Volve o sociólogo, investigador e vítima do franquismo Manuel Monge González, a rexistrar unha nova petición para o cimplemtno da Lei 20/2022 de 19 de outubro de Memoria Democrática. Como fixo no pleno deste mes conseguindo o compromiso municipal para a eliminación de 378 símbolos franquistas da cidade, Monge rexistrou desta volta na Subdelegación do Goberno da Coruña un escrito para Yolanda Díaz, ministra de Traballo e Economía Social, que inclúe unha ampla documentación nos anexos, que xustifica a retirada das Medallas ao mérito no traballo a tres figuras como Pedro Barrié de la Maza, José María González Llanos y Caruncho e José Fariña Ferreño.
“A historia non pode construírse desde o esquecemento e o silenciamento dos vencidos. O coñecemento do noso pasado recente contribúe a asentar a nosa convivencia sobre bases máis firmes, protexéndonos de repetir erros do pasado. A consolidación do noso ordenamento constitucional permítenos hoxe afrontar a verdade e a xustiza sobre o noso pasado. O esquecemento non é opción para unha democracia”, entende Monge, que lembra que o artigo 10.1.b do Real Decreto 153/2022, de 22 de febreiro, de Regulamento da Medalla e a Placa ao Mérito no Traballo xustifica a retirada destas medallas: “Poderá ser revogada cando quede acreditado que a persoa beneficiaria, antes ou despois da concesión, con motivo de formar parte do aparello de represión da ditadura franquista, realizase actos ou observado condutas manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos”.
Monge descríbenos os persoeiros para entender as peticións.
Medalla de Ouro ao mérito no traballo a Pedro Barrié de la Maza
Amigo persoal do ditador Franco, que distinguiu a Barrié co título de Conde de Fenosa e procurador das Cortes franquistas de 1946 a 1955; Barrié apoiou a sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 e subvencionou o exército de Franco, exerceu a represión contra os traballadores do Banco Pastor, seguindo as instrucións de depuración do Goberno de Franco, e tivo unha actuación fundamental no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio da familia do ditador Franco.
Barrié perde o título nobiliario de Conde de Fenosa, en aplicación da Lei de Memoria Democrática, pero aínda conserva distincións en numerosos concellos de Galicia, entre outras: rúas en Ferrol e Fillo Adoptivo (16-6-1967); Medalla de Ouro da provincia, concedida a título póstumo pola Deputación da Coruña (17-5-1971). Fillo Adoptivo de O Barcos de Valdeorras (12-8-1947).
Na Coruña dá nome a unha avenida e ao dique de abrigo, ten a Medalla de Ouro (5-4-1963), r un retrato no palacio municipal de María Pita.
Medalla de Prata no traballo a José María González Llanos y Caruncho
Súmase á sublevación militar de 1936 embarcando como Capitán de Corveta no cruceiro Canarias o 7 de agosto de 1936 e participando na batalla de Cabo Espartel no afundimento do destrutor Almirante Ferrándiz da República. Contralmirante honorario na ditadura (1958). Medalla de la Campaña, condecoración concedida entre 1938 e 1939 para distinguir intervencións en operacións bélicas ou servizos (tiña tamén esta distinción Gabriel Pita de Veiga, almirante e ministro de Mariña na ditadura); Medalla de Prata de Ferrol (17-4-1943), que recibirían tamén os ministros da ditadura José Ibáñez Martín e Alfonso Peña Boeuf; Fillo Predilecto de Ferrol (3-6-1968) e Fillo Adoptivo de Fene (28-10-1968).
Medalla ao Mérito no Traballo na súa categoría de ouro a José Fariña Ferreño
Estreito colaborador de José Calvo Sotelo, enlace desde Portugal cos militares golpistas de Andalucía. Fariña Ferreño era unha persoa de confianza do ditador Franco e unha peza importante na represión fascista. Está ao fronte da Delegación de Información de Residentes en Madrid (DIDREM), que recolle información sobre as persoas que se encontraban en Madrid, e con posterioridade no resto do territorio sometido polas tropas franquistas, e cuxos datos foron empregado con fins represores durante a guerra e, particularmente, cando finaliza esta. Ten a Medalla de Prata da Coruña (6-6-1950), Medalla de Ouro (25-9-1962), ten tamén unha rúa no barrio do Castrillón; Fillo Predilecto da provincia da Coruña (27-6-1953); Medalla de Ouro de Santiago (23-12-1965); rúa en Vilagarcía.
Máis novas
Presentan un informe para solicitar a eliminación de 373 símbolos franquistas na cidade da Coruña