Inicio Blog Páxina 324

María Canosa guía este sábado un novo roteiro sobre Luísa Villalta

0

Este sábado 16 de novembro, a partir das 12:00 horas, desenvolverase o roteiro literario “Música nas palabras. Luísa Villalta”. Guiado por María Canosa, fará, partindo da Praza da Tolerancia, un pequeno percorrido vital da figura de Luísa, mesturado con lecturas de textos: teatrais, poéticos, narrativos, de opinión e tamén biográficos.

Ao longo de todo o paseo, a escritora ceense afincada na Coruña, debullará a ollada de Luísa sobre o mundo, e a guía que a música ofreceu á súa vida.

As persoas interesadas poden inscribirse previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome e apelidos, así como o nome do roteiro. En todo caso, non é obrigatoria a inscrición, polo que pode achegarse calquera persoa se así o desexa.

A actividade conta co apoio do Concello da Coruña.

O TS ratifica a condena de 13 anos de cadea a un dos condenados polo intento de asasinato no Barrio das Flores

0

O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto por un dos dous condenados por tentar asasinar e por roubar a un veciño do Barrio dás Flores, en maio de 2022, e ratifica a condena de 13 anos de prisión imposta no seu día pola Audiencia Provincial da Coruña e confirmada despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Nunha resolución do pasado 30 de outubro, o alto tribunal valida a sentenza que condenou a este procesado a 9 anos de prisión polo intento de asasinato e outros 4 anos e 4 meses de cárcere por un roubo con violencia, e desestima os motivos de casación expostos.

O seu defensa interpuxo recurso argumentando, entre outras cuestións, que se vulnerou a súa presunción de inocencia, porque non hai probas de que agredise á vítima nin de que estivese a vixiar mentres o outro acusado (que foi condenado a 17 anos de cárcere) tentaba asasinar o home. Así mesmo, sinalou que tamén se vulnerou o principio ‘in dubio pro reo’ e que só existiu intención de roubar en casa da vítima, non de matalo.

O Tribunal Supremo expón na súa sentenza que non se poden esgrimir en casación os mesmos argumentos que en apelación, xa que estes foron resoltos polo TSXG. Así, o alto tribunal galego xa subliñou, cando desestimou o recurso de apelación, que as probas de cargo foron válidamente obtidas e suficientes.

Tampouco pode aplicarse o principio ‘in dubio pro reo’, porque nin a Audiencia nin o TSXG tiveron dubida algunha sobre a participación do procesado no feitos xulgado. Igualmente, aduce o Supremo que non poida falarse dun delito agravado de lesións, como pretende a defensa dese acusado, xa que quedou probada a aleivosía e a existencia dun acordo e unha actuación conxunta dos dous procesados.

Os feitos ocorreron na madrugada do 23 de maio de 2022, cando os acusados entraron no domicilio da vítima tras fracturar unha xanela cun lastro. Unha vez dentro, pillárono por sorpresa (estaba sentado vendo a televisión) e aproveitáronse do feito de que o home ten unha minusvalía e problemas de mobilidade.

Os acusados comezaron a ameazalo e a golpealo. Nun momento dado, mentres un facía labores de vixilancia, o outro o acoitelou na íngua e no antebrazo, ademais de darlle golpes, mentres lle preguntaba onde estaba o diñeiro e a droga.

Unha vez que lograron levar 700 euros e varios cartóns de crédito, os dous asaltantes fuxiron do lugar, deixando ao home no chan malferido. A rápida intervención da Policía, taponando a ferida máis grave, salvoulle a vida, xa que estaba a sufrir unha hemorraxia masiva cando chegaron os axentes.

Traballadoras das residencias maniféstanse en Oleiros en demanda dun convenio digno

0

Esta mañá de xoves as traballadoras das residencias da terceira idade de Oleiros, saían as rúa de novo para reclamar un convenio digno con salarios xustos. Ao berro de “somos esenciais, queremos cobrar máis”, persoal do sector manifestouse en Oleiros dende o centro residencial Clece Vitam Bastiagueiro até a residencia DomusVi da Avda. Rosalía de Castro.

A manifestación enmárcase un calendario de mobilizacións nas catro provincias a instancia da CIG, que considera “insuficiente a proposta de convenio presentada pola patronal”.  Nestes momentos as negociacións están paralizadas e sen previsión dunha nova xuntanza.

