A ANPA do CEIP de Prácticas vén de recibir a admisión a trámite da solicitude ante a Valedora do Pobo de información sobre a situación do proxecto de reforma integral do centro.
A entidade esixe á Consellería de Educación que traslade a situación actual do proceso de reforma da que non se teñen noticias do mesmo dende hai un ano e dende a propia Delegación Territorial de Educación non se ofrecen respostas ás innumerables demandas de información presentadas por rexistro dende a propia ANPA.
A día de hoxe tampouco se ten recibido resposta á solicitude de xuntanza co novo Director Territorial de Educación para poder trasladar directamente a preocupación das familias ante a situación de abandono que está a sufrir o CEIP de Prácticas da Coruña e o seu alumnado.
“O desleixo e o desinterese amosado polas tres administracións implicadas neste proceso: UDC, Xunta e Concello da Coruña manteñen ao CEIP de Prácticas nunha situación de abandono que queda reflectida claramente na falta de negociación dun novo convenio de cesión do centro, caducado dende 2022”, denuncian dende a ANPA. Tampouco contemplan o centro nos investimentos destinados ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e permiten que as crianzas continúen asistindo a clases en condicións completamente precarias.
“As pequenas intervencións urxentes levadas a cabo durante unhas poucas semanas, aínda sendo necesarias, non foron para nada dabondo, demostrando a necesidade dun compromiso serio e de prazos claros, máis aló de parches”, aseguran.
Mentres a comunidade educativa comproba o avance das necesarias obras dos centros educativos que rodean o CEIP de Prácticas: a do IES Salvador de Madariaga, pegado ao noso centro e cun investimento de máis de 2 millóns de euros; e a do IES Rafael Dieste, a escasos metros do colexio, cun orzamento de 1,7 millóns.
A remodelación da Escola de Náutica por parte da UDC, na outra beira da rúa, vén de ser tamén comezada “mentres o noso centro segue a sufrir as consecuencias do nulo mantemento, control e atención por parte das administracións encargadas da súa xestión”.
Máis novas
A ANPA do CEIP Prácticas a Paula Prado: “Isto só acaba de comezar”

