Esta é a noticia do día: Dominique Pelicot, de 72 anos, é declarado culpable de violación agravada, mediante a administración dunha substancia química á súa esposa Gisèle Pelicot, e culpable de violación agravada á muller de Marechal, Cilia M. Recibe a pena máxima de 20 anos de prisión.
Jean-Pierre Marechal, que non participou nas agresións a Gisèle Pelicot, foi condenado a 12 anos de prisión por drogar e violar a súa propia esposa.
Os 50 acusados tamén foron condenados con penas de entre 3 e 15 anos, en moitos casos menores das recomendadas pola fiscalía. A pena máis alta a recibe un home que supostamente abusou sexualmente de Giséle, que non empregou método anticonceptivo de barreira e sabía que era VIH positivo.
O caso Pelicot é un dos xuízos máis mediáticos e conmocionantes da última década en Francia cun gran impacto social a nivel internacional.
A definición legal de violación en Francia inclúe os conceptos de coacción, violencia, ameaza e sorpresa, pero non menciona expresamente o consentimento, como si o recolle a lexislación española na lei sobre garantía integral da liberdade sexual.
Estamos ante un caso que opera como a punta do iceberg en materia de violencia sexual debido á gravidade e natureza dos feitos, un caso de violencia sexual por submisión química que, como o seu nome indica, supón someter a una muller a repetidas violacións baixo os efectos de medicamentos ansiolíticos, por tanto son relación sexuais sen vontade e non consentidas.
Este caso pon sobre a mesa o debate sobre a tolerancia ante as violacións na sociedade na que vivimos. Este caso serve para analizar a impunidade coa que actuaron os agresores, a falta de reacción de quen presencia os feitos e por tanto a complicidade de todos os que participan ao longo de mais de dez anos.
É unha realidade que estamos ante una sociedade que precisa cambios profundos e transformadores, pero tamén ante una sociedade máis informada e concienciada, polo que é importante falar deste caso e de moitos outros casos de mulleres que viven situacións de violencia sexual en sus múltiples manifestacións.
Gustaríame reflexionar por un instante sobre a submisión química e incidir que segundo nos indican os estudios, a maioría de casos danse por persoas próximas a vítima, amigos, compañeiros, parellas, exparellas, habitualmente non son persoas descoñecidas coas que te atopas casualmente e tamén desmitificar que a submisión non se induce principalmente con medicamentos senón que a principal sustancia é o alcohol e a segunda as drogas ilegais.
Saber isto é importante, porque contextualiza moito máis que a submisión química opera en moitas ocasións na contorna próxima dos agresores, contorna que coñece as intencións e son cómplices do delito, situacións moi normalizada nos contextos de festa e ocio nocturno, pero tamén no seo de parellas ou relacións afectivo-sexuais. Isto indica que normalizamos, banalizamos e consentimos a violencia sexual incluso a de baixa intensidade, a sutil, a que parece que non é suficientemente importante como para denunciala.
Este caso, pon no centro do debate a necesidade de “cambiar a vergoña de bando”, e que casos coma este promovan o cambio. Non procuramos heroínas, senón mulleres empoderadas que cando se sintan preparadas denuncien, acudan a un punto violeta, un centro de información ás mulleres, a un centro de saúde ou á policía e poñan en coñecemento o sucedido porque son os agresores os que deben ter vergoña dos abusos cometidos e a tolerancia da sociedade debe ser cero.
O caso provocou unha mobilización social significativa, que esixe cambios legais e sociais que protexan mellor ás vítimas de violencia de xénero, porque o sistema funciona pero é mellorable e require de recursos persoais e técnicos porque estamos ante una problemática social de amplo calado no noso imaxinario colectivo e porque as vítimas da violencia de xénero teñen dereito a una recuperación integral das súas vidas.
Ante todas as formas de violencia de xénero, precisase un cambio de narrativa, unha sociedade activa fronte a violencia de xénero, unha xustiza que recoñeza e restaure a dignidade das vítimas e unhas institucións que traballen de forma coordinada e integral, en definitiva unha unión comunitaria e institucional como estratexia multinivel e multisectorial.
- Eva Ovenza Pereira. Psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero.