Inicio Blog Páxina 287

As diferentes opinións de PSOE e BNG sobre a primeira reunión para negociar os orzamentos de 2025

0

O Comedor Abelenda do Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá de luns 30 de setembro a primeira reunión “formal” para a negociación dos Orzamentos Municipais de cara ao vindeiro ano 2025, na que participaron unha representación do Goberno municipal e o equipo designado polo BNG.

Pero as conclusións trala primeira reunión son diferentes. O que para o grupo de goberno a reunión “supón o primeiro paso de cara á aprobación duns novos orzamentos”, para o BNG “a negociación propiamente non se iniciou porque o goberno local ten que cumprir os acordos asinados” con anterioridade, sinalou en referencia aos compromisos asinados no Acordo de Investidura e no acordo dos orzamentos de 2024.

Así de claro se amosou o voceiro do BNG Francisco Jorquera, deixando en evidencia que “non tería credibilidade ningún novo acordo se previamente o que xa estaba acordado non se cumpre”.

O borrador

Precisamente, o acordo de investidura recolle que na primeira reunión co BNG, que debería celebrar en setembro, o Goberno Local entregaría un borrador das contas para o próximo exercicio. “Mais esa entrega non se produciu. Non temos ningún borrador. O que fixeron foi comentarnos as grandes liñas que, ao seu xuízo, deberían contemplar os vindeiros orzamentos. Pero iso non é un borrador”, precisa Jorquera, que lembra que pediu xa hai tempo un informe sobre o grao de execución dos orzamentos vixentes, unha das críticas nas que sempre incide tamén o PP.

Un restaurante da Coruña ten a mellor tortilla de patacas de España

0
A elaboración do restaurante O Cabo da Coruña, liderado por Ramón Rodríguez,  coroouse como a mellor tortilla de patacas no XVII Campionato de España que se celebrou no marco da feira Alacante Gastronómica que ten lugar en Fira Alacant-IFA. O segundo premio recaeu en Alejandro Oliveira de la Falda (Madrid) e o terceiro premio logrouno Samu Curbeira, de Café Ankha do Ferrol.
Trátase dunha tortilla moi sinxela, que non ten nada de especial, que gusta a todos“, dixo o gañador, Ramón Rodríguez. “O máis difícil foi a competencia, e o gran nivel de todos os participantes”, indicou. O equipo que liderou Rodríguez espera e confía en que o público e clientes valore este premio, que “supón un gran recoñecemento a todos os anos de traballo que levamos acumulados neste mundo da gastronomía”.
O presidente, Rafael García Santos, manifestou que houbo un “alto nivel” onde un gran número de tortillas superou a puntuación de oito, “o que demostra a dificultade de determinar ao campión desta edición”. En total foron 21 os competidores, deles, seis galegos: dous da Coruña, dous de Betanzos, un de Ferrol e outro de Coirós, todos da provincia da Coruña.

O Básquet Coruña xa fai lenda

0

”Fagamos lenda” reza a campaña de promoción do Basquet Coruña durante este verán pola cidade. E lenda foi o que protagonizaron onte os xogadores do equipo laranxa. Lenda é a que recordarán as 9.300 persoas que ateigaron o Coliseum na histórica estrea do Leyma na ACB, e que dentro de 30 anos lembrarán canto cantamos “Barca, Madrid, xa estamos aquí”, como fixeramos en Riazor a comezos dos 90.

Nin un guionista de netflix imaxinaría un final coma o da primeira vitoria da historia do Leyma na ACB. Unha tripla con tiro libre de Barrueta a 2 segundos do final, e unha boa defensa sobre o eterno Llul, permitiron á cidade gozar dunha vitoria pola mínima (86-85) ante todo un Real Madrid. Todo baixo un ambiente excepcional, inmellorable, que lembra ás mellores ocasións da Copa

Ao longo do partido o Madrid parecía que se escapaba fácil en varias ocasións, gracias, en parte, aos rebotes ofensivos dos Garuba ou Tavares. Pero o equipo laranxa non deixou de crer en ningún momento, gracias ao impacto positivo de cada xogador que ía entrando. A calidade de Taylor no “driblin”, os rebotes e os alleyoops de Diagne (sen dúbida o xogador máis querido por esta afección que o leva vendo crecer dende que chegou ao país), os pases e roubos de Huskic, as aparicións de Beka, os longos brazos de Figueroa, e as triplas de Jakovics, fundamentais para recuperar distancia cando o RM parecía que se marchaba ao comezo do terceiro cuarto.

