Centos de persoas percorreron esta mañá de sábado 6 de xuño as principais arterias da cidade na manifestación por unha vivenda digna. Convocada pola Plataforma polo Dereito á Vivenda, o Sindicato de Barrio Os Mallos Falperra e o seu espazo da Revolteira, baixo o lema “Nin os alugueiros polas nubes. Nin os salarios polo chan”, a manifestación recolle a indignación social que xera a problemática máis importante para a maioría dos galegos.
A mobilización, que forma parte dunha onda de protestas en máis de 20 cidades do Estado tamén convocadas polo Sindicato de Inquilinas, uniu a subdelegación do Goberno, na Praza de Ourense, con María Pita, nunha clara alusión á falta de iniciativas de promoción de vivenda pública por parte de todas as administracións.
Os berros de “Que pasa, que pasa? Que non teño casa!” é un perfecto exemplo do sentir de boa parte da mocidade deste país (a outra xace tranquila, en casa dos pais, consumindo o pouco que teñen nas terrazas), que non se pode independizar ata os corenta.
Moitas das arengas foron dirixidas aos rentistas, aos grandes propietarios, nomeadamente os bancos, poñendo en evidencia que a vivenda é un dereito e un ben básico, e non un privilexio nin un ben especulativo.
Entidades como a CGT, A Plataforma Monte Mero Xa Existe, os grupos aliñados na cidade de EU, Podemos e Sumar, o Sindicato de Estudantes, o Movemento Galego pola Defenda do Sistema Público de Pensións, Amnistía Internacional, Galiza Nova -BNG… secundaron a manifestación coas mesmas arengas.
Ao longo da semana, os convocantes foron repasando argumentos sobre o asunto, lembrando que o aluguer subiu máis dun 50% en 5 anos e máis dun 80% na última década, e a compra supera xa os 2.800 €/m² de media na cidade
Argumentos para non faltar á manifestación polo dereito á vivenda deste sábado 6 de xuño
A Agra do Orzán berrou contra a especulación arredor da vivenda







