Esta fin de seana chega a Arteixo o exitoso monólogo da dramaturga e actriz, Esther Carrodeguas.‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’ xira en torno á gordofobia cun enfoque e unha posta en escena rompedora.
A peza aborda a relación da autora co seu corpo, marcada pola gordofobia imperante na nosa sociedade. Baixo a dirección de Xavier Castiñeira, Carrodeguas estará acompañada en escena polo artista multidisciplinar Juanma LoDo, quen realiza a sonoplastia da peza, de corte electrónico.
“O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada” é un texto dunha sinceridade crúa que tenta facer ver ás persoas do público de que maneira a gordofobia está instalada na nosa sociedade. “Só o título impactou moitísimo dende o principio. Moitísimas persoas me contactan a miúdo para dicirme que querían ver a obra porque se identificaban completamente con el, o cal indica que temos a gordofobia demasiado cravada. Descubrín co pasar das función que esta historia non é a miña historia, que é a de moitas persoas”—comenta Carrodeguas— que por máis duro que poida ser o fondo, a peza non deixa de ser divertida –asegura—.
O espectáculo estreouse en castelán no Teatro del Barrio de Madrid, pasou pola prestixiosa Fira Tárrega e por numerosas vilas de País Vasco, foi estreada en galego por primeira vez este ano en Narón e tras esgotar entradas en varias vilas galegas chega este venres 15 de novembro ao Auditorio CCC Manuel Murguía de Arteixo ás 20:30h, e o domingo 17 ao Auditorio Lois Tobío de Gondomar ás 19:00h.
A Policía Nacional detivo na Coruña ao autor dun roubo con intimidación ocorrido na vía pública, segundo informa a Xefatura Superior de Policía.
Os feitos sucederon ás 18.00 horas do pasado día 7 de novembro, na rúa Marqués de Figueroa. O home, informa, achegouse a un transeúnte “aparentemente coa intención de solicitarlle diñeiro para poder coller un autobús”.
A vítima sacou a súa carteira para darlle unhas moedas, momento no que o detido “ameázalle con golpearlle se non lle entrega os billetes que portaba”, apunta para engadir que “sentíndose intimidado decide darlle os referidos billetes, para logo abandonar o lugar rapidamente”.
A vítima, tras o ocorrido, chamou ao 091, presentándose unha patrulla no lugar dos feitos, e tras facilitarlle este a descrición do autor do roubo, tentou localizalo sen éxito nas inmediacións.
Tras as xestións de investigación e a comunicación ás diferentes unidades policiais, na mañá do día seguinte, funcionarios adscritos á Brigada Móbil localizaron a este home nas inmediacións da estación de tren, sendo detido como autor dos feitos relatados e posto a disposición xudicial.
Tres acusados de golpear mortalmente a Samuel Luiz, Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C., declararon este mércores na Audiencia Provincial da Coruña mostrando arrepentimento os dous primeiros e cun terceiro exculpándose e culpando aos outros dous.
Unha constante a que levamos vendo este mes de xuízo, cos 5 acusados intentando acusarse mutuamente e tratando de evadir responsabilidades e, por suposto, declarándose “inocentes”.
O principal acusado de iniciar a pelexa
“A imaxe que teño é estar a golpear a Samuel”, admitiu Diego M.M. sobre a madrugada do 3 de xullo de 2021 nunha declaración só a preguntas do seu avogado, facéndoo, por momentos, entre bágoas.
“Quero pedir perdón á familia, isto empezou pola miña culpa”, dixo no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña, con Tribunal do Xurado e despois de que a agresión comezase ao pensar el que Samuel lle estaba gravando cando realmente estaba a facer unha videollamada. “Non recordo” foi unha das expresións máis repetidas por este acusado do que testemuñas afirmaron que chegou a dicir á vítima “voute matar”. “Non sei se patadas e puñadas, non teño nada continuo”, relatou sobre ese día. Para el, como para a súa exmoza, Catherine S.B., á que se considera a persoa que apartou á amiga de Samuel cando tratou de axudar, pídense 25 anos de prisión por delito de asasinato con ensañamento e aleivosía e a agravante de discriminación por orientación sexual da vítima.