Antu Diagne co Basquet Coruna
Antu Diagne

Chegaba o treito final, e a bancada comezaba a ruxir en cada ataque. Os xogadores do Madrid fallaban os tiros libres e Jakovis e Taylor, por primeira vez xuntos sobre a pista, mantiñan ao equipo no partido.

E chegaba o telón final, con 3 abaixo na última posesión. Taylor intentaba colarse para sacar o balón fóra para un Barrueta que, apenas 2 minutos fallaba unha trilpa só para case que empatar o partido, pero que nesta ocasión colou unha tripla sobre Musa, forzando a persoal e metendo ao equipo 1 arriba.
Quedaba o ataque rival, e como non, Llul, eterno especialista en convertir remontadas, colleu a pelota pero unha boa defensa coral sacaba o balón case de dentro.

Barrueta autor da canasta de ouro para o Basquet Coruna
Barrueta, autor da canasta de decivisa

Euforia no Coliseum, que volvía vibrar co Tsunami Laranxa antes da marcha dos xogadores aos vestiarios.

Parece que vén unha temporada moi bonita co equipo coruñés na máxima categoría do baloncesto estatal. A estrea, mellor imposible.

Basquet Coruna-Real Madrid 86-85

Epi

Fixo un repaso histórico polos 30 anos de historia o adestrador Diego Epifanio que quixo agradecer e felicitar a toda a familia laranxa antes de valorar o partido. Epi non esqueceu á afección e nomeadamente ao Tsunami laranxa!

No deportivo, o emocionado míster, que xa albiscara unha vitoria pola mínima, destacou a fe do equipo ata o final.

Doce detidos, un na Coruña, nun operativo contra a produción e distribución de porno infantil de Internet

0

Axentes da Policía Nacional detiveron a 12 persoas en oito provincias españolas como presuntos responsables de producir e distribuír contido pornográfico infantil a través de internet. En concreto, os arrestados son das provincias andaluzas de Cádiz, Málaga e Sevilla, ademais de Murcia, Madrid, Zaragoza, Barcelona e A Coruña.

Nunha nota, a Policía Nacional sinalou que o principal investigado é profesor de inglés na cidade gaditana de Alxeciras e gravou presuntamente con cámara oculta ás súas alumnas, menores de idade, durante as clases, ademais de realizar gravacións aos seus dous fillos menores mentres xogaban espidos no seu domicilio.

A investigación iniciouse dentro dos labores preventivos de ciberpatrullaje que realizan habitualmente os axentes para a loita contra a difusión de arquivos de material de abuso sexual infantil a través da web.

A dificultade da investigación radicou en lograr a plena identificación dalgúns dos usuarios, debido ás técnicas de ocultación de identidade que empregaban para obter a maior cantidade de contido sexual infantil posible sen ser detectados nin localizados.

No rexistro do seu domicilio do principal sospeitoso, os axentes localizaron decenas de vídeos focalizados nas zonas máis íntimas das súas alumnas que gravaría presuntamente facendo uso dalgún dispositivo de cámara oculta. Ademais, entre as vítimas do arrestado atópanse os seus dous fillos, aos que gravou en diversas ocasións mentres estes xogaban espidos no seu domicilio.

Como resultado da operación, os axentes arrestaron a 12 persoas nas provincias de Cádiz, Málaga, Sevilla, Murcia, Madrid, Zaragoza, Barcelona e A Coruña. Así mesmo, a investigación permitiu identificar a dez vítimas, todas elas novas con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos.

Por outra banda, froito dos rexistros practicados, interviñéronse 18 discos duros, catro ordenadores, 18 teléfonos móbiles, 25 memorias USB, tres tablets, dous cámaras de fotos e 164 CD/DVD.

A Policía Nacional lembrou aos usuarios de internet e de calquera rede social a importancia de non compartir ou almacenar este tipo de imaxes de menores, xa que estarían a incorrer na comisión dun delito. Ademais, sinalou que é posible denunciar o contido ilegal ante a Policía Nacional a través do correo electrónico denuncias.pornografia.infantil@policia.es.