Outro caso de externalización

Critica o papel que está a xogar a consellería de Política Social, “que se lava as mans neste conflito”. Porque lembran que hai moitas residencias en Galiza que son propiedade da administración galega pero teñen a xestión privatizada. Hai tamén residencias privadas que son “unha parte importante das prazas están subvencionadas con cartos públicos, pero á Xunta nada lle importan as condicións laborais das traballadoras nin a calidade do servizo que reciben as persoas usuarias”.

Un modelo de “mercantilización dos coidados” que condena o persoal a unhas condicións de miseria e explotación e ao deterioro da calidade asistencial “en favor do lucro de grandes empresas e fondos de investimento”. Por iso, o representante da CIG reclama a intervención urxente da administración galega porque o obxectivo “ten que ser avanzar na equiparación das condicións laborais e salariais coas que hai nos centros de xestión directa, cumprindo a máxima de a igual traballo, igual salario”.

A próxima concentración terá lugar o mércores 20 de novembro, ás 11h, en DomusVi Ferrol.

A Fiscalía moi dura cos acusados do crime de Samuel: “Era unha manda de lobos”

0

A fiscal no xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz comparou cunha “manda de lobos” aos cinco acusados (catro homes e unha muller) da súa morte. De “ataque grupal” e “inhumano” cualificou o sucedido con “participación activa” de “todos”. Aos que testemuñas situaron golpeando ou agarrando polo pescozo á vítima, definiunos, respectivamente, como “un macho alfa” un e “lugartenente do líder” outro. “Que sorte teñen porque Samuel non ten vida”, dixo sobre todos os procesados. “A Samuel só quédalles vostedes”, engadiu tamén.

Unha agresión de tres minutos e en 150 metros”, resumiu para incidir en que houbo “intención de matar”. “Eran conscientes de que coa acción que estaban a executar había unha alta probabilidade de que morrese”, sentenciou na exposición do seu informe final ante o Tribunal do Xurado. Nela, insistiu nos golpes na cabeza que presentaba o falecido e a hemorraxia que tivo pola agresión. “Todos”, recalcou ao considerar que os cinco participaron nun “ataque sorpresivo” e “sen opción de defensa” da vítima. Isto para descartar que os feitos se poidan cualificar, ademais, como unha “pelexa”. “Falamos de polo menos sete persoas contra unha”, precisou para descartar a posibilidade de defensa. “Era un grupo de todos contra un”, engadiu ao facer referencia ao exposto por testemuñas e tamén pola pericial dos forenses que descartaron “signos de loita”.

“UN MACHO ALFA” E UN “LUGARTENENTE”

Ademais, como fixo ao comezo do xuízo, considerou unha “cazaría” o sucedido. “Os seres humanos matan e cazan por diversión, unha cazaría a través dun ataque grupal”. Isto nunha exposición na que definiu a Diego M.M. como o “macho alfa” que fai gala de “a súa forza bruta e da que se enorgullece” con participación en toda a agresión. “Unha participación activa”, dixo fronte ao argumento da defensa de que só lle golpeou inicialmente, no exterior, e que logo se viron implicadas outras persoas. A “violencia despregada” vinculouna coa orientación sexual da vítima e as súas referencias con frases como “este era un maricón de merda”. A Alejandro F.G, situouno en “todo o tramo da agresión”, ademais de ser a persoa que agarra por detrás polo pescozo. Del, destacou a súa “frialdade”. “Fixo unha convocatoria para que todos os membros do grupo acudisen ao parque de San Diego”, dixo sobre o encontro posterior de acusados no mesmo.

A ACUSADA, “GUSTO POLA VIOLENCIA”

De Catherine S.B., dixo, en alusión ás referencias da súa defensa ao ser a máis nova, que se trata da “doce nena que mantén unha relación tóxica con Diego M.M. e que comparte o seu gusto pola violencia”. Remarcou, ademais, que non só a testifical da amiga de Samuel senón as imaxes, “corroboran” que a apartou cando trataba de auxiliar. “Vea no grupo agresor, entrando e saíndo”. “Evitou o seu auxilio e defensa, participou desde o primeiro momento ata o final”.

“O PRIMEIRO DA CLASE” E “O MENTIREIRO”

“O que se cría o primeiro da clase indo á Policía”, dixo sobre Kaio A.S.C. sobre a súa declaración na que culpou a outros dous acusados. A fiscal rexeitou que fose separar, como declarou, ou que fose “un mero espectador dos feitos”, situándoo pola contra como “partícipe activo”. Do móbil da vítima, a fiscal argumentou que “se apoderou” del “aproveitando a brutal violencia que se exercía por Samuel, entre eles el”. “O mentireiro”, afirmou, á súa vez, sobre Alejandro M.R. en relación ao testemuño que deu nas súas primeiras declaracións e logo xa en xuízo. “Para ser alguén esporádico, bastantes chamadas realizan”, indicou sobre as que hai entre acusados tras os feitos. “Non está quieto, vén de onde vén Diego M.”, apostilou para insistir na súa implicación.