Arquivo – Diego M.M., acusado da morte de Samuel Luiz durante o xuízo na Audiencia Provincial da Coruña. M. DYLAN – Arquivo
“NON LANCEI PUÑADAS”
Para Alejandro F.G., que como o anterior alegou consumo de alcol, e tamén no seu caso drogas, reclámanse 22 anos polo delito de asasinato. “En ningún momento lanceille puñadas”, manifestou para rexeitar, ademais, que soubese artes marciais ou facer a técnica do ‘mataleón’, que se lle atribúe. Isto nun relato con alusión ao seu “arrepentimento” e no que recoñeceu que interveu ao actuar de forma “instintiva” e pensar que alguén se estaba pelexando co seu amigo, Diego M.M. “Só forcexeamos uns segundos, non o tentei afogar nin o estrangulei”, indicou para sentenciar que se se deu conta do que estaba a pasar, en relación aos distintos momentos en que segundo as acusacións se produciu a agresión, “tentouna parar”. “Creo que Samuel non morreu pola miña culpa”, argumentou ademais.
UN ACUSADO CULPA AOS ANTERIORES
Á súa vez, Kaio A.S.C., para o que se reclaman 27 anos por asasinato e roubo do móbil de Samuel, limitou a súa intervención o día dos feitos a un intento de separar aos dous anteriores, aos que situou na agresión.“Nunca o toquei”, asegurou para rexeitar que, como sosteñen policías que visionaron imaxes ou algunhas testemuñas, lanzase unha patada. Isto nunha declaración na que se mostrou sereno e na que unicamente se lle viu emocionado cando falou das peticións que fixo a coñecidos e non coñecidos para que falasen ben del en redes sociais cando se lle vinculaba cos feitos. “Eu sempre estiven máis afastado”, dixo nun relato dos feitos nos que admitiu que colleu un móbil, sen saber que era da vítima, e que se decatou diso por “as noticias”.
VALORACIÓN DOS AVOGADOS
Ao termo das súas declaracións, os seus letrados, a preguntas dos xornalistas, mostráronse satisfeitos. “Relatou sen ningún tipo de molestia o que el viu e viviu esa noite”, indicou o avogado de Diego M.M., que rexeitou que buscase “exculparse”. Na mesma liña, o letrado de Alejandro F.G. sinalou que o seu cliente expuxo a súa versión do sucedido “de maneira coherente coa proba”. “Un relato de feitos diametralmente oposto ao que defenden as acusacións”, apuntou. A defensa de Kaio A.S.C., pola súa banda, considerou que os tres procesados que interviñeron nesta xornada “dixeron a verdade”. “Recoñeceuse a implicación do noso cliente na apropiación dun teléfono que non no roubo”, remarcou.
PETICIÓN DE PENAS
Agora, o xuízo chega esta semana ao seu final. Farao despois de que este xoves as partes personadas (Fiscalía, acusación particular, a familia, e a popular, exercida polo colectivo LGTBI Ás Coruña, ademais das defensas) comuniquen se elevan ou non a definitivas as súas peticións, de condena nuns casos e de absolución noutros. Despois, virá a exposición de informes das acusacións e o venres os das defensas, con entrega do obxecto do veredicto ao xurado o luns que deberá determinar a culpabilidade ou non de cada un dos acusados. E é que os peritos confirmaron no xuízo que Samuel morreu por “múltiples golpes”, por “lesións acumulativas” e non por un só golpe mortal.
Neste caso é a A.V.V. Castrillón-Urbanización Soto IAR a que vén de presentar unha batería de alegacións ao convenio urbanístico API Q28 “Parque de Oza”. Ata 31 folios entre os que destacan varios puntos chave.
A entidade pide reducir a edificabilidade. “Non se explica o aumento do aproveitamento en 9.847m2 no PXOM de 2013 nin a incorporación ao ámbito de chan ao lado da Ronda de Outeiro”, pedindo que a edificabilidade non supere o límite legal que se fixa en 1,5 m2/m2.
Piden ademais que a porcentaxe de Vivenda Oficial Protexida sexa do 30% non 10% como está anunciado (sendo o mínimo estipulado pola lei de 2023 o 20%).