“Volve chover sobre os murais de Lugrís”

0

Chegou outro outono, xa o cuarto dende que, en 2021, a Asociación Cultural O Mural denunciou no Concello da Coruña o abandono dos frescos que Urbano Lugrís pintou na rúa dos Olmos, “sen que ninguén, nin o Concello nin a Xunta (a nova propietaria dos murais) fixera nada”.

Así lamenta a entidade que “dúas administracións veñen de desaproveitar a estación con menos choivas -época ideal para facer as obras precisas nos edificios que evitarían máis danos nas pinturas- sen facer nada. Se todo segue así, e ninguén asume as competencias de protección de patrimonio cultural que corresponden as dúas administracións, para que gastou a Xunta os 36.000,00 € que pagou polas pinturas?”

“Volveu chover arreo sobre o ruinoso tellado do número 25 de Olmos e volveu caer auga sobre a vista da Coruña e o resto dos 11 murais de Urbano Lugrís e ninguén fai nada”, conclúen.

 

 

CIG e UDC completan o acordo de subida salarial para traballadores, fixando as condicións da súa aplicación

0

A CIG e a Universidade da Coruña (UDC) completaron o acordo de subida salarial para o persoal, fixando as condicións da súa aplicación, segundo informa a central sindical.

O texto final é froito do acordo ao que chegaron o sindicato e a universidade no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para pór fin ao conflito colectivo promovido pola central sindical.

Así todo o persoal que percibe as súas retribucións con cargo ao capítulo V dos orzamentos da UDC terá un incremento do 9,26% na súa nómina do mes de outubro.

Esta subida corresponde aos incrementos dos anos 2022 (3,5%), 2023 (3,5%) e 2024 (2%), “que a UDC non abonou a esta persoal, seguindo un criterio aplicando polo tres universidades galegas como na inmensa maioría das universidades do Estado”, engade.

Unha andaina pola Coruña en clave de Montaña

0

Este sábado tivo lugar a terceira edición do Camiña Coruña, unha andaina non competitiva ideada para explorar moitos dos espazos emblemáticos da cidade, unha iniciativa da Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI), que conta coa colaboración municipal.

Centos de persoas partían o Pazo dos Deportes, facendo tres distancias distintas: a máis curta, de 16 quilómetros, e as outras dúas de 28 e 50 quilómetros, respectivamente, aproveitando os espazos peonís e sendeiros da Coruña e, no caso do percorrido de 16 quilómetros, incluíuse tamén unha proba de geocaching, modalidade que consiste na busca e resolución de adiviñas ou enigmas escondidos ao longo do traxecto, con información de interese sobre a cidade.

Defensa do Común e a AVV Oza-Gaiteira-Os Castros mandan as súas propostas para a renovación da fachada marítima

Tivo lugar este venres unha nova sesión da Comisión Especial da Fachada Marítima. O voceiro da Comisión, o edil do BNG, Francisco Jorquera, xunto con Lage Tuñas (PSOE) e Antonio Deus (PP), recibía no Pazo de María Pita aos presidentes da Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña, Manuel Monge, da Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Paulo Sexto.

A Comisión abre así ás portas ao debate co tecido social da Coruña, para estudar conxuntamente a reordenación da fronte litoral da nosa urbe cotraslado de parte das actividades comerciais portuarias ao Porto Exterior da Punta Langosteira, no marco dun ciclo de xuntanzas nas que tamén participaron presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; o autor do informe da UDC sobre a transformación do porto interior, Carlos Nárdiz; o presidente do Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canles e Portos de Galiza, Enrique Urcola; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza.

Con todo, o tecido social segue a ser algo escéptico coa labor desta Comisión, pero esperan que as demandas veciñais sexan trasladas á Comisión Institucional, o ente que verdadeiramente vai decidir o futuro da nosa vlla.

Urbanizacións

Unha das chaves, outra vez, de todo o proxecto, é a posible urbanización de vivendas privadas no peirao de San Diego, a “xoia de toda a fachada”. Os colectivos sociais teñen claro que ese terreo debe seguir sendo público e de dotación de servizos, coa creación dun bosque, un corredor verde, unha nova lonxa, unha residencia de maiores, equipamentos culturais e deportivos e tamén unha zona para vivendas sociais .