A AVOGADA DA FAMILIA DE SAMUEL CUALIFICA A AGRESIÓN COMO “CAZARÍA”

Pola súa banda, a avogada da familia de Samuel Luiz cualificou como unha “cazaría” a agresión mortal ao novo. “Un ataque por sorpresa, con violencia organizada”, sentenciou na lectura das súas conclusións ante o Tribunal do Xurado no xuízo na Audiencia Provincial da Coruña. “Se querían pedir perdón tiveron tres anos e catro meses”, lamentou ante as referencias ao perdón na súa declaración dalgúns deles e que vinculou cun intento de “obter beneficios”. “É unha actuación en grupo e teñen que responder en grupo”. “Todos participaron con actos e son responsables de todo o que aí se produce ata o desenlace final, eran conscientes de que estaban a actuar en grupo”, insistiu.

Así, argumentou que os cinco acusados se foron “incorporando sucesivamente á agresión”. “Sendo conscientes de que era de varios contra un” con imposibilidade de defenderse a vítima. “Non só pola superioridade númerica, senón porque Samuel é acometido de maneira sorpresiva”. No seu informe final, remitiuse a probas “obxectivas” para a condena dos cinco procesados, aos que definiu como persoas “agresivas” en base a mensaxes e vídeos exhibidos deles, e aos que implicou “insultando e golpeando” á vítima. A letrada, na exposición, cuestionou as súas declaracións no xuízo. “Parece que baixou un anxo do ceo, rebentoulle a cabeza a Samuel e desapareceu”.

Como a representación do Ministerio Público, debullou como foron, para esta acusación e en base a testificais e periciais, os feitos, con caída de Samuel en “dúas ocasións” para logo levantarse e sumarse de “maneira violenta e súbita” Alejandro M.R. e Kaio A.S.C. a un grupo no que situou primeiro a Diego M.M., coa primeira agresión; Catherine S.B., a súa entón noiva, e Alejandro F.G., que lle fixo, afirmou, a técnica do ‘mataleón’. No caso de Kaio, insistiu en que “os axentes conclúen que descargou a patada” despois de que algunha testemuña da contorna do grupo dos acusados asegurase que lle viu “cargar” unha perna como para lanzala. “Se fose lanzada ao aire, caería, e non é o caso”.

Mentres, indicou que “non hai dúbida” de que Catherine “impediu” que a amiga de Samuel “prestase axuda” ao apartala, segundo algunha testifical, da zona. De Alejandro M.R., sinalou que “se integra no grupo” e que se non se lle ve “golpear” é pola localización das cámaras. “Intégrase no grupo e non sae”, rexeitando o que el expuxo. Por outra banda, apuntou que, tras os feitos, “houbo un pacto de silencio” entre os procesados polas conversacións posteriores en senllos parques, na cidade herculina. Para esta letrada, “tiñan intención de matar” os golpes na cabeza da vítima. Ademais, defendeu que eran “conscientes” da posibilidade de que Samuel morrese e remitiuse, para iso, ás procuras en medios de comunicación dalgúns dos acusados en horas posteriores.

A ACUSACIÓN POPULAR RECALCA O “MATAR AO BERRO DE MARICÓN”

Así mesmo, o avogado da acusación popular no xuízo polo crime de Samuel Luiz, exercida polo colectivo LGTBI Alas Coruña, recalcou que “o matan ao berro de maricón” para incidir no feito, segundo sosteñen as acusacións, que a súa orientación sexual influíu na “violencia” da agresión. “Samuel morreu asasinado por unha manda que o moeu a golpes”, sentenciou ante o Tribunal do Xurado, no xuízo que se celebra na Audiencia da Coruña, e ao que pedido que non sexan “xusticieros” senón “xustos”. “Non ter a sensación de que vimos unha película da que sabemos o final e que a persoa que estaba alí tomou a súa última copa”, expuxo, na intervención máis curta dos tres acusacións, sobre o ocorrido con Samuel Luiz desde que estivo nun local de lecer, onde tamén estiveron os acusados, ata que se produciu a agresión no exterior e faleceu.

