Inicio Blog Páxina 277

O acusado de matar á súa parella en O Birloque alegou o consumo de drogas o día dos feitos

0

O acusado de matar á súa parella no barrio coruñés de O Birloque, en setembro de 2021 tras querer ela romper a relación, cunha convivencia previa desde xullo, alegou, entre bágoas e tremores, consumo de drogas e alcol o día dos feitos.

“Pido perdón”, dixo na primeira sesión do xuízo, na Audiencia Provincial da Coruña. A preguntas do seu letrado — só contestou a esta parte — manifestou lembrar unicamente “o charco”, en alusión ao sangue da vítima. Ademais, afirmou que colleu o coitelo co que presuntamente matou á muller porque quería quitarse “do medio”.

Durante a súa declaración, o procesado relatou que “con 13 anos” comezou a traballar na panadaría que rexentaba a familia da vítima. Tras volver a Canarias, onde foise con 25 anos, foi cando comezou a relación coa muller.

Ademais, apuntou problemas coas drogas “desde pequeno”, dous intentos de suicidio e estar ingresado en centros de psiquiatría. Respecto ao día dos feitos, recoñeceu consumir varios tipos de sustancias. “Collín o diñeiro e funme a beber por aí, tomaba unha pastilla, chupaba fentanilo e así”, dixo.

PETICIÓNS DE CONDENA

Foi tras expor as partes personadas, Fiscalía, acusación particular e defensa, os argumentos para a súa petición, nos dous primeiros casos, de condena a 25 anos de cárcere por asasinato, e de solicitude de cualificación de homicidio por parte do avogado do home. Esta parte sostén que tiña as súas capacidades volitivas e cognitivas afectadas, o que rexeitan as anteriores.

“No momento dos feitos, tiña as facultades seriamente mermadas”, alegou a defensa ao aludir a “doenzas e enfermidades mentais diagnosticadas” e ao consumo de “drogas duras desde a adolescencia”.

Estas circunstancias, segundo argumentou o letrado, levaron ao acusado a ter unha “pulsión irrefreable”. “Un arrebato que dura segundos e que non é capaz de controlar”, concretou.

Ante o xurado, a fiscal asegurou que como agravantes hai “como mínimo” aleivosía, parentesco e de xénero. Ademais, incidiu en ausencia de “colaboración”, algo que remarcou tamén a acusación particular, quen aludiu a falta de arrepentimento.

FEITOS

En relación aos feitos, as acusacións sosteñen que cun coitelo asestoulle varias puñaladas, algunha por detrás, “de forma sorpresiva e repentina” cando ela lle comunicou que quería romper a relación e que abandonase o piso. Para fuxir, o home, sosteñen, apoderouse de diñeiro da vítima.

O acusado, de 51 anos no momento dos feitos, e a muller, de 55 anos, convivían como parella desde xullo de 2021 nun piso propiedade dela. Fiscalía sostén que entre a tarde do 14 de setembro e a madrugada do día seguinte mantiveron unha discusión, motivada pola decisión da vítima de acabar a relación sentimental e na que lle pediu que se marchase de casa.

Tamén argumenta que, tras iso, “de forma sorpresiva e repentina e por detrás”, o procesado — detido en Madrid o día 16 — “asestoulle un número non determinado de puñaladas” que lle ocasionaron a morte á muller, apoderándose de diñeiro dela para fuxir.

Para Fiscalía, o home non aceptou a ruptura, “desprezando a vontade da muller de pór fin á relación, e decidiu acabar coa vida” dela cun coitelo co que lle deu “mínimo dúas” puñaladas nas costas, ademais de recibir noutra zona do corpo “un mínimo de cinco”.

Ante o xurado, o Ministerio Público incidiu, para explicar os motivos da súa petición de pena, en que como agravantes hai “como mínimo” de aleivosía, parentesco e de xénero. “Non chamou á Policía, nin mostrou arrepentimento, fuxiu para evitar ser descuberto e non colaborou”.

Á súa vez, a acusación particular recalcou que “non houbo arrepentimento”. “Cando foi detido non houbo colaboración”, engadiu para alegar que os feitos son asasinato e non homicidio. Tamén atribuíu ao home un “perfil controlador”. “O ataque — engadiu — foi de maneira imprevista, non hai probas de que puidese defenderse nin de loita”.