”A renovación urbana destes terreos debe atender a un modelo de cidade baseado na calidade ambiental, conservación do patrimonio e a paisaxe, así como o equilibrio, dos usos produtivos, residenciais e terciarios sustentables e resilientes, polo que se fai necesaria a revisión modelo vixente para a súa adaptación aos paradigmas do urbanismo actual. Modelo que ao mesmo tempo xurda dunha construción colectiva dende o conxunto das administracións, colectivos, institucións, empresas, e cidadanía en xeral”, propoñen dende Oza-Gaiteira-Os Castros..

Recollemos así as propostas das dúas entidades:

Propostas de Defensa do Común

Instar ao Goberno municipal a que elabore no prazo de seis meses as bases dunha proposta de ordenación (de usos e urbanística) e de xestión para o porto interior (peiraos de Bateria/Calvo Sotelo e San Diego), aos efectos do seu traslado e negociación coas restantes administracións competentes e co obxectivo de conveniar, deixando sen efecto os Convenios de 2004, os seguintes apartados:

a) Modificación dos instrumentos de ordenación de usos (Documento de utilización dos espazos portuarios) e urbanísticos (Plan especial de ordenación da zona de servizo do porto e PXOM).

b) Modelo de gobernanza (ente público de xestión).

2.- Apoio e potenciación da continuidade da actividade portuaria no porto interior, en especial no referido ás actividades pesqueiras e de transformación, de economía azul e de actividades comerciais portuarias.

Nos terreos funcionalmente ou tecnicamente non necesarios para a actividade portuaria,
integración do uso de interacción porto-cidade, con destino a usos dotacionais públicos
(equipamentos, espazos libres e zonas verdes)
dentro do obxectivo dun gran parque urbano.

3.- Mantemento da natureza demanial dos terreos, como dominio público marítimo-terrestre, evitando a desafectación e correlativa mutación a patrimoniais dos mesmos.

4.- Coherencia e axuste da futura ordenación do porto interior dentro do ámbito do conxunto do bordo litoral e da súa continuidade polas Xubias até A Pasaxe, en especial no relativo aos sistemas xerais e ás normas de aplicación directa de preservación dos valores ambientais, naturais e paisaxísticos.

5.- Caracterización da natureza e réxime xurídico da entidade pública de xestión dos terreos de interacción porto-cidade, así como das súas fontes de funcionamento.

6.- Esixencia ao Goberno do Estado da condonación do préstamo de Portos do Estado coa Autoridade Portuaria, así como a dotación plurianual significativa de financiamento ás actuacións urbanizadoras de interacción porto-cidade no porto interior, debendo en ambos casos ser incluidas na programación plurianual dos Orzamentos xerais do Estado para o 2025. Todo isto sen prexuizo da procedencia de renegociación das condicións (amortización e intereses) de dito préstamo.

7.- Previsión dentro do novo Plan estratéxico e Plan de empresa da suficiencia de recursos ordinarios derivados da actividade portuaria (taxas de ocupación e de actividade) cos que asegurar tanto a cobertura do financiamento de investimentos operativos como do pago do servizo da débeda.

8.- Dentro do obxectivo do marco de referencia supra-municipal da futura ordenación do porto interior, integrar a mobilidade metropolitana (viaria e ferroviaria) como eixo fundamental na ordenación, coa previsión de integración da estación de San Diego nunha futura rede de cercanías.

9.- Asegurar a imprescindible participación pública e cidadá en todas as fases definidoras do novo escenario do porto interior.
Creación dunha plataforma ou foro de participación estable sobre o litoral, aberto a entidades representativas, aos efectos de colaboración participada na elaboración de propostas, en especial as relativas aos apartados 1 e 5 antes sinalados.

10.- Someter a consulta popular (art. 71 Lei 7/1985) a proposta definitiva sobre a ordenación e xestión do ámbito.

PROPOSTAS DA ASOCIACIÖN OZA-GAITEIRA-OS CASTROS

Transformación de cidade portuaria. Unha revisión documental longo de diferentes experiencias de transformacións de frontes litorais e estratexias de renovación urbana noutras cidades costeiras e aproveitar os traballos realizados.

Sector produtivo. Proxectos inspiradores en canto á integración da sustentabilidade e da innovación social nas súas transformacións de áreas urbanas degradadas ou na reformulación de espazos produtivos (economía Azul).

