que promove o proxecto Vitamina G
A cabanesa Mariña Lema é a docente que promove o proxecto Vitamina G

Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.

No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.

Sobre Vitamina G, proxecto do CEIP Sagrada Familia promovido pola profesora Mariña Lema, á cal temos escoitado precisamente nos Lx15, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.

O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

Máis novas

O premiado proxecto lingüistico co CEIP Sagrada Familia, exemplo normalizador do Lx15

O proxecto Vitamina G, do CEIP Sagrada Familia, entre os gañadores dos Premios Mil Primaveras

ÚLTIMAS

Axudicadas as obras para a creacións das sendas peonís e ciclistas de Alfonso Molina

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vén de adxudicar un contrato de 5,3...

A metrosidero morto, aciñeira posta

Así ratificou o Concello a morte do exemplar de metrosidero que levada máis de...

O luns comeza a construción da duna de Riazor para protexer o Paseo Marítimo dos temporais

Como cada outubro, Concello da Coruña iniciará o vindeiro luns, día 26, os traballos...

Renfe permitirá viaxar sen asento asignado en trens A Coruña-Vigo Guixar e A Coruña-Ferrol

Renfe anunciou que eliminará o suplemento que ata agora debía abonarse polo transporte de...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here