Inicio Blog Páxina 334

Investigados os responsables de dúas empresas por soterrar cascallo nunha parcela rústica de Bergondo

A Unidade de Protección da Natureza (Uprona) da Garda Civil da Coruña investigou aos responsables de dúas empresas por soterrar cascallo e outros residuos procedentes da demolición dun edificio nunha parcela rústica de Bergondo (A Coruña).

Segundo informou a Garda Civil, foi unha patrulla a que observou os feitos cando realizaba un servizo neste termo municipal, onde observou que, nunha parcela rústica, había soterrados residuos procedentes da demolición de edificacións, que posteriormente eran cubertos con terra, provocando un vertedoiro irregular.

A Garda Civil iniciou unha investigación, constatando que, segundo o proxecto presentado para a concesión da licenza de demolición, estes residuos deberían tratarse a través dunha empresa autorizada de xestión de residuos.

Tras comunicar á empresa a incidencia, esta presentou os documentos emitidos por unha entidade autorizada para a súa xestión amparando o traslado e entrega dos residuos xerados na demolición na planta deste xestor.

Ante a sospeita de que os documentos achegados non se axustasen á realidade, os compoñentes da Pacprona continuaron coa investigación para verificar a autenticidade dos mesmos, comprobando que os transportes e entregas que amparaban non se realizaron e que os xustificantes presentados emitíronse para tratar de xustificar a legalidade da xestión dos residuos e evitar posibles sancións.

Con todo iso, a Garda Civil procedeu á investigación dos responsables destas dúas empresas como posibles autores dun delito de falsidade en documento público e mercantil e á confección das pertinentes actas-denuncia a estas entidades, así como á propietaria do terreo onde se enterraron os residuos por supostas irregularidades na xestión de residuos procedentes de edificacións.

Ana Suárez: “Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria”

0
  • “Recordo que cando vin para aquí a estudar hai 10 anos me sorprendía que ao ir no bus absolutamente ninguén falase galego”.
  • “Cando unha das miñas curmás estaba empezando a falar, miña avoa faláballe en “castelán”, polo que a nena acabou chamándolle “jallinas” ás galiñas”.
  • “unha das claves principais pasaría por deixar de ver a lingua cunha connotación negativa ou inferior”.
  • “Se os datos nos din que a escola é un dos axentes castelanizadores, é porque a administración así o decidiu no seu momento.
  • “Actualmente gozamos, por exemplo, dun panorama musical en galego que consegue facer a lingua de “primeira””.

— — —

Xa temos falado con Xurxo Souto e con Daniel Cerqueiro nesta serie de entrevistas que comezamos tras coñecer que o último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán.

Hoxe queremos falar da situación lingüística que vive o terceiro sector da nosa cidade. E para iso falamos con Ana Suárez, técnica de reinserción da Fundación Érguete, recén recoñecida polo Ministerio de Interior. Natural de Ponteceso e afincada no barrio dos Mallos, vive en primeira persoa esa dualidade idiomática que sofre o noso país, a contraposición entre a aldea e a cidade.

 

  • Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos ultimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

Paréceme demoledor para a lingua galega, atopámonos datos como que entre a poboación menor de 15 anos, o 32% das persoas saben falar pouco ou nada galego. Son datos preocupantes, xa que estamos falando das novas xeracións e as que terán a responsabilidade futura de manter esta lingua viva. Por outra parte, son datos que podíamos intuír, pero non sei si con esta rotundidade.

A última década coincide para min cun cambio de domicilio dunha zona rural á cidade da Coruña, polo que evidentemente o cambio é radical. Recordo que cando vin para aquí a estudar me sorprendía que ao ir no bus absolutamente ninguén falase galego.

– Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Creo que en función dos círculos nos que te movas, podes atopar unha porcentaxe de xente que use o galego como a súa lingua habitual. O tema é que parece que é unha lingua que non está no día a día, e a visión que se ten sobre ela é unha das lacras da lingua.

– A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Eu sempre falo galego, tanto a nivel laboral como a nivel persoal. Pero si que é verdade que non sempre a xente se dirixe a min coa lingua galega. Por exemplo, no entorno laboral a maioría das persoas coas que me relaciono falan castelán.
No ámbito persoal, practicamente toda a miña familia fala galego, excepto algún caso en concreto, e coas miñas amistades teño persoas cerca que falan galego e outras castelán.

