InicioA CORUÑAO pleno da Coruña aproba de forma definitiva o orzamento de 2024

O pleno da Coruña aproba de forma definitiva o orzamento de 2024

Publicada o

Por europapress

O pleno da Coruña aprobou, de forma definitiva, o orzamento para 2024, que ascende a 375 millóns e que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro. Un documento necesario para desenvolver a vida municipal despois que o ano pasado se prorrogasen as contas de 2022, o que foi recoñecido como un erro por parte do goberno.

Foi co respaldo de PSOE e BNG, tras o acordo e as negociacións para estas contas e con críticas desde as filas do PP. “Non son uns orzamentos que estean á altura da cidade”, asegurou o portavoz do grupo municipal popular, Miguel Lorenzo, que presentara unha serie de enmendas a semana pasada ao documento.

Antes, desde as filas socialistas, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage Tuñas, asegurou, no punto relativo á aprobación das ordenanzas fiscais e destas contas, que son o “maior orzamento da historia” e destacou que está “pensado para as persoas” e co obxectivo de ser “un escudo social”.

BNG e a Sinfónica

Á súa vez, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, destacou o incremento nun 20 por cento respecto dos últimos orzamentos e tamén o feito de que estean pensados “nos barrios e na dinamización económica”. A máis relevante das melloras, para o BNG “é o incremento da dotación ao Consorcio para a Promoción da Música en 250.000 euros a respecto das previsións iniciais”. O voceiro do BNG non perdeu a oportunidade de lembrar que “a atención ás necesidades da Orquestra Sinfónica tamén incumbe á Xunta de Galiza”, de aí que o portavoz nacionalista instou a Xunta “a saldar a débeda contraída co Consorcio”.

A Conta Xeral de 2022 amosa carencias

O pleno serviu para aprobar tamén a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2022.

A Conta contou co apoio do BNG, que aínda así deslizou críticas á xestión do Goberno Local, censuras que tamén aparecen no Informe da Tesourería Xeral e que teñen a ver con que “o Concello continúa a carecer dun Inventario de Bens”, circunstancia que provoca que “o Balance de Situación non reflicte a imaxe fiel da entidade no seu aspecto patrimonial”.

Alén diso, segundo o BNG “o informe dá conta dun dato preocupante, o de que, por vez primeira desde 2017, se produce unha situación de desequilibrio patrimonial e financeiro, sendo que os recursos permanentes non financian a totalidade da actividade ordinaria, polo que o fondo de manobra real é negativo en máis de 12 millóns de euros”. Un feito que marcaría “unha evolución negativa desde 2020”.

“Preocupante” é tamén para o BNG que “o remanente de tesouraría para gastos xerais sexa o menor dos últimos anos, do mesmo xeito que o aforro neto e, coa única excepción de 2019, os indicadores de liquidez inmediata e de solvencia”.

Outras cousas

Na sesión plenaria, deuse tamén luz verde unha addenda ao convenio interadministrativo polas obras na estación intermodal, que suporá unha ampliación do aparcadoiro subterráneo, que pasa de 350 a 575 prazas.

Ademais, hoxe ratificouse de forma definitiva a constitución da sociedade xestora da Cidade do TIC, unha entidade 100% pública participada polo Concello e a UDC a un 51 e 49%, respectivamente.

Máis novas plenarias

Critican o baixo nivel de execución dos Orzamentos municipais

As obras dos barrios nas que o Concello investirá 93 millóns de euros

As alegacións do PP ás ordenanzas e os orzamentos municipais para cancelar todas as subidas de impostos

ÚLTIMAS

A Comisión da Memoria Histórica pide á Xunta contundencia aos Franco pola apertura da Casa Cornide

AA Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) denunciaron a "permisividade e pasividade"...

O Concello sacará a concurso o contrato para o novo Plan de Equipamentos Deportivos

No marco da folga de conserxes, pero sen facer referencia algunha, o Concello da...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...