A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelou á “coordinación e unión entre administracións” para impulsar con municipios metropolitanos unha área de prestación conxunta e “mellorar a mobilidade, optimizar a prestación de servizos públicos, impulsar infraestruturas e proxectos comúns”.
Así o manifestou a preguntas dos medios de comunicación sobre a reunión mantida este venres con concellos da contorna e tras explicar que o obxectivo da mesma “non era crear unha área metropolitana” e destacar “moi boas sensacións” na cita.
Para o encontro foran convocados polo consistorio herculino os alcaldes de Arteixo, Carlos Calvelo; de Oleiros, Anxo García Seoane; de Culleredo, José Ramón Rioboo; e a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro.
Estes dous últimos rexedores rexeitaron a invitación. Cuestionada por estas ausencias, Inés Rey dixo que “o que non queira sumarse para mellorar a vida dos cidadáns terao que explicar”.
DIÁLOGO E CONSENSO
Respecto ao contido da reunión, detallou que acordaron “iniciar unha folla de ruta compartida para sentar as bases dunha cogobernanza metropolitana baseada na unión, o diálogo, a cooperación institucional e o consenso”.
Así mesmo, engadiu, constituirase unha mesa de traballo que se reunirá “como mínimo, unha vez ao trimestre”, a cal foi emprazada para “setembro ou outubro” deste ano.
“Hai que ir aos poucos deseñando esa área de prestación conxunta para mellorar e optimizar as conexións e a mobilidade na área metropolitana”, explicou.
Neste sentido, sinalou que a primeira fase comprende o “primeiro cinto, o máis pegado á cidade, para ver como vai funcionando”. “Despois, evidentemente e sen ningún tipo de problema, poderemos amplialo”, avanzou.
“EXCLÚE CONCELLOS”, CRITICA CULLEREDO
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, nun comunicado, trasladou que non asistiu á reunión por “incompatibilidade da axenda” e porque “non entende un encontro sobre a área metropolitana excluíndo de entrada a concellos do Consorcio das Mariñas”.
“A formulación non era a adecuada”, recalca ao apuntar a unha “convocatoria limitada, deixando fóra a municipios que forman parte da realidade social, económica e territorial” da comarca.
“Desde Culleredo defendemos rotundamente a área metropolitana e respectamos a reunión de hoxe, pero hai que facela máis ampla, máis representativa e sempre baseada no diálogo e a cooperación”, recalca.

