A Escola Oficial de Idiomas da Coruña abre hoxe luns 15 de xuño o prazo de preinscrición para o curso 2025-2026. O centro oferta ensinanzas oficiais de 11 idiomas, o que a converte nun dos centros públicos con maior diversidade lingüística de Galicia:
- alemán,
- árabe,
- chinés,
- español para persoas estranxeiras,
- francés,
- galego,
- inglés,
- italiano,
- portugués,
- ruso e
- xaponés.
A EOI da Coruña é, ademais, a única Escola Oficial de Idiomas da comunidade autónoma que ofrece estudos de árabe e ruso, reforzando o seu papel como centro de referencia para a aprendizaxe de linguas e para a formación de cidadáns preparados para un contexto cada vez máis global e interconectado.
Nos últimos anos, o centro vén experimentando un crecemento continuado do número de matrículas, especialmente nos niveis básicos, que adoitan cubrir rapidamente as prazas ofertadas. Este incremento reflicte unha tendencia social cada vez máis consolidada: o interese pola aprendizaxe de idiomas non só como ferramenta profesional e académica, senón tamén como actividade de desenvolvemento persoal e benestar intelectual.
Ademais da súa sede na Coruña, a EOI desenvolve unha importante labor de vertebración territorial a través das súas seccións e extensións situadas en Arteixo, Carballo, Cee e Culleredo, que permiten achegar o ensino público de idiomas a diferentes comarcas da provincia. Nelas impártense ensinanzas de inglés e, no caso da sección de Carballo, tamén de francés e alemán, ampliando as oportunidades de formación lingüística para a cidadanía da Costa da Morte e da comarca de Bergantiños.
Como centro público dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a EOI ofrece ensinanzas oficiais de calidade a prezos accesibles e con certificación recoñecida segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.
Información práctica
O alumnado oficial de novo acceso deberá realizar a preinscrición entre o 15 de xuño e o 6 de xullo nesta ligazón.
As persoas que obteñan praza no procedemento de adxudicación deberán formalizar a matrícula entre o 9 e o 20 de xullo.