Como a fiscal, cualificou de “manda” aos acusados e fixoo, para clarificar ante o xurado as teses que esta parte defende, un símil. “Unha manda nun colexio cun xefe (Diego M.M.) que campaba ás súas anchas e non lle importaba a quen facía dano, nun momento atopou unha vítima na que puido descargar a ira que tivese e descargouna sen ter ningún tipo de medida, foi a por todas”. “A xefa, que marca, sinala o obxectivo”, dixo sobre a súa entón noiva, Catherine S.B., e á que se atribúe a persoa que sinalou nun primeiro momento á vítima cando estaba a facer unha videochamada (que o seu noivo confundiu con que lle gravaba), ademais de separar, segundo algunhas testificais, á súa amiga cando o tentou auxiliar.

Da persoa que agarrou polo pescozo a Samuel, Alejandro F.G., definiuno, como a fiscal, como “un lugartenente que sae correndo cando ve ao seu xefe en posición de ataque, pero que tenta facer un mataleón, intento que se corroborou, mal feito pero fíxoo”. A Kaio A.S.C e Alejandro M.R. situounos como “dous listos da clase que tentaron controlar o relato”. “Das (redes sociais)”, sinalou sobre Kaio e con Alejandro M.R. “tentando controlar que se vai a dicir”, apuntou en alusión ao cruzamento de chamadas e encontros das vítimas tras os feitos.

PENAS

Fiscalía e as acusacións personadas no xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz (a familia e o colectivo LGTBI Alas Coruña) solicitaron que se manteñan as peticións de pena de entre 22 e 27 anos de cárcere para os cinco acusados, catro homes e unha muller, pola súa morte na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés.

Para a persoa que iniciou a agresión, ao pensar que a vítima lle estaba gravando, Diego M.M., e para a súa entón noiva, Catherine S.B., mantívose a petición de 25 anos de cárcere por asasinato con aleivosía e ensañamiento e agravante de discriminación por orientación sexual da vítima, algo que rexeitan os seus defensas. No caso de Alejandro F.G. e Kaio A.S.C, aos que, xunto ao primeiro, as acusacións atribúen unha “participación activa” nos feitos, pídense, respectivamente, 22 e 27 anos de cárcere, ao segundo cinco anos máis como presunto autor do roubo con violencia do móbil da vítima.

Para Alejandro M.R., ao que testemuñas situaron no núcleo da agresión, pero non viron golpear, pediron 22 anos de cárcere. No entanto, Fiscalía, e sumáronse as acusacións, expuxo para Alejandro M.R. e Catherine S.B. unha cualificación subsidiaria, cómplices de delito de asasinato por “facilitar a actuación” dos demais procesados e ser “conscientes de que os constantes golpes a Samuel podían causarlle a morte”. En base a iso, solicitou, 14 anos e medio para ela e 13 anos para el.

DEFENSAS

Á súa vez, para Diego M.M. o seu avogado expuxo que os feitos sexan considerados homicidio por imprudencia grave e delito de lesións, para o que pide dous anos de prisión e un, respectivamente. De non considerarse isto, de forma subsidiaria pide homicidio con agravante de abuso de superioridade con pena de dez anos de cárcere, concretou. As defensas de Alejandro M.R., Catherine S.B. e Kaio A.S.C. mantiveron a súa petición de absolución polo delito de asasinato aínda que no caso do primeiro expuxo, de forma subsidiaria, un delito de lesións. O de Kaio admitiu a apropiación dun móbil, pero negou que soubese que era da vítima e pediu por isto un delito contra o patrimonio.

O avogado de Alejandro F.G. alegou que concorre a atenuante ou eximente de alteración psíquica por un trastorno mixto de personalidade e hiperactividade, ademais de intoxicación por consumo de alcol e cocaína ese día. No seu caso, expuxo un delito de lesións e, de non estimarse, homicidio imprudente ou senón un homicidio. Entende que non concorren agravantes, pero que de haber algunha sería abuso de superioridade.

O Xuízo do Caso Samuel

Tres acusados de golpear mortalmente a Samuel Luiz: de arrepentimento a negativas

Policía Científica confirma restos de ADN dun dos acusados, Diego M.M., no corpo de Samuel

O responsable da investigación do crime de Samuel Luiz: “Foi unha actuación grupal e atroz”

O pai de Samuel Luiz: “O que fixeron co meu fillo foi odio, nin a un can se lle deixa así tirado”

Monte Alto redescubriu ás orixes dos Diplomáticos e o movemento bravú

0

O vindeiro día 22 celebraremos os 30 anos do Bravú no Colón na Gran Noite Coruñenta, pero a verdade está aquí, en Monte Alto, NENO”.

