O Concello da Coruña sostén que a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado mudou a evolución dos prezos do alugueiro e reclama á Xunta de Galicia acceso a máis información sobre os contratos para poder avaliar o cumprimento da normativa.
A alcaldesa, Inés Rey, expuxo este venres os datos durante a reunión da Mesa da Vivenda, celebrada no Palacio Municipal de María Pita. Segundo as cifras presentadas pola rexedora, o prezo do alugueiro aumentara un 13,65% en 2023 e un 16,29% en 2024, mentres que en 2025 a subida quedou reducida ao 2,63%.
Rey considera que estes rexistros amosan unha “contención dos prezos e unha tendencia descendente” desde a aplicación das medidas vinculadas á declaración de mercado tensionado. Os datos difundidos polo Concello sitúan ademais o prezo medio mensual en arredor de 760 euros en xullo de 2025 e 703 euros en febreiro de 2026.
“Só pasa na Coruña“, afirmou a alcaldesa ao comparar a evolución da cidade coa doutras urbes galegas como Santiago de Compostela, Vigo ou Ferrol. A Coruña figura oficialmente como zona tensionada desde 2025, mentres que Santiago foi incorporada posteriormente, a través dunha resolución da Xunta do 24 de abril de 2026 publicada polo Estado en xullo.
Unha parte da intervención da alcaldesa estivo centrada na información sobre o mercado do alugueiro en poder da Xunta. Rey acusou o Goberno galego de “opacidade” e reclamoulle que facilite datos que, segundo explicou, permitirían coñecer con máis precisión cantos contratos continúan mediante prórrogas e cantos chegan ao seu fin.
“Só vemos unha parte pequena porque a Xunta opaca os datos totais”, asegurou. A rexedora pediu que as diferenzas entre administracións sobre a Lei estatal de Vivenda non impidan a cooperación entre ambas institucións e reclamou información suficiente para poder avaliar os efectos da declaración.
A cuestión dos datos é tamén relevante para o debate sobre a evolución da oferta. A Xunta sostén que na Coruña se está producindo unha redución das vivendas que entran no mercado de alugueiro e sinalou esta semana un descenso interanual superior ao 50% no número de novos contratos como argumento crítico coa zona tensionada. Rey cuestiona que esa cifra permita coñecer por si soa o comportamento do mercado, ao non incluír, segundo denuncia, información sobre contratos prorrogados, extinguidos ou de temporada.
O CONCELLO PIDE OS DATOS PARA PODER INSPECCIONAR E SANCIONAR
A alcaldesa vinculou tamén a súa reclamación ás competencias de inspección. “Hai mecanismos efectivos de inspección e sanción pero, como non temos os datos, non podemos sancionar e a Xunta xa dixo que non ía sancionar”, afirmou.
“Que me faciliten os datos para saber o nivel de incumprimento“, engadiu, e puxo como referencia os mecanismos empregados noutras comunidades como Cataluña e Euskadi.
Na Mesa da Vivenda tamén se fixo balance das actuacións municipais relacionadas co mercado residencial. O Concello contabiliza este ano 69 expedientes abertos a vivendas de uso turístico e 47 notificacións de cesamento definitivo por incumprimentos da ordenanza municipal.
Rey reivindicou ademais as políticas locais para incrementar o parque residencial e a vivenda protexida, xunto coas subvencións destinadas á rehabilitación. Segundo os datos achegados na reunión, as axudas alcanzan 240 vivendas, mentres que o investimento municipal en subvencións para rehabilitación de edificios supera os tres millóns de euros.
RECLAMA A TRANSFERENCIA DOS FONDOS ESTATAIS
Outro dos asuntos abordados foi o financiamento destinado ás dúas cidades galegas declaradas zonas tensionadas. O Estado prevé transferir á Xunta máis de cinco millóns de euros para políticas de vivenda na Coruña e Santiago de Compostela.
A alcaldesa reclamou ao Executivo autonómico unha “transferencia inmediata” deses recursos unha vez que os reciba, co obxectivo de que poidan ser empregados polos concellos afectados.
Rey avanzou tamén que o vindeiro venres, 18 de setembro, manterá unha reunión en Santiago de Compostela para abordar unha estratexia común entre as dúas cidades galegas que contan actualmente cunha zona de mercado residencial tensionado en vigor.

