Inicio Blog Páxina 361

Ferida unha muller tras sufrir un atropelo en Oleiros

0

Unha muller resultou ferida na tarde deste xoves ao sufrir un atropelo na N-V, ao seu paso polo municipio de Oleiros, e quedar tendida na cuneta.

Segundo informou o CIAE 112 o suceso tivo lugar á altura de 585,5 en San Pedro de Nós, preto da panadaría Ou Carballo, ás 17,30 horas.

O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tras ser informado o accidente, derivou ao lugar unha U.V.I móbil, tendo en conta que o estado da muller parecía ser grave.

Ademais, o 112 informou á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos do Servizo de Emerxencias de Oleiros. Tamén foron informados os bombeiros de Arteixo.

A muller foi evacuada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O PP non falará con Inés Rey sobre o plan das Xubias e votarán co BNG en contra do proxecto

0

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, avanzou que apoiarán a moción que o BNG presentará ao próximo pleno municipal na que se solicita a suspensión do convenio co fondo de investimento europeo Gingko para urbanizar As Xubias.

Sobre o mesmo, e despois de que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apelase ao diálogo tras as críticas da oposición e de veciños, Lorenzo volveu a pedir “transparencia”. “Non me gusta como o fixeron, sen coñecemento dos partidos políticos”, dixo sobre o convenio subscrito. Do mesmo, incidiu no feito de que o concello se comprometa a “excluír todos os ámbitos obxecto do convenio da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) as zonas que pertencen a ese fondo investidor”.

Respecto ao texto do BNG, explicou que o PP presentará unha emenda de adicción para concretar non só o futuro da zona de Oza ao Materno, senón tamén do hospital á ponte da Pasaxe. “E tamén respecto da intervención de Isabel Pardo de Bera que foi asesora deste fondo de investimento e que a ían a nomear directora do plan estrategico municipal, creo que é incompatible”, dixo sobre a exsecretaria de Estado de Transportes.

A alcaldesa da Coruña disposta a falar co PP tras o veto do BNG ao plan urbanístico das Xubias

DENUNCIA FALTA DE EXECUCIÓN

Xa de cara ao pleno deste xoves, apelou a facer unha “reflexión” sobre como está a funcionar a contratación no consistorio. “O interventor di que hai un incumprimento legal permanente en materia de contratación e que os reparos suspensivos son a que moitos dos servizos non foron licitados”.

Por outra banda, manifestou que “en 2023 quedaron sen gastar 63,6 millóns do orzamento total”. “Os coruñeses estamos a pagar moito máis do que recibimos”, engadiu ao argumentar que falta “execución do orzamento municipal”.

Máis novas

(ENTREVISTA) Inés Rey: “Eu arranxo unha rúa e veñen os das tres colindantes a dicirme, a miña para cando?”

O Concello da Coruña aproba un novo plan de seguridade aumentado as patrullas a pé e en puntos sensibles

0

O Concello da Coruña presentou un novo plan de seguridade, que empezará a funcionar “inmediatamente” para reforzar esta área e que estará vertebrada en cinco aspectos: persoal e formación, reforzo da presenza policial, policía comunitaria e mediación e reforzo tecnolóxico e vertente social.

Ao amparo do mesmo, a alcaldesa, Inés Rey, anunciou a creación da Mesa de Seguridade e Convivencia da que formarán parte as entidades veciñais, comerciantes, hostaleiros e policía, tanto local como nacional. Da mesma, dixo que se reunirá trimestralmente para informar os veciños e axentes da cidade da evolución da seguridade e recoller as súas suxestións. Tamén se porá en marcha un convenio co Colexio de Avogados para asesorar ás comunidades de veciños e crearase un novo servizo de mediación da Policía Local, que se encargará de potenciar a resolución de conflitos veciñais, especialmente onde xeren alarma.

O obxectivo principal é reforzar a seguridade en puntos crave e ampliar a canle de información coas entidades veciñais e comerciais, segundo expuxo na presentación a rexedora que apuntou que se busca atender as demandas da cidadanía nesta materia.

O Plan de Seguridade recolle parte da acción incluída no Plan Local de Seguridade, xa en marcha en colaboración co resto de forzas e corpos de seguridade. A alcaldesa subliñou que, desde outubro de 2023, A Coruña conta con 40 novos axentes da Policía Local e destacou a aprobación dunha nova OPE con case 20 prazas para a Policía Local, de face a reforzar o servizo.

