Inicio Blog Páxina 153

Un acusado de agresión sexual a unha menor na Coruña négase e apela á santería no xuízo: “A miña relixión non o permite”

0

Un acusado de agredir sexualmente a unha menor na Coruña negou os feitos e alegou, entre outras cuestións, que a santería, que practica, non permite feitos deste tipo. Foi no xuízo fixado para este martes na Audiencia Provincial da Coruña en relación a uns feitos que, segundo o escrito de cualificación fiscal, producíronse entre os anos 2021 e 2022 cando a menor tiña uns 12 anos.

Ademais de doce anos de cárcere, como a acusación, no seu escrito o Ministerio Fiscal solicita para o acusado a prohibición de aproximarse á vítima, ao seu domicilio e lugar de estudos ou traballo aínda que non se atope neles a unha distancia non inferior a 150 metros en liña recta e a de comunicarse con ela por calquera medio por un prazo de 15 anos, ademais da pena de liberdade vixiada por oito anos.

Solicita, así mesmo, unha indemnización de 25.000 euros para a menor. Os feitos, engade, producíronse no domicilio de acusado, algo que ratificou, na súa declaración, a moza que explicou que o home era un coñecido dos seus pais e que a levaba á súa casa a comer unha vez que a recollía do colexio. Tamén precisou que os episodios de agresión sexual que denuncia tiveron lugar cando ela cursaba sexto de Primaria e durante o verán e practicamente a diario.

Por outra banda, apuntou que o seu pai, xa falecido, realizáballe tocamentos diante de convidados cando lles dicía que medrara. En relación a isto, o procesado asegurou que acudiu coa menor á Policía para denunciar isto, un punto no que a moza dixo que foi este home quen lle dixo que denunciase ao seu proxenitor por violación. No seu relato, a menor dixo que o acusado a ameazaba con levala a casa e que ela non quería porque a súa nai consumía droga coas súas amizades.

A esta, explicou nunca lle comentou nada do que lle ocorría ao non ter case relación. “É totalmente incerto”, sinalou sobre a acusación o home, quen argumentou ter desde fai dez anos problemas de “memoria”. “Rebótame vostede a cabeza máis do que a teño”, asegurou á fiscal ante as súas preguntas. “Eu estou nunha santería e non permite iso”, afirmou tamén para rexeitar as acusacións. “Eu nunca toquei a esa nena nin violei a ninguén”, recalcou.

AMI celebra 40 anos de montañismo apostando pola formación e a inclusión

0

Cumple nada menos que 40 anos, a Agrupación de Montañeiros Independentes da Coruña. A AMI é un dos clubs de montaña de referencia en Galicia, cunha traxectoria marcada pola promoción da escalada, a formación e, especialmente na última década, polo seu sólido compromiso social.

As súas clases no frontón de Riazor ou o seu pequeno pero áxil espazo en Santa Margarita son xa unha referencia para varias xeracións de amantes da natureza. De feito, AMI foi o primeiro club de montañismo de Galicia con escolas deportivas, polas que pasan hoxe preto de 300 nenos e nenas.

A día de hoxe, o club vive un momento de consolidación, con máis de 600 persoas federadas e 100 socios e socias non federados. A evolución é especialmente significativa tendo en conta que en 2010 AMI contaba só con 55 licenzas.
Seis de cada dez fichas corresponden a homes, pero a presenza feminina medra ano tras ano. O 40 % das licenzas son de deportistas menores de idade.

Clases de escalada de AMI no dique
Clases de escalada de AMI no dique

Apostando pola formación e a inclusión

Dende que en 2013 a Fundación Emalcsa lanzou as primeiras axudas de deporte solidario e inclusivo, a AMI leva aproveitando o potencial da actividade física (principalmente a escalada, o sendeirismo e a marcha nórdica) como ferramenta de inclusión social, promoción da saúde e desenvolvemento persoal. Se a primeira experiencia contou coa participación de 73 persoas, co paso das edicións o número chegou a multiplicarse por dez varias veces.
“O proxecto social de AMI apóiase nunha ampla rede de entidades sociais, educativas e sanitarias”, explica Mariquiña Castiñeira, coordinadora do club. “Facilita o acceso á actividade física a persoas con discapacidade, a persoas en risco de exclusión social por motivos económicos ou de inmigración e a mulleres vítimas de violencia machista, entre outros colectivos ”.