Inés Rey apela ao consenso para que a cidade sexa unha das sedes do Mundial 2030

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recalcou a “aposta” do Concello para que a cidade herculina sexa unha das sedes do Mundial 2030 e asegurou que vai traballar para “pór de acordo ás administracións” á hora de afrontar o investimento do financiamento integral do estadio de Riazor. “Pasamos esa primeira fase de selección e agora traballaremos, despois de ter a garantía do investimento privado para o estadio, para pór de acordo ás administracións á hora de afrontar o investimento”, explicou a rexedora a preguntas dos xornalistas sobre a repartición da mesma.

Unha achega económica que, segundo sinalou, “non só é positiva para o estadio e para a cidade senón tamén moi positiva para Galicia”. En canto ao rexeitamento da Deputación da Coruña á proposta da Xunta de asumir o 70 % do investimento a partes iguais entre o Concello, o Consello Superior de Deportes (CSD) e o ente provincial, a alcaldesa apuntou a súa negativa a “entrar en ningún tipo de polémica máis”.

EMVSA tamén controlará o parque municipal de vivendas da Coruña para abordar as necesidades de pisos sociais

0

A Xunta de Goberno do Concello da Coruña dará luz verde este mércores aos trámites para completar o procedemento necesario para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) asuma a xestión do parque municipal de vivenda.

Trátase dunha iniciativa impulsada coa finalidade de adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo. Así o informou a rexedora, Inés Rey, nunha comparecencia na que precisou que, a día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais. A estes bens patrimoniais hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 trasteiros.

A data de inicio que marca o encargo a EMVSA para xestionar o Banco Municipal de Vivenda será o próximo 26 outubro e terá vixencia, de inicio, entre os anos 2025 e 2026. Por outra banda, a alcaldesa informou que o consistorio investirá 1,5 milones de euros en melloras de dixitalización e mobilidade sustentable. Fíxoo ao informar sobre o novo contrato de mantemento do software de BiciCoruña, servizo municipal que xa pasou o millón de persoas usuarias no que vai de ano.

Olladas doutro tempo: A Ferrocarrilana

“O maioral, un home pequeno e obeso, de profundas e multicores patillas, saíu da Administración de dilixencias cunha carteira de viaxe que pendurou do enorme cocherón, e logo, voltando a cruzar entre a xente que rodeaba a carrilana, dou o sacramental berro:

  • Ó Coche!

(…) Alleo por completo ó bulicio dos que ían ser os seus compañeiros de estudos, Xerardo deixóuse tragar pola estreita berlina de tres asentos. Ninguén fora a despedilo nin o coñecían na Coruña, onde apenas permanecera vintecatro horas e, sen embargo, sentía tanta tristura ó sair da  risoña cidade coma se alí pasara toda a vida”.

Deste xeito comeza a famosa novela “A Casa da Troia”, de Pérez Lugín. Aínda que se publicou en 1915, a trama desenrólase no ambiente estudantil de Santiago de Compostela a finais do século XIX. O protagonista comeza a súa historia na mesma época e no mesmo punto no que Pedro Ferrer atrapou este momento, na intersección entre a Rúa Nova e a Rúa Real. Xusto no momento en que a carrilana arranca cara o seu destino. Aínda terían por diante unhas sete horas ata chegar a Santiago. Unha longa e incómoda viaxe amenizada polas curvas e saltos dos antigos camiños e polo estrondo dos cascos dos cabalos, cousas capaces de provocar mareos ou dores de testa nuns pasaxeiros apertados no pouco espazo existente no interior do vehículo. Se todo isto non fora dabondo, moitas vecen engadíanse os sofocos provocados polo vapor que desprendía a suor duns animais a pleno esforzo. Unha delicia de traxecto que non se facía do tirón, pois era necesaria unha parada en Mesón do Vento. Alí os viaxeiros estiraban as pernas ou degustaban os produtos dunha típica pousada mentres procedíase ó cambio de cabalos.

