InicioCULTURA“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

O último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán (só superado por un punto por Ferrol) e un 25% emprega máis o castelán que o galego.

Uso do galego nos Grandes Concellos de Galicia

Queremos ver cales son as causas, a realidade de diferentes sectores, e os camiños que podemos tomar para reaccionar, para o que intentaremos falar con xentes de diferentes sectores. Xa temos falado da situación do terceiro sector con Ana Suárez, do mundo da empresa TIC con Dani Cerqueiro e do eido cultural e educativo con Xurxo Souto.

Hoxe facémolo con Oliva García, nai dun neno de 5 anos e unha moza de 15 anos, galegofalante e moi preocupada pola transmisión da lingua propia.

  1. Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que aconteceu nos últimos 10 anos en Galicia e que sitúa o castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

Desgraciadamente paréceme tristísimo pero si que se estaba notando que iamos cada vez a peor. Non hai máis que escoitar a rúa.

  1. Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Non hai compromiso real nas institucións nin tampouco na sociedade. E non hai abondo orgullo como para que falar galego sexa un plus. A xente non se dá conta de que todo suma e de que cantas máis linguas se falen máis cultura teremos.

Seica dende a Xunta dicían que “practicamente o 100% da poboación é capaz de desenvolverse en galego na súa vida”, pero iso non é certo. Na nosa cidade estamos moi lonxe deses datos.

  1. A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Eu falo sempre en galego. Hai que esforzarse en difundilo a todas horas e en todos os sitios e ás veces consigo que me contesten en galego. Hai xente á que xa lle sae espontaneamente ao falalo eu e outra que fai un esforzo. Outra nin o intenta, claro.

  1. Como valoras a presenza do galego no teu barrio? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

No día a día pouca xente atopo que fale galego, a maioría xente maior, e cantos menos anos teñen, menos galego.

  1. Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti a situación lingüística da cidade?

Vexo constantemente que se estamos nun grupo de xente que falamos habitualmente galego e chega alguén falando castelán, son os galegofalantes os que cambian, o castelán arrastra. Hai moita xente que non o fai conscientemente, pero faino. Igual que o de entrar nunha tenda ou no centro médico etc. Hai moitas persoas galegofalantes que cambian ao castelán, algunhas por prexuízos ou polo que viviron noutras épocas (a xente maior), pero outras porque non queren pelexar (deseguida se fala da “imposición”). E a xente moza porque “pasa”.  Pero tamén hai moito galegofalante encuberto. Tenme pasado de entrar nun grupo no que se está falando en castelán e que ao falar eu galego, alguén máis o fai e os demais sorpréndense de que esa persoa fale galego, porque nunca o fixera. E como nai a situación que vexo todos os días é que aínda que a familia estea falando galego as crianzas contestan en castelán.

  1. Que melloras se poden tomar a nivel persoal e a nivel administrativo?

O que se pode facer a nivel persoal ben o sabemos todos, falalo, falalo e falalo sempre para axudar a que medre e que haxa orgullo niso e defendelo e transmitilo. Todas as persoas galegofalantes deberamos ser conscientes de que tamén depende de nós que as seguintes xeracións o sigan falando e que son as nosas raíces e un legado que lles debemos deixar.
Na Administración falta querer!! E ser coherente coa obriga que hai de empregalo e fomentalo. Están incumprindo as leis, por outro lado.

  1. Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica algunha responsabilidade?

Iso véxoo constantemente, pais concienciados da importancia de que os fillos falen galego, fálanlles en galego e os fillos contéstanlles en castelán.

Claro que a Administración ten a responsabilidade, tena toda!! Está claro que se está facendo mal. Non hai máis que poñerse na porta dun centro escolar e escoitar. Mal que nos pese, tamén o propio profesorado, en moitos casos, está contribuíndo a estes datos. Como a comprensión entre as dúas linguas oficiais é alta, ninguén se esforza no uso da propia. Como pode ser que as crianzas estuden anos e non o falen? Estúdano naquela hora e nada máis, e mesmo ao dar a volta para calquera comentario xa sae o castelán. Coma unha lingua estranxeira. Ás veces escóitannos palabras e preguntan se é inglés. En teoría deberan acabar os seus estudos co mesmo nivel de competencia nos dous idiomas cooficiais, e iso debería ser unha prioridade para o ensino e para as familias tamén, e non o é e non se acada ese nivel nin moito menos.

  1. O estudo sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

Penso que o hai que facer dende a Administración é máis campañas de autoprestixio e de concienciación para a sociedade en xeral e o ensino en particular. Volvemos ao suposto mesmo nivel de competencia entre as dúas linguas. Ese sería o obxectivo que habería que acadar.
E nos medios de comunicación habería que darlle máis proxección a quen xa está facendo ese traballo de comunicar en galego. E na televisión, crear máis contidos atractivos e publicitalos suficientemente para reverter algo a situación. Moitas veces fanse cousas pero non chegan, penso agora nos contidos para as crianzas e as adolescentes, que o vexo na miña casa.

De todos os xeitos, dende o fenómeno das Tanxugueiras está habendo un sentimento de orgullo da música en galego na xente nova que se tiña que aproveitar máis. E, ollo!, nas redes sociais hai bastante mocidade facendo vídeos en galego e defendendo a lingua. Hai que valorar moito o neofalantismo, tamén. Temos que apoiarnos no positivo, en valorar a riqueza do propio e en transmitilo así. E esixirlle á Administración, por suposto, máis implicación real.

 

Máis entrevistas na serie lingüística

Ana Suárez: “Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria”

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?

ÚLTIMAS

Falece un menor que caeu pola xanela da súa vivenda na Coruña

Un menor que caeu pola xanela da súa vivenda na Coruña na madrugada do martes faleceu,...

O hospital universitario da Coruña, o mellores centro galego no índice do Instituto Coordenadas

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña mantense como o principal centro de Galicia, segundo o...

Captar fondos e investigadores internacionais, obxectivos da UDC entre 2025-2027

A Universidade da Coruña (UDC) presentou a súa nova Estratexia de Internacionalización para ou...

As obras para a renovación dos Cantóns comezarán no primeiro trimestre de 2025

As obras para a renovación dos Cantóns, na Coruña, comezarán no primeiro trimestre do próximo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here