O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, volveu reclamar á Xunta máis financiamento, en particular estrutural, para poder afrontar gastos como o de persoal ou as reparacións dos edificios. “É algo no que as tres universidades estamos aliñadas”, asegurou nunha rolda de prensa con motivo do inicio do curso académico na universidade, que no caso da Coruña arrincará con máis de 13.000 estudantes, 42 graos e o 79% das titulacións con todas as prazas cubertas.
Mentres, sobre o anuncio da Xunta de que reforzará o control das contas das universidades públicas galegas, para que os Consellos Sociais auditen as cifras antes da súa aprobación, o reitor coruñés recalcou que “iso xa se está a facer”. “É unha competencia que ten atribuída o Consello Social”, engadiu, á espera de coñecer “en detalle” a proposta do Executivo galego.
Sobre o financiamento, asegurou que a UDC tentará “convencer” a Xunta de que é necesario contar con máis financiamento, “en particular estrutural”. Así, citou como exemplos a necesidade de “máis diñeiro” para a renovación das instalacións universitarias ante o seu “envellecemento” ou para “mellorar a súa eficiencia enerxética”. A isto sumou os custos de persoal coa incorporación de máis investigadores.
Preguntado polas medidas da UDC para reducir a súa débeda, asegurou que xa se adoptaron en 2024 ante a imposibilidade daquela de facer unhas “contas equilibradas”, o que, de novo, vinculou cun déficit de financiamento estrutural. Entre as iniciativas para afrontar esta situación, xunto coa demanda de financiamento para “cubrir gastos estruturais”, sinalou a posta á venda de inmobles. Así mesmo, insistiu en que este non é “un problema illado” da UDC. “Calquera pode botar unha ollada ás contas das universidades”, aseverou.
INICIO DO CURSO
No tocante ao inicio do curso académico, indicou que comeza nunha “posición de fortaleza” e coa “responsabilidade de seguir consolidando un proxecto universitario que medra en capacidade investigadora, en atractivo internacional, en transferencia de coñecemento e co compromiso da sociedade”.
En canto aos datos de matrícula, resumiu que, con data do 3 de setembro, dos 42 graos existentes na UDC “hai 33 que presentan unha ocupación do 100% ou superior”. “O 79% das titulacións están pechadas por ter todas as prazas cubertas”, detallou.
“PREOCUPACIÓN” POLA VIVENDA
Noutro orde de cousas, e sobre o problema de procura de vivenda para estudantes, admitiu a súa “preocupación” e asegurou que a UDC está a “traballar” e en conversas coa Xunta de cara a que algunhas das prazas en residencias para mozos poidan ser tamén para universitarios, ás que sumou as reunións co Ministerio de Educación.