De feito, AMI e a Federación Galega de Montañismo son pioneiras en España no desenvolvemento de iniciativas de paraescalada.

Actividades 2026

Miguel Arejula e Adrian Alvarez en Torre Rusia_1
Miguel Arejula e Adrián Alvarez en Torre Rusia

AMI organizará ao longo de 2026 preto dunha vintena de actividades abertas á cidadanía. A programación arrinca o 16 de xaneiro, data de inscripción do club no rexistro de entidades deportivas da Xunta, coa charla Aventura por Kirguistán, a cargo do socio do club Adrián Álvarez.  Adrián e o tamén socio Miguel Arejula coroaron en 2025 a imponente Torre Rusia, en Kirguistán, de 4.240 metros de altitude, en condicións meteorolóxicas extremas. Será ás 20,00 horas na sede de AMI, na rúa Padre Sarmiento, 8.

AMI subindo a Torre Rusia_2
AMI subindo a Torre Rusia

O calendario da celebración do 40º aniversarios inclúe varios bautismos de escalada para a cidadanía, o primeiro deles o 28 de xaneiro, dirixido a nenos e nenas na modalidade de bloque; a Festa da Inclusión, que terá lugar o 30 de maio; actividades de alpinismo nos Picos de Europa e en Peña Ubiña, así como a organización de varias competicións oficiais.

CCOO acusa de “intoxicación” a quen fala dun acordo no conflito do téxtil da Coruña

Comisiones Obreras (CC.OO.) denunciou que “mensaxes difundidas” sobre un “inminente acordo” no conflito do sector téxtil da Coruña son “falsos” e “non se corresponden” coa negociación do convenio estatal promovido pola patronal ARTE. Así mesmo, a central sindical incidiu en que “determinadas organizacións” trasladan aos traballadores informacións “conscientemente distorsionadas”, creando unha “ficción de avances inexistentes e dun acordo inminente que é falso”.

Neste sentido, explicou que a negociación do convenio da patronal só afecta ás grandes empresas do sector e “non ao comercio en xeral”, nin ao pequeno comercio. Ademais, insiste en que este posible acordo “non está avanzado nin maduro, nin próximo a pecharse”. En calquera caso, a entidade afirmou que as negociacións están nunha etapa inicial e que soster o contrario “non se trata dun erro”: “É unha estratexia de intoxicación do conflito e de desinformación sindical”.

Así as cousas, subliñou que “é grave facer crer que a patronal estatal estaría disposta a recoñecer os marcos autonómicos ou provinciais como consecuencia das folgas”. Por outra banda, engadiu que “os convenios non dependen da vontade patronal”. Por todo iso, a entidade incide en que “falar dun acordo próximo é falso” e que o que se defende na Coruña actualmente –un Convenio de Comercio Vario–, foi rexeitado no seu día pola CIG por “insuficiente”.

MiniDomus, a nova sala infantil interactiva da Casa do Home

0

Segue a ser a Domus un dos espazos museísticos máis queridos pola rapazada da cidade. Pero tamén é certo que leva décadas con pouca renovación. De aí a importancia que ten a nova sala MiniDomus. Un espazo deseñado polo equipo técnico dos Museos Científicos Coruñeses e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que ofree novas experiencia para os máis peques.

MiniDomus ontén sete ámbitos que inclúen módulos interactivos baseados no xogo, o fomento da curiosidade e as habilidades propias da infancia. Neles os nenos e nenas de menor idade poderán explorar a presión do aire lanzando pelotas por distintos percorridos e descubrir cal é o máis rápido, xogar coa luz e as cores, creando obras luminosas, construír e experimentar con engrenaxes, poleas e manivelas, probar o equilibrio e a gravidade montando estruturas en superficies con diferentes ángulos, crear máquinas móbiles con rodas, eixos, cordas e circuítos en zigzag, dar forma a ideas con pezas de construción, usando rodas, soportes e parafusos de bolboreta, e deixar voar a imaxinación creando mundos con grandes bloques, desde dinosauros ata naves espaciais.

