Inicio Blog Páxina 336

O litoral da Coruña permanecerá en aviso amarelo este venres e sábado por fenómenos costeiros

0

O litoral da provincia da Coruña permanecerá este venres e sábado, días 25 e 26 de outubro, en aviso amarelo por fenómenos costeiros.

Segundo o aviso de Meteogalicia, departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente, a alerta empezará ás 6,00 horas da madrugada deste venres e estenderase ata as 21,00 horas do sábado.

Deste xeito, prevese que a costa da provincia da Coruña rexistre mar combinado, con ondas que poderán alcanzar o catro metros de altura. Ademais, a Aemet sinala que haberá vento do suroeste de forza sete, principalmente ao oeste das Illas Sisargas.

Ademais, non parará de chover pero o domingo prevese algo máis suave.

O goberno de Oleiros aproba en solitario os Orzamentos de 2025

0

Cos votos en contra de PP e PSOE e a abstención do BNG, o grupo de goberno de Alternativa dos Veciños aprobo no pleno de onte os orzamentos do Concello de Oleiros para o ano 2025, de 47.850.000 euros.

Máis da metade deses cartos destinaranse á conservación e mantemento dos equipamentos e servizos públicos, cun gasto de 12 millóns en persoal e de 15 millóns en gasto corrente. 

No referido a obras públicas o investimento, serán 17,2 millóns que servirán para mellorar o espazo público viario, a accesibilidade, infraestruturas de saneamento, iluminación, pluviais, condución de augas, eficiencia enerxética,… Tamén se prevé, entre outras actuacións, a senda costeira entre Naval e Canide, un aparcadoiro próximo á zona do Seixo Branco, importantes melloras no campo de fútbol O Redondo de Montrove e a segunda anualidade do edificio multiusos de Bastiagueiro. Este capítulo nútrese de diversas achegas da Deputación, da venda de solo municipal e dun crédito bancario do que se fixará o seu importe exacto cando se incorporen os remanentes xerados este ano.

En canto aos ingresos hai unha alza xeneralizada agás no referido a taxas, prezos públicos e outros ingresos, que descenden polas cotas de urbanización que se prevían no 2024 e non se contemplan para o próximo ano. Os orzamentos inclúen xa a actualización de taxas e impostos, que levaban sen modificarse entre 9 e 21 anos, que pasan a estar equiparados aos demais concellos da área metropolitana.

O goberno local herculino propón nomear a Ramón Núñez fillo predilecto da Coruña

0

O goberno local da Coruña proporá o nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor da rede de Museos Científicos Coruñeses, como fillo predilecto da cidade.

Nun comunicado, a alcaldesa, Inés Rey, subliña que “Ramón é unha peza clave na historia da Coruña e na súa consolidación como a cidade de ciencia e tecnoloxía que é”.

Agora, esta proposta elevarase á Comisión de Honras e Distincións “o máis axiña posible” para a súa aprobación e posterior ratificación polo pleno municipal.

A alcaldesa expón esta proposta para o próximo, “coincidindo co 40 aniversario da Casa das Ciencias, o primeiro do tres museos científicos e por tanto xerme da rede”.

O Concello recalca que Ramón Núñez é un divulgador científico “que dedicou toda a súa vida ao ensino das ciencias”, formando parte de campañas e programas de carácter nacional e internacional.

Licitada por 2,6 millóns a plataforma flotante de O Parrote

0

A Xunta licitou este xoves por 2,6 millóns a instalación da estrutura flotante de O Parrote, na Coruña. A plataforma permitirá habilitar unha zona de baño “segura” neste “emblemático espazo” da cidade, segundo destaca a consellería nun comunicado.

A preguntas dos xornalistas sobre o atraso desta actuación, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, aclarou que en 2022 “anunciouse unha idea”, pero “son moitos os trámites que houbo que facer ata hoxe”.

Pola súa banda, a titular de Vivenda precisou que este xoves sae a licitación no perfil do contratante cun período de presentación de oferta ata o 19 de novembro e período de execución sinxela de 8 meses. “Por tanto contamos con que a obra poida estar no próximo verán de 2025 para o goce desa etapa estival que é o que todos desexamos”, destacou.

Recreación da plataforma flotante  no Parrote / Portos
Recreación da plataforma flotante no Parrote / Portos

 

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

0
  • “Hai que favorecer a posta en valor da lingua galega como ferramenta de comunicación exterior. A lusofonía é unha oportunidade”.
  • “Cómpre reforzar a visión do galego como elemento de orgullo e de pertenza ao territorio. Aquí fíxome moito, e son unha gran esperanza para min, os grupos musicais emerxentes que usan o galego”.
  • “Os medios en galego sodes un dos poucos baluartes que quedan para a defensa da escrita da lingua”.

