InicioOPINIÓN"Therians" como unha nova distracción fascista máis

“Therians” como unha nova distracción fascista máis

Publicada o

Por Rubén Pérez

Non sempre coinciden as miñas opinións como persoa e como sociólogo, de feito, soe ser unha dicotomía ca que supoño que ten que vivir todo aquel que se dedique ó estudio e deconstrucción das sociedades. O sociólogo fundamenta e racionaliza as cousas que como persoa non se ven e ó revés, a persoa ponlle algo de emoción necesaria ó sociólogo para que este non se convirta no que Horkheimer e Adorno temían dunha sociedade completamente racional derivada da racionalización ilustrada. Por exemplo, como sociólogo sinto amargura por Arxentina e todo o que ten que estar a vivir esa poboación, azoutada polo libertarismo máis canceríxeno que pode haber dun ser tan desprezable coma Milei, querendo volver a impoñer case a escravitude da xente. E como persoa penso: estivéchedes raiando con “somos campeones del mundo papá” e “libertad carajo” non sei canto tempo e agora tócavos desfrutar do que votáchedes. Mais hai que antepoñer a socioloxía a ese pensar e centrarse no que de verdade ocorre: unha sociedade tremendamente enganada por un aparato político e mediático, o que, a día de hoxe, intenta camuflar o da xornada laboral de doce horas coa alarmante aparición (en realidade non) duns seres malignos que deben vir a facelo mal máis puro.

O mellor que se pode facer nesta cuestión é simplemente non falar dela para non seguir xirando a roda, mais coma sempre, tamén é difícil deixar pasar o tema e que os de sempre se saian coa súa. Non é que sexa un experto no movemento therian, de feito coñezo ben pouco deste asunto, mais non por iso resulta difícil ser empático cun grupo de xente que se identifica cunha cousa ou outra sen facerlle dano a ninguén.

En primeiro lugar, e en relación especialmente ás quedadas (ficticias ou non) que se produciron nesta cidade e en outras tantas partes, pobre mocidade. Unha mocidade que creceu nunha sociedade hipertecnoloxizada, que experimentou a vida e as relacións sociais, en maior ou menor medida, a través dunha pantalla. Dunhas redes sociais (como medios de comunicación) que expanden a mensaxe neoliberal e individualista (chea de odio, desigualdade e bullying) por canto recuncho encontran. Que se atopan nun mundo capitalista cheo de fascismo, guerras, xenocidios, desigualdade estructural, falta de oportunidades… E todo retransmitido en directo. Unha mocidade que ve como un fascista pedófilo é presidente do país máis poderoso, non por casualidade, senón por formar parte dun entramado estructural que goberna o mundo invadindo outras rexións, saqueándoas en nome da liberdade e por enriba, é xente respetada e aclamada. Donos das empresas máis importantes e medios de comunicación que dirixen a opinión pública e o foco de atención de maneira partidista. E é a mesma mocidade que verá na casa como os seus pais e nais madrugan para traballar duro e de xeito honrado para poder chegar a fin de mes, e inda así con dificultades.

Unha mocidade que abre calquera aparato tecnolóxico e en cuestión de segundos xa ten ó Xocas, a Vito Quiles ou a vinte eruditos coma eles subvencionados polo poder que o algoritmo (sempre servil da hexemonía) lles expón, explicándolles como é a vida, como hai que vivila, o mal que vai o país, os impostos que non hai que pagar, a meritocracia, os inmigrantes que rouban e violan, agora unha ola crecente de catolicismo ultraconservador, etc. Non é unha xeración de cristal, iso dende logo. Non hai que ser paternalista cos máis novos e novas. É unha xeración forte, consciente e sensible. E é dificil o mundo no que se teñen e temos que manexar na actualidade. E sen ferramentas para facelo inda resulta máis complicado. Se pensamos que as xeracións máis novas son máis sensibles e conscientes coa sociedade, que pode ser unha afirmación plausible en relación á cantidade de información que teñen dispoñible e pola educación e socialización que reciben basadas nesa sensibilidade, tamén podemos deducir que pode ser unha mocidade á que lle afecten máis as problemáticas sociais ás que lle teñen que facer fronte. Porque o de que o mundo vai mal é de sempre, non estiveron mellor noutras épocas (ou si, a evidencia empírica di que si). A diferencia máis significativa é o espacio que ten a ideoloxía hexemónica para expandirse, as canles que usa e os xeitos de oprimir ós individuos. E contra isto, na actualidade, faise moi difícil vivir unha vida sa, con paz mental, con acougo, con dignidade, conciencia, benestar económico, etc.

