A pesar da teórica situación de interinidade, e das constantes críticas da oposición ante a parálise da nova convocatoria para o posto de dirección, a Fundación Luís Seoane segue acollendo iniciativas culturais. O centro de Arte Contemporánea da cidade acolle dúas novas mostras que trasladan o cinema fora das pantallas. Faino a través do Festival Internacional de Cine da Coruña Intersección, inaugurando onte as exposicións: “Órbita galega” e “Fulgor”. Ambas propostas culturais achegan a creación audiovisual máis alo das salas de proxección explorando coa creatividade e a memoria
No acto, a que dende a organización califican con normalidade “a directora da Fundación”, Carmen Jiménez (na foto con camisa azul na primeira fila), destacou a importancia de contar con espazos que den voz os artistas a través dun hilo conductor que é o audiovisual. Tras a presentación realizáronse percorridos guiados por ambas exposicións dando a coñecer as súas motivacións e propósitos artísticos.

Órbita galega: seis artistas desde a creación audiovisual galega
Comisariada por Sara Donoso, a mostra Órbita galega acolle os traballos de Pablo Agma, Area Erina, María X. Fernández, Pilar Marcó Padín, Jesu Moratiel e Xosé Luis Otero dentro da sección competitiva Galicia de INTERSECCIÓN. Seis propostas que constrúen un percorrido no que aparecen a materia e os seus procesos de transformación, o territorio e a memoria, o corpo, o desexo ou a propia percepción.
Area Erina establece en Rachar en dous un diálogo entre un corpo feminino e a paisaxe; mentres Pablo Agma converte en I WANT (a film) centos de desexos recollidos anonimamente nun autorretrato colectivo filmado fotograma a fotograma.
Fulgor: catro novas voces arredor da imaxe
Comisariada por Laura Piñeiro, Fulgor reúne catro novas voces que exploran diferentes formas de mirar, construír e habitar a imaxe. Desde a memoria e a percepción ata a vixilancia e a relación coa materia, as obras cuestionan a imaxe como representación estable da realidade para convertela nun espazo de experiencia, transformación e interacción co espectador.
En Morea, Carla Agustiño Soto traslada á sala de exposición unha morea de refugallo agrícola procedente da aldea de Barro e sitúa fronte a fronte a materia, sometida ao paso do tempo, e a súa representación audiovisual, que permanece inalterable.
Horarios
As dúas exposicións poden visitarse na Fundación Luis Seoane con entrada de balde. Permanecerán abertas do 30 de setembro ao 27 de outubro de 2026. O horario de visita é de martes a domingo, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas; os luns, a Fundación permanece pechada.
Máis novas da Fundación
Volven preguntar pola inacción municipal na Fundación Luís Seoane

