Segue en loita o persoal das grandes marcas do comercio téxtil galego contra o convenio estatal da asociación empresarial ARTE, integrada polas principais empresas do sector. Onte chegou aos oídos da xunta xeral de accionistas de Inditex cunha protesta diante das instalacións centrais de Arteixo e coa intervención dunha representante da CIG na sesión, que explicou a problemática laboral e trasladou as reivindicacións das persoas traballadoras do sector.
A mobilización, que se desenvolveu dende as 11:00 horas na entrada da compañía, fai parte da campaña que o persoal do comercio téxtil está a desenvolver para reclamar un acordo marco interprofesional galego de comercio que garanta a prevalencia dos convenios provinciais e impida a aplicación dos recortes recollidos no de ARTE, do que Inditex é a principal promotora.
A presidenta do comité de empresa de Stradivarius pola CIG, Lucía Domínguez, tomou a palabra na xunta xeral de accionistas e falou en representación da maioría das persoas traballadoras das tendas de Inditex en Galicia para requirir información “moi relevante para o noso colectivo sobre retribucións e condicións laborais”.
Domínguez lembrou que os enormes beneficios rexistrados pola compañía son froito do traballo das milleiros de dependentas “que durante anos tivemos que pelexar por mellorar as nosas retribucións e condicións de traballo, e non foi até 2023 que conseguimos unha mellora substancial que nos aproximou aos salarios e melloras dos que o resto de persoal do Grupo xa dispón hai tempo”.
Despois disto Inditex creou unha patronal de grandes empresas do comercio téxtil (ARTE) co obxectivo de promover un convenio colectivo estatal que está a punto de ser publicado. “As consecuencias deste convenio sobre salarios e outras condicións das dependentas galegas son as que nos traen a esta xunta, porque a súa aplicación supón -entre outras perdas e se nos fixamos só nos salarios- unha rebaixa de 2000 euros anuais para a categoría máis numerosa no sector na provincia da Coruña ou a perda da suba do 6% cada catro anos en Ourense”.
De acordo co texto do novo convenio, as novas contratacións de dependentas en Inditex na provincia da Coruña ingresarán na compañía cobrando 4.500 euros anuais menos que na actualidade e arrastrarán durante toda a súa vida laboral uns ingresos inferiores ás persoas que actualmente xa teñen un contrato indefinido.
Por outra banda, lembrou que a compañía anunciou recentemente unha suba das retribucións das tendas a nivel estatal (dun 4% para 2026), mais nas provincias da Coruña e Pontevedra a suba real será, no mellor dos casos, dun 1,65%. “Pensamos que se trata dunha actualización das retribucións que non se corresponde coa marcha da compañía”.

Máis novas
As traballadoras do comercio volven manifestarse rotundamente contra o convenio da patronal ARTE