Era a mellor forma de desprazarse entre Coruña e Santiago ata que en 1883 construíuse a Estación do Norte, conectando por fin estas dúas cidades co ferrocarril. Este moderno medio de transporte iría deixando no olvido as carrilanas ou dilixencias. As antigas berlinas con tracción animal tiñan como punto de partida e chegada a Rúa Nova. Isto era así porque nos baixos do edificio que destaca na imaxe era onde se atopaban as oficinas da compañía de dilixencias Ferrocarrilana, mentres o resto do edificio funcionaba coma hotel baixo o mesmo nome. Un negocio de transporte e hospedaxe perfectamente coordinado que evitaba ó viaxeiro a tarefa de procurar aloxamento ó remate do traxecto.

O establecemento xa aparece citado na Guía da Coruña publicada por Antonio Coumes-Gay en 1877. Ó ano seguinte poderíase ler un curioso anuncio: “O doutor Goñi, reputado galeno especialista e operador, ten postos en práctica todos os adiantos máis útiles, tanto nacionais coma extranxeiros. Recibe consultas na fonda da Ferrocarrilana. Gratis ós pobres”. Coma Goñi, outros profesionais itinerantes establecíanse en aloxamentos reputados, publicitándose ás veces por uns días antes de continuar o seu camiño cara outras cidades.

O Hotel Ferrocarilana triunfaba a finais do século XIX, e iso que non era a hospedaxe máis luxosa da cidade, pois nesa época o posto de honra estaba reservado para o Hotel Francia.  Pero a súa privilexiada situación e o intelixente enfoque do negocio, ligado ás dilixencias, aportáballe un fluxo contínuo de clientes. Ó longo da súa historia acolleu algún ilustre viaxeiro coma Miguel de Unamuno. O famoso escritor e reitor da Universidade de Salamanca durmiu alí en xuño de 1903, cando viu para dar un discurso no Teatro Principal. Unamuno saudou dende o balcón que vemos na fotografía a unha multitude formada polos socios do Circo de Artesáns -entidade organizadora da charla- e outros moitos admiradores que se achegaron a despedilo.

Esta encrucillada entre o Cantón Grande, a Rúa Real e a Rúa Nova era clave na cidade. Zona de paseo habitual dos coruñeses e punto de chegada dos visitantes. Non resulta estraño que fondas, hoteis, cafés e clubes sociais convivisen en moi poucos metros á redonda. O ambiente desa época a cabalo entre o século XIX e o vinte tiña algo distinto ó de décadas atrás. Estaba a nacer un novo concepto que tendería a desenrolarse ata facerse global hoxe en día: o turismo. Aínda estarían por chegar hoteis máis elegantes e famosos, coma o Palace ou o Atlantic, pero o Ferrocarrilana marcou unha época que xa non voltaría.

O edificio desapareceu en 1950, deixando paso ó Edificio América, máis alto e moderno, co seu famoso Café América no baixo. O Hotel manteuse na nova construción, pero xa non había oficina, nin carrilanas con cabalos. Aquela Coruña dos primeiros hoteis perduraba tan só na lembranza. Tantas e tantas vidas e recordos confluíndo nese punto día tras día, a dos viaxeiros anónimos, os mozos que subían as equipaxes, os estudantes que partían cara a universidade, vendedores itinerantes….. O Ferrocarrilana levou con él infinidade de anaquiños da historia coruñesa, esa historia con minúsculas, a cotiá.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

Oza celebra as Festas da Memoria

0

”Memoria Emocional. Construíndo a memoria de Oza” é o novo proxecto da A.VV. Oza-Gaiteira-Os Castros en clave de memoria. “O obxectivos deste proxecto son identificar, documentar e difundir as pegadas do pasado recente do barrio nun proceso aberto e compartido cos veciños”, explican dende a asociación organizadora. “A nosa intención é crear un relato colectivo das diferentes etapas e acontecementos polos que pasou o barrio creando un mosaico de imaxes, datos e vivencias que vaian dende o máis historicista ata o máis anecdótico”.

E para iso, convocan as “festas da Memoria con varios roteiros e actividades. As charlas están programadas para as 19:00 horas no Forum, e as inauguración de exposición ás 19:30, a mesma hora na que se proxectarán os documentais.

Xosé Alfeirán, Antonio Manuel Fraga ou Ana Romero Masía serán algunhas das ponentes.

