Inicio Blog Páxina 335

A Deputación da Coruña pide incrementar accións contra a “LGTBIfobia” e mostra o seu apoio á familia de Samuel

0

Deputación da Coruña trasladou o “apoio e solidariedade” da institución á familia e amigos de Samuel Luiz e insta a todas as administracións públicas competentes a “intensificar as accións dirixidas a erradicar a LGTBIfobia e calquera forma de discriminación”.

Fíxoo no pleno ordinario celebrado hoxe na sede da institución provincial, presidido polo vicepresidente Xosé Regueira por ausencia do titular, Valentín González Formoso, no que se aprobou unha declaración institucional subscrita por todos os grupos políticos: PSdeG-PSOE, BNG, PP e Alternativa dos Veciños.

A resposta social foi inmediata, con manifestacións en toda España pedindo ‘Xustiza para Samuel’ e condenando a violencia homófoba”, lembran o texto da declaración, que recalca que “estas accións demostraron que a sociedade reclama políticas máis contundentes para protexer os dereitos do colectivo LGTBI e garantir unha convivencia libre de odio e discriminación”.

A pesar desta conciencia social, desde a Deputación sinálase que o crime cometido contra Samuel “non foi un feito illado”, xa que “os delitos de odio, e en particular os relacionados coa orientación sexual e a identidade de xénero, experimentaron un preocupante aumento nos últimos anos”.

Ante este contexto, o pleno da institución provincial entende que o actual xuízo “representa un momento clave non só para facer xustiza, senón tamén para reafirmar o compromiso das administracións na loita contra a LGTBIfobia”.

As mobilizacións do persoal da Escola de Música non cederán ata que se confirmen os compromisos municipais

0

Esta mañá, o goberno local reuniuse o Consorcio da Música para aprobar o déficit de 813.000 euros para 2023. A Concellaría de Cultura informou que se vai levar ao pleno do día 7 de novembro un modificativo para a EMM e subsanar necesidades e débedas co persoal traballador.

A representante da área de Cultura tamén informou que os arranxos urxentes que precisa o edificio se afrontarán entre o Concello e o Consorcio, priorizando asuntos como a caldeira e o ascensor. De feito, para o próximo luns está prevista unha reunión coa dirección do centro para tratar as necesidades e prioridades máis urxentes. O obxectivo, sinalou a administración, é a longo prazo realizar unha reparación integral do inmóbel.

O caso é que todos estes compromisos están supeditados a que se aproben os orzamentos municipais para 2025, “co cal todo está no aire”, advirte o persoal.
Por ese motivo a asemblea de traballadoras e traballadoras acordou manter as mobilizacións e convocar unha concentración para o próximo martes, 29 de outubro, ás 20:30h, diante da escola.
Ademais, os traballadores manteñen a cita do 7 de novembro, outra protesta en María Pita, ás 09:45h, coincidindo coa celebración do pleno ao que se levará o modificativo de crédito.

O Futuro da EMM

Ás preguntas sobre o futuro da escola, respondeuse que o Concello ten previsto realizar un convenio de xestión co Consorcio, que pasará a encargarse unicamente dos gastos de persoal. Así, habería un cambio de modelo, xa que a xestión da escola se faría directamente pola Concellaría de Cultura (área na que a EMM contará cunha partida propia), e todo o relativo a recursos, materiais didácticos e mantemento do edificio tamén correrá a cargo de Cultura.

Segundo lle trasladou o Concello á representación social, este convenio revisarase anualmente, polo que o persoal seguirá mantendo o pulso pola municipalización.

Esixencia do PP

Aproveitou o PP, que mantivo unha reunión cos membros da Escola, para esixir a Inés Rey “solucións urxentes aos problemas da Escola Municipal de Música polo perigo que supón para os usuarios. Lorenzo lembrou que o Goberno “aínda non fixo nada para cumprir a moción, todo segue igual: caída de restos por gretas na fachada que supoñen un perigo para os usuarios; fugas e humidade; aseos atascados, falta de aire acondicionado e insonorización nas aulas, problemas eléctricos, etc”.

Máis novas sobre a situación da EMM

A Escola Municipal de Música xa cae a anacos

Persoal da Escola Municipal de Música da Coruña mobilízase para pedir a xestión directa do consistorio

As obras de remodelación da avenida de Alfonso Molina, na Coruña, provocará o martes afectacións ao tráfico

0

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable avanzou afectacións ao tráfico polas obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña.

As obras a realizar consistirán na execución dun novo cruzamento de telecomunicacións baixo a avenida San Cristóbal, así como na súa mediana. “Por iso, e en aras de garantir a seguridade dos traballadores e usuarios, a partir das 10.00 horas do martes 29 de outubro ata, previsiblemente, as 13.00 horas do venres 23 de novembro, en xornada laboral de luns a venres, produciranse as afectacións ao tráfico“, engade.

Así, haberá cortes de carril alternados na AC-10, na zona de obras e un estrechamiento progresivo do ramal de saída da AC-11 (avenida de Alfonso Molina) con destino AC-10 Eirís/Vos Castros no quilómetro 1,500 sentido entrada á cidade, “alterándose a actual incorporación en función das distintas fases de obra”.

