Inicio Blog Páxina 306

Un equipo coruñés, pioneiro na práctica do roller derby: As Brigantias

0

Se che digo roller derby, sabes dicir de que trata? No Xornal da Coruña e no Galicia Confidencial continuamos visibilizando diferentes disciplinas deportivas, nas anteriores entregas coñecemos máis sobre billarda, petanca, rugby, fútbol gaélico ou chave. Viaxamos ata Estados Unidos, nos anos 20, onde nace o denominado roller derby, un deporte de contacto, velocidade e estratexia. “Tivo os seus inicios coas carreiras en velódromo de patíns, coincidindo coa primeira crise grande deses anos e comezou a derivar en espectáculo”, así o expón Percebeira, nome derby de Rosalía Varela, pintora artística e xogadora de As Brigantias de A Coruña. Da súa man imos facer un percorrido por este deporte. Destaca que foi “moi inclusivo con todo tipo de xéneros e de identidades” desde as orixes e o espectáculo baseábase no bloqueo, en impedir que os rivais lles pasaran por diante con golpes. “Isto, anos despois, reviviu con menos espectáculo e máis seriedade”, afirma.

Na actualidade, o deporte caracterízase polo bloqueo, polo corpo a corpo, pero xa con moitas normas, coma no rugby, para garantir unha práctica segura. “Avanzou máis cada vez ata chegar ao roller derby de hoxe, sobre pista plana, hai outra modalidade que só se xoga en Estados Unidos, peraltada, como nun velódromo pequeno”, comenta. Deu o salto hai uns 10 ou 20 anos a Europa e en España introduciuse polo antigo equipo de Tenerife, “as primeiras en montar un equipo”.

Os inicios en Galicia non foron doados, xa que non había referentes próximos. Sereas Bravas de Vigo e As Brigantias de A Coruña, foron os equipos pioneiros, sendo o coruñés o primeiro equipo galego no 2012. Unha disciplina considerada deporte olímpico. Iso sí, Rosalía explica que con normas variadas ás orixinais da asociación WFTDA (Women’s Flat Track Roller Derby Association)a fundadora. Aínda que se practica maioritariamente por mulleres, tamén hai equipos masculinos, en todos os continentes do mundo no que se xoga: “Podes xogar no equipo no que sintas que é o teu xénero, ninguén che vai pedir explicacións, é totalmente adaptativo, non consideramos que exista unha maior vantaxe só por ter un corpo ou outro, inclúe todo tipo de corpos, enorme ou pequena, pesar máis ou menos, alta ou baixa, sempre vai haber un oco, ser áxil ás veces compensa non ser tan forte, e ao revés”.

E COMO SE XOGA AO ROLLER DERBY? 

O primeiro que chama a atención son os nomes que figuran en cada camiseta, xa que Rosalía ten de nome derby, Percebeira. Isto ten unha explicación: “Ao bautizarte no roller derby levas un alter ego. Moi en relación coa historia LGTBIQ+ do deporte, xa que desde o principio quen máis xogaba e mantivo este deporte, era a xente do colectivo. Nos anos 20, nos 30 e ata, por desgraza, recentemente, a xente do colectivo non podía empregar o seu nome, tiñan que ter especial coidado coa súa identidade porque podería resultar perigoso. Entón, elixías o teu nome de guerra, o que ti quixeras”. Desta maneira, afirma, polo xeral soe ser algo que se escolle, que “soe de tipa dura ou algo gracioso ou que teña un valor especial para ti”. O número tamén se elixe, así levarás ese nome e dorsal na camiseta.

Como primeira característica do xogo destaca que son “carreiras en patíns”, con “patíns quads, non de liña, como os do hockey”. En cada equipo xogan cinco xogadoras na pista e unha de cada equipo leva unha estrela no casco e denomínanse jammers. Comezan dende un pouco máis atrás ca o resto e o seu labor é, no tempo que se lles outorgan, dar o maior número de voltas á pista posible. Por cada xogadora do equipo contrario que pase vai ter un punto nesa carreira, o labor das outras catro xogadoras é impedirlle á jammer contraria que as pase co seu propio corpo. A función do balón sería a jammer, o balón ten conciencia propia. “A jammer por cada cadeira que pasa do equipo contrario, marca un punto, tamén, ai ir primeiro, gaña o poder de cortar a carreira cando queira”. En canto á duración, o “máximo de cada carreira son dous minutos” e o cronómetro, como pasa noutros deportes, párase por revisión de faltas ou interrupcións. Os partidos teñen dous tempos de 30 minutos cada un, pero o tempo real depende dese cronómetro.