 

Máis novas

O Museo de Belas Artes e as entidades da cidade convirten a arte en elemento de inclusión

Cortado ao tráfico a ligazón entre a AC-10 e a AC-11 pola reforma de Alfonso Molina

0

O avance das obras de reforma da Avenida Alfonso Molina da Coruña obrigará a cortar, desde este martes ás 10.00 horas, o ramal de ligazón entre a AC-10 e a AC-11 para levar a cabo traballos de reposición de tubaxe de fundición.

Segundo informou o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, os traballos consistirán na reposición de tubaxe que, actualmente, está baixo a calzada do devandito ramal, no quilómetro 1,28 da AC-11 en sentido saída da cidade. Ante esta situación, recoméndase que os tráficos procedentes do polígono da Grela usen a AC-14 como alternativa de longo percorrido. Para o corte e medio percorrido, recoméndase o traxecto a través da Avenida da Universidade ata a ligazón de Matogrande.

Igualmente, recoméndase evitar no posible a glorieta de Matogrande debido ao seu nivel de conxestión. O corte do ramal de ligazón manterase de forma continuada (laborables e non laborables) ata o 17 de marzo ás 18.00 horas. Os itinerarios alternativos estarán debidamente sinalizados, tanto nos paneis de sinalización variable da DXT (situados na AC-10 e na AC-11) como nos paneis informativos xestionados polo Concello da Coruña.

A Deputación da Coruña destina 160.000 euros á RAG e á UNED para o impulso cultural e educativo

0

A Deputación da Coruña e a Real Academia Galega (RAG) formalizaron este luns un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achega 60.000 euros para o financiamento de diversas actividades culturais. O acordo, asinado por Valentín González Formoso e o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, cobre o 80% do orzamento de iniciativas destinadas á promoción do galego, a preservación do patrimonio inmaterial e a divulgación entre a mocidade, con especial énfase na proxección exterior de Galicia.

De xeito paralelo, González Formoso e a directora da UNED Coruña, Ana Mónica Novo, subscribiron outro convenio polo que a Deputación concede unha subvención de 100.000 euros. Estes fondos irán destinados ao cofinanciamento de programas de extensión universitaria e actividades de divulgación cultural. No ámbito educativo e social, o IES Fernando Esquío de Neda acolleu hoxe a primeira representación de “Papel 2.0”, unha peza teatral impulsada pola Deputación para concienciar sobre o acoso escolar, iniciando un circuíto que percorrerá seis institutos de secundaria da provincia.

Nova xornada de folga no transporte de viaxeiros na Coruña, con “paro total”, segundo os sindicatos

0

Traballadores e traballadoras do sector do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña están a secundar este luns unha nova xornada de paros para esixir “avances” na negociación do convenio colectivo, cun “paro total” por parte dos mesmos, segundo as centrais sindicais.

Trátase dunha folga convocada polos sindicatos CCOO, UXT e CIG, coa que se abre unha nova convocatoria de paros durante este mes, do mesmo xeito que se realizou en decembro. Así, en asemblea, os sindicatos aprobaron novas xornadas de protesta os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro.

Os sindicatos denuncian o “inmovilismo” da patronal de face á negociación do citado convenio, no que a parte sindical demanda melloras salariais e laborais. Neste contexto, advertiron que se non hai achegamento das posturas os traballadores e traballadoras están convocadas a folga indefinida a partir do 2 de febreiro. Neste sentido, inciden en que o principal motivo é a existencia dun convenio “desfasado” e “paralizado” desde hai catro anos.

Todo iso nunha xornada con ampliación de servizos mínimos por parte da Xunta de face a garantir os servizos esenciais aínda que sen movemento de vehículos en cidades como A Coruña. Segundo fontes consultadas por Europa Press, con excepción dalgún bus puntual, non houbo prestación de servizos, nin sequera os mínimos. Esta circunstancia motivou que, no caso do transporte escolar, désese aviso en centros ás familias para buscasen medios alternativos de transporte ao confirmarlles por parte das empresas que non habería a prestación do mesmo.

