O Seminario Internacional de Investigación Mobilidades, reprodución social e desigualdades globais: novos enfoques para os estudos feministas sobre as migracións internacionais desenvolveuse estes xoves e venres na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña. Durante dous días, o simposio organizado polo equipo Sociedades en Movemento (ESOMI) da UDC e a rede de investigadoras Mulleres á Fronte, permitiu que especialistas de oito países, activistas e colectivos de mulleres migrantes debatesen sobre as dinámicas globais que configuran as desigualdades de xénero e as migratorias.
Na primeira xornada o foco estivo na vellez e nos coidados. Así, a investigadora da USC Gea Piccardi salientou a necesidade de que o traballo do fogar sexa parte das políticas da transición xusta, ao poñer sobre a mesa “o paradoxo dos coidados”. “As traballadoras do fogar fan posible e mellor a vida das clases profesionais á costa da súa propia vida persoal. Cómpre pór o foco nas necesidades e dereitos das empregadas e garantir unha renda de coidados”, sinalou.
Soledad Lucero, coordinadora da asociación ferrolá Movilidad Humana, abordou o impacto deste traballo na saúde das mulleres que o realizan. A partir de datos dun informe de Oxfam-Intermón de 2025, lembrou que en España hai máis de 565.000 persoas empregadas no sector do traballo do fogar, das cales un 87% son mulleres. Delas, máis de 158.000 son maiores de 55 anos. O traballo que facemos é imprescindible. Os nosos traballos e os nosos corpos sosteñen fogares, e os nosos dereitos non se poden quedar ás portas. Un 25% das traballadoras migrantes podería chegar a xubilarse sen prestación”,
Pola súa banda, Rafaela Pimentel, activista e unha das voceiras da plataforma Territorio Doméstico, puxo en valor a organización en colectivos das traballadoras do fogar migrantes como ferramenta “para ter incidencia política”. “Estamos organizadas para poder tecer rede e acadar recoñecementos e dereitos. Queremos que se pague unha débeda histórica que hai coas mulleres que traballamos e que traballaron nos coidados, como as avoas, as nais e as veciñas. Fixeron este traballo por amor ao longo da súa vida sen ser valoradas nin recoñecidas. Pero negámonos rotundamente a facer este traballo por amor: queremos facelo e que se recoñezan os nosos dereitos”, expuxo Pimentel.

A segunda mesa da mañá dedicouse integramente á vellez das mulleres migrantes. Nela, as investigadoras Belén Fernández Suárez (UDC), Iria Vázquez Silva (UVigo) e Antía Pérez Caramés (UDC) presentaron os resultados do proxecto MUMICU, Coidando a quen coida. A vellez das mulleres migrantes traballadoras dos coidados.
Segundo o estudo, a vellez destas mulleres reflicte unha desigualdade que se acumula ao longo da vida e que as deixa sen dereitos sociais, porque nela se cruzan o xénero, a orixe, a clase social e a idade. As traballadoras entrevistadas viven a vellez sobre todo como desgaste físico e mental despois de pasar anos dedicadas aos coidados e á limpeza. A xubilación aparece como un horizonte incerto: as cotizacións son insuficientes e as pensións que esperan son baixas.
Unha segunda xornada teórica
O enfoque da segunda xornada foi máis teórico, falando de eurocentrismo, e colonialidade de xénero. Presentáronse tamén uns traballos que abordaron o impacto do conflito sobre a vida e a reprodución das mulleres palestinas, as cadeas globais de coidados no rural galego, a acción colectiva das traballadoras domésticas en Portugal, o papel das irmás maiores no coidado en contextos migratorios e as resistencias das mulleres migrantes en México. Participaron investigadoras da UDC, do SERGAS, da Universidade Nova de Lisboa, da Universidade de Poitiers e da Universidade Libre de Berlín.
O peche da xornada na Facultade de Socioloxía chegou da man de Mulleres á Fronte, a rede de investigadoras impulsora do seminario. A organización definiu o encontro como “un espazo cálido de encontro, de diálogo, de pensamento e de complicidade”, no que participou máis dun cento de persoas e que se desenvolveu en cinco idiomas. Puxo tamén o foco na necesidade de actualizar os debates sobre os coidados e a reprodución social a partir dun marco que teña en conta os paradigmas da xustiza social e reprodutiva e da economía moral.
Tamén destacou, como unha das conclusións, “o cuestionamientos dos instrumentos conceptuais, dos posicionamientos epistemolóxicos, así como dos necesarios desprazamentos ontolóxicos aos que nos obriga a chamada de atención desde as existencias negadas por debaixo da liña abismal no contexto do misantropoceno”. “Temos desarticulacións conceptuais ás que debemos prestar atención: o descuelgue da interdisplinariedade dos estudios migratorios, a desconexión dos individuos e suxeitos migrantes con respecto aos lugares nos que habitan, e a desatención aos procesos e dinámicas da migración en si mesma”, expuxo o comité organizador.
“A tarefa que temos que construír colectivamente é un enfoque multidisciplinar, multiescalar, plural epistemolóxica e ontoloxicamente, que nos permita, por unha parte, imbricar aproximacións que teñan no centro analítico as persoas, as comunidades e os lugares e, por outra, articular eixos, sistemas de opresión e relacións de dominación”, sentenciou.