— — —

Xa temos falado Con Xurxo Souto, nesta serie de entrevistas que comezamos tras coñecer que o último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán.

Hoxe queremos falar da situación lingüítica que vive o sector empresarial e o das TIC, e falamos con Daniel Cerqueiro, CMO Director de Docuten, empresa herculina que xa é unha referencia internacional en sinatura electrónica. Este neofalante formou parte da Asociación Galega da Lingua e é un gran defensor do poder da lusofonía.
Foi emprendedor nunha vila galegofalante como Corcubión, formando parte de eventos emerxentes no sector tecnolóxico como Startup Galicia ou as Laconnetwork.

 

  • Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos ultimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

O informe paréceme que reflicte a realidade que xa se notaba na rúa, especialmente nas cidades, onde escoitar falar galego é cada vez máis residual.

Sobre o cambio nesta década, a miña sensación é que as xeracións que están marchando son as que mantiñan un certo uso do galego, mentras que as que entran, cada vez falan menos galego. Por tanto, é un cambio demográfico, non no uso que fan as persoas.

  • Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Para min a educación en Galicia ten gran parte de responsabilidade nesta situación. Xa non é que as escolas fomenten o galego entre os que entran, é que convirten en castelán falantes aos poucos nenos que entran falando galego.

Outro problema da língua é a relación que se fai coa política. En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía moi concreta, e moita xente non quere ter ese estigma nas súas relacións do día a día.

  • A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Eu teño bastantes, especialmente no traballo. E iso ocurre porque Docuten é unha empresa na que o CEO fala habitualmente en galego, e moitos dos que traballamos alí tamén a usamos.

A xente que xa nos coñece, algunha nos trata en galego, pero a inmensa maioría usa o castelán como língua por defecto.

  • Como valoras a presenza do galego no teu barrio? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Eu vivo ao lado do estadio de Riazor, e case todas as conversas que escoito son en castelán. Só escoito galego falado por xente maior, e especialmente cando falan entre eles, non cando se dirixen a xente máis xoven.

  • Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti o a situación lingüística da cidade?

A miña nai é do Ribeiro, pero na Coruña habitualmente falou e fala castelán. A súa propia nai dicíalle que na cidade debía aprender e falar en castelán, que era o “fino”.

  • No teu sector, o sector da empresa e das TIC, como valoras o uso do galego?

En xeral, o uso non é alto, pero coñezo varias empresas e empresarios do sector que si que usan o galego habitualmente e fan gala diso. Venme a cabeza os caso de Imaxin ou de Teimas, e de asociacións do sector como Startup Galicia, que usa o galego como base para todas as comunicacións.

  • Que melloras se poden implantar?

A sensación é que a gran batalla está perdida, e que o declive do uso do galego, quedando para cuestións case “rituais”, é inevitable. Pero eu penso que aínda hai cousas que se poden facer, e moitas teñen que ver coa posta en valor da lingua como ferramenta de comunicación exterior. É necesario demostrar a unha parte importante da poboación que o galego é unha língua útil, e iso conséguese aproveitando que somos parte da lusofonía e que podemos comunicarnos con más de 200 millóns de falantes de portugués.

Outras accións teñen que ver con reforzar a visión do galego como elemento de orgullo e de pertenza ao territorio. Aquí fíxome moito, e son unha gran esperanza para min, os grupos musicais emerxentes que usan o galego. A miña sensación é que cada vez hai máis, e con propostas musicais de todo tipo, non só a música que antes se identificaba co galego.

  • Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica algunha responsabilidade?

Claro que ten. Como dicía antes, as escolas en Galicia converten en castelán falantes a nenos que entran falando galego. Semella que o galego se ensina como o inglés, e non como unha realidade do día a día.

  • O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

Pois a xente ten que ver máis galego escrito, non hai outra maneira. E está claro que gran parte da poboación non merca libros en galego se non lle obrigan a elo, polo que os colexios deberían ser os que axudasen a introducir os libros en galego nas casas.

E os medios en galego sodes un dos poucos baluartes que quedan para a defensa da escrita da língua. E sodes fundamentais para normalizar escribir e ler na nosa língua. A mágoa é que moitos medios que se vanaglorian da súa galeguidade só usen o galego o día das letras galegas e como mecanismo para conseguir cartos públicos.