“O nivel de seguimento está a ser igual que as catro xornadas anteriores“, apuntou a Europa Press o responsable de CIG Transportes, Ernesto Rei, quen subliñou a ausencia de incidentes nunha folga á que están convocados uns 3.500 traballadoras e traballadoras. “Había unha mediación en decembro, pero se pechou”, dixo sobre a falta de contactos coa patronal, á que culpou da situación que atravesa o sector e duns paros que vinculou coa negociación dun convenio colectivo, que “é de hai catro anos”.

“Non se pode tolerar un convenio tan desactualizado“, apostilou para incidir en que salarios, xornada laboral e conciliación son os principais motivos da protesta.

Máis novas

Mobilización do transporte de viaxeiros da Coruña con aviso dunha folga indefinida desde o 2 de febreiro

O Goberno galego licita o proxecto de 264 vivendas públicas en Xuxán

0

A Xunta construirá 264 novas vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña, unha vez que remate a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá modificar o uso de parcelas de terciario a residencial. O Consello da Xunta abordou a licitación do contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción das devanditas vivendas, que será por un importe de máis de 1,6 millóns de euros.

O investimento autonómico estimado na execución das obras de construción destas novas vivendas superará os 50,1 millóns de euros. As mesmas construiranse na parcela 46 de Xuxán, propiedade da Xunta, que inicialmente estaba destinada a usos terciarios pero que, por instancia do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), destinarase á construción de vivendas de promoción pública unha vez rematada a modificación puntual da PXOM por parte do Concello, apunta a Xunta.

Arden dous coches en menos de hora e media na Coruña

0

Dous incendios en vehículos durante as primeiras horas deste luns na Coruña deixaron danos materiais e longas retencións, nun dos casos, na Avenida Alfonso Molina, principal vía de entrada a cidade. A primeira producíase ao redor das 6.45 horas na rúa Gregorio Hernández. Os bombeiros informaron de que un turismo — un Mercedes, máis concretamente — ardía “con moita intensidade e virulencia” e con afección a un colector situado preto e á fachada de dous edificios.

Ao lugar desprazouse unha dotación con dous vehículos e sete bombeiros. Unha vez extinguido o lume, o equipo queda pendente de que o guindastre retire o vehículo para poder limpar a zona peonil e parte da calzada.

O outro foco rexistrouse pouco antes das 8.00 horas na Avenida Alfonso Molina. Os bombeiros destacan que para a extinción deste lume necesitaron 2.000 litros de auga. O suceso, ocorrido poucos minutos antes da hora punta no principal acceso á cidade, provocou longas retencións — o lume e as tarefas de extinción obrigaron a cortar a circulación do carril afectado –.

Izan e unha marea de voluntari@s retirou 150 kg de lixo da area de Riazor

Tivo lugar este sábado unha limpeza simultánea en areais de toda Galicia. Unha xornada promovida dende as redes Izan Voluntario (@voluntariolimpiezagalicia), que tiña como epicentro a praia de Riazor. Izan e uns 15 persoas voluntarias, ás que se sumaron moitas máis persoas de forma espontánea ao ver a acción dende a rúa, protagonizaron a retirada de máis de 150 quilos de residuos.

Durante a intervención atopáronse principalmente toallitas húmidas, microplásticos e restos de botellóns, residuos que supoñen unha grave ameaza para os ecosistemas mariñeiros e costeiros.

Con gran satisfacción, o activista ambiental Izan completaba así a súa limpeza número 125 en toda Galicia, mentres en outras partes do país como Malpica ou Laxe colectivos como Limpocean ou Mar de Fábula se unían á xornada de defensa do litoral galego.

No caso herculino, a xornada contou coa colaboración de Refix Seawater Hydration e de Surfrider, que achegou material necesario para levar a cabo a limpeza. Desde a organización destácase a importancia deste tipo de accións tanto para a retirada directa de residuos como para a sensibilización social, e anímase á cidadanía a participar e reducir o impacto dos seus residuos nos espazos naturais.

Unha nova demostración daa crecente concienciación cidadá sobre o coidado do medio ambiente en todos os sectores da sociedade.

Máis novas

Izan Voluntario convoca este sábado, dende o Orzán, limpezas de praias en toda España

A “movida” medioambiental de San Amaro que reinserta e conciencia