Cantas xogadoras entran na convocatoria? “As carreiras soen ser moi intensas, en velocidade e forza, polo que levamos mínimo unhas nove persoas ata chegar ao máximo de 20 xogadoras no roster, na aliñación. En cada carreira van saíndo e cambiando ou repiten dependendo da estratexia e segundo o que se necesite”.

E COMO SE COMPITE? QUE OPCIÓNS HAI?

En Galicia, existe a Liga Galega Roller Derby, na que compiten distintos equipos de Galicia: Sereas Bravas de Vigo, Brigantias de A Coruña, Irmandiñas de A Coruña, Jabatas de Ourense e Negra Sombra de Pontevedra. Logo está a liga nacional coa asociación de ARDE, fundada desde os propios equipos, a Asociación de Roller Derby Española (ARDE) con competición a nivel nacional, na que hai ao redor duns “30 equipos por toda España”. Cada ano celébranse ambas, a Nacional ten unha clasificación durante o ano e logo hai unha final, na que se fan os últimos partidos para decidir os últimos postos, nunha fin de semana específica. Na Galega teñen varias sedes e eventos, non é tanto de ir acumulando, e tamén se disputa a Copa federativa de Roller Derby.“Competimos todo o ano á Española e intercalamos coa Galega”, afirma Rosalía.

Tamén existe un ránking mundial WFTDA no que vas puntuando durante o ano e se quedas no top podes chegar á “Champions de Roller derby”, con equipos de todo o mundo e xogando un playoff en diferentes cidades do mundo, como en A Coruña, coa correspondente final. A nivel de selección, dispútase un Mundial cada catro anos e “España quedou de novena no primeiro mundial ao que foi”, que valora como “bastante alto”.

Entre os recoñecementos, As Brigantias gañaron a I Copa Federativa Galega: na temporada 2021-22 no ránking Arde quedaron en terceira posición co Team Galicia, “amálgama de todos os equipos galegos que foron competir”. Desta maneira ían como mínimo unha xogadora de cada conxunto. Actualmente, Rosalía comenta a situación deste ránking con ata 33 equipos de toda España: “Estamos cuartas a nivel español e Sereas Bravas de Vigo, sextas”. Tal e como pasa no clásico dos clásicos en Galicia, Celta de Vigo contra Deportivo da Coruña, aquí tamén teñen o seu clásico con estas dúas cidades implicadas. Nesta tempada enfrotáronse, as Sereas Bravas de Vigo contra As Brigantias de A Coruña, na Liga ARDE, con victoria para ás da cidade herculina.

No que atinxe ao ritmo de competición nun equipo como As Brigantias, destaca que pode xogar nun mes un ou dous partidos ou ningún, nunha tempada que vai de setembro a xuño. “Se houbera máis equipos, sería máis regular, pero a situación é a que é. Temos que pagar as pistas, a equipación, as viaxes e hai pouca subvención, polo xeral, intentase aforrar e organizar da maneira máis eficiente. De aí, que se fagan triangulares con varios partidos nunha soa xornada”, manifesta.

“É UN DEPORTE QUE EMPODERA MOITÍSIMO” 

De xogar ao roller derby, Rosalía, máis coñecida como Percebeira, destaca beneficios como a ruptura cos estereotipos de xénero que asocian á muller con deportes de flexibilidade ou harmonía: “Na miña xeración, as mulleres eramos máis de ximnasia rítmica, mentres o meu irmán ía a judo, porque se supón eran deportes máis bonitos”. Neste sentido, fai fincapé en que é un deporte que empodera moitísimo co coñecemento de ata onde podes chegar co teu corpo, tanto en forza, axilidade como velocidade. “É un deporte co que podes soltar todo e botar a enerxía fóra”, confesa.

Outro punto no que se para é que é moi “horizontal” e que fomenta o contacto coa compañeiras non só no plano deportivo. “Non debería ser o noso labor porque os equipos soen ter unha federación, pistas, subvencións… Pero como positivo, empodera moitísimo, o feito de ser quen de organizar de maneira social e loxística todo, con traballo en equipo constante”, indica. Fronte aos prexuízos por ser un deporte de contacto, sinala: “Como calquera outro deporte deste estilo, implica lesións, pero polo xeral, nada fóra do normal. Imos ben protexidas con cascos, bucal, protección nos xeonllos, nos cóbados e incluso hai camisetas interiores acolchadas”.