– Como valoras a presenza do galego no teu barrio dos Mallos? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Ía comezar respondendo que ben, pero si me paro a pensar, parece que celebro case como unha vitoria que unha persoa me fale galego na cidade. Entón, creo que a resposta sería que a presenza da lingua é moi minoritaria no barrio. Sigue sorprendéndome cando vou ao parque, por exemplo, e vexo a unha familia que fala galego co seu fillo/a, porque son unha porcentaxe mínima, non tanto se poñemos o foco en persoas de máis idade, que si falan en galego.

– Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti o a situación lingüística da cidade?

Sempre me río disto, pero creo que no fondo é a realidade de moitas familias. No meu caso, teño dúas primas menores que viven na Coruña dende sempre, e dende pequenas falan castelán. Cómpre sinalar que veñen a Ponteceso case todas as  semanas dende sempre. Cando unha delas estaba empezando a falar, miña avoa faláballe en “castelán”, polo que a nena acabou chamándolle “jallinas” ás galiñas, ata que lle pedimos por favor a miña avoa que lle falara en galego á nena, jaja.

– No teu sector, o terceiro sector e/ou o mundo dos centros penitenciarios, como describirías o uso do galego? 

Creo que nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria. Cando comecei a traballar si que en algunha ocasión me obrigaba a cambiar o idioma si a persoa coa que falaba o facía en castelán. A día de hoxe, non se me pasa pola cabeza, a non ser que non comprenda, que pasa en moi poucas ocasións, incuso cando estou falando con persoas internas que proveñen doutros países.

– Que melloras se poden implatar?

Creo que as melloras pendentes son moitas, non son moi fan de obrigar porque creo que non ten sentido nin é eficaz. Pero creo que unha das claves principais pasaría por deixar de ver a lingua cunha connotación negativa ou inferior.

– Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica alguna responsabilidade?

Por suposto que si, pero igual que che diría que a propia universidade. Estamos falando de que os mestres e mestras de hoxe, pasaron por unha carreira universitaria, unha oposición, etc. e gustaríame coñecer o dato de cantas das asignaturas son dadas en galego, e máis que iso, cal é o uso diario do galego nestas aulas.

Creo que ao final estamos xirando en círculos, e se os datos nos din que a escola é un dos axentes castelanizadores, é porque a administración así o decidiu no seu momento, tanto coa formación docente como coa lexislación vixente.

– O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

Podo chegar a sentirme moi identificada nesta porcentaxe, porque eu mesma, que son galegofalante dende sempre ao igual que o 90% do meu entorno, cando estudaba, resultábame moito máis sinxelo redactar algo en castelán. Facendo autocrítica, supoño que terá moito que ver con que todas as miñas lecturas eran en castelán, ao igual que todo o que vía na televisión e o que escoitaba. Por sorte, xa fai uns anos que está cambiando, e creo que actualmente gozamos, por exemplo, dun panorama musical en galego que consegue facer a lingua de “primeira”.

Creo que un dos papeis principais dos medios en galego é a difusión e a normalización da lingua, a promoción de actividades culturais en galego e incluso a creación de contidos en galego.
Se ben é certo, a administración debería apoiar aos medios que así o fan e non tanto a outros que a pesar de levar a “Galicia” no seu nome, só sacan a lingua galega a pasear o 17 de maio.

Máis entrevistas da serie lingüística

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

O PP pídelle á alcaldesa da Coruña unha política de vivenda “real” con fondos do Goberno central

0

O eurodeputado do Partido Popular Adrián Vázquez e o portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, instaron á rexedora socialista, Inés Rey, a promover unha política de vivenda “real” e a demandar fondos ao Goberno central.

“Máis de 15.000 mozos coruñeses tiveron que marcharse porque non atopaban vivenda de aluguer, é un gran problema e necesita unha solución“, expuxo Lorenzo, en declaracións aos medios tras unha reunión co eurodeputado galego. Ademais, incidiu en que “os fondos europeos poden ser moi importantes para conseguir a resolución de vivendas” e reclamou á rexedora que pida ao Goberno central fondos.

“O Ministerio deulle 20 millóns directos ao Concello de Barcelona para vivenda social e a alcaldesa presume de boa relación co Goberno central, que os pida tamén para esta cidade”, sentenciou tras soster que non hai “un plan de vivenda na cidade”.

