A veciñanza afectada polo plan urbanístico de Monte Mero manifestouse esta mañá diante dos Novos Ministerios para reivindicar que o “Monte Mero xa existe”, e que o “Monte Mero resiste”, como alentaron.
Ante a eliminación das súas vivendas pola urbanización proxectada pola Xunta de máis de 4.000 vivendas, as máis de 200 persoas afectadas directamente que quedan sen vivenda (hai outras tantas afectadas con parcelas, zonas de agra…) esixen que a Xunta “garanta que poidamos seguir vivendo alí, e que as indemnizacións sexan xustas”, explica Mónica Díaz, Presidenta da Asociación Veciñal de Eirís, e afectada polo Proxecto de Interese Autonómico PIA Monte Mero. “Non pedimos facer cartos, pedimos que haia unhas indemnizacións xustas, que non perdamos cartos co cambio, tendo en conta como está a vivenda agora mesmo”, relata.

Negociacións coa Xunta
Díaz explica como levan sendo as negociacións co Xunta dende a primeira reunión, realizada a comezos de 2025, a petición da propia veciñanza tras coñecer o proxecto na prensa. “Aí nos aseguraron que ían salvar as máis vivendas posibles, pero cando contrataton o equipo redactor, pedimos outra reunión e xa nos recoñeceron que non ían salvar as casas, porque “non encaixan” no proxecto. Ese foi o principal argumento que usaron”, relata.
Dúas vivendas nun edificio
Unha das principais circunstancias é que a Xunta ofrece unha parcela pequena, coa construción dunha vivenda estandar de máximo 120 metros cadrados, independente de que a veciñanza teña 1.000 metros ou 3 vivendas na parcela. De feito, aí radica un dos principais problemas, porque a Xunta ofrece unha vivenda por edificación. “Non teñen en conta que hai varias parcelas nas que nunha mesma edificación viven varias familias, polo que deixan a moita xente fóra”, lembra Díaz, que apunta ademais que tamén hai xente alugada que levan polo menos máis dunha década afincada no tranquilo lugar.
Outra opción que ofrecen é pagar o que considere a Xunta, que supón “pagar un prezo coma se se tratase unha zona de plantación de millo, a 10€ m/2. e unha indemnización ridícula porque todas as vivendas teñen máis de 50 anos de antigüidade”, explica.

Ns alegacións que están presentando, sinalan ademais que o que está a facer a Xunta por vía de expropiación e ao nomear o proxecto de Interese Autonómico, algo que podía facer o Concello, “dunha maneira máis ordeada e xusta”.
Vivenda Protexida ou Vivenda de Protección Oficial
“Non entendemos como para solventar a problemática de vivenda da cidade, deixan outra xente sen vivenda”, lamenta a voceira. Pero é que ademais lembran que “esta megaurbanización non vai solventar o problema da vivenda. Unha cousa é a vivenda de Protección Oficial (VPO) e otra a vivenda protexida, e aquí VPO só vai ser o 20%, porque o 60% vai ser de prezo tasado, unhas vivvendas cuns prezos aos que non pode chegar moita xente”, sinala apuntando a trampa da Xunta que sempre conta que Monte Mero terá un 80% de “vivenda protexida”, tendo en conta ademais que falamos dun concurso que será aberto para toda Galicia.
Máis novas do proxecto
Monte Mero contará con 4.397 vivendas e un investimento autonómico de 66 millóns
Luz verde ambiental á “bomba urbanística” para construír máis de 4.000 vivendas en Monte Mero
A urbanización do Monte Mero, unha “bomba urbanística” para o anel verde da Coruña

