InicioA CORUÑAAsí é o aprobado Máster Plan Coruña Marítima

Así é o aprobado Máster Plan Coruña Marítima

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Non houbo noviddes na importante reunión desta mañá de venres e a Comisión Coruña Marítima aprobou as Bases estratéxicas do “Máster Plan” para a trascendental transformación da fachada marítima da cidade.

A reunión tivo lugar na sede da Autoridade Portuaria, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e coa asistencia de representantes das seis administracións que participan no proxecto: o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o organismo público Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña, ademais dos/as representantes dos grupos políticos municipais: Partido Popular, PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, que amosou as súas dúbidas sobre o proxecto e se abstivo nas votacións.

Para o grupo de goberno aprobouse un documento “aberto e flexible”, con “predominio dos espazos públicos, as zonas verdes e o contacto coa auga, que resolva os déficits en equipamentos e mobilidade, con carácter coruñés, focalizado na sustentabilidade e con participación directa da cidadanía”.

Un documento que chega tras dous meses de comparecencias de entidades sociais e económicas, pero que segundo colectivos veciñais non recolle demandas tan fundamentais como a garantía da titularidade pública dos terreos de San Diego ou a real participación da cidadanía no desenvolvemento dun proxecto que se desenvolverá nas próximas décadas convertindo o porto exterior da cidade nunha zona de uso común.

Ben é certo que o documento aprobado si contempla a posta en marcha do Foro Coruña Marítima, unha serie de obradoiros que contarán coa participación de especialistas locais e estarán abertos a asociacións, colexios profesionais, administracións, fundacións, partidos políticos, axentes sociais e colectivos cidadáns, ademais das empresas e os/as traballadores/as portuarios/as.
Ademais, nos próximos días habilitarase unha páxina web propia de Coruña Marítima, na que estarán dispoñibles os documentos do proxecto e que terá unha caixa de correos de suxestións aberta a toda a cidadanía.

Vivenda

Un dos puntos máis polémicos é a venda de terreos para a construción de novas vivendas, nun momento no que a cidade xa promocións en marcha por un total de 18.000 novas vivendas).

O Plan recolle a construción de vivendas (tense falado de ata 5.700) para a condonación da débeda co Concello co Porto, pero polo agora non trascende como será o procedemento, e a rexedora sinalou que “non estamos aínda nese momento”, indicando que “a intensidade do uso residencial, a porcentaxe de vivendas públicas e as características concretas dos edificios serán definidos no futuro, máis aló das disposicións iniciais que trace o Máster Plan”.

Zonas verdes, novos accesos e

As bases estratéxicas propoñen que a maior parte do ámbito sexa dedicada a usos cidadáns e públicos, con zonas verdes e equipamentos públicos. A reforma permitirá a “mellora da mobilidade na Coruña e na súa conexión coa área metropolitana, reorganizando os accesos ao centro urbano cun modelo sostible que favoreza a mobilidade sostible, ciclista e peonil”. Sempre iso si, favorecendo o achegamento ao mar

No que respecta ao aspecto ferroviario, indícase que, dado o traslado xa acordado da estación de mercadorías de San Diego, debe manterse a conectividade ferroviaria nas dársenas do porto interior que continúen con actividades portuarias, tendo en conta da importancia de favorecer a intermodalidade dos tráficos. Así mesmo, recóllese o uso da rede portuaria actual para o tráfico de pasaxeiros, e cítase a necesidade de habilitar unha nova estación de mercadorías na contorna da Coruña, para o que o Ministerio de Transportes xa iniciou o estudo informativo.

Máis cruceiros

No ámbito portuario, o Plan recolle que van seguir “fomentando a náutica, os cruceiros e as mercadorías que permanezan no porto interior”.

Pola súa parte, o Plan recoñece a importancia do Muro, a Lonxa da Coruña, líder a nivel nacional en volume de descargas de peixe fresco e marisco, pero non deixa clara cal será a súa ubicación, sinalando que que “calquera reordenación que se propoña debe supor unha mellora dos equipamentos, as infraestruturas e a capacidade operativa de toda a cadea de valor da venda, transformación e distribución dos produtos pesqueiros, contando coas opinións e achegas dos profesionais do sector”.

Concurso internacional

Outro dos puntos polémicos é a realización do Concurso “pechado”, como denuncian colectivos como Defensa do Común. A Comisión indica que despois da celebración dos obradoiros do Foro, convocarán en abril o concurso internacional para a adxudicación do Máster Plan. Ao concurso poderanse presentar todos os equipos e empresas que o desexen, tendo en conta que, polo alcance da intervención, deberán ter un carácter multidisciplinar, ao requirir a participación de profesionais da enxeñería, arquitectura, urbanismo, medio ambiente e outros campos afíns.
A Comisión Coruña Marítima seleccionará nun primeiro momento un máximo de cinco licitantes e, tras un proceso de análise e contraste de cada proposta, adxudicaralle a redacción do Máster Plan ao equipo mellor valorado. Prevese que este documento estea finalizado en 2027.

Máis novas

O BNG abstense na votación das bases estratéxitcas Coruña Marítima ante as “contradicións” sobre titularidade pública dos terreos

O futuro da fachada marítima da Coruña en xogo

Alertan que o documento-base da reforma portuaria prevé privatizar o solo de San Diego e non só para uso residencial

Garante o protocolo da Fachada Marítima a titularidade pública do terreos portuarios de San Diego?

As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas

 

ÚLTIMAS

Renfe suspende o servizo de trens A Coruña-Ferrol pola borrasca ‘Herminia’

A borrasca 'Herminia' segue provocando alteracións en Galicia, nesta ocasión no transporte ferroviario. Renfe anunciou a suspensión...

Xosé Abad deixa a dirección da Rede Acampa pola Paz tras 9 anos de máxima dedicación

Despois de 9 anos á fronte dun extenso equipo de profesionais voluntarios, o fotodocumentalista...

Un home enfróntase a cinco anos de prisión por violencia de xénero na Coruña

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará este xoves, 30 de xaneiro, o xuízo contra un home...

Xulgan a unha xestora de Culleredo por apropiación indebida de 9.200 euros

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará este martes, 28 de xaneiro, un xuízo contra a administradora...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here