Piden tamén que convenio inclúa un equipamento preto da última sede do Concello de Oza, edificio que se vai rehabilitar e respectar.
Moita preocupación hai no barrio ante o aumento de tráfico, por iso piden o compromiso de facer un estudo de tráfico global, tendo en conta que o proxecto de “super manzana” provocará que a intesidade do tráfico aumente considerablemente na parte externa da mesma.
Entre outras cousas esixen tamén elementos electromecánicos de tránsito peonil para unir a urbanización co Parque de Oza.
E ademais, lembran que existe un xacemento arqueolóxico preto da Avenida da Concordia, polo que solicitan a realización de sondeos deste xacemento da Idade de Bronce.
O Concello da Coruña rebaixará un 10% o recibo do lixo durante tres meses para compensar á cidadanía polos efectos da folga do lixo.
Así o informou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, ao trasladar, en rolda de prensa, os asuntos da Xunta de Goberno local.
Nela, aprobouse o orzamento do programa municipal do Talón Restaurante 2025, que contará con 600.000 euros, e as bases da convocatoria das Bolsas Norteamérica para o curso educativo 2025-26.
Na rolda de prensa, e sobre a medida relativa ao recibo do lixo, indicou que o goberno local vea “xusta e necesaria” medida para “compensar” á cidadanía “tras sufrir este verán o impacto da folga, que supuxo un quebranto importante dun servizo esencial para a cidadanía e que é público, que pagamos todas e todos”.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, mantivo este mércores unha reunión co alcalde de Sada, Benito Portela, xunto ao concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Fernando Fariña, no que abordaron os avances no proxecto de melloras estruturais para a redución do risco de inundación dos ríos Maior e Fontoira ao paso polo casco urbano da localidade.
Revisaron a área de risco potencial de inundación que Sada ten nunha lonxitude aproximada de 600 metros e coincide co tramo final dos ríos Maior (403 metros) e Fontoira (211 metros), dentro da vila. Nesta zona producíronse en 2016 unhas importantes inundacións que causaron numerosos danos materiais.
A iniciativa ten como obxectivo diminuír o risco de inundación aumentando a capacidade hidráulica do río ao tempo que se recuperan as condicións ambientais dos leitos. A través de varias accións, mellorarase a calidade ambiental das contornas fluviais ata o máximo
posible dos ríos Maior e Fontoira como hábitats naturais. Ademais, preténdese realizar unha restauración cultural fluvial que recupere os valores inmateriais dos ríos e poña en valor a presenza destes leitos na vida e na historia do municipio.
O portavoz do colectivo de mariscadores da ría do Burgo, Manuel Baldomir, mostrou a sensación “agridoce” que lles deixou unha nova reunión sobre as axudas pendentes mentres non poden faenar. En declaracións tras o encontro, Baldomir queixouse da “sorpresa” de que non acudise ninguén por parte do Goberno central e tan só houbese representación da Xunta, en concreto coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e a xefa territorial de Mar na Coruña, María Cancelo. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, trasladou hai un mes a vontade do Executivo central de completar cun 50 % adicional as axudas que aprobe a Xunta de Galicia para os mariscadores da ría do Burgo ata o seu retorno á actividade.
Respecto diso, Baldomir indica que estes cargos do Executivo galego confirman que “si é certo” que “están a manter negociacións” por parte do Goberno central coa Xunta para abordar as compensacións pola imposibilidade da actividade extractiva, pero “non saben como se pode realizar o financiamento que afirmou o señor delegado (do Goberno) ao patrón maior”.“Dinnos por parte da Consellería do Mar que a través de fondos ordinarios que é imposible”, explica ao tratarse obras de dragado, xa que eses fondos ordinarios están para “recuperar bancos marisqueiros, pero de forma natural, non causados por unha obra”, agrega.