Así arrincaba Xurxo Souto a máxica noite que se celebrou este mércores na agarimosa biblioteca da A.V.V. de Monte Alto. Unha velada para coñecer as orixes dos Diplomáticos de Monte Alto, unha das banda fundadora do movemento bravú, que transformou a realidade musiqueira do país, ennoblecendo a nosa lingua e convertíndoa nun elemento transmisor interxeracional, como o público que cantou e bailou ao ritmo das historias destes tres xa lendarios persoeiros.

Da man dos tamén fundadores Rómulo Sanjurjo e Pulpiño Viascón, a xornada foi percorrendo Galicia, dende Chantada ata a rúa da Torre, para recoller unha “historia de amizade” baseada nese “sentimento coruñento” tan noso, que mestura a aldea e o barrio. “O bravú é Música, pero tamén é a arte de vivir”, reflexionaba en allto Correa Corredoira.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

As orixes dos Diplomáticos

Se Pulpiño daba a benvida co seu acordeón (do revés), foi Rómulo o encargado de facer o primeiro percorrido pola historia da banda herculina. “Fomos un grupo peculiar, nunha Coruña escura, ensimismada, mirando cara Madrid. Que non coidaba as suas raíces”, relataba.

Naqueles finais dos anos 80, había varias bandas moi underground no barrio, como o grupo de folk “Belida”, formado por Xurxo, Rómulo, Marta e Carlos Ares. Foi un dos xérmolos dos Diplomáticos, que naceron ao amparo do novo acordeón de Rómulo. “Comprei un acordeón e Xurxo dixo, “se tes un acordeón , temos que montar un grupo”, e alá se crearon os Diplomáticos de Monte Alto, facendo unha maridaxe musical singular.

Rómulo era seguidor dos Chichos e os Chunguitos, e das rancheras mexicanas; Xurxo era policultural, cun avó, natural de Perillo, fundador saxofonista da orquesta Satélites; Guni era “hevicheiro” de Aranga, cun grupo, “A tila” que ensaiaban nunha corte de porcos do barrio; estaba Mangüi que era o R&R; estaban tamén Tino Simoes e Berto Moram (familiar do actual Brais Morán), e finalmenta, Pulpiño Viascón, a versión máis punki dos Verjalludos, outra das bandas que emerxía nos subterfuxos da cidade.

”Fixemos un grupo do revés. Só tiñamos un tema, unha maqueta de cassette, “Os frigoristas”. E conseguimos mesmo saír na tele con el Fari, Bony M…”, contaba Rómulo. A banda naceu con moita naturalidade pero tamén con moita sorte, fumos dos poucos cunha discografíca detrás, que nos permitiu crecer un pouco máis. Iso si, rramos moi organizados e traballadores”, sinalaba para sorpresa de todo o público.

As orixes dos Diplomaticos na Biblio da AVV MOnte Alto
Ateigada estaba a biblitoeca da A.VV. sita no Campo de Marte

Bravú, e en galego

”Que é o bravú? Rebelarse! E o primeiro que nos dixeron é que aldea e cidade eran cousa distinta e que o galego non valía para o R&R”, comezaba Xurxo. Pero a realidade era outra. ”Todos traíamos un background de familias que viñamos da aldea, con cultura verbeneiras, pero criados no barrio. Para nós todo era o mesmo. E por que cantamos en galego? sempre nos preguntaban, e nós diciamos o mesmo: por motivos comerciais! Fomos uns visionarios, pero tiñamos toda a razón. Hoxe a ninguén lle estraña que un grupo cante en galego, e aí reside o éxito de bandas como as Tanxugueiras, Mondra…”

Esa lingua galega era o nexo de unión de moitas bandas que non se coñecían. “Coñeciamos Mano Negra ou negu Gorriak, pero non coñeciamos Os Impresentables, ou Os Eskornabois”, relataba Xurxo. Naqueles principios dos 90 bandas como os Diplomáticos tocaban nas festas, nas verbenas do país, e era aí onde se ían coñecendo. Relataba Xurxo unha das primeiras viaxes dos Diplomáticos a tocar fóra, ao Barco de Valdeorras, “a 15000 km de Monte Alto, nin sequera sabíamos onde estaba”. Chegamos alí e cando estabamos a punto de tocar, un grupo de mulleres se sube ao escenario e empeza a berrar “Auga si, música non”, botando abaixo o concerto.