Á súa vez, Adrián Vázquez recalcou que o problema da vivenda tamén debe ter unha solución a nivel da UE e subliñou o feito de que “por primeira vez” vaia a haber un comisario europeo designado para esta área. “A alcaldesa non ten un plan de vivenda serio nin se lle espera e o que é aínda peor, encomia as políticas dun Goberno central que o que fai é desincentivar o investimento en nova vivenda”, apostilou á súa vez.

Raphael actuará o 30 de novembro na Coruña, no seu único concerto en Galicia

0

Raphael ofrecerá o día 30 de novembro no Coliseum da Coruña o seu único concerto en Galicia dentro do seu ‘Tour Vitoria 2024‘. Trátase dun evento que terá lugar ás 20.30 horas.

O concerto, patrocinado pola Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello da Coruña, está organizado por Cávea Produciones. No mesmo, interpretará cancións do seu repertorio como ‘Mi gran noche’, ‘Que sabe nadie’ ou ‘Yo soy aquel’, acompañadas das gravacións do seu último disco, escrito e producido por Pablo López.

Para o concerto, “unha oportunidade única para gozar dun dos maiores artistas que deu o noso país”, remarcan os promotores, as entradas están xa á venda.

O pai de Samuel Luiz: “O que fixeron co meu fillo foi odio, nin a un can se lle deixa así tirado”

0

O pai de Samuel Luiz, Maxsoud Luiz, ratificou que o seu fillo nunca tivo un problema cando saía pola noite. “Nunca bebeu, non lle gustaba estar en pelexas”, expuxo, moi emocionado e con bágoas, nunha nova sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña con Tribunal do Xurado.

Quitáronme a quen máis amaba“, sentenciou para incidir en que o que fixeron con el foi “odio”. “Nin a un can se lle deixa tirado nunha cuneta”. Así o explicou nunha nova vista con testificais, nas que tras renunciar partes personadas a algúns das testemuñas, empezou o testemuño do pai da vítima, falecida tras unha malleira mortal na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés.

“Ensineille valores porque na miña casa eu non os aprendín“, incidiu para asegurar que Samuel, que traballaba e estudaba, era “o seu mellor amigo”. “Ninguén pode falar mal do meu fillo, era un exemplo de educación”.

“QUITÁRONME UN BRILLO”

Cuestionado pola fiscal que supuxo a morte do seu fillo, dixo: “Quitáronme a quen máis amaba, quitáronme un brillo que había en nós”. “Quitáronnos todo, como a calquera pai ou nai cando se arrinca un fillo perde o rumbo”, engadiu.

“Non estou aquí para xulgar, aquí hai moitas familias esnaquizadas, hai moitas”, apuntou para recalcar que el non naceu para “xulgar” senón para estar nunha igrexa, en relación á que pertence, “para axudar á xente”. “O meu fillo tiña valores e o que fixeron co meu fillo foi odio, nin a un can se lle deixa tirado nunha conta e aí estivo, tirado”. “Roubáronme ao meu fillo”, sinalou noutra parte da súa testifical e entre bágoas.

Todo iso con críticas, ademais, aos medios de comunicación. “As imaxes que saen están a matar ao amor da miña vida”, aseverou sobre a nai da vítima. “Eu non vendo ao meu fillo”, apostilou sobre o que lle ofreceron por saír neles. En canto á condición sexual de Samuel, precisou que non só o sabía pola súa vestimenta senón “polas cousas que atopou en casa”. Todo iso sen preguntas dos avogados da defensa.

UN ACUSADO RECOÑECEU A POSIBILIDADE DUN DELITO POR HOMOFOBIA

Un acusado do crime de Samuel Luiz recoñeceu a outra persoa, a través de redes sociais, a posibilidade de que Samuel Luiz morrese por ser homosexual, segundo explicou unha testemuña no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña.

Fíxoo en referencia a Kaio A.S.C., do que manifestou que este procesado — para o que se piden 27 anos de cárcere por un presunto delito de asasinato e outro polo suposto roubo do móbil da vítima — díxolle “se cadra si” despois de que esta testemuña descartase a posibilidade de que Samuel morrese pola súa orientación sexual.

Antes dúas testemuñas, unha amiga de Samuel Luiz e outro da contorna da familia de Kaio A.S.C., pero que non tiña contacto con el desde facía trece anos, ratificaron que este lles pediu que publicasen en redes sociais un texto exculpatorio sobre a malleira mortal ao novo, na madrugada do 3 de xullo de 2021.

