A Asociación de Supermercados da provincia da Coruña (ASAC) denunciou “intentos de bloqueo, intimidacións a traballadores e impedimentos aos clientes” para facer as súas compras durante a folga do persoal do comercio de alimentación convocada para os días 10, 11 e 13 de outubro.
Nun comunicado, a asociación cuestiona que se prolongue un conflito que suma xa 14 xornadas de paro, malia soster que as empresas parten de salarios superiores aos de case todos os seus competidores e ofrecen, ademais, melloras por riba das aceptadas polos mesmos sindicatos nestes e noutros convenios. A patronal, que denunciou tamén a entrada de piquetes en establecementos e as presións e insultos dirixidos a quen decidiu acudir ao seu posto de traballo, considera inadmisibles estas actuacións, que asegura que non poden normalizarse como parte dunha xornada de folga.
Así mesmo, ASAC subliña que debe respectarse a liberdade de quen decide traballar e o dereito dos clientes a acceder aos establecementos. “Ningunha reivindicación laboral xustifica a intimidación, os insultos nin os intentos de impedir pola forza ou mediante ameazas o funcionamento normal dos centros de traballo“, incide.
Ademais, a asociación quere agradecer expresamente a todas as persoas que acudiron aos seus postos de traballo, “a pesar das dificultades e presións sufridas, e recoñecer o seu compromiso e profesionalidade”. ASAC sostén que o seguimento da folga foi inferior ao rexistrado en convocatorias anteriores e censura que o conflito acumule xa 14 xornadas de folga, convocadas reiteradamente antes de coñecer as propostas de negociación.
“E cando aínda non rematou a convocatoria actual, xa se anuncian outras tres xornadas para o Nadal”, critica, para asegurar que é “difícil entender esta escalada cando existe unha proposta enriba da mesa que permitiría pechar o convenio”.
Neste punto, destaca que a oferta contempla un incremento salarial do 4% en 2026 e do 12,2% acumulado en catro anos, mecanismos de protección fronte ao IPC, unha nova promoción profesional que supón un 2% adicional, redución progresiva da xornada, máis fins de semana de calidade e melloras importantes en conciliación, permisos e complementos.Ademais, apunta que as empresas de ASAC xa parten de salarios superiores aos de case todos os seus competidores e ofrecen incrementos superiores aos que as mesmas organizacións sindicais asinaron con eses competidores e con outros convenios recentemente.
ASAC, que lembra que a asociación non representa unicamente a Gadis e Froiz, sinala que detrás do convenio están os comerciantes galegos de alimentación da provincia, empresas que xeran emprego, provedores do territorio e milleiros de traballadores e familias que dependen desa actividade.
“Non é posible nin responsable afastarse aínda máis das condicións que teñen os competidores de fóra respecto dos comerciantes galegos, porque iso faría que estes últimos deixasen de poder competir”, indica. “Nin os traballadores nin os comerciantes da Coruña somos instrumentos ao servizo de terceiros. O que está en xogo é o noso convenio, as nosas condicións laborais e o futuro do comercio de alimentación de aquí”, sostén, para asegurar que “debilitar as empresas locais non mellora o convenio nin as condicións dos traballadores, senón que fortalece os operadores cos que competimos e acaba prexudicando o territorio e o futuro dos seus cidadáns”.
INICIO DO CONFLITO
A asociación sostén que, desde que comezou o conflito en maio, as organizacións sindicais non contactaron con ASAC para achegar posturas en ningunha ocasión, malia que a disposición empresarial para acadar un acordo se mantivo en todo momento, e pregúntase se se busca prolongar o conflito. “Se existe algún aspecto da proposta que impide chegar a un acordo”, a asociación considera que o razoable é expoñelo e buscar unha solución mediante o diálogo, “en vez de seguir acumulando xornadas de folga, atrasando a solución do conflito e prolongando as súas consecuencias“.
Tamén argumenta que quere un bo convenio para os traballadores e para o comercio galego e que o demostrou desde o primeiro día. “A proposta está enriba da mesa e a asociación mantén a súa plena disposición para asinar un acordo. Pero a vontade de entendemento debe demostrarse con feitos: non se pode prolongar indefinidamente o conflito e seguir prexudicando a traballadores e comerciantes”, subliña.