“Levo trece anos no deporte e para min é unha honra ver como van avanzando esas compañeiras que chegaron detrás e como consiguen aquilo que vían moi díficil nun inicio”, destaca e engade que o feito de representar a unha cidade e levar na camiseta ese nome que escolliches tamén supón algo importante para ela. Neste tempo tamén puido apreciar como cada vez se sigue máis entre o público, concretamente na cidade da Coruña, o Día do Deporte na rúa estarán representando o roller derby para dalo a coñecer. “Digamos que é fácil distinguir á xente que xoga a isto, temos unha estética característica, xa que está moi ligado á cultura underground, á música e naceu moi arroupado pola cultura punk”. Chegado a este punto con toda esta información, a pregunta é clara, ti coñecías o roller derby? Se a resposta era un non, agora xa podes dicir que si!

 

Máis novas

As Brigantias e as Irmandiñas abren a nova tempada do intenso Roller Derby

Unha persoa trasladada ao hospital logo dun incendio na súa vivenda da Coruña

0

Unha persoa necesitou asistencia médica e tivo que ser trasladada ao hospital tras declararse un incendio na súa vivenda da Coruña, segundo informou o CIAE 112 Galicia.

Os feitos ocorreron pasadas as 17,00 horas deste martes nunha vivenda da rúa Manuel Azaña, e foron os veciños quen, alertados polos berros desta persoa, chamaron a Emerxencias.

Desde o 112 activouse un operativo no que interviñeron os bombeiros da Coruña, axentes de Policía Local e Nacional, e profesionais de Urxencias Sanitarias-061.

Mentres os bombeiros traballaban na extinción das chamas (que afectaron os mobles dunha das habitacións), os sanitarios atenderon á persoa afectada que, finalmente, tivo que ser trasladada a un hospital.

O artista asturiano Rodrigo Cuevas actuará este xoves na Coruña

0

O artista asturiano Rodrigo Cuevas presentará este xoves, día 29, na Coruña o seu último traballo, ‘Manual de Romaría’. Farao no anfiteatro de Santa Margarita, na antesala dunha romaría que amplía a catro días a súa programación con “numerosas actividades e actuacións para todo tipo de públicos, vinculadas todas elas co baile e a música tradicional galega”, segundo informa o Concello da cidade herculina.

Cuevas, galardoado co Premio Nacional das Músicas Actuais, mostrará na Coruña a súa reinterpretación do folclore “con ritmos que mesturan tradición e modernidade”, precisa o Consistorio. As últimas entradas para a súa actuación continúan á venda a través de Ataquilla. O espectáculo comezará co grupo Pansenfron ás 21,00 horas.

Retiradas 59 carabelas portuguesas nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Mera en Oleiros

0

O Concello de Oleiros procedeu á retirada de 59 carabelas portuguesas que apareceron este luns nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Espiñeiro. Segundo indica o Consistorio, “aínda que a situación pode cambiar, neste momento está colgada a bandeira amarela neste tres areais para que os bañistas extremen as precaucións”.

Tamén se está informando da situación a través da megafonía das praias “para lembrar a importancia de non tocar estas medusas que provocan fortes picaduras”. En caso de contacto, as persoas afectadas deben dirixirse ao posto de socorrismo.

As carabelas portuguesas chegaron a semana pasada a praias da cidade da Coruña, ao municipio coruñés de Carballo e a algunhas praias do norte da provincia de Lugo. De feito, a “gran cantidade” de exemplares desta especie atopadas na zona obrigaron a cancelar este domingo a LXXXIII Travesía a nado de San Amaro, na cidade herculina.

SEGUIMENTO NA CORUÑA

Pola súa banda, o Concello da Coruña informou que se está realizando un seguimento diario da chegada de medusas ás praias da cidade aínda que sitúa dentro de “a normalidade” nestas datas a presenza das mesmas.

Con todo, desde o consistorio lémbrase aos bañistas que deben estar atentos ás indicacións dos servizos de socorrismo que, tanto por megafonía como co izado de bandeiras, alertan de calquera posible risco. Tamén se lembra que non se debe tocar aos exemplares que aparezan na area e que o concello se encarga da súa retirada.

Suspendida a folga na concesionaria do mantemento na refinaría da Coruña tras o cobro de salarios

Os traballadores e traballadoras do Grupo Navec, concesionaria do servizo de mantemento da refinaría da Coruña, suspenderon a folga indefinida convocada a partir deste luns, día 26, para demandar “o cobro dos salarios pendentes” debido a que a empresa “puxo ao día o pago a todo o persoal”.

Así o confirmou o secretario comarcal de CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, en declaracións a Europa Press. “O persoal a día de hoxe está ao día do pendente de pago”, explicou.

Navec, que entrou en preconcurso de acredores, ten unha nave en Arteixo e só traballa para a refinaría, segundo explica o representante da central sindical.

A falta de pagamentos da contratista, engade, afectaban a un total de 55 empregados e empregadas da industria herculina. “Suspendeuse a folga porque están ao día”, insistiu Caamaño.