“Eu non fixen nada”, explicou este último sobre o texto que lle trasladou este procesado e que se negou a publicar en redes sociais. “Díxenlle que non me ía a meter nesas cousas e que o entendese”, sinalou. “Que publicásemos cousas boas del”, aclarou outra testemuña.

Esta amiga de Samuel, e coñecida da nai de Kaio, expuxo que a citaron na casa desta e que este acusado lle trasladou tamén unha versión exculpatoria en relación a uns feitos nos que ela non estaba.

A preguntas da acusación particular, confirmou que lle pediu que difundise unha mensaxe en redes sociais dicindo que non tivo participación na malleira mortal á vítima, na madrugada do 3 de xullo de 2021. Da reunión precisou que querían que ela ou a amiga de Samuel presente o día dos feitos publicasen “cousas boas del”.

A FEDERACIÓN LGTBIQ+ PIDE NON OCULTAR DELITOS CONTRA O COLECTIVO

A Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuales e máis (FELGTBI+) expresa a súa “profunda preocupación e rexeitamento ante a estratexia da defensa dos acusados polo asasinato de Samuel Luiz, que tenta desvincular o crime da súa motivación LGTBIfóbica ao negar que se tratou dun delito de odio baseado na súa orientación sexual”.

“O asasinato de Samuel Luiz, quen foi brutalmente agredido mentres os seus atacantes insultábanlle con berros homófobos como “maricón de merda”, non pode ser considerado un simple acto de violencia desvinculado da discriminación que sofre o colectivo LGTBI+”, sinala nun comunicado.

Faino en alusión ás defensas aínda que as acusacións — Fiscalía, a particular, que representa á familia e a popular, do colectivo LGTBI Ás Coruña — piden, en concreto, agravante por discriminación en relación á orientación sexual da vítima no caso de dous acusados.

Trátase de Diego M.M e Catherine S.B., para os que se piden 25 anos de cárcere. Para os outros tres, a solicitude de condena oscila entre os 22 e 27 aos de prisión.

Paula Iglesias, presidenta da Federación Estatal LGTBI+, que pide “xustiza” para Samuel, sinala que “negar a motivación de odio que impulsou o ataque supón invisibilizar a realidade da violencia sistemática á que se enfronta este colectivo”.

Por outra banda, incide en que, segundo a enquisa Estado LGTBI+ 2023, “máis de 280.000 persoas LGTBI+ sufriron agresións no últimos cinco anos”. Ángeles Blanco, vogal de delitos de odio da FELGTBI+, destaca que “estas cifras alarmantes evidencian a gravidade da situación”.

“Negar o odio que promove crimes como o de Samuel Luiz non só minimiza a dor das vítimas senón que perpetúa os discursos de odio que desprotegen a quen viven en situación de vulnerabilidade”, destaca.

A Deputación da Coruña pide incrementar accións contra a “LGTBIfobia” e mostra o seu apoio á familia de Samuel

Unha rotura na rede xeral provocou anegacións na Corveira

0

Este mediodía, sobre as 13.10 horas, tivo lugar a unha rotura na canalización da rede xeral de Emalcsa, que abastece á cidade da Coruña e arredores, na Corveira, xunto ao parque de tobogáns.
Este incidente provocou o desbordamento dunha gran cantidade de auga nos arredores, afectando principalmente ata a rúa Irmáns Suárez Ferrín e baixando cara a Cordeda e Condes de Andrade.

rotura_emalcsa_2-Coveira

Ata o punto desprazouse persoal de Emalcsa, cortando a saída de auga no 13:50 h. A auga inundou o garaxe do edificio Irmáns Suárez Ferrín máis próximo ao punto de ruptura. Tamén empuxou numerosas pedras pequenas cara ao estrada.

A Policía Local de Culleredo e o Servizo Municipal de Emerxencias actuaron de inmediato, xunto con persoal do servizo de abastecemento de auga, ademais da derivación da empresa de augas augas da Coruña.
Emalcsa acometerá agora os traballos de reparación. En canto ao servizo de auga, no que fai referencia a Culleredo, pode provocar episodios de turbidez na zona urbana.

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 na Coruña rexistrarán cortes de tráfico este luns por obras nunha pasarela

0

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 na Coruña rexistrarán cortes de tráfico a partir do luns, día 28, por obras de mellora nunha pasarela peonil, segundo informa o Ministerio de Transportes.