Pero esas verbenras permitiron vivir unha descuberta constante da realidade do seu país, xerando o xérmolo para a creación do bravú. Un nacemento que se deu na coñecida Cea de Viana, o 31 de outubro do 1994. Co gallo do Castañazo Rock, moitas bandas do país se xuntaron invitadas en Chantada. E a primeira noite, na Taberna Sistema (dicía o taberneiro aquelo de “no verán o sistema son callos; no inverno o sistema é caldo”), grupos como os Impresentables de Vimianzo, Os Papaqueixos (tamén da Coruña), O Caimán do Río Tea de Ponteareas, ou Skarnio de Vigo, acuñaron o selo “Bravú”.

”O bravú foi un grupo de juasap, unha páxina de FB, con xentes de toda Galicia que converxían cunha actitude semellante ante a vida”, relata un Rómulo. “Falabamos algo polos teléfonos das casas, pero sobre todo como tocábamos nas Festas, nas vilas, era alí onde nos víamos, e iamos ao remate iamos tomar un vaso, ou igual foron dous, e así coñecimos as bandas”. Chegaron mesmo “a abrir un apartado de correos para que nos chegasen as cousas.”

Non esqueceu Xurxo contar a historia da brava Xosefa de Bastavales, que acuñou o alcume do Desaparecido a Manu Chao, e como coñeceron ao artista lucense-francés, antes de que o micro comezase a rular. polo público

Falou, ademais de Correa Corredoira, Marisol Manfurada, unha das históricas “grupis” dos Diplomáticos, que lembrou os anos da Tropa da Tralla. Non faltou a alusión ao Xabarín, que marcou á xeración dos que a día de hoxe rondan a corentena. “Non tíñamos idade para ir ao parrús a tomar un calimotxo pero tomabamos un Colacao na merenda escoitando os Escornabois”, relataba un oínte.

Houbo mesmo quen destacou que os Diplomáticos trascenderon a música, e foron moito máis importantes do que se ten recoñecido para a cultura, para a lingua e para a identidade galega, e mesmo propuxeron pedirlle ao Concello unha rúa para os Diplomáticos.

Pulpiño Viascón tocando o serrucho e todo
Pulpiño Viascón tocando o serrucho e todo

A xornada rematou cun xigantesco Pulpiño Viascón tocando temazos impresionantes como o “In the Ocean”, “A Coruña de rachí” ou “Licor do Negro Café”, que puxo a cantar a todo o auditorio. Ata sacou o serrucho e entonou o “Sole Mío”, con destreza para sorpresa da parroquia. “Moito talento condensado nos Diplomáticos”, reflexionaba Manolo Papaqueixo, compañeiro de andainas desta banda de artistas.

Queda todo o barrio citado para a Gran Noite Coruñenta, que se celebrará o vindeiro venres 22 no Teatro Colón, coa estrea do documental, feito por NósTV, “Bravú XXX”.

Máis novas

A comunidade Bravú prepara dúas citas da Gran Noite Coruñenta

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

A Gran Festa VigoCoruñenta Pangalaica

O Xornal da Coruña báixase da rede social X

0

A rede de Xornais de Galicia Confidencial, entre eles este Xornal da Coruña, seguindo a estela doutras publicacións xornalísticas como The Guardian ou La Vanguardia, deixa a rede X, antes Twitter.

Así, o Xornal da Coruña deixará de publicar chíos de forma directa na rede social X e deixará en suspenso as súas contas, xa que desde a chegada do magnate Elon Musk, esta rede é un altofalante das teorías da conspiración, de noticias falsas e unha plataforma claramente virada a posicións populistas, racistas e vinculadas á ultradereita.

A decisión coincide co anuncio de Donald Trump de nomear a Elon Musk como asesor para un Departamento de Eficiencia do Goberno (DOGE), co obxectivo de facer recortes na administración estadounidense, é incompatible con que dirixa unha rede social da magnitude de X. Ese nomeamento político situa a Musk ao carón dos que defenden deportacións masivas e despidos de funcionarios que non son afins as teorías conspiranoicas do futuro presidente.

O diario segue compartindo historias na rede Instagram (@xornaldacoruna) e Facebook (@Xornal da Coruña).

A Coruña e San Sebastián piden priorizar redes ferroviarias no espazo atlántico

0

Os máximos responsables dos concellos da Coruña e San Sebastián reclamaron a extensión e priorización das redes ferroviarias no espazo atlántico.

Foi con motivo dunha xornada institucional liderada pola alcaldesa, Inés Rey, no consistorio, e que marcou o traspaso de presidencia da rede de cidades atlánticas ‘Atlantic Cities’, asumida despois do mandado de Eneko Goia, alcaldesa de San Sebastián.

