Inicio Blog Páxina 286

As traballadoras das Escolas Infantís Municipais esíxenlle a Borrego mellores condicións

Vén de lonxe a problemática das traballadoras da rede de escolas infantís municipais 0-3 do Concello da Coruña. Xa a finais de 2023 se manifestaban deixando claro que “son educadoras, non coidadoras”, esixindo uns salarios dignos. O pasado mes de marzo, o Concello enviaba unha proposta que non cumpría coas demandas do colectivo, que respondía cunha táboa reivindicativa coas súas esixencias. Dende ese abril, as 110 traballadoras non recibiron novas municipais.

Este pasado mes de decembro xa llo lembraban, pero o Concello volveu dar a calada por resposta. Ata hoxe, martes 4 de febreiro, cando a CIG convocaba unha concentración na Praza de María e Pita ante a falta de resposta por parte do Goberno local ás demandas para atallar a precariedade laboral e salarial que padecen e mellorar a atención ás crianzas.

Aí si, o concelleiro de Educación Ignacio Borrego baixou a falar coas representantes dos traballadores, deixando patente que o contrato non se pode modificar ante a incredulidade das presentes.

Concentración das traballadoras das escolas infantis da Coruna co concelleiro Ignacio Borrego 1

Peticións para a nova adxudicación

Cómpre lembrar que as oito escolas municipais (Cativos, Luís Seoane, Roseiras, Caracola, Agra do Orzán, Arela, Montealto e Carrianta) son propiedade do Concello da Coruña, pero a súa xestión está privatizada e que convenio que se lle aplica ao persoal é o estatal de educación infantil, cuxas negociacións están estancadas dende 2021 e que contempla condicións salariais e laborais de miseria.

A CIG pide ao Concello que tome medidas pensando no novo proceso de adxudicación do servizo, non só con melloras nas condicións salariais, senón tamén melloras do calendario escolar e dos horarios “para que tamén nós teñamos dereito á conciliación da vida laboral e familiar”, e melloras de tipo social como prioridade nas prazas para as crianzas do persoal traballador das propias escolas.

No aspecto educativo, piden unha baixada das ratios nas aulas, ou que se doten de parella educativa -como xa se fai nas Galiñas Azuis no propio concello-, para mellorar a vida das nenas e os nenos nas escolas e o traballo das educadoras, así como do resto do persoal. A este respecto, reclaman tamén asegurar unha atención adecuada ao alumnado con necesidades educativas especiais mediante a dotación dos recursos materiais e humanos necesarios para a detección temperá e os coidados apropiados.

Máis novas do conflito

As traballadoras da rede de escolas infantís municipais esixen ao Concello que cumpla as súas promesas

A folga das traballadoras das Escolas Infantís: “Somos educadoras, non coidadoras”

A defensa de Diego M.M., o mozo que iniciou a agresión mortal a Samuel Luiz, recorre a sentenza

0

A defensa de Diego M.M., o mozo que iniciou a agresión mortal a Samuel Luiz — ocorrida en xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés — sumouse aos recursos anunciados xa no seu día polos letrados dos outros tres novos condenados por estes mesmos feitos.

Así o ratificou a Europa Press o letrado Luís Manuel Salgado despois de que, tras o fallo condenatorio, asegurase que estudaría a posibilidade dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que finalmente xa formalizou.

Fíxoo en base, ratificou, aos mesmos argumentos que esgrimiu no xuízo, entre eles que o seu cliente non tiña intención de matar ou rexeitando que a orientación sexual do falecido influíse, algo que si considerou probado o Tribunal do Xurado.

Desta forma, súmase aos recursos xa anunciados dos letrados de Alejandro F.G., condenado a 20 anos de cárcere; Kaio A.S.C, ao que se lle impuxo 20 anos e medio, e a de Alejandro M.R., ao que se lle condenou a 10 anos como cómplice de asasinato.

Do cinco novos acusados, considerouse non culpable á única moza, C.S.B., mentres que ao seu entón parella Diego M.M., ao concorrer a circunstancia agravante de discriminación por motivos de orientación sexual, a maxistrada presidenta impúxolle 24 anos de cárcere, pena moi próxima ao máximo legal — 25 anos –, que non lle aplicou porque o xurado non apreciou a agravante de ensañamiento.