Todo iso para incrementar a presenza das patrullas a pé de rúa, incrementando en zonas comerciais e puntos identificados como sensibles. Tamén serán considerados puntos críticos aqueles en os que existe unha maior alarma social.

Propoñen evitar un complexo hoteleiro e destinar Villa Celina a un parque público

A pesar de exisitir un acordo dende 2013 no Plan Xeral de Ordenación Municipal para destinar a zona do Pazo dos Serrano (ou Villa Celina, como se lle coñece de Vilaboa) a un parque público; e a pesar de que o Concello leva arredor de 10 anos instando á familia a rehabilitalo, o Concello de Culleredo pretende construír unha urbanización e un completo hoteleiro no espazo.

O Concello intenta aprobar un Plan Especial de Reforma Interior (PERI) (aprobado inicialmente en Xnta de Goberno o pasado 11 de decembro de 2023) a iniciativa de Aliseda, inmobiliaria propiedade da multinacional Blackstone e do Banco Santander.
”O PERI aprobado inicialmente elimina a maior parte do conxunto do Pazo para ser ocupada con edificacións que desfiguran a tipoloxía das edificacións existentes, alterando gravemente o conxunto histórico que conforma o núcleo do Rueiro”, aseguran dende o BNG.

Ante esta situación, o grupo da oposición vén de presentar para o seu debate no Pleno do vindeiro xoves unha moción para rexeitar a aprobación do plan especial, e fixar o espazo para parque público.

O BNG afirma que se consegue salvar o edificio do proceso especulativo, iniciará do procedemento para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Pois lembran que Villa Celina é un conxunto patrimonial que conforma o eixo central do Rueiro, un dos núcleos históricos da parroquia de Rutis. Un conxunto perfectamente delimitado e indivisíbel que integra un edificio residencial, unha capela e incluso unha árbore senlleira, así catalogada pola Xunta. “Todo o conxunto representa un patrimonio que debe ser protexido e posto en valor, non só pola súa propia singularidade, máis tamén pola parte integral que supón do núcleo poboacional do que forma parte, cunhas características únicas no noso concello”, apuran dende o BNG.

.

A Escola Oficial de Idiomas comeza o curso pero mantén aberta a matrícula

0

Un dos tesouros formativos da cidade é a Escola Oficial de Idiomas. A EOI comeza este mércores ás 18:00h o curso 2024/25, no que supón o seu 51º ano en funcionamento.

O curso comezará cunha presentación para o alumnado de novo ingreso na súa biblioteca. Tras a presentación, os cursos oficiais de nivel A1, A2 e B1 comezan as aulas a partir do día 12, e os cursos superiores farano a partir do día 13. Pola súa banda, a quenda dos cursos monográficos e CELGA será a partir do día 16.

12 linguas 

Aínda quedan prazas vacantes das once linguas que oferta a EOI (alemán, árabe, chinés, español como lingua estranxeira, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés). Ofértanse tanto cursos oficiais como cursos monográficos sen exame, nun amplo abano de horarios de mañá e tarde, e nas modalidades presencial e semipresencial.

Matrícula aberta

A matrícula, cen todo caso, está aberta ata o día 20 de setembro, e podedes acceder dende https://www.edu.xunta.gal/centros/eoicoruna/.

O único requisito para matricularse nestas ensinanzas é ser maior de 14 anos, agás no caso de inglés, xa que, se se cursou esta lingua na ESO, hai que ser maior de 16 para poder matricularse.

Ademais da sede central na Coruña, situada na Cidade Escolar, a escola ten seccións delegadas en Arteixo, Carballo, Cee e Culleredo, centros que contan cunha oferta ampla de cursos e niveis en inglés, francés, alemán e español.

EOI COruna

 

A alcaldesa da Coruña disposta a falar co PP tras o veto do BNG ao plan urbanístico das Xubias

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apuntou á “inmensa capacidade de diálogo” do goberno local para solucionar as discrepancias sobre o plan de rehabilitación do barrio das Xubias, así como para a tramitación plenaria da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se aplicaría entre a praia de Oza e a ponte da Pasaxe.

