Marea Atlántica presentou este sábado a súa candidatura ás eleccións municipais de 2023 para A Coruña, cunha lista liderada por Xan Xove e que, argumentan, é a formación “única e insubstituíble” para facer “unha cidade mellor”.
Nun acto celebrado na Fundación Luís Seoane, presentado polo exalcalde de Marea, Xulio Ferreiro, o novo equipo estivo acompañado por, entre outros, os concelleiros Marta Lois e Xan Duro de Compostela Aberta; o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, e o seu predecesor no cargo, Antón Sánchez; Emilio Padrón, de Equo, e representantes de Sadamaioría e outras entidades sociais, veciñais e culturais da cidade herculina.
Xove aseguraba, en declaracións a Europa Press, que afrontaban esta nova etapa con “toda a ilusión e responsabilidade”, pero tamén coa “seguridade” de estar “arroupados” polas mellores persoas, entre elas Xulio Ferreiro, a quen cualificou como “o mellor alcalde que tivo A Coruña”.
Matizou ademais que os integrantes do grupo municipal “non se van, senón que dan un paso á beira para seguir colaborando dentro de Marea”. “O que significa isto é a continuidade do proxecto, de Marea Atlántica. Un proxecto que foi útil tanto no Goberno como facendo oposición, unha oposición construtiva, pero ao mesmo tempo crítica e propositiva”, comentou.
Preguntado por un apoio ou posible confluencia co proxecto, en caso de materializarse, de Yolanda Díaz, Sumar, Xove incidiu en que están “centrados” na Coruña e nas municipais, “en volver gañalas”.
“É o que nos ocupa (…). Sempre sumamos coa cidade, coa xente. As portas de Marea sempre están abertas. Xa sumamos en 2015 e seguimos sumando con todos os coruñeses que queiran participar no proxecto”, defendeu.
Na súa intervención, Xan Xove reivindicou o traballo feito pola formación, tanto na oposición da man de María García, como no Goberno municipal co “mellor alcalde posible”, Xulio Ferreiro.
“Sen Marea non teriamos a opción de pasear polo porto, non existiría a Renda Social Municipal, aínda habería corridas de touros e continuaría o viaduto da Rolda de Nelle. Todo iso que dicían que era imposible, aí tédelo”, sinalou.
Ademais de reivindicar “A Coruña da periferia” e afear á actual alcaldesa socialista, Inés Rey, que se esqueceu desa parte da cidade, Xove tivo palabras de recordo para a marea branca “que berrou ‘Nunca máis'” hai agora 20 anos, “coa marea negra do Prestige”.
“Partidos hai moito pero Marea só hai unha”, aseverou Xove antes de concluír o acto entre berros de ‘Alcalde’ por parte dos asistentes.
FERREIRO
O exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou este sábado que seguirá “polo momento, na segunda liña” da formación, como “soldado de infantaría” para apoiar á nova candidatura no que necesiten, como fixo “sempre”.
O que foi alcalde da cidade herculina por Marea Atlántica entre 2015 e 2019 sinalaba, tras a presentación da candidatura para as próximas municipais liderada por Xan Xove, que agora está “centrado” na súa vida profesional, o que non impide que estea “ao servizo de Marea en cada momento”.
“Non teño ningún interese en destacar nin en ir en ningún posto de relevancia. No que teño interese é en apoiar á xente á que aprecio, como a Xan, e a todos os que conforman esta candidatura. Entrei en 2014 como soldado de infantaría, logo tocoume o que me tocou –en referencia á súa etapa como alcalde–, e agora volvo ser soldado de infantaría para o que se me necesite”, asegurou.