 

Máis entrevistas da serie lingüística

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Testemuñas no xuízo de Samuel: “Chamáronlle maricón de merda”

0

Testemuñas que viron a unha parella tras a agresión mortal a Samuel Luiz, presuntamente Diego M.M. e Catherine S.B., entón parella, confirmaron que escoitaron ao “mozo” dicir expresións como “maricón de merda” e que tamén lle viron manchas de sangue. Dela, precisaron que estaba “alterada” e que lle recriminaba a el o seu comportamento.

“Ela non paraba de repetir como o deixaron”, asegurou unha das testemuñas no xuízo que proseguiu este xoves na Audiencia Provincial da Coruña con novas testificales, neste caso de mozos que ían nun mesmo grupo na madrugada do 3 de xullo de 2021 e que viron a unha parella manter unha conversación nun ton “alterado”.

En concreto, discutindo pola avenida de Linares Rivas en dirección ao parque Europa onde, segundo as acusacións, os procesados quedarían tras a agresión a Samuel Luiz. Unha das testemuñas explicou que a moza parecía “enfadada con el, dicíalle que se pasaron”, expuxo.

Isto sen poder identificar a estas persoas entre os acusados como si fixo tras os feitos, como ratificou ante a fiscal que apuntou que entón esta testemuña aludiu a Diego M.M., a persoa que presuntamente iniciou a agresión, e Catherine S.B., a súa entón noiva, como esta parella. Desta ratificou que ouviu que lle dicía algo similar a ‘como o deixaches’, expresións empregadas pola fiscal nas súas preguntas á testemuña e que escoitou do home “dáme igual, era un maricón de merda”.

“DISPUTA”

Pola súa banda, os mozos condenados por estes feitos alegaron que non lembraban sobre o día dos feitos. Un deles, Marco F.O., manifestou tamén que ese día consumiran alcol o grupo co que estaban, desde que chegaron e ata que se marcharon. Xa sobre o exterior do local de lecer onde, segundo as acusacións, comezou a agresión á vítima, dixo que viu “como unha disputa”.

“Vin moita xente, había berros, xente correndo”, manifestou, á súa vez, David R.V. “Non lle podería dicir, non o sei”, expuxo ao ser preguntado sobre a suposta participación ou presenza dos acusados e da intervención das persoas que estaban alí. E é que “non o lembro” ou “non o sei” foi o máis repetido por ambos nas súas contestacións ás preguntas das partes personadas. “Fun por alí a ver o tumulto”, manifestou este último sobre ese día.

A xestión do banco municipal de pisos pasará á empresa de Vivenda da Coruña

0

A Empresa de Vivenda da Coruña (EMVSA) asumirá a xestión do banco municipal de pisos a partir desta semana, con case dous millóns de euros ata o ano 2026.

Así o informou o goberno local despois de que este xoves finalizasen os trámites necesarios para completar o procedemento de traspaso dos máis de 400 inmobles que forman parte do patrimonio residencial do concello, destinados a aluguer social.

A rexedora herculina, Inés Rey, tras presidir a Xunta de Goberno Local que abordou este asunto, lembrou, ademais, que a posta en marcha do novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias, ideado para facilitar o acceso á vivenda, está prevista antes de que termine o ano.

Noutra orde de cousas, o consistorio informou que abrirá este venres unha nova convocatoria de prazas na rede de escolas infantís municipais, que oferta 83 vacantes distribuídas entre as instalacións educativas do Agra do Orzán, Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Vos Cativos (Palavea), Luís Seoane (Monte Alto) e Vos Rosales.

Comezan o estudo para o ramal acceso sur ao porto exterior da Coruña e unha nova terminal de mercadorías en Uxes

0

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible iniciou a redacción dos estudos informativos de dous proxectos fundamental para o sistema ferroviario da cidade: un novo ramal sur de acceso ao porto exterior da Coruña en Punta Langosteira e unha nova terminal de mercadorías en Uxes.

Analizarán a posible adaptación do tráfico que recibe actualmente a terminal de mercadorías da Coruña –San Diego, situado a carón do porto interior da cidade, en consonancia co recente Protocolo para a reordenación da fachada marítima da Coruña – Proxecto “Coruña Marítima”, asinado o 22 de maio de 2024.

Os estudos, encargados a Ineco por 688.806 euros (IVE incluído), foron centrarase nestas dúas accións, que están relacionadas entre si, e que pretenden complementar o acceso ferroviario ao Porto Exterior, en cuxo construción Adif está a investir 123,6 millóns de euros dos fondos europeos do Plan de Recuperación, para aumentar a competitividade do transporte de mercadorías por ferrocarril e mellorar o valor do porto.

Acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña

Neste estudo, o Ministerio considera utilizar o trazado e os túneles do antiga liña convencional que está fóra de servizo, en Uxes, e a remodelación do patio de vías desta estación, de acordo co estudos de explotación realizados pola Consellería.

Isto supón unha mellora para a explotación da infraestrutura empresa ferroviaria sobre a solución prevista no “Estudo Informativo do acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña en Punta Langosteira”, e simplificará a conexión e a explotación ferroviaria entre o porto e o trens que circulan polo Eixo Atlántico, ampliando as posibilidades de acceso para tráfico de mercancías.

Novo terminal mercadorías en Uxes

O estudo analizará a capacidade da oferta suficiente ao novo terminal para permitirlle eventualmente prestar servizo ao tráfico que recibe actualmente a Terminal de Mercadorías de A Coruña – San Diego, que é unha das principais instalacións ferrocarrís de mercadorías de Galicia e está situado xunto ao porto cidade interior.

Aviso amarelo este venres e sábado no litoral da Coruña por fenómenos costeiros

0

O litoral da provincia da Coruña permanecerá este venres e sábado, días 25 e 26 de outubro, en aviso amarelo por fenómenos costeiros.

Segundo o aviso de Meteogalicia, departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente, a alerta empezará ás 6,00 horas da madrugada deste venres e estenderase ata as 21,00 horas do sábado.

Deste xeito, prevese que a costa da provincia da Coruña rexistre mar combinado, con ondas que poderán alcanzar o catro metros de altura. Ademais, a Aemet sinala que haberá vento do suroeste de forza sete, principalmente ao oeste das Illas Sisargas.

Alertan do perigo do oligopolio trala nova adxudicación do transporte regular de A Coruña-Lugo-A Mariña a AUCASA (do grupo Arriva)

0

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica este mércores a resolución da adxudicación do contrato do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada XG635 –A Coruña-Lugo-A Mariña, cos anexos–, que recaeu na empresa Autos Carballo, (AUCASA) mercada polo Grupo Arriva en 2016. Trátase dun contrato cun importe de 4 millóns de euros.

Alerta de oligopolio

Se ben esta ruta xa a tiña Arriva, “o monopolio é un feito”, sinalan dende o sector. “En Galicia van quedar tres empresas funcionando (Alsa, ⁠Monbus e ⁠Arriva), e despois o problema vaino soportar a sociedade, bueno xa o está soportando porque non hai empresas para realizar as viaxes necesarias para mover o país”.

Todo, afirman fontes do sector, polo interese principal da administración de ter un “interlocutor único”, algo que leva permitindo a sociedade na última década sen protestar.

O servizo

Os novos servizos comezarán a funcionar a inicios do próximo ano, mantendo os servizos actuais e reforzando a conexión directa entre A Coruña e Lugo cun incremento de tres autobuses de máis de 55 prazas.

De luns a venres haberá, a maiores dos que xa funcionan, oito novos servizos de ida e outros tantos de volta, asegurando así un servizo cada hora por sentido entre as 6,30 e as 21,15 horas. Os sábados súmanse dous servizos de ida e dúas de volta, e os domingos e festivos prestarase un servizo máis en cada sentido.

A implantación do servizo directo supón un aumento porcentual do 25% e sumará 4.320 expedicións anuais, coa previsión de chegar a preto de 460.000 viaxeiros ao ano en 2025.

A maiores destas cidades, este servizo de explotación, cuxa vixencia se prevé estender ata 2030, inclúe os concellos coruñeses de Aranga, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Betanzos, Cedeira, Cerdido, Coirós, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Sada e San Sadurniño, así como os lugueses da Pastoriza, A Pontenova, Abadín, Barreiros, Begonte, Burela, Castro de Rei, Cervo, Foz, Guitiriz, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Muras, O Vicedo, Ourol, Outeiro de Rei, Pol, Rábade, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove. Dado o seu tránsito polo límite autonómico entre Galicia e Asturias, inclúense tamén paradas en San Tirso de Abres e Vegadeo.

Segundo os datos rexistrados en 2023, a demanda real neste case medio centenar de concellos aproxímase aos 371.500 viaxeiros ao ano, polo que a nova concesión impulsará os servizos con cinco vehículos máis, alcanzando os 22 autobuses, e a contratación doutros tantos condutores, ademais dos previstos para reforzar as conexións entre A Coruña e Lugo.