“Non sabemos como pode ser isto”, quéixase. “Por unha banda, dinos o señor delegado que xa ten confirmación da Xunta de que se farán as compensacións ao 50 %; doutra banda, temos a resposta da Consellería do Mar dicíndonos que non saben como se poderá financiar, posto que a través de fondos ordinarios é imposible”, lamenta. “Por unha banda, temos as promesas do delegado de Goberno asumindo que o Goberno e a Xunta chegaron a un acordo para facer os pagos ao 50 %: pero, doutra banda, esta parte agre, a que a Consellería do Mar infórmanos de que si, é certo, que estiveron en negociación, pero que aínda non saben como se vai a poder afrontar, posto que non se pode facer a través de fondos ordinarios”, incide.
Ademais, denuncia que, “a día de hoxe”, débeselles o pago do último trimestre polas obras do dragado, “correspondendo aos meses de febreiro, marzo e abril”. Relata que “a xente está moi asfixiada economicamente”. “Había promesas do delegado do Goberno de que a finais do mes de outubro, principios de novembro, íase a realizar este cobro”, sinala, pero están “a mediados” de novembro “e aínda non se recibiu o cobro”. “Parece que todo o que nos di o delegado do Goberno queda en saco baleiro”, critica. Os mariscadores esperan que na próxima reunión, prevista para o 27 de novembro, acuda representación do Goberno “para poder explicar como son esas negociacións” e que non haxa “só promesas”.
Antes do previsto, pero semella que as obras do derrubamento do esqueleto do Marinete xa están en marcha. Despois de 12 anos de abandono, a veciñanza do barrio, alegrouse moito esta semana ao ver os guindastres comezar a traballar na rúa Mozart.
A actuación conta cun investimento de máis de 773.000 euros e un prazo de catro meses para a súa execución polo que se completarán, previsiblemente, no primeiro trimestre de 2025.
South Europe Ground Services (South), a nova filial de handling do grupo IAG (empresa matriz de Iberia, British Airways e Vueling, entre outras), elixiu a Etiem, firma coruñesa con máis de 20 anos de experiencia, para a elaboración os uniformes do seu persoal de facturación, embarque e coordinación nos 38 aeroportos nos que opera en España.
South escolleu a Etiem tras un concurso entre catro posibles provedores. A empresa galega foi seleccionada “pola súa aposta polo deseño, a funcionalidade e a proximidade na produción ao tratarse dun provedor local”.
Dada a magnitude do proxecto e o seu impacto no día a día de quen vestirán o uniforme, a compañía quixo involucrar aos traballadores na fase de ideación, deseño e selección final das pezas. Por iso un grupo representativo de 10 empregados de distintos aeroportos da rede traballou xunto á firma galega na selección de tecidos, cores e deseños das pezas.
Ademais de representar a marca, os valores e a nova imaxe de South, estas debían ser cómodas para o traballo, respectar os distintos tipos de corpo e adaptarse ás condicións climáticas de cada aeroporto.
“A selección do uniforme dos nosos empregados é un auténtico desafío. Ademais de adaptarse ás necesidades específicas do traballo, debe reflectir a imaxe coa que nos gustaría que os nosos clientes nos identifiquen”, destacou Miguel Ángel Gimeno, CEO de South.
South, que opera en 38 aeroportos en España e presta servizos de asistencia en rampla e pasaxe a aerolíneas do grupo IAG como Iberia, Vueling e British Airways, asegura que con esta iniciativa busca “un uniforme representativo que resultará funcional á vez que versátil e atractivo”.
“Ninghuna lesboana soa”. Ese é o lema da campaña que está a realizar a asociación LesCoruña, que colaboración da Deputación, presentará un relatorio sobre a soidade non desexada nas mulleres lesbianas e bisexuais galegas.
A presentación terá lugar este sábado no espazo Teu Teu (Orzán 96, A Coruña) ás 20.00 horas, na que intervirá Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social da Deputación, Kika Fumero, exdirectora de Canarias. Instituto de Igualdade, participarán , e Eva Mejuto, activista e escritora.
Tras a presentación do relatorio, a xornada vese como un punto de encontro para socializar. A partir das 22.00 horas terá lugar o monólogo La dyke perfect, a cargo do educador social Pitu Aparicio (cuxas entradas pódense mercar en Woutick por 7 euros) e, ao remate da xornada, tocará DJ Saraiba ata as 3.00 horas.