O BNG pide a implantación inmediata da Ordenanza Municipal do galego

0

Despois de analizar os datos Instituto Galego de Estatística en relación ao grao de uso da nosa lingua, o BNG que son moi “preocupantes na área urbana da Coruña”. “É aquí onde se produce a maior caída no número de persoas galegofalantes, até alcanzar 25% en relación ao estudo anterior do IGE (2018)”, describen.

A edil Mercedes Queixas entende que “hai en marcha un proceso acelerado de substitución lingüística, cun aumento considerábel da poboación monolingüe en castelán”. E considera que “a Ordenanza do Galego é unha ferramenta valiosa para frear ese proceso e para ir avanzando no camiño da normalización, mais para iso fai falta vontade política para desenvolvela”.

Porque a Ordenanza Reguladora do Galego foi aprobada o 3 de xuño de 2021, pero ata o día de hoxe quedou no papel.

Xa no pleno de xaneiro deste ano, a propia Queixas defendeu unha moción para instar o Goberno Local a que se crease o Consello Local da Lingua, no primeiro semestre de 2024, e a que se redactase o Plan de Normalización lingüística, dúas cuestións previstas na ordenanza. A moción, aprobada por unanimidade, está aínda por se cumprir.

“É difícil entender como, máis de tres anos despois da aprobación da ordenanza, non se ten avanzado na elaboración dese plan nin na creación do Consello Local da Lingua, un órgano encargado de avaliar a aplicación da ordenanza e de velar polo seu cumprimento. E, como é difícil de entender, cuestionamos o Goberno Local por que non cumpriu os acordos do Pleno de xaneiro”, remarca Queixas.

 

Máis novas sobre a lingua

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

Adiantan o dispositivo de seguridade para o partido Depor-Racing deste domingo

0

A presenza policial polo partido entre o Real Club Deportivo e o Racing de Santander deste domingo, declarado de ‘alto risco’ pola Comisión Antiviolencia reforzarase e adiantarase o dispositivo.

Así se acordou na Xunta de Seguridade celebrada este xoves e presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Nela, — e tras os incidentes rexistrados no que enfrontou ao club coruñés co Málaga, previo ao partido –, concretouse o dispositivo de seguridade deseñado pola Policía Nacional para o encontro, que terá lugar este domingo, día 27, ás 16.15 horas no estadio de Riazor.

Nesta reunión, estableceuse “reforzar a seguridade e os medios dispoñibles para atender os arredores do campo e diferentes puntos da cidade”, así como adiantar a activación do dispositivo que entrará en funcionamento “o sábado ao mediodía”, segundo informa a Subdelegación do Goberno.

En concreto, o operativo da Policía Nacional contará con dous grupos da Unidade de Intervención Policial (UIP), axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR), Equipo de Información e guías caninos, especialistas do TEDAX, Unidade de Subsolo e protección ambiental, ademais de medios áereos, como un helicóptero e varios drones.

Nesta liña, a subdelegada mostrou a súa confianza en que este partido trascurra “con total normalidade, garantindo a seguridade e o goce de todos os cidadáns” e en que non se volvan a repetir os incidentes sucedidos no partido do Deportivo e o Málaga.

Así mesmo, Rivas destacou que “se actúa antes, reforzando a seguridade e a coordinación de todos os medios”. Apelou, ademais, ás afeccións para que “anticipen na medida do posible a entrada ao estadio”, no cal se adiantará media hora a apertura de portas.

Os Concellos da AP-9 amosan a súa unión para esixir o IBI de 50 anos

0

Xa en xaneiro comezaban a súa loita por reverter 50 anos de desagravio. Onte, 22 concellos polos que pasa a AP-9 ratificaron a súa unión para reivindicar o cobro dos atrasos do IBI, a actualización catastral da autovía e as bonificacións para empadroados,

Convocados polo concello de Abegondo, participaron na reunión representantes dos Concellos de Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, A Coruña, Ferrol, Mesía, Miño, Mos, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Pontedeume, Portas, Teo e Valga. Confirmáronse, pero finalmente Culleredo e Pontecesures non puideron asistir, pero demostraron igualmente o poder da “forza conxunta”.

En primeiro lugar, buscarase o cobro dos atrasos do IBI. Corresponden ao último cuadrimestre de 2023, xa que en agosto rematou a exención do 95% que tiña a concesionaria en virtude dunha lei do franquismo.
As administracións recadadoras, que na maioría dos casos son as Deputacións, aplicaron a recadación ao 100% só a partir de xaneiro de 2024, ao considerar que o devengo se fai por ano natural. Pero tomando como base que o Concello de Valga acaba de conseguir recoller tamén eses últimos cuadrimestres de 2023 solicitándoo individualmente, intentará solicitar o mesmo. Unha cifra que pode superar os 2,2 millóns de euros.