O goberno local ten “a maior disposición para o diálogo e para escoitar e atender demandas de veciños e de todos aqueles que teñan algo positivo que achegar”, dixo en relación a un plan urbanístico que está en “estado inicial” e “estase sometendo a alegacións”, recalcou.

Así o manifestou a preguntas dos xornalistas sobre a moción que presentará o grupo municipal do BNG, para o seu debate e votación na sesión plenaria do próximo xoves 12 de setembro, para solicitar a suspensión do convenio co fondo de investimento europeo Gingko para urbanizar As Xubias.

Cuestionada, ademais, sobre esta iniciativa que tamén insta o goberno local a que impulse a tramitación plenaria da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que se aplicaría entre a praia de Oza e a ponte da Pasaxe, a rexedora explicou que “para levar a pleno os asuntos temos que tratalos previamente”. “Temos un acordo de investidura co BNG e é o noso socio prioritario á hora de negociar determinadas cuestións que levan a pleno”, sinalou. No entanto, engadiu que o fará “sen pechar a porta a dialogar co outro grupo que está presente na corporación”.

Inés Rey fixo estas declaracións tras a presentación da programación municipal de actividades educativas no CEIP San Francisco Javier da cidade herculina.

Cinco millóns para o sistema de seguridade e acceso a Punta Langosteira

0

A Autoridade Portuaria da Coruña licitou o sistema de control, mando e sinalización do acceso ferroviario a Langosteira, segundo informa.

O Consello de Administración aprobou a contratación deste sistema de seguridade e telecomunicacións da rede, cun orzamento de cinco millóns de euros. Sobre as obras da conexión ferroviaria, indica que marchan ao ritmo previsto, coa escavación dos túneles e o inicio da rede interior.

Ademais, explica que este mes se reunirá a comisión técnica de Coruña Marítima “e porase en marcha unha oficina de apoio para preparar o concurso internacional que definirá o deseño global dos espazos do porto interior”.

#Conectacoavida, a nova campaña de Prevención do Suicidio de FEAFES

0

O 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio,  un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria, segundo a Organización Mundial da Saúde.

Nese marco, e coa necesidade de falar abertamente dun problema silenciado historicamente nos medios, a entidade Saúde Mental FEAFES Galicia quere reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos. Destacan a necesidade de traballar na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como nunha visibilización axeitada e responsable desta realidade.

Cifras

No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade.

En Galicia, no ano 2022, morreron por esta causa 340 persoas (235 homes fronte a 105 mulleres), cunha taxa de 12,28 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo. A nosa comunidade ocupa o segundo lugar na taxa de suicidios en España tras Asturias, e o quinto en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Madrid.
No 2022 houbo en Galicia 9 suicidios máis que no ano anterior, case triplicando as mortes por accidente de tráfico, que se sitúan en 123. En termos absolutos, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (155), seguida de Pontevedra (92), Lugo (52) e Ourense (32). En termos relativos, na cabeza atópase Lugo (15,95 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguido de A Coruña (13,07), Ourense (10,48) e Pontevedra (10,47).

Un programa para conectar coa vida

No 2023, no marco do programa “Conecta coa vida”, Saúde Mental FEAFES Galicia recibiu 103 consultas sobre suicidio, prestando atención a 68 persoas en risco e a 40 familiares. Para dar resposta ás súas situacións, a federación coordinouse con outras 25 entidades e recursos sociais, impartindo ademais formación e sensibilización sobre o suicidio a 2.131 persoas en centros educativos e a 444 profesionais de dispositivos sociosanitarios.

Un vídeo e unha web para achegarse ao suicidio

Así, a entidade ofrece este vídeo #ConectaCoaVida que pretende romper o tabú que existe arredor desta realidade.
Por outra banda, a web conectacoavida.org é un espazo que aporta información sobre o suicidio e facilita consellos para a súa abordaxe: datos, factores de risco e de protección, sinais de alerta, ideas erróneas, o papel dos medios de comunicación, que podes facer ti, recursos de utilidade, etc.

Actividades extraescolares para máis de 5.000 nenos e nenas programadas pola Federación de ANPAS

0

Uns 5.200 nenos e nenas da Coruña participarán este curso en actividades extraescolare smunicipales, segundo datos achegados con motivo da visita da alcaldesa, Inés Rey, ao CEIP San Francisco Javier.

