Foron moitas as persoas que se agolparon dende ben cedo ás portas do Peirao da Batería da Coruña dende primeira hora da mañá do domingo para coller o mellor sitio para ver ao seu ídolo. O portorriqueño Marc Anthony trascende xeracións cunha música que sae do corazón, de aí a clave do seu incomparable éxito. Algo máis dunha hora dende a previsión de comezo do concerto tiveron que agardar os seus fans, que resistiron de pé para ver á lenda da salsa aparecer sobre o escenario coa súa pose sobria, lentes escuras e un sorriso contido que espertou os berros dun público entregado. Acompañado da súa banda habitual –unha maquinaria musical perfectamente engrasada– o artista non tardou nin un minuto en meterse no peto á cidade herculina. Galicia recibía por fin, despois de varios anos e por todo o alto, a un dos maiores embaixadores da música latina mundial.
Despois dunha introdución audiovisual que fixo un repaso por toda a súa traxectoria, varios dos seus temas máis famosos e imaxes dos seus fans durante os concertos, a actuación de Marc Anthony comezou co ritmo frenético de ‘Pa’allá voy’, o tema que dá nome ao seu último disco, marcando xa o ton do que sería a noite: festa, conexión e unha enerxía que foi en crecemento constante durante as case dúas horas que durou o concerto. Dende entón, un desfile de éxitos imparables puxo a bailar a todo o porto: ‘Valió la pena’, ‘Y hubo alguien’, ‘Flor Pálida’, ‘Que precio tiene el cielo’, ‘Te conozco bien’, ‘Mala’, ‘Parecen Viernes’, ‘Tu amor me hace bien’… Unha secuencia de temas clásicos e modernos que fixeron do directo un auténtico festín para fans veteranos e novos públicos.
BÁGOAS NOS OLLOS DO PÚBLICO COA INTERPRETACIÓN DE ‘Y CÓMO ES ÉL’
“Esto sigueee!”, repetía emocionado o artista, mentres ía deixando atrás a súa habitual posta en escena para deixarse levar pola calor do público. Ás veces ría, ás veces só miraba ao horizonte e asentía, coma se intentase lembrar cada instante desta máxica noite. A escenografía, cunha pantalla xigante de fondo e unha iluminación vibrante que alternaba tons vermellos, azuis e dourados, convertía o peirao nun escenario de grandes dimensións, sen renunciar ao encanto urbano e atlántico da cidade herculina. O Peirao da Batería, que nos últimos anos se ten reivindicado como espazo cultural alternativo, viviu este domingo a súa gran noite de consagración.
Un dos intres máis intensos e emocionantes da noite chegou cando o artista interpretou ‘Y cómo es él’, a súa versión do clásico de José Luis Perales. As luces baixaron, o público acendeu móbiles e o porto enteiro quedou envolto nunha atmosfera de balada íntima, cun silencio que impresionaba para a magnitude do recinto. Xente de todas as idades repetía emocionada a letra deste icónico tema e mesmo os máis maiores tiñan bágoas nos ollos. Do mesmo xeito que os máis novos cando chegou o final do concerto e, con el, o intre de cantar ‘Vivir mi vida’, unha canción que é xa de por si unha explosión de ritmo, canto máis en directo. O tema converteuse nun himno colectivo, coreado por milleiros de persoas coa emoción a flor pel.
A CORUÑA FOI TESTEMUÑA DUN CONCERTO DE EMOCIÓNS COMPARTIDA
O público, entusiasta e diverso, non parou de bailar nin cando o vento mariño comezou a deixar notar a súa presenza entrada a noite. Había quen acudira en familia, quen viaxara dende outras partes de Galicia e mesmo dende comunidades veciñas e Portugal; quen estreaba concerto con Marc Anthony e quen o levaba seguindo dende os 90 e mesmo antes. Algúns levaban bandeiras de Porto Rico, outros camisetas personalizadas co nome do artista. Todos compartían unha mesma certeza: estaban vivindo algo único. E é que Marc Anthony non só cantou: comunicou. A súa voz, rota e poderosa, ten esa capacidade de transmitir emoción crúa sen artificios.
Dentro do ciclo de concertos do Xacobeo, que buscar atraer grandes nomes da escena internacional a espazos singulares de Galicia, o de Marc Anthony foi o prato forte deste verán. O show desta lenda da salsa, cunha banda entregada ata o último timbalazo, fixo da deste domingo unha noite que quedará gravada na memoria colectiva da cidade. Ao rematar, Marc Anthony saudou un por un aos músicos, tirou bicos ao aire e desapareceu entre os aplausos como chegou: elegante e eterno. A Coruña despediuse cun sorriso canso de tanto mover os pés e feliz, co corpo quente malia o aire da ría. Pola rúa Real, pola praza de María Pita, polas terrazas do Orzán, o eco das súas cancións seguía resoando horas despois. A cidade, coma o público, sabía que fora testemuña dun deses concertos que pasan á historia non só pola música, senón pola emoción compartida.
Ver esta publicación en Instagram