Continúa avanzando o Plan de Barrios 25-27 e o seu programa de encontros veciñais. Esta semana o equipo de goberno visitou o Centro Cívico de San Diego e o de Monte Alto, nunha cita para presentar as principais obras que o Plan ten inserido en cada un dos dous barrios, e para escoitar as demandas da veciñanza.
Na cita de Monte Alto á que acodimos, Inés Rey comezou debullando as principais obras do Plan que estarán rematadas antes de que remate o 2027, como unha zona canina (50.000€), a reforma da fachada da Domus (1 millón), a reforma do cemiterio de San Amaro (400.000€), a Pista multideporte (250.000€), a reforma da Rúa Vereda de Polvorín (1 millón de euros) ou o necesario Parque Vixia (prometido dende 2020, que se atopa no estudio xeotécnico, e que como moito será unha realidade a finais de 2026). Apuntou tamén algunhas das pequenas melloras de accesibilidade en rías como a Albert Camus, Santo Tomás, Serea ou a estrada de circunvalación, e lembrou que na confluencia de Curros Enríquez coa rúa da Torre, ao carón da Biblioteca do Campo de Marte, aínda está pendente engadir un paso de peóns elevado.
Nun ton amable e conciliador, e cun pouso xa de moitas xuntanzas (a de anécdotas que debe ter o grupo de goberno despois de toda esta serie de encontros, unha vez que hai moitas persoas que acoden coas súas miserias excesivamente persoais), a rexedora foi respondendo, apoiada pola concelleira de infraestruruas Noemí Díaz e o edil de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, foron respondendo unha a unha as demandas veciñais, entre as que se atopan as seguintes circunstancias:
A primeira veciña fixo fincapé na suciedade na que se atopa o barrio, lamentando as “alfombras de cabichas” que hai preto dos bares, ou “as cacas” dos cantos. “Póñense moitas multas”, asegurou a rexedora, que destacou as campañas de concienciación.
Outra das demandas foi o estado das beirarrúas de moitas das estreitas rúas do barrio, como a rúa Washington ou Independencia. Aí explicaron Díaz e Rey que moitas beirarrúas do barrio non cumplen a normativa, e se se renovan hai que anchealas perdendo así moitas prazas de aparcamento.
Pediron tamén algo de control de tráfico e unha mellora na iluminación na costa da entrada ao CEIP Torre de Hércules, ao que a rexedora respondeu coa necesidade de favorecer un “urbanismo feminista”, no que a “boa iluminación permita que as mulleres poidamos andar de noite igual de tranquilos que os homes”.
Prazos
Foi un neno do barrio, Telmo, o que lle preguntou á rexedora cando vai estar rematada a anunciada pista multideporte. Un proxecto conseguido polas ANPAS do barrio no programa de orzamentos participativos de 2023, e que foi prometida xa hai ano e medio aos representantes familiares, pero para a aínda non hai data nin de licitación. Esperan, iso si, rematalo antes de que remate o 2027…
Díaz explicou que as escaleiras mecánicas que unen Adelaida Muros e Ángel Rebollo xa só están á espera de que Iberdrola conecte a electricidade, e que o Mercado de Monte Alto mantén o prazo de apertura para antes de que finalice este 2025.
Iso si, Lage Tuñas deixou caer que é posible que a Escoliña tarde en trasladarse ata final de curso, se ben a intención é que a infraestrutura estea dispoñible dende comezos de ano.
O Cárcere vello, as cocheiras dos tranvías e o Plan da Torre
Volveu saír o cárcere vello a colación, máis alá da petición dunha señora de que haia algún banco máis á sombra nese parque. Rey lembrou que o Concello gañou o último recurso no procedemento legal para evitar pagar 1,12 millóns de euros para que pase a ser de titularidade municipal. Sinalou que o Concello aínda está pendente do posible de recurso da avogacía do estado, pero que “antes ou despois pasará ao patromonio público”. A partir de aí “haberá que facer unha intervención e tirar todo por dentro”, e pensar “o continente pero tamén o contenido”.
En todo caso, deixou a porta aberta a unha posible concesión ou privatización do espazo, sinalando que é necesaria unha “inversión de 30 millóns de euros, que un concello non pode asumir”.
Deixaron claro que “o frontón non se vai de onde está”, que hai un proxecto para convertir as cocheiras dos tranvías nunha zona de aparcamento, e a que a esfolada zona de talleres que hai entre a cidade deportiva e Durmideiras entra dentro do Plan de Protección da Torre, que está en fase de redacción.
Nesta mesma zona, os usuarios das Hortas Urbanas pediron un peche perimetral máis forte polos frecuentes e infames roubos dos tomates e outros produtos que se dan. Díaz asegurou que hai un plan en marcha para duplicar o espazo e mellorar o peche.
Seguridade e drogas
Saltou tamén a falsa alarma, utilizada politicamente en moitos momentos desta lexislatura, de que a seguridade e o tráfico de drogas están ameazando a tranquilidade do barrio igual que pasou nos anos 80, ao que moitos veciños responderon con risas de incredulidade.
”Ogallá o problema se solventase só con policía”, respondeu a alcaldesa. “No tratamento do tráfico e consumo de drogas ten que actuar moitas máis cousas, para evitar que as persoas que consuman teñen que roubar para consumir. É certo que estamos vivindo un repunte de drogas que pensabamos que non iamos volvín ver, pero non estamos nos anos 80”, deixou claro, lembrando que A Coruña está no posto 14 por abaixo entre as 52 capitais de provincia en materia de seguridade.
Calendario de encontros coa alcaldesa
Despois das paradas nos Mallos, Castrillón, San Diego e Monte Alto, as seguintes son:
- Mércores 1 outubro – 19.00 h | Centro Cívico San Diego
- Xoves 2 outubro – 19.00 h | Centro Cívico Monte Alto
- Mércores 8 outubro – 19.00 h | Centro Cívico O Birloque
- Martes 14 outubro – 19.30 h | Centro Cívico Mesoiro
- Martes 21 outubro – 19.00 h | Centro Cívico Os Rosales
- Martes 28 outubro – 19.00 h | Cidade Vella – Casa Veeduría
- Mércores 29 outubro – 19.00 h | Matogrande/Xuxán – Residencia DomusVi
- Martes 4 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Monelos
- Mércores 5 novembro – 19.00 h | Labañou/Riazor
- Martes 11 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Elviña
- Mércores 12 novembro – 19.00 h | Centro Ágora
- Xoves 13 novembro – 13.00 h | Centro Cívico de Pescadores
- Xoves 13 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Eirís
- Martes 25 novembro – 19.00 h | Centro Cívico Sagrada Familia
- Mércores 26 novembro – 19.30 h | Centro Cívico Palavea
- Xoves 27 novembro – 13.00 h | Centro Cívico A Silva
- Mércores 3 decembro – 19.00 h | Durmideiras (Mercado)
- Xoves 4 decembro – 20.00 h | Centro Cívico Santa Lucía
- Martes 9 decembro – 19.00 h | Visma (Espazo veciñal)
- Mércores 10 decembro – 19.00 h | Bens
- Xoves 11 decembro – 13.00 h | Centro Cívico de Feáns
- Xoves 11 decembro – 19.00 h | Nostián
Máis novas
Aseguran que o Mercado de Monte Alto estará operativo a final de ano
Monte Alto pediu máis intermodalidade e frecuencias no servizo de transporte urbano
“O fallo sobre o Cárcere Vello esixe o compromiso para a devolución gratuita”