Pola súa banda, a Alejandro F.G. condenouno a 20 anos de cárcere pois explicaba no fallo que a non concorrencia de circunstancias agravantes nin atenuantes determina a imposición da pena na súa metade inferior, o que abarca un arco punitivo que vai de 15 a 20 anos de prisión, do mesmo xeito que no caso de Kaio A.S.C.

A leste impúxolle un total de 20 anos e medio — 17 anos polo asasinato e tres anos e medio polo roubo con violencia– pois indicou que a súa intervención no asasinato “non alcanza a entidade” da de Diego M.M. e Alejandro F.G.

A Alejandro M.R. condenouno a 10 anos de cárcere xa que, ao tratarse dun cómplice de asasinato, sinalou que procedía impor a pena inferior en grao que, neste caso, abarca un arco punitivo de 7 anos e medio a 15 anos de prisión.

O persoal sanitario concéntrase no CHUAC en apoio aos dous agredidos e esixindo máis seguridade

Despois da agresión sufrida onte por un enfermeiro e un garda de seguridade privada nas Urxencias do CHUAC, e mentres o enfermeiro permanece estable en planta, a comunidade sanitaria realizaba unha concentración de apoio esta mañá diante do hospital herculino.

Con arengas como “Non se xoga coa nosa saúde”, ”Conselleiro escoita, estamos en loita”, “dignidade para docentes”, “todos somos Ismael” (polo enfermeiro agredido) e detrás de pancartas co lemas como “a precariedade tamén é violencia”, “psiquiatría dignidade” ou “stop agresións”, toda a comunidade sanitaria fixo un parón ás 12:00h para protestar. Enfermeiros, dirección, médicos, membros da administración, de seguridade, limpeza…. quixeron amosar o seu apoio aos dous agredidos, pero tamén esixir máis seguridade na sanidade pública. Tamén intentou aparecer o Xefe Territorial do Sergas, Luís Verdes, pero os facultativos acabaron botándoo “fóra” da concentración.

“Pedimos máis medios en relación a espazos e a profesionais, no ámbito sanitario e no de seguridade”, esixiu a presidenta da Comisión de Centro do Chuac, María Formoso, en declaracións aos medios de comunicación, tras asegurar que “as agresións son frecuentes ao persoal que traballa nos centros sanitarios”

“Isto acaba sendo un episodio dantesco como o que vivimos onte, pero agresións se que se sofren habitualmente, isto non é un feito illado”, denunciou a tamén secretaria comarcal de CIG-Saúde.

Leron un manifesto non que rexeitaron todo tipo de agresións (físicas e verbais) e ataques cara calquera persoal do eido sanitario e sobre todo esixiron ao Sergas medidas efectivas que garanticen a protección e seguridade dos profesionais e persoal sanitario e non sanitario, así como a revisión e aplicación efectiva dos protocolos ante as agresións, con medidas concretas para previr estos incidentes. Piden tamén apoio psicolóxico e legal para os profesionais afectados e mellores condicións e recursos para atender a pacientes con enfermidades psiquiátricas ou alteracións do comportamento.

Protesta ante o Chuac pola agresión con arma branca a un enfermeiro e a un vixiante de seguridade. SATSE

O Conselleiro lamenta a agresión

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou “moitísimo” a agresión e asegurou que farán unha “análise estrita do que pasou” para comprobar “se os protocolos cumpríronse”. O conselleiro desvelou que falou “esta mañá” con Ismael, o enfermeiro que continúa ingresado tras recibir tres coiteladas no abdome e un corte na cara. “Probablemente reciba o alta hoxe mesmo”, avanzou.