Esta pasarela cruza os dous sentidos de circulación da AC-11 no inicio da AP-9, na Coruña. Os traballos desenvolveranse de 22.00 a seis da madrugada.

Os carrís iranse cortando en función das necesidades, habilitando como mínimo un carril por sentido. No viario de servizo paralelo (cale Xenebra) traballarase en horario diúrno, restrinxindo o paso dun dos dous carrís existentes.

Por seguridade, será necesario tamén cortar o tráfico peonil da pasarela, propondo como itinerarios alternativos debidamente sinalizados as pasarelas de Palavea e a de Elviña.

Todo iso porque a concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, vai realizar obras de mellora na pasarela peonil sobre a avenida Alfonso Molina (AC-11) e a autoestrada AP-9 (A Coruña).

Os traballos de mellora centraranse na reparación das deterioracións superficiais do formigón do taboleiro e as pilas da pasarela. Tamén se intervirá sobre as varandas para manter a súa funcionalidade e garantir a súa adaptación á normativa.

Alternativas

O acusado de asasinar a súa parella no Birloque enfronta unha petición de 25 anos de cadea

0

Fiscalía e acusación particular manteñen a petición de 25 anos de cárcere para un home acusado de asasinar á súa parella no barrio coruñés do Birloque, en setembro de 2021, tras querer ela romper a relación, cunha convivencia previa desde xullo.

Ambas retiran a petición de delito de furto, polo que reclamaban o pago dunha multa, ao considerar que este non quedou “plenamente acreditado” na proba do caso.

A defensa, pola súa banda, ratifica a petición de cualificación de homicidio para o procesado, así como a aplicación, entre outras, da atenuante de arrebato ou obcecación e de actuar tras o consumo “de alcol e drogas tóxicas”.

Así o manifestaron na lectura de conclusións, na vista celebrada este luns, con Tribunal de Xurado, na Audiencia Provincial da Coruña.

AGRAVANTES E ATENUANTES

Nas mesmas, a fiscal e acusación particular manteñen as agravantes de aleivosía, parentesco e xénero e inciden en ausencia de “colaboración” por parte do procesado, así como na súa falta de arrepentimento.

En contraposición, a defensa mantivo a reclamación de cualificación de homicidio para o procesado, quen na primeira sesión do xuízo alegou, entre bágoas e tremores, consumo de drogas e alcol o día dos feitos.

Esta parte sostén que o procesado tiña as súas capacidades volitivas e cognitivas afectadas, algo que rexeitan as anteriores así como os expertos que elaboraron os informes psicolóxicos do home.

O ACUSADO, “NINGÚN TRASTORNO”

Na mesma liña, nesta xornada, antes de dar lectura ás conclusións, declarou unha das psicólogas do Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) que avaliou ao procesado. “Non existe ningún trastorno de personalidade, nin síndromes clínicas graves, nin trastorno psicótico”, afirmou, en calidade de perito, para engadir que si presenta un “historial de dependencia de alcol e outras sustancias”.

Cuestionada pola fiscal sobre a percepción da realidade do acusado no momento dos feitos, asegurou que “non hai ningún elemento que indique que tiña alterada a súa capacidade cognitiva”.

En relación aos feitos, as acusacións sosteñen que cun coitelo asestoulle varias puñaladas á vítima, algunha por detrás, “de forma sorpresiva e repentina” cando ela lle comunicou que quería romper a relación e que abandonase o piso.

Quen é o teu Errejón?

Poder, redes sociais, inmediatez, postura, superficialidade, unha educación baseada en como vendernos, o virtual, o real, a presión social, quen es e quen dis ser. Vivimos nesta realidade, máis preme ou non, segundo o lugar e a posición na que te atopes, pero todo nos empuxa a vivir así. Sabemos quen somos ou como queremos que nos vexan os demais? É a dualidade na que vivimos.

Agora tocoulle a Errejón enfrontarse a esa dualidade, abatirémolo coma se o noso entorno ou a nosa realidade estivesen libres de Errejón. E, agora, quen é o Errejón da túa contorna, a quen non lle dis nada como llo estamos dicindo a el?

O feminismo, a igualdade de oportunidades, a loita contra o racismo, a inclusión, abrazamos todos os discursos, lideramos movementos, creando unha marca persoal pura e limpa sen fendas, vixiando cada movemento do contrario e dos demais para poder atacar calquera erro e ese escarnio público que ensalzará a nosa imaxe inmaculada. A nosa moral é validada polo erro do contrario.

