InicioOPINIÓNVerán azul

Verán azul

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Antonte estaba ordenando (revolvendo) os meus libros e pertenzas cando de repente xurdiu entre outros recordos o álbum da miña (nosa) lúa de mel en Grecia. Non temos álbum da voda porque o fotógrafo extraoficial (un familiar) entregouse ao viño e aos puros habanos e deixou de documentar o evento á media hora de comezar. Non o culpo, o pasamos todos moi ben, pero quedamos sen álbum, que se lle vai facer.

Eu xa sabía que abrir o álbum era perigoso, que ía desatar a nostalxia máis descarnada, pero aínda así o fixen. E aí apareceron esa praias brancas, negras, vermellas tamén, asombrosamente baleiras algunhas delas, as capeliñas encaladas de cúpula azul, os volcáns, as ruinas, a arte grandiosa e pasmosa, os deuses, as ánforas, a beleza.

Unha neurona contactou con outra e remexín na estantería e atopei os libros que levei para a viaxe, agasallo dunha amiga días antes da voda e para sempre vencellados, e que lin no avión e nos barcos que nos levaban de illa en illa, porque as praias eran demasiado fermosas para abrilos nelas. Eran “Ubik” de Philip K. Dick e “Noticia bomba” de Evelyn Waugh. Aproveito para recomendarvos ámbolos dous.

E o máis doloroso, apareceron tamén os dous recén casados, cun sorriso triunfal, novos e bronceados e despreocupados e felices ante a perspectiva dun verano longo e xenuíno. Tan resplandecentes estabamos que unhas turistas inglesas sacáronnos unhas fotos porque lles parecíamos very cute.

O último día da viaxe acabei chorando no jacuzzi dun hotel de Santorini, porque non quería voltar, era inxusto, a vida era iso e non o outro, os restantes trescentos cincuenta (350!) días do ano, o traballo, os madrugóns de luns a venres. Si, montei unha perrencha en público, pero non puiden controlalo. Achegouse un empregado do hotel por si queriamos unha foto de namorados no jacuzzi, creo que dixen no sorry I’m crying because I don´t want to leave (non minto).

Cheguei a casa embarazada do noso primoxénito, era difícil chegar doutro xeito con tanta beleza e relax e amor, e aí comezou outra historia.

Tódolos veráns deberían ser ese verán, a vida enteira debería ser ese verán. Ou os veráns da infancia, tres meses infinitos de xogos, lecer, aburrimento gozoso, amor, amigos, azul e branco. De xuño a agosto (setembro se me apurades) debería estar prohibido, debería castigarse incluso, ir a traballar, erguerse cedo, facer informes, fichar e facer calquera esforzo diferente de levantarse da area para mergullarse no mar.

E para demostrar o cruel que é a vida real se a comparamos coa vida vacacional, estou a escribir este articuliño despois da xornada laboral e nunha pausa da redacción dun traballo de fin de máster (corenta páxinas mínimo, vou na oito, entrégase a finais de mes) sobre evaluación da xestión penitenciaria, e choro, e as bágoas dilúen a tinta das miñas verbas.

É broma, estou escribindo no portátil, o que pode suceder é que se enferruxe o teclado.

Veran azul de Bea Afonso

Ás probas me remito, señor xuíz.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

A coruñesa Bea Lema, Premio Nacional de Cómic 2024

A coruñesa Bea Lema vén de recibir a nova de que é a gañadora...

Tres homes detidos poal Policía Local esta fin de semana por sendos casos de violencia machista

Fin de semana terrible na cidade, con tres intervencións da Policía Local por sendos...

A Valedora do Pobo descrube o desleixo das administracións na protección dos Murais de Lugrís

A Valedora do Pobo vén de entregar ó Presidente do Parlamento de Galicia o...

A Escola da Bici comeza o novo curso

O auxe da presenza do carril bici na cidade (no 2019 había 23 quilómetros...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here