A corrente therian, como tantas outras, responde a un berro de afogo. De fuxir deste mundo e o sufrimento que produce. De forma inconsciente e probablemente derivado de problemas emocionais e psicolóxicos que precisan axuda dos expertos de saúde mental. Mais é que a saúde mental no ten que ser un parche que intente reparar os danos dunha sociedade podre. É deber doutras ramas, doutras institucións e doutros axentes sociais construir unha sociedade onde a saúde mental sirva para fortalecer e axudar antes que para arreglar. É unha mocidade que moito ten que sufrir, incluso sen darse conta, para elixir significarse coma un raposo antes que cunha persoa adulta e funcional, sendo esta o prototipo de persoa que o sistema vende que debemos ser, polo tanto soñamos e aspiramos a selo.

Mais a verdade é: quen, en pleno uso das súas capacidades, quere ser unha persoa funcional?

Acaso ten máis lóxica levantarse cada día ás sete da mañá para ir traballar oito horas nun traballo que detestas só para satisfacer unhas necesidades materiais que che foron impostas e as que interiorizaches como vitais? Ten moita máis lóxica traballar duro todo o ano enriquecendo a outros que se lucran da túa forza de traballo para viaxar dúas semanas a un destino turístico masificado? A verdade é que non sei quen é máis ridículo. Mais do mesmo xeito, tanto o que se cre raposo como o que se cre clase alta sendo clase obreira, son vítimas enganadas por un sistema social que se nutre da súa ignorancia. Mais se se mira con perspectiva, a diferencia é que o que se cre raposo ten a dignidade de, involuntariamente, intentar escapar dun sistema que o oprime, e o outro, o do pack viaxe + Airbnb + Instagram e que o resto do ano se queixa de pagar caro o alugueiro, cae (que non se lanza) no sistema de cabeza.

Eses “jovencitos confusos” dos que fala Ignatius Farray, o cal dá no cravo cando di que case estivemos dacordo como sociedade. Case. Faltounos nada. Case iamos cambiar o mundo porque non aguantamos máis vivir encadeados para que uns pedófilos vivan coma reis. Case ían arder as rúas. Colgados dos farois políticos, policías, xuíces, empresarios, algún futbolista e Bad Bunny. Un soño. Porque ó final saíu de detrás dunha xesta un cativo, un “jovencito confuso”, brincando coma un corzo e todo se evaporou. Os medios de comunicación lanzáronse a por el coma se fose unha persoa que escoitou a alguén dicir que ten un primo que coñece a un amigo ó que case lle okupan a casa. Supoño que agora as empresas de seguridade tamén terán alarmas antitherians.

Pasou o momento da revolución e xa estamos noutra cousa. Cada día unha distinta. Cada día un fragmento nesta posmodernidade, que diría Lyotard. Pois todo é efémero, todo chega e vaise coa mesma facilidade e ficamos estériles. Viralizouse o moniño Punch co seu peluche e entenreceu a medio mundo, incluso ós que lle berran “mono” a Vinicius Jr. Mais levamos vendo anos a nenos e nenas palestinas en situacións críticas e os adultos funcionais que se deberían entenrecer non o fan do mesmo xeito, quizais si o fagan os therians e por iso necesitan parecerse máis a un animal que a un adulto, polo menos teñen máis humanidade. Sexa como sexa, se todo o odio e rexeitamento que amosamos por persoas ou grupos de persoas distintas que, incluso poden precisar da nosa axuda, da nosa atención, o exercéramos polos fascistas que manexan o mundo, este mudaba en dous días.

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor para profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

ÚLTIMAS

Familias e entidades quecen a manifestación das ANPAS deste sábado por un ensino público de calidade

Este sábado 28 de febreiro, ás 11:00 horas, unha marea de familias percorrerá o...

A Plataforma polo Dereito á Vivenda comeza unha campaña no barrio con maior densidade de poboación de Galicia

O barrio da Agra do Orzán, o barrio de maior densidade de poboación en...

Dous incendios en vivendas de Culleredo e A Coruña deixan un ferido

Unha persoa tivo que ser trasladada ao hospital con queimaduras tras declararse un incendio...

A CIG-Ensino denuncia o “abandono” e a deterioración estrutural de centros educativos na Coruña

CIG-Ensino denunciou unha deterioración "estrutural" en centros educativos da provincia da Coruña e urxe...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here