Este venres 9 de xaneiro volve subir ao escenario da Mardi Gras un mítico da escena herculina como Félix Arias, un dos compositores, autores e mestres de guitarra máis coñecidos da cidade, que segue creando á marxe das modas. Chega presentando o seu novo disco en solidario, titulado “Perseo y los demás”.
Xa toca e compón dende a adolescencia, e aos 20 xa andaba con Xoel cantando polas rúas de Compostela cancións dos Beatles, a banda que puxo rumbo á súa vida musiqueira. Formou “Los Beatos” con colegas da Sagrada Familia, e foi membro de mandas como Guru Deva, Lovely Luna ou os míticos Los Plutones, que seguen levando os clásicos da banda de Liverpool ás crianzas, neste momento de apoxeo da música infantil.
En “Perseo y los demás” trae temas como “Jaula esqueleto”:
Falamos con el:
- Que trae de novo este “Perseo y los demás”?
Pois é o disco máis poético que fixen, o que teñen máis carga ás letras. Este verán escribín moito e lin moita poesía, e por diferencialo, iso sería o máis destacado, cunhas letras que teñen máis un formato de poesía que de letra de canción pop/folk. Leva mesmo un poema de Luis Villalta.
Tamén penso, pero xa xulgarán os oíntes, que é o que ten un son máis crú, máis acústico, máis folk, máis denso, máis orgánico… É máis folk que outro, ten máis folk que pop, e de feito, aquí non temos nada de rock coma nos anteriores. Estou moi contento, a verdade.
- Autoprodución total?
Graveino só totalmente, si. Todo feito na casa. Quería facer un disco máis cru, e renunciei a moitas outras cousas, e por exemplo vai sen batería. Gústame, a verdade, é moi caseiro, no sentido orgánico, pero, sobre todo, honesto.
Graveino ás escondidas, como digo eu, para non molestar á miña muller na casa e para manter as obrigas laborais. Entre as urxencias, fixen o importante.
- As túas obrigas laborais… sempre coa guitarra, non?
Si, claro. O meu traballo é a guitarra. Dou clase en varias escoliñas da cidade (na EI Martínez Cervigón e na de Monte Alto xa dende hai 12-13 anos), que é seguramente o traballo máis creativo que fago, e teño varios grupos de alumn@s novos e adultos. Iso é co que vivo, pago o aluguer e as facturas…
- E ademais das clases e de tocar en solitario, tes outros proxectos vivos?
Pois si. Los Plutones seguen vivos. Este último ano non xurdiu nada, pero non é que esteamos separados. É certo que fai tempo que non nos xuntamos, pero si que nos gustaría seguir tocando por aí.
Si que teño un trío dende hai 3-4 anos, que se chama Malaquita, con Quique Alvarado e Samuel Pérez, veciños do barrio, que facemos versións de canción italiana dos 60, boleros, música andina de Víctor Jara e Violeta Parra… un proxecto que está bastante vivo, que colaboramos tamén con Raque Capote e David Aburto.
- Ademais da Sagrada Familia, vexo que Monte Alto é importante para ti?
Pois eu son do barrio de Santa Lucía ou a Falperra, pero a primeira pandilla que tiven e cos que comecei a tocar a guitarra eran da Sagrada Familia, e si é unha zona moi importante para min.
Pero dende que me independicei xa me instalei nas Atochas, o que para min vale como Monte Alto. Ademais teño ese vínculo co barrio gracias ás escoliñas que me permite conectar moi ben coas familias. A verdade é que temos no barrio unha efervenscencia bastante importante… con moitos locais de ensaio (nós temos na rúa Tren), e tamén hai moitos pintores… a ver se non nos bota a xentrificación… Un asunto o do aluguer que tería solución pero que parece que non hai vontade. Eu creo debería regularse pero tamén penso que os propietarios deberían ser máis responsables.
- Que significa a Mardi para ti? e que importancia teñen as salas da cidade para ti e para os músicos daquí?
A Mardi para min é como a miña casa. Dende que se fundou, sempre tiven un vínculo con esa sala, fomos residentes Los Plutones, presentei todos os meus discos alí… Co Garufa tamén, cando era na Cidade Vella, toquei todos os mércores durante un ano, aló por 2005…
Penso que as Salas teñen moito mérito. Hai que valorar como resisten, porque deberían ter máis axudas que en realidade son historia viva da cidade.
A Mardi é unha sala necesaria no circuito de rock and roll, pero si que creo que se bota de menos unha sala intermedia, entre o Coliseu e a Mardi Gras, algo nun teatro ou algo así, que poida acoller bolos con máis aforo.
Onde ver a Félix

Pois xa só nos queda ir a velo á Mardi este venres ás 22:30h, nun concerto para o que as entradas anticipadas por 10 euros están á venda en Milici Gráfica e tamén se pode reservar en entradasmardigras@gmail.com. En taquilla serán 12 euros.
E cómpre estar atento porque xa ten perfilado data para participar nun ciclo de Cantautores no mítico “Penique” , na Costa da Unión, en febreiro. “Gustaríame xirar con este traballo, dende logo”.
Máis novas
2026 arrinca en clave de aniversario: 30 anos de CuacFM e 45 do Jazz Filloa
Océano Eskizo revive na Mardi tres xeracións de punk coruñento