Asegurou que o “compromiso da Consellería cos profesionais é absoluto”, ao brindar “apoio tanto psicolóxico como legal” aos traballadores que sofren episodios deste tipo. Sobre se fará falta reforzar a seguridade ou algunha outra medida, como separar a pacientes psiquiátricos do resto en urxencias, o conselleiro insistiu en que se fará “unha análise causa-raíz”, desde que o propio paciente “saíu da súa casa” e foi trasladado ao hospital prol o 061, para “ver se os protocolos cumpríronse e se nalgún momento houbo algún erro”. “En función diso, verase se hai algo que modificar ou non”, agregou. “Insisto, hai que investigar o que pasou. Non é lóxico que un paciente entre nun hospital cunha arma branca”, dixo posteriormente, ao responder a outra pregunta.

A Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) condenou o ataque con arma branca sufrido polo enfermeiro de urxencias e un garda de seguridade mentres ambos desempeñaban as súas funcións no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Nun comunicado, urxe medidas e remarca que, segundo da tos do Ministerio de Sanidade, no ano 2022 notificáronse un total de 13.210 agresións a profesionais sanitarios. “O dato parcial de 2023 é de 9.398 agresións”, engade.

 

Máis novas

O enfermeiro apuñalado na Coruña permanece estable e ingresado en planta

Un paciente agride cunha arma branca a un enfermeiro e un garda de seguridade no complexo hospitalario da Coruña

 

 

Guía do Concello da Coruña para orientar o alumnado na súa formación

0

O Concello da Coruña publicou na web municipal a guía ‘Ti elixes’, unha ferramenta divulgativa para achegar información a alumnado de centros educativos na súa formación ou estudos.

Será ao amparo das Xornadas de Orientación Artística e Profesional, que terán lugar entre os días 17 e 19 de febreiro na Coruña.

A guía, elaborada polo equipo de profesionais da Rede Municipal de Información Xuvenil, “axuda a resolver dúbidas recorrentes en relación cos estudos, bolsas e axudas de educación secundaria, formación profesional e títulos superiores e universitarios“.

“Tamén facilita recursos á hora de buscar emprego e no referente ás titulacións de idiomas”, precisa sobre a mesma o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego.

Administradores de leiras de Galicia contrarios a que A Coruña sexa zona de mercado residencial tensionado

0

O Colexio oficial de Administradores de Leiras de Galicia (Coafga) manifestou a súa oposición á posible declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado. Nunha nota de prensa, a entidade considera que esta medida, “lonxe de solucionar o problema de acceso á vivenda”, podería provocar “efectos adversos, como a redución da oferta de aluguer e un incremento dos prezos en municipios próximos”.

Así mesmo, profesionais do Colexio sinalaron que “o exemplo máis claro” é Cataluña, onde “a aplicación de medidas similares resultou un fracaso absoluto”. Neste caso, engadiron, “en lugar de mellorar o acceso á vivenda, a intervención no mercado do aluguer reduciu a oferta de inmobles”, xa que “moitos propietarios optaron por retirar as súas vivendas do mercado debido á inseguridade xurídica ou á falta de rendibilidade”.

Ademais, aseguraron que esta medida “tamén provocou un aumento dos prezos en municipios limítrofes ao desprazar a demanda cara a poboacións próximas”. Neste contexto, o Colexio defendeu que a solución aos problemas de acceso á vivenda no Concello da Coruña “non pasa por intervir os prezos”, senón por “fomentar a oferta, ofrecendo incentivos fiscais para os propietarios, facilitando a rehabilitación de vivendas baleiras e realizando políticas que promovan o aluguer a longo prazo con garantías xurídicas”.

Do mesmo xeito, os administradores de leiras colexiados de Galicia tamén consideraron que a “incerteza regulatoria desincentiva a construción de nova vivenda en aluguer, o que agrava a escaseza a medio e longo prazo”. Por todo iso, o Colexio solicita ao consistorio coruñés que reconsidere esta medida e propoña solucións “máis sustentables”.

O enfermeiro apuñalado na Coruña permanece estable e ingresado en planta

0

O enfermeiro agredido este luns cunha arma branca por un paciente no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) permanece estable e ingresado en planta.