Memoria Emocional. Construíndo a memoria de Oza

Para ir investigando, xa podedes ir descubrindo o noso pasado en www.redeoza.org/pantasmasdeoza.

Máis novas

A Romaría dos Castros recupera a memoria do barrio

Defensa do Común e a AVV Oza-Gaiteira-Os Castros mandan as súas propostas para a renovación da fachada marítima

Olladas doutro tempo: O Corralón da Gaiteira

Convocada folga en Navec, empresa de servizos de mantemento en industrias da Coruña

0

A asemblea de traballadores e traballadoras de Navec, empresa que realiza servizos de mantemento na refinaría da Coruña e noutras industrias da comarca, acordou convocar folga a partir do 18 de outubro para esixir garantías no cobro das súas nóminas.

A empresa, “que xa viña arrastrando atrasos no ingreso dos soldos”, sinala a CIG, atópase en concurso de acredores desde o pasado 27 de setembro.

“Polo que, ante a falta de información concreta sobre o abono das nóminas e a continuidade dos empregos, o persoal acordou iniciar mobilizacións para reclamar un plan de viabilidade”, engade.

A central sindical afirma que se atopan a día de hoxe “nun contexto de total incerteza xa que a administración concursal comunicou aos comités de empresa de todo o grupo Navec que non saben o día no que se poderán pagar as nóminas, así como a súa intención de iniciar os trámites dun ERE concursal”.

A CIG, que ostenta a maioría do comité, está en comunicación coa administración concursal e persoal no xulgado de mercantil de Tarragona para seguir o desenvolvemento do proceso “e velar para que se respecten os dereitos do persoal”.

Xulgan a un interno de Teixeiro por distribuír cocaína, heroína e haxix na prisión

0

A Audiencia Provincial da Coruña xulgará o vindeiro xoves a in interno da prisión de Teixeiro acusado de distribuír no interior do cárcere cocaína, heroína e haxix.

Segundo o escrito de acusación fiscal, os feitos remóntanse ao 28 de febreiro de 2023, cando o interno, que se atopaba cumprindo condena por un delito de tráfico de drogas, foi sorprendido en posesión de distintas cantidades de droga dentro do penal.

En concreto, tiña no seu poder 1,45 gramos de cocaína, algo máis de 17 gramos de heroína e 17,7 gramos de resina de cannabis.

Fiscalía considera os feitos como constitutivos dun delito de tráfico de drogas coa agravante de reincidencia e pide para el cinco anos de prisión, así como unha multa de 4.937,1 euros.

A Audiencia da Coruña xulga ao acusado de matar á súa parella no barrio coruñés de O Birloque

0

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará desde este luns o xuízo polo crime dunha muller no barrio coruñés de O Birloque, en 2021. Por estes feitos, Fiscalía solicita unha pena de 25 anos de cárcere por asasinato para o home, a súa parella nese momento.

Será con Tribunal do Xurado tras unha causa que estivo a cargo do Xulgado de Violencia sobre a Muller. De acordo coa planificación prevista, prolongarase ata o 24 de outubro comezando o día 14 coa constitución do xurado e a declaración do acusado.

Entre o 15 e o 24 de outubro, cando está previsto a entrega do veredicto ao Tribunal do Xurado, terán lugar as declaracións testificales e periciais, entre testemuñas, policías nacionais, médicos, forenses e peritos, entre eles os da acusación particular e a defensa.

FEITOS

O acusado, natural da Coruña, e de 51 anos no momento dos feitos, e a muller, de 55 anos, convivían como parella desde xullo de 2021 nun piso propiedade desta na cidade herculina.

No seu escrito de cualificación, o Ministerio Público indica que, entre as 20:00 horas do 14 de setembro dese ano e a unha e media da madrugada do día seguinte, ambos mantiveron unha discusión no domicilio motivada pola decisión desta de terminar a relación sentimental, pedíndolle ao acusado que se marchase de casa.

O home, engade, “díxolle que se ía a arrepentir desta decisión, que non aceptou, desprezando a vontade da muller de pór fin á relación, e decidiu acabar coa vida” dela.