É que o traballo de construír unha sociedade baseada nestes valores está lonxe desta vida pública e ficticia na que operamos, onde nos centramos no superficial, na foto, e se desvaloriza a crítica construtiva, o debate e a autocrítica. Devaluamos a profundidade dos temas, non vaia ser que o que atopemos non nos guste, ou descubramos algunha responsabilidade propia.

Todo vai tan rápido que interiorizamos os discursos dos demais para librarnos da responsabilidade de crear a nosa propia opinión, escollemos a posición na que cremos que debemos estar e xuntamos a ideoloxía como quen fai unha lista da compra, sen valorar o peso real que supón decidir intentar intentar que a túa vida sexa coherente con valores como a igualdade, a inclusión, a tolerancia…

Sorpréndennos os últimos capítulos da vida política, pero volvamos á nosa vida real, á nosa contorna… Hai alguén, ese amigo que deixas tratar así á súa parella, ese compañeiro ao que ignoras o seu comportamento co equipo de traballo, ese veciño ao que non denuncias... pero que seguramente serán os que defendan con máis vehemencia valores nas conversas de bar e que lle damos a gústame á súa foto de Instagram cando participa na manifestación do 25N.

Esforzámonos moito en desprestixiar ao “outro lado” e non no cambio real, poñemos a vitoria en ver sufrir ao rival, o que en si mesmo podería ir en contra de todos os valores que “defendemos”, e estamos eliminando o foco de cambio social real, que nos inclúe a todos/as.

Aupamos a persoas concretas para elevalas ás nubes e poder xulgar cada movemento neste xogo de idolatración e defenestración en segundos, e mañá caer no mesmo erro e buscar outro nome co que repetir a historia. Agora é Errejón, mañá será o seguinte: corrupción, acoso, drogas… e non será que o temos permitindo? Que estamos permitindo? Seguramente Sumar coñecía estes comportamentos.  E nós, coñecemos comportamentos de alguén que nos rodea?

Non todo remata coa crítica a Errejón, quizais todo teña que comezar aí. Un mundo que construímos para eles e que mantemos, tal vez, nos paraliza co medo a emprender accións reais por medo a ter demasiadas responsabilidades nesta transformación social, cuestionando cada día os nosos propios actos, deixándonos ver con máis naturalidade coas nosas dúbidas e inseguridades, quizais axude a romper con estes lados inmóbiles que estamos a crear.rosaura-romo-xornaldacoruna

  • Rosaura Romo. Licenciada en Historia da Arte, voluntaria da ANPA e traballadora do terceiro sector.

Máis artigos de Rosaura Romo

A Fundación Érguete-integración abre un espazo seguro para mulleres en exclusión social severa

0

Indispensable o traballo que fan as traballadoras da Fundación Érguete-Integreación no Barrio das Flores. O seu punto de calor-café, no marco do proxecto Sísifo, significa, en moitos casos, o único punto de apoio que teñen centos de persoas da nosa cidade. Centos de persoas que viven na rúa, absolutamente fóra do sistema, que teñen no local de Sísifo, e nas Carolina ou Sueli a súa única axuda.

Cada día pasan por alí persoas sen fogar e/ou en situación de exclusión social severa, para recibir algo de comida, abrigo e hixiene (duchas, almorzo, armarios para gardar as súas pertenzas, etc.); para recibir medidas preventivas para evitar a transmisión de ITS (distribución de preservativos e kits hixiénicos, intercambio de xiringas, realización de probas rápidas de detección de VIH e hepatite C, cursos de sensibilización, etc.); ou simplemente para falar, para recibir información útil, apoio psicolóxico ou orientación laboral. Un papel que desenvolven con absoluta dedicación, derivando a outros recursos cando é preciso, e posible.

Ao longo do pasado ano, as profesionais atender 951 persoas nesta situación, das que 231 eran mulleres (pouco máis do 24%). Mais, aínda que elas representan unha minoría, a súa vulnerabilidade é moito maior e os recursos dispoñibles máis limitados.

De aí o novo proxecto de autocoidado que está abrindo a entidade no seu local coruñés, e que de acadar resultados satisfactorios, poderá ampliarse a outras zonas nas que a Fundación desenvolve a súa actividade.