 

En segundo lugar, a asociación defenderá ante o Catastro a actualización catastral das infraestruturas da AP-9. O último remóntase a 2007. Pero se a maioría dos cidadáns experimentou unha actualización das súas propiedades, tamén é “xusto” que se amplíe á autoestrada. Isto suporía un incremento da contía do IBI.

E en terceiro lugar, os Concellos explorarán os medios para solicitar bonificacións aos seus cidadáns polo uso da AP-9. Servirán de exemplo outros casos, como o de Navarra, que se establece para as persoas empadroadas.

Máis novas

22 Concellos únense en Abegondo para conseguir o seu dereito histórico a percibir o 100% do IBI

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 rexistrarán cortes de tráfico por obras nunha pasarela peonil

0

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 na Coruña rexistrarán cortes de tráfico por obras de mellora nunha pasarela peonil, segundo informa o Ministerio de Transportes. Esta pasarela cruza os dous sentidos de circulación da AC-11 no inicio da AP-9, na Coruña. Os traballos desenvolveranse de 22.00 a seis da madrugada.

Os carrís iranse cortando en función das necesidades, habilitando como mínimo un carril por sentido. No viario de servizo paralelo (rúa Xenebra) traballarase en horario diúrno, restrinxindo o paso dun dos dous carrís existentes. Por seguridade, será necesario tamén cortar o tráfico peonil da pasarela, propondo como itinerarios alternativos debidamente sinalizados as pasarelas de Palavea e a de Elviña.

Todo iso porque a concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, vai realizar obras de mellora na pasarela peonil sobre a avenida Alfonso Molina (AC-11) e a autoestrada AP-9 (A Coruña). Os traballos de mellora centraranse na reparación das deterioracións superficiais do formigón do taboleiro e as pilas da pasarela. Tamén se intervirá sobre as varandas para manter a súa funcionalidade e garantir a súa adaptación á normativa.

O litoral da Coruña permanecerá en aviso amarelo este venres e sábado por fenómenos costeiros

0

O litoral da provincia da Coruña permanecerá este venres e sábado, días 25 e 26 de outubro, en aviso amarelo por fenómenos costeiros.

Segundo o aviso de Meteogalicia, departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente, a alerta empezará ás 6,00 horas da madrugada deste venres e estenderase ata as 21,00 horas do sábado.

Deste xeito, prevese que a costa da provincia da Coruña rexistre mar combinado, con ondas que poderán alcanzar o catro metros de altura. Ademais, a Aemet sinala que haberá vento do suroeste de forza sete, principalmente ao oeste das Illas Sisargas.

Ademais, non parará de chover pero o domingo prevese algo máis suave.

O goberno de Oleiros aproba en solitario os Orzamentos de 2025

0

Cos votos en contra de PP e PSOE e a abstención do BNG, o grupo de goberno de Alternativa dos Veciños aprobo no pleno de onte os orzamentos do Concello de Oleiros para o ano 2025, de 47.850.000 euros.

Máis da metade deses cartos destinaranse á conservación e mantemento dos equipamentos e servizos públicos, cun gasto de 12 millóns en persoal e de 15 millóns en gasto corrente. 

No referido a obras públicas o investimento, serán 17,2 millóns que servirán para mellorar o espazo público viario, a accesibilidade, infraestruturas de saneamento, iluminación, pluviais, condución de augas, eficiencia enerxética,… Tamén se prevé, entre outras actuacións, a senda costeira entre Naval e Canide, un aparcadoiro próximo á zona do Seixo Branco, importantes melloras no campo de fútbol O Redondo de Montrove e a segunda anualidade do edificio multiusos de Bastiagueiro. Este capítulo nútrese de diversas achegas da Deputación, da venda de solo municipal e dun crédito bancario do que se fixará o seu importe exacto cando se incorporen os remanentes xerados este ano.

En canto aos ingresos hai unha alza xeneralizada agás no referido a taxas, prezos públicos e outros ingresos, que descenden polas cotas de urbanización que se prevían no 2024 e non se contemplan para o próximo ano. Os orzamentos inclúen xa a actualización de taxas e impostos, que levaban sen modificarse entre 9 e 21 anos, que pasan a estar equiparados aos demais concellos da área metropolitana.

O goberno local herculino propón nomear a Ramón Núñez fillo predilecto da Coruña

0

O goberno local da Coruña proporá o nomeamento de Ramón Núñez Centella, impulsor da rede de Museos Científicos Coruñeses, como fillo predilecto da cidade.

Nun comunicado, a alcaldesa, Inés Rey, subliña que “Ramón é unha peza clave na historia da Coruña e na súa consolidación como a cidade de ciencia e tecnoloxía que é”.

Agora, esta proposta elevarase á Comisión de Honras e Distincións “o máis axiña posible” para a súa aprobación e posterior ratificación polo pleno municipal.

A alcaldesa expón esta proposta para o próximo, “coincidindo co 40 aniversario da Casa das Ciencias, o primeiro do tres museos científicos e por tanto xerme da rede”.

O Concello recalca que Ramón Núñez é un divulgador científico “que dedicou toda a súa vida ao ensino das ciencias”, formando parte de campañas e programas de carácter nacional e internacional.