AGRESIÓN CUN COITELO

“A tal fin, entre as 18:00 e 19:00 horas do día 15, o acusado utilizando un coitelo de 20 centímetros de fío e catro centímetros de ancho, de forma sorpresiva e repentina, e por detrás, asestoulle un número non determinado de puñaladas”, engade.

O Ministerio Público apunta que na parte das costas deulle “mínimo dous”, ademais de recibir noutra zona do corpo “un mínimo de cinco”, destacando, ademais, a violencia das mesmas. De feito, incide, as puñaladas perforáronlle a aorta e provocaron un shock hipovolémico que lle causou a morte de forma inmediata á muller, sen que ela tivese, recalca, posibilidade de reacción ante o ataque. Ás dúas da madrugada, Urxencias Sanitarias 061 certificou a súa morte.

Ademais, o acusado, afirma Fiscalía, tras matala “con ánimo de obter diñeiro para fuxir” apoderouse “dunha cantidade comprendida entre 300/400 euros, que pertencían á recadación da panadaría propiedade do pai da falecida, na que ela traballaba”. A vítima tenia dous fillos maiores de idade, convivindo un con ela. O acusado foi detido o 16 de setembro en Madrid onde fuxiu.

Abre na Coruña un Centro de Atención Continuada para persoas en risco de exclusión social

0

O Concello da Coruña puxo en marcha o Centro de Atención Continuada de Pai Rubinos, no barrio de Labañou, co obxectivo de dar servizo a persoas en risco de exclusión social.

Segundo informa o Consistorio, os traballos de reforma levados a cabo no antigo albergue da institución benéfico social supuxeron un investimento de 715.000 euros. As novas dependencias contan con salas polivalentes e un comedor, cunha capacidade para 40 persoas usuarias.

Na actualidade, engade, continúan as obras noutros espazos do centro para crear novas dependencias e ampliar o número máximo de capacidade.

O centro de Labañou complementa os demais recursos cos que conta o Concello para atender a persoas en situación de exclusión social e permite que dispoñan de espazos de descanso e usen as instalacións no horario nocturno de 20.00 a 10.00 horas.

A veciñanza do Castrillón amosa as súas inquedanzas ante a creación de 1.000 novas vivendas

1.000 novas vivendas supoñen un incremento poboacional importante. Por iso, a veciñanza do Castrillón, e tamén os de Oza, Os Castros ou a Gaiteira, está preocupada polo impacto que vai ter a nova urbanización proxectada e anunciada a comezos de agosto polo Concello.

O Concello aproba outras 1.000 vivendas novas no Castrillón

A semana pasada houbo unha reunión entre a Asociación de Veciños do Castrillón e outras entidades da zona, cos técnicos dun proxecto que aínda está en estado embrionario.

Tras escoitar as primeiras ideas e ver os primeiros bosquexos do proxecto, esperan que o proxecto se presente no DOG para preparar alegacións.

”Vémolo con preocupación”, recoñece o presidente da Asociación de Veciños O Castrillón, Ramiro Otero, e non só polas 3 torres de 17 alturas (un edil lles chegou a dicir, como se fose “un orgullo”, que ían ter unha das torres máis altas da cidade, deixando clara a idea de cidade que teñen no goberno socialista) e os outros 15 edificións de 8 pisos.

A preocupación maior vai por todo o que implicará o incrememento poboacional, facendo que o barrio sume 2.500 novos veciñ@s aproximadamente. “Como vai afectar isto aos servizos dun barrio cunha oreografía complicada como a nosa? Como se vai afrontar á accesibilidade? Como vai afectar aos espazos de lecer, os servizos de ensino, centro de saúde…”, pregúntanse Ramiro. “Como vai influir o incremento no tráfico ou nos garaxes se en realidade queremos unha zona peonil?”.

Cousas coma estas serán as que analice pormenorizadamente a veciñanza ante a nova urbanización.

Máis novas urbanísticas

As Percebeiras, Labañou pechado ao mar

A Farruca non poderá saltar polas corredoiras de Visma

O bronco pleno rexeita convenio co fondo de investimento para urbanizar as Xubias

 

 

Defensa do Común e a AVV Oza-Gaiteira-Os Castros mandan as súas propostas para a renovación da fachada marítima