Os feitos producíronse na tarde deste luns, por mor da chegada dun paciente que fora trasladado a urxencias polos servizos do 061.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, cando estaba a ser tratado, este feriu cunha arma branca a un enfermeiro e a un garda de seguridade do centro, que foi alcanzado na cara antes de que o agresor puidese ser reducido e sufriu feridas de carácter leve. Outras fontes coñecedoras dos feitos explicaron que se puido ouvir gritar ao enfermeiro, duns 30 anos, que tiña polo menos dúas feridas efectuadas coa arma branca.

O Conselleiro avanzou que “probablemente recibirá o alta hoxe.”

APOIO DAS PROFESIONAIS DO SECTOR

O Colexio de Enfermaría da Coruña mostrou a súa “máis firme condena” á agresión sufrida por un enfermeiro do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) este luns e pediu medidas para “frear a violencia no ámbito sanitario”.

A violencia contra os profesionais sanitarios supón unha grave afronta contra quen, día a día, entréganse ao coidado dos demais, polo que pedimos que se adopten todas as medidas necesarias para frear, a tempo, a violencia no ámbito sanitario”, reclamou.

O presidente da institución colexial, Avelino Castro, lembrou que en 2023, último ano do que se teñen datos oficiais, “producíronse máis de 200 agresións a enfermeiras en Galicia, segundo o Observatorio de Agresións do Consello Xeral de Enfermaría”.

No conxunto de España, destacou, “foron 2.840 agresións, un 10% máis que en 2022”. “É dicir, en España, cada día produciuse unha media de case oito agresións a enfermeiras. É intolerable”, censurou o presidente do COE da Coruña.

Así mesmo, a entidade expliquei que a agresión física contra profesionais sanitarios no exercicio da súa función é considerada delito de atentado e pode supor penas de prisión dun a catro anos, mesmo superiores se a agresión se realiza cunha arma perigosa e se provoca lesións graves. Nesta liña, Avelino Castro manifestou que “ano tras ano aumenta entre as enfermeiras a concienciación da importancia de denunciar todo tipo de agresións”. “Ningunha agresión debe quedar sen denunciar”, insistiu antes de reivindicar que as profesionais “non teñen por que soportar vexacións nin agresións”.

A Deputación da Coruña convoca dez premios á creación literaria, artística e musical

0

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases de dez dos seus certames de creación literaria, artística e musical.

Segundo informa o organismo provincial, trátase de:

  • XX Premio Castelao de banda deseñada,
  • XX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica,
  • XV Premio Manuel Murguía de ensaio,
  • XIX Premio Reina Lupa de literatura infantil e xuvenil,
  • XXXVII Premio Internacional Torrente Ballester de narrativa — tanto en lingua galega como en castelá —
  • XIX Certame de arte Isaac Díaz Pardo.
  • XIX Premio internacional Luís Ksado de fotografía,
  • XXII Premio Rafael Dieste de textos teatrais,
  • XVII Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais
  • IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero.

Todos eles, apunta, suman unha dotación de 109.000 euros. O prazo de presentación de obras estará aberto do 10 de febreiro ao 10 de abril en todos os premios excepto o Luís Ksado, que admitirá coleccións ata o 30 de maio.

Duncan Dhu e Pignoise, entre as novas incorporacións da Morriña Festival da Coruña

0

A Morriña Festival desvelou este martes algunhas das súas novas incorporacións como Duncan Dhu e Pignoise, que se unen aos xa confirmados como Residente, Jhayco, Mikel Izal e Xenebras, entre outros.

Aínda que tal e como destaca a organización, aínda quedan nomes por anunciar, incluídos algunha cabeza de cartel, Alcalá Norte, Ventiuno, Tu Outra Bonita, Michenlo, Querido, Hey Kid, Inazio e Gale súmanse tamén a Miss Caffeina, Marlon, Mar Loces e Miriam Rodríguez.

O festival celebrarase os días 25 e 26 de xullo e os primeiros abonos sairán á venda o 6 de febreiro.

A circulación de trens entre o porto exterior da Coruña e o Eixo Atlántico estará en marcha en 2027

0

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, fixou “no horizonte de 2027” a circulación de trens entre o porto exterior da Coruña e o Eixo Atlántico, segundo manifestou ao asistir ao cale — o encontro entre dous extremos — do túnel 1 e a última voadura do acceso ferroviario, na boca situada á beira do polígono de Vío.

