O BNG denunciou incumprimentos da Lei de Memoria Democrática na Coruña e avanzou que levará ao próximo pleno municipal, que se celebrará o 12 de novembro, a esixencia para que se cumpra a mesma e os acordos do Consello de Memoria Democrática.
Nun comunicado, alude ao informe elaborado polo Instituto José Cornide, o cal avala a “retirada de honras e distincións a golpistas que colaboraron na durísima represión exercida pola ditadura contra as e os demócratas”.
“É difícil entender que un goberno local que se di progresista continúe sen aplicar a Lei de Memoria Democrática e continúe desatendendo a proposta — formulada hai xa un ano e medio — polo Consello de Memoria Democrática para aplicar o informe elaborado no seu día polo Instituto José Cornide”, afirma a concelleira nacionalista Mercedes Queixas.
Así, o BNG reclama “honrar a memoria das persoas demócratas vítimas da barbarie fascista”, ademais de “dignificar” o rueiro e as dependencias do Palacio de María Pita. Neste sentido, denuncia que o consistorio “leva moito tempo” sen convocar unha reunión do Consello de Memoria Democrática.
Máis novas
Unha rúa para os Diplomáticos de Monte Alto para cumplir ademais coa Lei de Memoria Histórica
A CRMH leva ao Concello da Coruña ante a Fiscalía de Memoria Democrática