O novo espazo non mixto

O novo proxecto de creación dun espazo de apoio para mulleres en exclusión severa sen fogar pretende mitigar a falta de recursos específicos para este colectivo. Dous venres ao mes, unhas seis mulleres reúnense no local que a entidade ten no Barrio das Flores e, co pretexto de acicalar a súas mans e pintar as uñas, comparten vivencias, dificultades que afrontan na súa vida cotiá, experiencias persoais, etc. “Aquí temos un sitio no que distraernos, falar das experiencias do día a día, esquecernos dos problemas e desestresarnos”, comenta unha das participantes.
Trátase dun grupo de apoio e autocoidado no que, ademais, as técnicas da entidade procuran abordar, de xeito guiado, temas diversos, centrándose especialmente en cuestións relacionadas coa autoestima e a autoconfianza, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.

As participantes, mulleres sen vivenda e/ou que afrontan graves dificultades económicas, laborais e persoais, eran xa usuarias doutros programas da entidade. Moitas delas acoden practicamente a diario ao servizo de Calor-Café, no que se lles ofrece un pequeno almorzo e un espazo para asearse e lavar a súa roupa, ademais de orientación sociolaboral, apoio psicolóxico ou acompañamento na realización de diversos trámites.

Dende un comezo estableceuse como requisito fundamental ofrecer un espazo non mixto no que as mulleres puidesen sentirse máis cómodas e abrirse con maior facilidade para abordar dificultades e preocupacións comúns. Porque a realidade é que na maioría das ocasións, atópanse con espazos masculinizados, que non contan con preparación para abordar as súas necesidades específicas e nos que non se senten seguras. Isto deriva, en moitos casos, no abandono dos recursos, agudizando o estado de exclusión.

Como elas mesmas recoñecen “podemos tratar temas nos que non nos sentimos tan cómodas se hai homes”. Ademais, a actividade fomenta a creación de lazos entre as participantes, e a intervención de profesionais con experiencia permite detectar situacións problemáticas e intervir nun entorno no que se senten seguras e arroupadas.

Finalmente, proxectos coma este contribúen á creación de redes de apoio mutuo, e facilitan que as propias participantes sirvan de referencia a outras mulleres que, por descoñecemento, incomodidade, temor, etc. non recorren a servizos que poderían servirlles de soporte ou como impulso para mellorar a súa situación.

A INVISIBILIZACIÓN E DESPROTECCIÓN DAS MULLERES SEN FOGAR

A pesar de estar en situacións de extrema exclusión, dende Érguete sinalan que os estudos dos que dispoñemos acerca das persoas sen fogar invisibilizan as circunstancias das mulleres. Na maior parte das ocasións, utilízase o termo “persoas sen fogar” aludindo exclusivamente a aquelas persoas que dormen na rúa ou en albergues, descartando outras exclusións residencias que non afectan á ocupación do espazo público. Entre as mulleres, sen embargo, este fenómeno adquire habitualmente un carácter encuberto: na procura de evitar espazos que perciben como hostís (rúas, albergues, etc.), acoden en maior medida a aloxarse temporalmente en casas de familiares, amizades ou coñecidos, en moitas ocasións soportando durante longos períodos de tempo situacións de abuso e malos tratos.

De feito, as mulleres en estado de exclusión social severa están moito máis expostas a sufrir violencia que os homes en circunstancias similares. Segundo o INE, o 24,2% das mulleres sen fogar teñen sido vítimas de agresións sexuais. Así mesmo, datos ofrecidos polo Observatorio HATEnto mostran que o 60% sufriu algún delito de odio a causa da aporofobia, fronte ao 44,1% dos homes. Tamén un traballo da Universidade de Barcelona publicado en 2019 apunta a que o 70% sufriron violencia de xénero e, segundo unha investigación realizada pola asociación AIRES no mesmo ano, un 60% das mulleres sinalan os episodios de violencia contra elas como causa directa da súa situación de senfogarismo.

 

Máis novas sociais

Un Nadal quente co punto de calor-café de Sísifo no Barrio das Flores

A Fundación Érguete recibe o premio de Boas Prácticas da UNAD convertindo usuarios con adiccións en Axentes de Saúde

Institucións Penitenciarias recoñeceu o papel da Fundación Érguete polo Día da Mercé

A Fundación Érguete, Agalure, AFACO e a Fundación Mulleres, os premios socias da Deputación

 

Touriñán, entrevistado polos intern@s do CP de Teixeiro: “O que quero, na vida e no traballo, é seguir xogando como un neno”