“A obra, que ten que estar concluída antes do 30 de xuño de 2026”, expuso sinalando que esta infraestrutura “abrirá a porta do porto exterior da coruña ao tráfico ferroportuario“.

“Calculamos que o resultado da entrada en explotación deste túnel e desta conexión levará a Punta Langosteira mover en tren máis de 600.000 toneladas ao ano”, explicou.

Puente indicou, ademais, que o obxectivo é “chegar ao 10% de mercadorías en transporte ferroviario en España antes do ano 2030”. “Somos o país da Unión Europea que ten un menor tráfico de mercadorías por tren, só un 4% da nosa cota fronte ao 17% da media europea”, recoñeceu.

Neste sentido, apuntou ao “compromiso” o Goberno central de “duplicar a nosa actual porcentaxe antes de 2030”. Para iso, cualificou como “absolutamente clave” a conexión cos portos, o cales “actualmente representan máis do 50% das mercadorías que se moven en tren no noso país”.

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Ponte, na súa intervención tras o cale do túnel do acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña. M. Dylan - Europa Press
O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Ponte, na súa intervención tras o cale do túnel do acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña. M. Dylan – Europa Press

ÚLTIMA VOADURA

O túnel 1 é a parte máis representativa do novo acceso xa que supón o 55% da lonxitude total do tramo de 6,7 quilómetros que conectará o porto da Coruña co Eixo Atlántico. É o máis longo do tres túneles que integran o novo trazado. A nova infraestrutura para o acceso ferroviario supón un investimento de 124 millóns de euros e está financiada na súa totalidade con fondos Next Generation.

No acto, o ministro incidiu en que “. “Hai pouco máis de dous anos que se iniciaron as obras dos máis de seis quilómetros desta conexión, dos que o 80% correspóndese ao tres túneles”, lembrou.

Cale da obra da conexion ferroviaria do Porto exterior da Coruna
Cale da obra da conexion ferroviaria do Porto exterior da Coruña

RAMAL SUR

Respecto ao ramal sur de acceso ao porto exterior da Coruña en Punta Langosteira, e que conecta co tren de Alta Velocidade, a vía cara a Santiago, o ministro sinalou que se está “analizando como mellorar a súa conexión” co obxectivo de “garantir o movemento cara ao Eixo Atlántico en sentido A Coruña pero tamén en sentido Vigo”.

“Estamos xa redactando un estudo adicional para resolvelo”, incidiu para apuntar á “posibilidade” de dotar dunha nova terminal de mercadorías “que permita dar servizo aos tráficos” que actualmente recibe a da Coruña-San Diego, situada xunto ao porto interior da cidade. “Queremos escoitar a proposta do Concello de Culleredo sobre a súa posible localización”, avanzou.

Mapa conexion ferroviaria Punta Langosteira

CORUÑA MARÍTIMA

En canto ao proxecto Coruña Marítima, que determinará a reordenación dos peiraos urbanos da cidade, Puente dixo que o Goberno subscribirá coa Xunta e o Concello da cidade herculina o convenio para financiar o seu plan “durante o tres anos seguintes”.

“A Admistración estatal no seu conxunto, a través do propio Ministerio, Adif, Portos do Estado e Autoridade Portuaria vai custear dúas terceiras partes estimado en máis de 3,3 millóns de euros”, concretou.

Máis novas

O Plan Director do Corredor Atlántico avanza na conexión por tren entre o Porto Exterior e o porto interior da Coruña

Pepe Cunha, 25 anos á fronte do mellor programa de música galega contemporánea, “Ábrete de Orellas”

0

Non esaxeramos se Ábrete de Orellas é o mellor programa de música galega contemporánea. E seguramente o máis lonxevo tras case 25 anos nas ondas. Ademais de en diversas plataformas online, este programa libre de autor sae nas ondas das emisoras da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, facendo unha labor de altofalante das novas creacións dos atistas do noso país impagables.

O seu compromiso demóstrase nas continuas mostras de cariño que a comunidade artística lle dedica cada dous por tres, deixando patente a necesidade de que espazos coma este manteñan a actualidade de todo o que se crea no país.