O consistorio herculino colabora coa Federación Provincial de Anpas da Coruña no desenvolvemento da programación de lecer educativo 2024-2025.

Na súa visita, a alcaldesa presentou o catro programas educativos que se desenvolverán nos centros públicos. A oferta componse dun programa de conciliación, xunto con tres temáticos: deporte no centro; arte e cultura e idiomas no centro con actividade durante todo o período lectivo.

A rexedora remarcou que a programación busca garantir dúas cuestións, que os nenos e nenas dispoñan de actividades de lecer e socialización durante todo o ano e, por outro, que os pais dispoñan de alternativas para facilitar a conciliación.

“Ademais, este ano 2024 reforzamos a achega con 21.000 euros máis que en 2023 para dar resposta á alta demanda de actividades nos diferentes centros”, sinalou a alcaldesa.

A III Feira do Libro Anarquista da Coruña congrega esta fin de semana no Orzán máis de 30 editoriais e colectivos

0

Desde o venres, día 13, e ata o domingo, o barrio do Orzán acolle a III Feiro da Libro Anarquista da Coruña. Organizada polo colectivo Refuxios da Memoria (ollar no twitter do colectivo @refuxios), en colaboración coa editora libertaria da Coruña Bastiana e mais con Ardora (s)ediçons anarquistas, a feira xuntará máis de trinta editoriais e colectivos chegados da península ibérica e Brasil, que achegarán as súas novidades e reflexións a través de presentacións, mesas redondas, palestras e obradoiros.

O mercado ao aire libre e novos espazos

O epicentro será o mercado ao aire libre que se instalará, como en anos anteriores, na rúa Boquete de Santo André ao longo do sábado e o domingo, desde as 11.00 ata as 21.00 horas.

Pero este ano, por primeira vez, a feira expande a súa programación con tres espazos expositivos, distribuídos entre o Café Macondo, o Tío Ovidio e o Bar 13, que desde o día 13 e ata final de mes acollerán, no horario dos establecementos, varias mostras: “Nuas, nosso estranho amor”, de Sol Mariño (Macondo), “Galería de personajes sin lustre y otros entuertos”, de Pacto Garabato (Tío Ovidio) e “Ravachol”, de Álex Rozados (Bar 13).
Ademais, entre as novidades desta terceira edición, a FLAC inclúe un espazo de ludoteca, que se instalará no Circo de Artesáns e que acollerá contacontos e outras actividades infantís, o sábado e o domingo de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Roteiro anticlerical

A feira dá comezo este vindeiro venres, día 13, ás 18.00 cunha presentación no Café de Macondo das exposicións desta FLAC 2024. Ás 20.00 as actividades trasládanse ao barrio das Atochas, cun roteiro aberto ao público que queira sumarse, centrado na Coruña
Librepensadora e Anticlerical, coordinado polo colectivo coruñés Refuxios da Memoria. Partirá da entrada principal do cemiterio de Santo Amaro para percorrer o barrio cara á praza da Corales, nas Atochas e a rúa San José, diante do antigo Cine Hércules, ata concluír na rúa do Orzán, onde se ergueu a Escola Integral para Nenas, vinculada á Escola Laica de La Antorcha Galáica del Librepensamiento.

Un sábado completo

O sábado 14, o programa de presentacións ábrese ás 11.30 horas no Circo de Artesanía, co autor Diego Ameixeiras e a súa novela “Un anarquista”, publicada por Xerais. A segunda presentación desta FLAC 2024 irá a cargo de Víctor Oia e Eliseo Fernández, autor e editor do libro “Pulso de Galicia” de Bastiana Editora, na mesma sede, ás 13.10 horas.
Antes, ás 13.00 horas, o espazo acollerá a homenaxe ao lingüista, profesor, activista libertario e escritor Carlos Peregrín Otero, falecido o pasado mes de abril. Unha hora máis tarde, ás 14.00 horas, terá lugar o acto de homenaxe ao represaliado coruñés Arturo García Lagares, asasinado no campo de concentración de Gusen. A acción terá lugar diante do seu stolpersteine, na rúa Santo André, diante do Circo, e nela participará a súa bisneta, Gemma Guitián, ademais da investigadora Carmen Rodeja, en representación da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica.

