InicioA CORUÑAA praza de Tabacos acolle o groso da Semana Europea da Mobilidade

A praza de Tabacos acolle o groso da Semana Europea da Mobilidade

Publicada o

Por Redacción

Xa botamos un ollo ás interesantes charlas que Mobi-Liza organiza mo MUNCYT sobre outras mobilidades invisibles, pero a Semana Europea da Mobilidade (SEM) chega con moito máis. A ampla programación que se desenvolverá dende este 16 ao 22 de setembro, terá como punto central a praza de Tabacos, este ano poñendo o foco en axudar a facer máis sostible e eficiente a nosa forma de trasladarnos pola cidade, fomentando unha mobilidade a pé, en bicicleta e en transporte público cada vez máis cómoda, accesible e segura.

Durante toda a semana, a praza de Tabacos funcionará como punto de encontro, cun toldo triple e outro multiusos nas que se concentrarán actividades, exposicións e diferentes espazos informativos. A instalación completarase cunha ortofoto da cidade, que permitirá observar A Coruña e a súa configuración urbana desde unha perspectiva diferente, e cun xadrez xigante de 3×3 metros elaborado con rodas recicladas, unha proposta lúdica que combina reutilización de materiais e participación cidadá.

Pola súa banda, o Concello, en colaboración coa Compañía de Tranvías, sorteará bicicletas pregables e bonos de autobús de 200 viaxes cada día entre as persoas que participen nas actividades da Semana Europea da Mobilidade. Tranvías Coruña contará cun stand propio no que se facilitará a participación nestes sorteos.
BiciCoruña disporá tamén dun punto informativo para resolver dúbidas sobre o funcionamento do servizo e facilitar a alta a novos usuarios e usuarias directamente na praza de Tabacos.

Potente fin de semana

O venres 18, ás 21.30 horas, Galicia Rollers celebrará a Friday Mobility Night, unha ruta en patíns pola cidade, nesta ocasión con temática verde e saída desde María Pita. Será un percorrido nocturno aberto á participación de diferentes vehículos de mobilidade sostible, co que se busca reivindicar dunha maneira lúdica a convivencia entre as distintas formas de desprazarse pola cidade. A actividade incluirá ademais o sorteo dunha bicicleta.

O sábado 19 terá lugar ‘O Mestre da Mobilidade’, unha ruta veciñal pola rolda Peonil organizado en colaboración coa Federación de Asociacións Veciñais da Coruña. A ruta será dende o parque de San Diego (nos Castros) á rúa Observatorio (na Agra do Orzán) ao longo de 3,5 quilómetros e que conecta 5 barrios da cidade.

O domingo 20, ás 11.00 horas, será a quenda da Ruta Familiar da Mobilidade, organizada con Galicia Rollers e con saída desde María Pita. Trátase dun percorrido sinxelo e inclusivo, especialmente pensado para que nenos, nenas e familias poidan participar xuntos e gozar doutra maneira de moverse pola cidade. A mañá completarase cunha proposta de VMP Coruña, que instalará un circuíto de habilidades e realizará exhibicións de vehículos de mobilidade persoal.

Cine ao aire libre

A programación incorporará tamén o cine como ferramenta para abordar desde outra perspectiva a relación entre mobilidade e cidade. O venres, ás 20.30 horas, proxectarase “El 47” . O sábado, tamén ás 20.30 horas, terá lugar unha segunda sesión coa proxección de “ET: El
Extratarrestre”, unha proposta orientada ao público familiar que estará acompañada do sorteo dunha bicicleta.

O Día sen Coches, en Concepción Arenal

A Semana culminará o martes 22 de setembro coa celebración do Día sen Coches, unha xornada na que a propia transformación do espazo público será parte da programación. Durante a tarde, Concepción Arenal cortarase ao tráfico para converter temporalmente a calzada nun espazo para as persoas, no que se desenvolverán actividades abertas á participación da cidadanía.

Outras novas sobre mobilidade

Mobi-Liza organiza no MUNCYT unha xornada sobre Mobilidades Invisibles

Xunta e Concello da Coruña pechan os itinerarios dos autobuses para a futura estación intermodal

ÚLTIMAS

A Coruña prorrogará os orzamentos de 2027 tras quedar o goberno de Inés Rey sen apoios

O goberno local da Coruña, liderado pola socialista Inés Rey, prorrogará os orzamentos para...

Aberta na Biblioteca da Sagrada Familia o novo espazo de creación e participación “A Eira”

Quedou aberto onxe "A Eira", o novo espazo de creación e participación cidadá integrado...

A Coruña recibe as cinco propostas finalistas para definir o futuro dos seus espazos portuarios

O proceso para definir a transformación dos espazos portuarios da Coruña entrou nunha nova...

Tres detidos e dous investigados por un apuñalamento nun bar de Arteixo

A Garda Civil e a Policía Local de Arteixo detiveron a tres persoas e...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here