Falamos con Pepe Cunha, unha lenda das ondas pangalaicas.

 

– Máis de 550 programas de Ábrete de Orellas… E disme que eses son dende o 2013, pero que antes xa estiveras nas ondas? Cantos anos levas espallando a música galega?

Regresei ás ondas en outono de 2013 e si que esta etapa está moi centrada na música que se fai na Galiza, estes 550 programas. Os comezos foron na emisora universitaria de Ferrol Radio Kaos a finais de 1997, pero non compartía case nada de música galega, algo que foi mudando cos anos e coa nova etapa tras a creación da comunitaria Rádio FilispiM, xa neste século. Digamos que coa música do país vou para os 25 anos.

– Como foi o comezo a gravar o programa? Que foi o que che levou a darlle ao rec?

Se de adolescente compartía música en K7s e festas e celebracións, logo tocou a hostalaría de DJ e probar cun carácter amador nunha radio. O irmán dun ex-compañeiro de instituto viu que a miña letra aparecía en moitas K7s que había na súa casa e pensou que eu tiña que compartir músicas en Radio Kaos. Eu rematara a carreira, volvera a Ferrol e tiña que ocupar a miña vida con actividade. Aprendín de cero e a base de me escoitar e apuntar erros.

– En que plataformas e en que emisoras podemos escoitar o programa? Escoitase tamén fóra de Galicia?

Aparte de ivoox ou archive.org, o programa compárteno as emisoras da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria …), Podgalego, Agora.gal, algunhas municipais como Radio Redondela ou Radio Allariz, A Xente de Teo ou a radio de Pontevedra Viva. Supoño que fóra da Galiza tamén se escoita, pero non investigo nas cifras que saen de conexión desde diferentes lugares.

– Indo un pouco cara as túas orixes, que música escoitabas de rapaz?

Estaba sempre pegado á radio e ía descubrindo emisoras e programas. A diversidade dos 80 colleume dos 8 ao 18 aniños, para te faceres unha idea. Se me pides nomes favoritos daquela e que seguen a selo son Radio Futura, 091, The Cure, The Smiths, Talking Heads, El Último de la Fila, The Clash, Golpes Bajos, The Kinks, Siniestro Total, Bob Marley and The Wailers, La Polla Records …

– Cales foron os primeiros grupos de música galega que te marcaron?

Os Resentidos, Os Diplomáticos de Monte Alto, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, Os Cempés…

– Como viviches o bravú?

Coincidiume coa carreira e non escoitaba a Radio Galega nin vía o Xabarín Club, onde soaban esas músicas. Engancheime xa ao debut dos Diplomáticos, que collín para gravar dunha tenda de alugueiro de CDs a carón da estación de buses da Coruña. A outras bandas cheguei, aínda que non o consumía moito. Realmente non o vivín moi de preto pois pouco concerteaba daquela, pero había cousas que me prestaban, como os Skornabois.

– Sei que pateas moitas salas, cales son as túas favoritas da nosa provincia?

Cada unha cos seus sinais de identidade pois a Sala Mardigras, a Capitol, a Garufa, Casa das Crechas, a Pousada da Galiza Imaxinaria … e lembro grandes momentos nas desaparecidas Super 8 en Ferrol ou Dzine en San Sadurniño. Houbo un tempo no que quería viaxar polo país e facer minireportaxes sobre as salas, pero isto é altruísta e a vida e os cartos repártense entre máis actividades.

– Un concerto de bandas galegas que recordes con especial cariño?

Houbo unha noite nas Festas de Ferrol de 1999 cun cartel top: Os Cempés, Berrogüetto e Leilía. Destes dous últimos lembro as xiras de despedida, así como a de The Homens; presentacións de Caamaño e Ameixeiras, Dios Ke Te Crew ou Mondra na Capitol, a xira Síntese Horizonte de Guadi Galego, Mercedes Peón, Uxía e Narf, Lamatumbá, Tanxugueiras no Coliseum … e en especial moitos con pouco público de artistas que despois creceron. E todos os que organicei, claro.

