A da Casa Escariz é unha historia singular. O mítico edificio que preside a Praza de Pontevedra foi construído hai 100 anos polo filántropo Manuel Piñeiro Pose, unha desas persoas que a comezos do século pasado tivo que marchar emigrado a Cuba, pero conseguiu facer cartos e volver a casa.
Tras erguer estes imponentes edificios (son dous cunha fachada conxunta, en realidade) modernistas, a vontade de Piñeiro Pose (falecido en 1940), expresada con clareza no seu testamento, foi que durante os 30 anos seguintes ao seu falecemento as rendas xeradas pola Casa Escariz debían financiar o Hospital Municipal e que, concluído este prazo, o inmoble pasaría a ser propiedade municipal.
O Hospital Municipal da Coruña desapareceu en 1985, pero dende entón poucos pasos se deron para cumprir a vontade do filántropo: que sexan edificios de titularidade municipal.
Polo camiño, o rexistrador da propiedade, para dar conformidade á vontade do testador, dispuxo que o novo titular do ben legado, o Concello, debía dar tamén cumprimento ao teor literal do testamento, segundo o cal se debía destinar un diñeiro para sufragar misas na súa memoria e coidar o seu sepulcro.
Así, a Xunta de Goberno Local, reunida o 10 de novembro de 2021, acordou o pagamento de 172.339€ en concepto de “pagamento por consignación xudicial da cantidade que representa a manda piadosa en beneficio da alma do testador sobre o valor actual dos edificios legados ao Concello”.
Con todo, tres testamenteiros de Manuel Piñeiro Pose presentaron un recurso contra a sentenza que validaba o acordo do Concello da Coruña para facerse coa titularidade da Casa Escariz. O TSXG desestimaba o recurso en decembro 2025 dando vía libre ao Concello a facerse coa titularidade.
Pregunta do BNG
Ante esta situación o viceportavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vén de rexistrar un feixe de preguntas por escrito. Jorquera quere saber se ao Goberno Local lle consta que a Fundación Legado Manuel Piñeiro Pose ten levado a cuestión até o final, isto é, ao Tribunal Supremo.
Agora esa entidade anuncia obras de rehabilitación na Casa Escariz e Jorquera interésase por saber se cabe outorgar esa licenza a unha entidade coa que se disputa a titularidade do inmóbel, até o punto de que podería chegar a acreditarse a súa condición de posuidora de mala fe deses edificios.
“Ten valorado o Goberno Local os efectos e consecuencias que de dito outorgamento da licenza poderían derivarse en relación co proceso civil en trámite e a cuantificación da liquidación posesoria dos inmóbeis unha vez resolto dito proceso?”, inquire Jorquera.
Máis novas
O TSXG valida o proceso do Concello da Coruña para inscribir ao seu nome a Casa Escariz