Ambos explicaron a importancia de dar continuidade ao cinco grupos de traballo da rede, incluíndo a gobernación atlántica e o proxecto de gastronomía atlántica.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou que esta nova etapa reforza o obxectivo de fomentar a comunicación máis directa e unha cooperación máis estreita entre as cidades.

Tamén destacou o compromiso da rede pola sustentabilidade, en concreto en materia de turismo, e o papel da Coruña como cidade do arco atlántico, coordinando a acción de cooperación entre cidades atlánticas de Portugal, Francia, Irlanda e España.

Pola súa banda, o alcalde de San Sebastián destacou a creación dun grupo específico de traballo en materia de transporte co Corredor Atlántico como eixo e co obxectivo de mellorar as redes ferroviarias no espazo atlántico.

A “gordofobia” chega á escena cultural de Arteixo

0

Esta fin de seana chega a Arteixo o exitoso monólogo da dramaturga e actriz, Esther Carrodeguas. ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’ xira en torno á gordofobia cun enfoque e unha posta en escena rompedora.

A peza aborda a relación da autora co seu corpo, marcada pola gordofobia imperante na nosa sociedade. Baixo a dirección de Xavier Castiñeira, Carrodeguas estará acompañada en escena polo artista multidisciplinar Juanma LoDo, quen realiza a sonoplastia da peza, de corte electrónico.

“O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada” é un texto dunha sinceridade crúa que tenta facer ver ás persoas do público de que maneira a gordofobia está instalada na nosa sociedade. “Só o título impactou moitísimo dende o principio. Moitísimas persoas me contactan a miúdo para dicirme que querían ver a obra porque se identificaban completamente con el, o cal indica que temos a gordofobia demasiado cravada. Descubrín co pasar das función que esta historia non é a miña historia, que é a de moitas persoas”—comenta Carrodeguas— que por máis duro que poida ser o fondo, a peza non deixa de ser divertida –asegura—.

O espectáculo estreouse en castelán no Teatro del Barrio de Madrid, pasou pola prestixiosa Fira Tárrega e por numerosas vilas de País Vasco, foi estreada en galego por primeira vez este ano en Narón e tras esgotar entradas en varias vilas galegas chega este venres 15 de novembro ao Auditorio CCC Manuel Murguía de Arteixo ás 20:30h, e o domingo 17 ao Auditorio Lois Tobío de Gondomar ás 19:00h.

Pide diñeiro para o bus e logo rouballe a carteira a quen lle tentou dar cartos para o billete

0

A Policía Nacional detivo na Coruña ao autor dun roubo con intimidación ocorrido na vía pública, segundo informa a Xefatura Superior de Policía.

Os feitos sucederon ás 18.00 horas do pasado día 7 de novembro, na rúa Marqués de Figueroa. O home, informa, achegouse a un transeúnte “aparentemente coa intención de solicitarlle diñeiro para poder coller un autobús”.

A vítima sacou a súa carteira para darlle unhas moedas, momento no que o detido “ameázalle con golpearlle se non lle entrega os billetes que portaba”, apunta para engadir que “sentíndose intimidado decide darlle os referidos billetes, para logo abandonar o lugar rapidamente”.

A vítima, tras o ocorrido, chamou ao 091, presentándose unha patrulla no lugar dos feitos, e tras facilitarlle este a descrición do autor do roubo, tentou localizalo sen éxito nas inmediacións.

Tras as xestións de investigación e a comunicación ás diferentes unidades policiais, na mañá do día seguinte, funcionarios adscritos á Brigada Móbil localizaron a este home nas inmediacións da estación de tren, sendo detido como autor dos feitos relatados e posto a disposición xudicial.

Tres acusados de golpear mortalmente a Samuel Luiz: de arrepentimento a negativas

0

Tres acusados de golpear mortalmente a Samuel Luiz, Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C., declararon este mércores na Audiencia Provincial da Coruña mostrando arrepentimento os dous primeiros e cun terceiro exculpándose e culpando aos outros dous.

Unha constante a que levamos vendo este mes de xuízo, cos 5 acusados intentando acusarse mutuamente e tratando de evadir responsabilidades e, por suposto, declarándose “inocentes”.

O principal acusado de iniciar a pelexa

“A imaxe que teño é estar a golpear a Samuel”, admitiu Diego M.M. sobre a madrugada do 3 de xullo de 2021 nunha declaración só a preguntas do seu avogado, facéndoo, por momentos, entre bágoas.