Pola tarde, ás 16.00 horas, no Siglo (rúa Argudín Bolívar, 1), as xentes de Baladre presentarán “40 años no son nada: Baladre, desde 1982 sembrando comunidad”, obra que é resultado de do traballo colectivo de 112 persoas e que recolle os camiños percorridos polas xentes integrantes desta constelación coordinada nos seus 40 anos de andaina.
No mesmo local, ás 16.30 horas, Fernando Pérez e Dani Palleiro darán a coñecer a Colección Vermello, da editorial Bastiana, que nace co obxectivo de traducir á lingua galega os textos clásicos do Socialismo Libertario, e que terá como primeiro volume a definición de Anarquismo redactada por Piotr Kropotkin en 1910 por encargo da Encyclopædia Britannica.

O Tío Ovidio (rúa Orzán, 89) será sede, desde as 17.00 horas, da presentación de “La Colmena: Pasar a la ilustracción”, de Edicions Malcriàs.

No Circo de Artesanía, ás 18.00 horas, será a quenda para a banda deseñada “Y llegó la tormenta” de Sergio Izquierdo e Álex Rozados. Unha hora despois, ás 19.00 horas, Manolo L. Poy presentará a súa banda deseñada “Carne para cans, a revolución do galego Soto”, editado por Demo Editorial. Acompañarano na sesión o editor Manel Cráneo e o escritor Xavier Alcalá.

Ás 20.00 horas, na Cova Céltica (rúa Orzán, 82) farase a presentación dos proxectos Regeneración e Teima, o xornal e a editorial do anarquismo especifista na Península Ibérica. Ambos os dous foron impulsados neste último ano co obxecto de divulgar o pensamento, os debates e as accións políticas do anarquismo especifista.

No mesmo espazo, ás 20.30 horas, verá a luz o anuario do Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG), unha revista que recolle algunhas das palestras das catro sesións do SELG celebradas ao longo deste curso, así como textos producidos a raíz dos debates que se xeraron neste tempo nos Grupos de Autoformación Libertaria ao longo do país.

Desde as 21.30horas e ata a medianoite, a actividade da FLAC trasladarase á discoteca do Circo de Artesanía, onde haberá petiscos, música e unha homenaxe, con distintas voces poéticas, a Eugenio Castro, editor e cofundador del Grupo Surrealista de Madrid, falecido o pasado mes de marzo.

Domingo

O domingo, o programa de actividades concentrarase no Circo de Artesáns a patir das 12.00 horas, cando Lurdes Martínez dará a coñecer a súa obra “Recorriendo la ciudad amnésica. Sobre el carácter revolucionario, o no, del vagabundeo en la ciudad postindustrial”, editada por La Torre Magnética.

Ás 12.30 horas terá lugar o obradoiro “Poder Popular e Organización Anarquista no século XXI”, ao cargo da Organizaçao Socialista Libertária de Brasil. Unha hora máis tarde, o editor Mário Rui (Barricada de Livros) presentará “De luto em luta”, unha antoloxía de textos políticos, poemas e contos da anarquista francesa Louise Michel, unha das figuras máis importantes da Comuna de París.

Pola tarde, ás 16.00 horas, o SUTSO de Pontevedra (CGT) presentará o “Semanario anarcosindicalista de información e debate La Campana (1980-2024)”. Ás 17.00 horas será tempo para a palestra de Aarón L. Rivas, que xirará arredor do xornal militante “Novas da Galiza” e as súas dúas décadas de percorrido.

Ás 18.00 horas, Iria Presa falará da xeira anarquista do galego Ricardo Mella, con motivo da edición por parte de Bastiana do seu libro de artigos xornalísticos “Plumazos”. Ás 19.00 horas está prevista unha charla de Rubén Constenla (CNT-AIT), que se presenta baixo o título “As multinacionais deseñando a FP. Naturgy e o módulo de Sustentabilidade”. Como peche, ás 20.00 horas terá lugar a performance “Eu livro”, da artista circense Denise Stolnik.

A feira ao aire libre manterase aberta, ao igual que na xornada anterior, desde as 11.00 ata as 21.00 horas na rúa Boquete de Santo André.

Algunas fotografías dos eventos serán publicadas na conta de  e poderán usarse para a súa difusión.