O sadense Dani Bembibre, outro trasno que intentará a heroicidade do Ultratrail Camiño dos Faros

0

200km do tirón polos sendeiros do Camiño dos Faros. O corredor sadense Dani Bembibre tentará facer a fazaña que xa realizou o ano pasado a malpicá Maite Rojo.

O sadenses sairá do porto de Malpica o vindeiro 31 de agosto (noite do venres ao sábado) ás 00:00 horas, para intentar alcanzar o Faro Fisterra ao día seguinte, completando o tremendamente esixente Ultratrail Camiño dos Faros. Unha ruta tan salvaxe e fermosa como dura.

Dani é deseñador gráfico na Coruña e gran afeccionado a ultradistancia. Ten participado xa en probas como a Xtreme Lagos, Ultra Aldeas do Courel, Quiroga Trail Challenge ou Ultra do Barbanza, e agora afronta este tremendo desafío.

Máis novas

200km en 38 horas polo Camiño dos Faros: Incrible fazaña de Maite Rojo

Expertos analizarán en setembro na Coruña o presente e o futuro da investigación oncolóxica

A Asociación Española Contra o Cancro e a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular (SEBBM) celebran o 5 de setembro a xornada ‘Onde estamos e onde imos en investigación en cancro’ no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).

Segundo explican os organizadores, este evento forma parte das actividades programadas dentro do 46º congreso da SEBBM, convocado na cidade herculina entre o 3 e o 6 de setembro.

No transcurso da sesión, engaden, que se dividirá en dúas mesas redondas, intervirán 15 participantes “de diferentes perfís”, entre os que se atopan persoal investigador, representantes institucionais, xornalistas e pacientes, para dar “unha visión integral sobre o cancro e a investigación oncolóxica”.

En concreto, na primeira, titulada ‘Onde estamos en investigación e tratamento do cancro’, abordaranse os cambios no tratamento, o diagnóstico e o manexo de pacientes con cancro nos últimos anos, os tumores que requiren de maior atención, a importancia de asociacións como a Asociación Española Contra o Cancro e dunha adecuada comunicación e transferencia de coñecemento cara á sociedade ou as necesidades dos pacientes, entre outras cuestións.

A segunda mesa redonda, ‘Cara a onde imos en investigación e tratamento do cancro’, centrarase no futuro dos tratamentos e as áreas de investigación “con maior potencial”, as formas de inmunoterapias máis relevantes, os aspectos a mellorar na transferencia de coñecemento desde os laboratorios aos pacientes e a necesidade de aumentar o interese das empresas para incrementar o financiamento da investigación en cancro.

Dúas persoas presentan queimaduras tras un incendio nunha vivenda da cidade

0

Dúas persoas foron trasladas por queimaduras tras un incendio nunha vivenda da rúa Mosteiro de Caaveiro, á altura do número 30, na Coruña.

Segundo informaron os Bombeiros da Coruña, o lume produciuse sobre as 13.55 horas deste domingo e varios particulares alertaron de que saía lume pola xanela.

Ao parecer, o incendio produciuse ao arder o aceite dunha tixola e un dos ocupantes da vivenda tentou apagalo con auga. Os Bombeiros avisaron de que iso “nunca se debe facer”.

Ata o punto desprazáronse tres dotacións dos Bombeiros, a Policía Local e persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que trasladou aos feridos ao Hospital Universitario da Coruña (CHUAC).

Detido un mozo que portaba un coitelo na rúa

0

A Policía Nacional da Coruña detivo á primeira hora deste domingo a un mozo na rúa Barcelona que portaba un coitelo na man.

Fontes coñecedoras do suceso consultadas por Europa Press, detallaron que foron varios veciños os que deron a voz de alarma e o mozo chegou a agredir a ninguén.

O mozo, que presentaba síntomas de consumir sustancias estupefacientes, foi trasladado a dependencias policiais.

Localizan con vida e no seu domicilio ao home que buscaban na praia do Orzán

0

A Policía Local e a Policía Nacional localizaron con vida e no seu domicilio ao home que buscaban desde a madrugada deste sábado na praia do Orzán, na Coruña.

Segundo fontes do operativo consultadas por Europa Press, durante a madrugada deste sábado apareceron no areal varios aveños do home e, ao non poder localizalo, comezaron a procura no mar.

Ata o punto mobilizouse o helicóptero de Salvamento Marítimo, os Bombeiros da Coruña, a Policía Local e a Policía Nacional. O dispositivo iniciouse sobre as 07.10 horas deste sábado.

Con todo, sobre as 10.00 horas o home foi atopado san e salvo no seu domicilio.