“Quero pedir perdón á familia, isto empezou pola miña culpa”, dixo no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña, con Tribunal do Xurado e despois de que a agresión comezase ao pensar el que Samuel lle estaba gravando cando realmente estaba a facer unha videollamada. “Non recordo” foi unha das expresións máis repetidas por este acusado do que testemuñas afirmaron que chegou a dicir á vítima “voute matar”. “Non sei se patadas e puñadas, non teño nada continuo”, relatou sobre ese día. Para el, como para a súa exmoza, Catherine S.B., á que se considera a persoa que apartou á amiga de Samuel cando tratou de axudar, pídense 25 anos de prisión por delito de asasinato con ensañamento e aleivosía e a agravante de discriminación por orientación sexual da vítima.

Arquivo - Diego M.M., acusado da morte de Samuel Luiz durante o xuízo na Audiencia Provincial da Coruña. M. DYLAN - Arquivo
Arquivo – Diego M.M., acusado da morte de Samuel Luiz durante o xuízo na Audiencia Provincial da Coruña. M. DYLAN – Arquivo

“NON LANCEI PUÑADAS”

Para Alejandro F.G., que como o anterior alegou consumo de alcol, e tamén no seu caso drogas, reclámanse 22 anos polo delito de asasinato. “En ningún momento lanceille puñadas”, manifestou para rexeitar, ademais, que soubese artes marciais ou facer a técnica do ‘mataleón’, que se lle atribúe. Isto nun relato con alusión ao seu “arrepentimento” e no que recoñeceu que interveu ao actuar de forma “instintiva” e pensar que alguén se estaba pelexando co seu amigo, Diego M.M. “Só forcexeamos uns segundos, non o tentei afogar nin o estrangulei”, indicou para sentenciar que se se deu conta do que estaba a pasar, en relación aos distintos momentos en que segundo as acusacións se produciu a agresión, “tentouna parar”. “Creo que Samuel non morreu pola miña culpa”, argumentou ademais.

UN ACUSADO CULPA AOS ANTERIORES

Á súa vez, Kaio A.S.C., para o que se reclaman 27 anos por asasinato e roubo do móbil de Samuel, limitou a súa intervención o día dos feitos a un intento de separar aos dous anteriores, aos que situou na agresión. “Nunca o toquei”, asegurou para rexeitar que, como sosteñen policías que visionaron imaxes ou algunhas testemuñas, lanzase unha patada. Isto nunha declaración na que se mostrou sereno e na que unicamente se lle viu emocionado cando falou das peticións que fixo a coñecidos e non coñecidos para que falasen ben del en redes sociais cando se lle vinculaba cos feitos. “Eu sempre estiven máis afastado”, dixo nun relato dos feitos nos que admitiu que colleu un móbil, sen saber que era da vítima, e que se decatou diso por “as noticias”.

VALORACIÓN DOS AVOGADOS

Ao termo das súas declaracións, os seus letrados, a preguntas dos xornalistas, mostráronse satisfeitos. “Relatou sen ningún tipo de molestia o que el viu e viviu esa noite”, indicou o avogado de Diego M.M., que rexeitou que buscase “exculparse”. Na mesma liña, o letrado de Alejandro F.G. sinalou que o seu cliente expuxo a súa versión do sucedido “de maneira coherente coa proba”. “Un relato de feitos diametralmente oposto ao que defenden as acusacións”, apuntou. A defensa de Kaio A.S.C., pola súa banda, considerou que os tres procesados que interviñeron nesta xornada “dixeron a verdade”. “Recoñeceuse a implicación do noso cliente na apropiación dun teléfono que non no roubo”, remarcou.

PETICIÓN DE PENAS

Agora, o xuízo chega esta semana ao seu final. Farao despois de que este xoves as partes personadas (Fiscalía, acusación particular, a familia, e a popular, exercida polo colectivo LGTBI Ás Coruña, ademais das defensas) comuniquen se elevan ou non a definitivas as súas peticións, de condena nuns casos e de absolución noutros. Despois, virá a exposición de informes das acusacións e o venres os das defensas, con entrega do obxecto do veredicto ao xurado o luns que deberá determinar a culpabilidade ou non de cada un dos acusados. E é que os peritos confirmaron no xuízo que Samuel morreu por “múltiples golpes”, por “lesións acumulativas” e non por un só golpe mortal.

Máis novas do caso Samuel

Secuelas psicolóxicas dos pais de Samuel Luiz tras o crime: “A nai case caeu nun suicidio pasivo”

Testemuñas no xuízo de Samuel: “Chamáronlle maricón de merda”

A acusación popular no xuízo pola morte de Samuel : “Foi unha agresión en grupo, unha manda”