Continúa a Deputación facendo entrega da súa lista de premios ás mellores iniciativas da provincia. Neste caso fixo entrega esta tarde de venres na Fundación Paideia do XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua, unha iniciativa que recoñece iniciativas, traballos e traxectorias comprometidas coa promoción e dignificación da lingua galega.
Carlos Callón, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), A Gramola Gominola e Vitamina G foron os premiados, que recolleron os galardóns da man da deputada de Lingua, Sol Agra, nun acto que contou tamén coa actuación musical de Sheila Patricia.
O xurado, composto polas persoas premiadas o ano anterior, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. e a técnica de normalización lingüística da Deputación Dores Sánchez, que actuou como secretaria, premiou ao filólogo Carlos Callón, na categoría A, para persoas.; a CTNL, na categoría B, para entidades, e os proxectos A Gramola Gominola e Vitamina G, galardoados ‘ex aequo’ na categoría C, a das iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, que reciben un premio de 5.000€ nun certame ao que concorreron 31 candidaturas.
A Gramola Gominola é unha banda herculina de música rock para crianzas mentres que o Vitamina G é o proxecto do CEIP Sagrada Familia promovido pola profesora Mariña Lema. para incentivar ao uso do galego no centro herculino.
Agra salientou o traballo de todas as entidades premiadas e as súas propostas, afirmando que “é un orgullo premiar a quen nos premia cada día coa defensa activa da nosa lingua, e para isto naceron estes premios Rosalía”. “Parabéns por ser parte, por ser orgullo, por non rendervos ás estatísticas, nin ao pesimismo, por pertencer aos miles de persoas que son conscientes da importancia que ten actuar cando todo se pon en pon en contra, cando nin as leis axudan a favorecer o uso do galego con normalidade na Galiza” engadiu.
Máis novas
O #Aquítaménsefala tamén leva un premio da Real Academia Galega
O premiado proxecto lingüistico co CEIP Sagrada Familia, exemplo normalizador do Lx15