– Que festivais da Costa da Morte ou da Coruña practicas?

Cada vez son menos de festivais, a verdade, por todo no que se converteron. Por non me estender, digamos que unha diversidade mal entendida. Son fiel, iso si, ao Jazz de Ría ou Felipop, a cousas do Noroeste e podo deixarme caer por calquera que tire máis polo encanto e a curiosidade que por vender billetes.

– Que bandas da Coruña, e tamén da Costa da Morte, destacarías?

Costa da Morte e área da Coruña? Belem Tajes, Caamaño e Ameixeiras, Antía Muíño, Zavala, Orquestra Bravú Xangai… Faltaranme por coñecer moitas porque, malia ser comunicador, boto en falla comunicación e correos de presentación de moitas bandas. É o que ten non ser influencer ou colaborar en medios con nome.

Pepe Cunha con Xurxo Souto
Pepe Cunha con Xurxo Souto

– Que bandas cres que o van petar en 2025?

Se falamos de petar como mover xente a concertos pois imaxino que, como sempre pasou, as que teñan produtoras que se movan ben no momento e se asocien aos medios de influencia. Coas posibilidades que ofrece a difusión pola Internet hai máis seguidismo ca nunca, parece mentira. Pero si, teño nomes na cabeza e van sacar disco neste 2025, mais prefiro aproveitar para mencionar outros que me gustaría recibisen máis atención: Carabela, Zavala, Monboi, Carmela, Mocho Gris, Hugo Guezeta, A Pedreira, Anxo Araújo, Caldo, Sun Iou, Resaka Emocional …

– Como se consegue ese respecto do tecido musiqueiro galego?

O que se opine de min será unha mestura de factores así que pódoche dicir o que creo que ofrezo: respecto ao traballo das artistas, atención, curiosidade, constancia, perspectiva, independencia, diversidade.

– Que significou para ti os Premios Martín Códax da Música ao mellor Espazo de Comunicación Musical en 2016 e 2018?

Pois un apoio moral ben grande porque hai momentos que chega a ser canso facer isto só, cos medios mínimos, no tempo do lecer, e compensa o feito de os medios públicos e subvencionados non me fagan un oco ou me teñan sinalado polo meu compromiso, vai ti saber. Un xute de ánimo e visibilidade, que é a intención destes premios.

– As bandas galegas enchen salas e pavillóns en Galicia, pero tamén en Madrid e no resto de Europa. Cres que a música galega está no seu mellor momento da historia?

Pois paréceme moito dicir, porque houbo outros momentos bos, puntuais tamén. Porén, que se vivimos un momento de moda, repercusión, visualización necesario? Sen dúbida. Que hai unha diversidade que non houbo noutros tempos? Tamén.

– Cres que está chegando á xente máis nova??

Si, grazas a propostas como Tanxugueiras, Mondra ou Fillas de Cassandra, como pasou no seu momento con Sés, pero segue a predominar esa porcentaxe moi alta de militancia para coa lingua. O que temo é que quede nunha moda, nalgo pasaxeiro, con moita oferta de tradicional máis electrónica. Ademais compártense sobre todo contidos simples, mesmo competitivos e se incide no que máis gusta xa en troques de aproveitar o tirón para situar o foco na calidade e a diversidade.

pepe Cunha coas Fillas de Cassandra
pepe Cunha coas Fillas de Cassandra

– Que poden facer as administración para promocionar a nosa música?

Opino desde fóra, que eu non traballo para ningún medio ou produtora/promotora. Cómpre que a CRTVG cumpra co servizo que debe dar, que se tomen medidas para consolidar e mellorar o que hai, e iso faise desde abaixo, escoitando as necesidades do sector. O de subvencionar para inflar cachés a quen se move mellor, pois non. Ademais de que non poden tocar só e en case todos lados os 4 e 5 nomes de moda no momento. Se hai cartos públicos, ten que haber unha cota de artistas do país e con condicións dignas.

 

Máis novas

A artista coruñesa XA’LUM lanza Beiriña, o seu novo sinxelo

Amoebo lanza “Unha foto”, o seu novo sinxelo