Aspectos de interese:

  • Territorio: A creación dun novo (CORREDOR VERDE) como eixo territorial de grande impacto ambiental con novas áreas verdes e un espazo público importante para a cidade (XARDÍN BOTÁNICO, ZONAS DEPORTIVAS E DE XOGOS, BOSQUE DE SAN DIEGO… COMO PROLONGACIÓN DOS XARDÍNS DE MÉNDEZ NUÑEZ) restauración tamén permite conectar cultural e ambientalmente.
  • Sera imprescindible a creación de un plan director para a modificación do PXOM.
  • Sustentabilidade: O proceso debe contar ca participación pública. A preservación do medio ambiente é unha demanda.
  • Aposta por unha nova política de transporte enfocada ao transporte público (ESTACIÓN FFCC CERCANÍAS, CARRIL BUS, TRASPORTE MARÍTIMO METROPOLITANO ZONAS PARA TRÁNSITO DE BICICLETAS/CARRIL BICI…).

Queremos dotar de infraestructura, servizos ea unha zona que estaba en deterioro, e xenerar unha nova imaxe para a zona 2 é e certa capacidade residencial para vivienda publica en reximen de aluguer e creación de equipamentos (como Residencia para maiores).

Ademais, a recuperación de parte da recuperación de parte do Río Monelos, que ten un grande consenso social e se recuperaría un antigo espazo da cidade.

Unha das propostas para a fachada Maritima da Coruna
Unha das propostas para presentadas pola AVV

Vindeiras citas

Nas próximas semanas as comparecencias iranse completando coas de Cosme Damián Romai Cousido, do grupo naturalista Hábitat; Ruth Varela, da delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza; Fernando Vidal, presidente da Asociación de Usuarios do Porto; Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa; Severino Ares Lago, da Asociación Pesca Galicia-Arpega-O Barco (asociación de armadores de buques pesqueiros de Galiza); Pilar Parra, directora corporativa de Portos do Estado, ben como tamén representantes da Coruña, Acerga (Asociación de Armadores do Cerco de Galiza) e Arpesco (asociación provincial de armadores de buques de pesca da Coruña).

Máis novas

Garante o protocolo da Fachada Marítima a titularidade pública do terreos portuarios de San Diego?

A refinaría de Repsol comeza unha parada programada durante máis de 60 días en oito unidades de combustibles

0

O complexo industrial de Repsol comeza hoxe unha parada programada en oito plantas da súa área de combustibles, situadas en Bens, que durará máis de 60 días. Segundo informa, o resto das unidades funcionarán con normalidade. Repsol destinará 24,8 millóns de euros á parada. Cun orzamento de máis de 12,5 millóns de euros, realizaranse traballos de mantemento nas plantas con intervención en 200 equipos. Doutra banda, investiranse 12,3 millóns de euros na execución de iniciativas de innovación no medio ambiente, seguridade dos procesos e fiabilidade das unidades.

As instalacións coruñesas están nun proceso de transformación industrial nun polo multienerxético, que contribúe ao obxectivo de Repsol de ser cero emisións netas en 2050. “Deste xeito, durante a parada programada, incorporaranse novas tecnoloxías e levaranse a cabo investimentos centrados no aumento da eficiencia enerxética das plantas e a redución de CO2.” Nesta parada, ademais do persoal de Repsol, traballarán case 700 profesionais cada día.

Os sectores que secundaron a folga por Palestina

0

Esta tarde, ás 20:00h, o Obelisco acollerá unha nova, pero especial, concentración en favor do pobo palestino polo remate do xenocidio sionista.

Unha concentración que chega no marco da folga xeral convocada polos colectivos CGT Galiza, Solidariedade Obreira Galiza, CNT Galiza, a Asemblea Internacionalista de Compostela e a Rede Galega pola Palestina.

A CGT considera que a xornada de Folga Xeral tivo unha “moderada incidencia na provincia da Coruña”. Na cidade houbo incidencia no transporte ferroviario coa supresión dun dos trens que unen A Coruña con Vigo. Houbo un seguimento salientable no sector de telemárquetin e na empresa de Correos, sendo no resto dos sectores e empresas un seguimento parcial.

Ao longo do día, produciranse manifestacións e concentracións en solidariedade co pobo palestino, co apoio de colectivos sociais. A cita na Coruña, ás 20:00h no Obelisco.