Centos de persoas manifestáronse este domingo na Coruña para esixir ás formacións políticas e institucións “frear a invasión eólica” e impulsar un “cambio radical” do modelo enerxético.
Baixo o lema ‘O pobo galego unido contra a depredación enerxética’, as persoas manifestantes concentráronse fronte á Delegación do Goberno para a continuación percorrer algunhas das rúas máis céntricas da cidade herculina con consignas como ‘Non queremos muiños diante dos fuciños’, ‘Que nos escoiten, queremos vivo o monte’ ou ‘As cidades e o rural contra o espolio do capital’.
Solicitan con esta manifestación accións “inmediatas e concretas” que se centren no coidado da Vida e “á marxe das lóxicas do mercado, no camiño cara á soberanía enerxética”. “En Galicia estamos fronte a unha estratexia de legalización da depredación da nosa terra e do noso mar”, argumentan no manifesto. A este respecto sinalan que desde 2020 Galicia é obxecto da “solicitude compulsiva de autorizacións de parques industriais eólicos”.
“Isto suscita unha crecente preocupación social e un incremento exponencial do número de persoas directamente ameazadas polas expropiacións de terras e vivendas, e a deterioración irreversible da súa contorna de vida”, aseguran. Insisten en que a maioría dos aeroxeradores dos case 180 polígonos industriais eólicos xa construídos miden menos de 50 metros, “e proliferaron amparados por un Plan Sectorial Eólico do ano 1997, o mesmo que segue vixente”.
Ademais, engaden, o 85% dos que se atopan en fase de tramitación chegan aos 248 metros —“case cinco veces a Torre de Hércules”–, con diámetros de ao redor e 150 metros. “A recente lexislación reduce o tempo de exposición pública e dificulta ou mesmo impide alegar a estes proxectos”, alertan. Matizan ademais que desas porcentaxes, a gran parte atópanse en pobos e aldeas de menos de 5.000 habitantes. Con todo, “é un problema que afecta tamén directamente ás áreas urbanas”.
“Non só porque as augas que abastecen a estas poboacións se atopan en zonas afectadas, tamén porque é unha cuestión de dignidade defender o noso dereito a habitar nun territorio saudable”, explican.
CRÍTICAS Á ADMINISTRACIÓN
Recollen os datos do Informe Macroeólicos Galicia (IMG), realizado por organizacións sociais e presentado a principios deste ano, onde se afirma que 330.831 vivendas quedarían a menos de dous quilómetros dun aeroxerador, das que 13.122 estarían a menos de 500 metros. Ademais, 2.522 aeroxeradores quedarían dentro das superficies vinculadas á Rede Natura 2000, mentres que o 19,2% de superficie dos Montes Veciñais en Man Común.
Critican ademais que durante os oito primeiros meses da moratoria eólica anunciada pola Xunta, 48 novos polígonos industriais eólicos saíron a tramitación por parte da Xunta, e oito por parte do Goberno do Estado. Así mesmo, denuncian que menos de dez empresas abarquen a inmensa maioría de polígonos industriais en tramitación en Galicia.
Para pór fin a esta situación, reclaman, son necesarias “outras estratexias” tales como “a presión social directa sobre as persoas que elaboran e votan as leis, facendo fronte á influencia do lobby das industrias renovables nas actuais políticas de desenvolvemento en todas as escalas da Administración pública”.