Inicio Blog Páxina 360

Xulgan a pai e fillo por estafa na xestión dos aforros dun matrimonio de Cambre

0

A Audiencia Provincial da Coruña celebrará o martes, día 17, o xuízo contra un pai e un fillo acusados de estafa na xestión dos aforros dun matrimonio de Cambre, así como de falsidade en documento mercantil, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. De acordo co escrito de Fiscalía, ambos exerceron durante varios anos como axentes mediadores de seguros, traballando mesmo nunha entidade financeira durante varios anos.

Certo tempo despois, os acusados contactaron co matrimonio e comunicáronlles que deixaban a entidade bancaria para establecerse pola súa conta, constituíndo unha consultoría financeira en 2015, pedíndolles que continuasen confiando neles para a xestión dos seus aforros porque lles conseguirían unha alta rendibilidade.

O Ministerio Público sostén que “simulando cos anteriores que se preocupaban polo seu benestar e situación persoal” conseguiron que lles entregasen diversas cantidades de diñeiro “na crenza de que os acusados ían investilas en produtos fiables e rendibles”.

Un deles entregoulles aos acusados a cantidade de 24.515 euros e outro a de 18.243 euros, aínda que Fiscalía sinala que os acusados “nunca tiveron intención” de investilos en produtos financeiros.

Por un delito continuado de estafa, coa atenuante de reparación dano, e outro delito de falsidade en documento mercantil, pide penas que suman un total de seis anos e nove meses de prisión.

“Hai que acabar con esta miseria que se está sufrindo na ría do Burgo”

0

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo demandaron o pago de axudas mentres non poidan faenar tras a finalización das obras de dragado, á espera de que crezan as crías, nunha nova protesta con corte de tráfico na ponte da Pasaxe.

“Hai que acabar con esta miseria que se está sufrindo na ría do Burgo“, denunciou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, tras anunciar a convocatoria dunha nova mesa de negociación o día 23 deste mes. “Esperemos que poida acudir representación do Goberno estatal e pódennos dar respostas favorables”, recalcou.

Neste sentido, Baldomir lembrou que o Executivo central e a Xunta “dixeron en moitas ocasións que había que dar unha solución” a esta problemática “tan dura”. A situación afecta ás 74 familias que vivían do marisqueo nesta zona e que unha vez finalizadas as obras de dragado e acometida a sementeira ata que poidan faenar deben esperar entre 18 e 24 meses.

Non temos ningún tipo de saída económica, é moi duro ter que estar en casa sen poder faenar”, lamentou o portavoz do colectivo. Fíxoo nunha mobilización con corte de tráfico na ponte da Pasaxe dirección saída da cidade herculina, sen maiores incidencias.

Seguimos nun sistema educativo de guetos

Estes días moito se está a falar da volta ás rutinas, a ocupar o espazo que abandonamos durante a parada estival, incorporar e reincorporar a cativada a un sistema educativo que lles vai inculcar valores de tolerancia, igualdade, respeto e inclusión.

Na teoría soa ben, na realidade é que xa de base estarán separados por centros públicos, concertados e privados e, claro, non é o mesmo falar de inclusión cando estás pagando por recibir unha educación mellor, baseada en parte, en separar os problemas socíais da aula e xuntar os que máis cartos teñen. Mentres que noutro lado, temos aos que teñen que lidiar con educar a un grupo de rapaces e rapazas con realidades moi diferentes, enfrontando todas as problemáticas sociais cunha importante falta de recursos, sobrepasados polas circunstancias.

Seguimos nun sistema de guetos, e despois non acadamos a entender porque hai un rexurdimento das ideas máis intolerantes nas clases medias-baixas. Algo terá que ver o sistema educativo, de base, desigual que se dá na sociedade.

Un sistema educativo público, ao que deixan toda a responsabilidade de facer fronte ás diferentes realidades e problemáticas sociais de hoxe en día, cos mínimos recursos que teñen que suplicar da maneira máis humillante. Resulta que ese sistema público, ao que se supón que toda a sociedade ten dereito a acceso, realmente só cubre de 09:00 a 14:00 (menos cinco, menos dez), xa de primeiras, costa atopar a alguén que poda compatibilizar eses horarios.

Despois disto, vén todo o periplo da xestión, porque aquí acábase o público, como veñen denunciando as ANPAS durante moitos anos. O comedor levado a cabo por unha empresa privada o ten que coordinar un grupo de persoas VOLUNTARIAS das Anpas, igual que as actividades extraescolares, que ben, contratan a unha empresa ou a través da Federación de Anpas, con todas as xestións burocráticas que conleva. Persoas voluntarias que despois de todas as súas responsabilidades diarias, dedican un tempo a traballar para a “educación pública”.

Si, as administracións ocúpanse de sacar algunha axuda, colaborar co comedor, etc… se queres estas vantaxes, tes que ter personas que as soliciten que estean atentas, e que teñan coñecementos sobre a xestión coas administración, porque unhas son da Xunta, outras do Concello…
Se, ademais, queres implementar actividades que complementen e melloren as áreas curriculares do alumnado do cole, podes, pero precisas de alguén que deseñe, desenvolva e solicite as subvencións que se dan para eso.

Poderíamos seguir debullando o sistema público durante este e varios artigos máis, pero que sirva como introdución, que o sistema público nestes momentos non me parece que poña a sociedade en condiciones de igualdade, ni de inclusión, ni de tolerancia. Tal e como se articula, a min paréceme que só teñen acceso as familias que non poden optar a pagar outra educación e aquelas, que por ideoloxía seguen a facer uso dela, xa que obriga a un esforzo e unha involucración extra por parte de moitas persoas que non son traballadores públicos, pero que están a facer que sobreviva o público.

  • Rosaura Romo. Licenciada en Historia da Arte, voluntaria da ANPA e traballadora do terceiro sector.

Máis novas relacionadas

ANPA As Pedreiras: “Collo vacacións en setembro para poder resolver o comezo de curso”

ANPA Sardiñeira: “Por que teño que xestionar eu todo isto?”

ANPA Faro: “As administracións deberían facerse cargo da educación de 7.30 a 16.30h”

ANPA RASA: “Os centros públicos están privatizados case durante media xornada lectiva”

ANPA Monte Vixía: “É complicado estar ao tanto de solicitudes, ofertas, orzamentos… sendo pouc@s e voluntari@s”

ANPA Avantar: “Non debería recaer nas ANPAS a responsabilidade do comedor”

 

A Coruña quere especializarse en turismo de cruceiro

0

O Porto da Coruña pechou para 2025 máis de 170 escalas que suporán a chegada de máis de 400.000 turistas e 150.000 tripulantes. Con estas cifras, “baterá a súa propia marca por cuarto ano consecutivo”, segundo avanzou.

O organismo informa, ademais, de que a Autoridade Portuaria participou, esta semana en Málaga, na Seatrade Med, a principal convención do sector a nivel europeo. A cita, concreta, reuniu a 180 expositores e máis de 2.000 profesionais de 80 países, que abordaron a situación do tráfico de cruceiros a nivel mundial. A representación do porto coruñés, encabezada polo presidente da entidade, Martín Fernández Prado, confirmou máis de 170 escalas para 2025.

A previsión, avanza, é pechar 2024 con máis de 160 buques e máis de 360.000 pasaxeiros, o que suporá pasar o número de cruceristas por terceiro ano consecutivo. Apunta, ademais, que “se se cumpre a axenda concertada para 2025, superarase a marca por cuarta ocasión”.

ESCALAS MÚLTIPLES

No calendario do próximo ano, anúncianse 73 días con escalas múltiples, entre elas cinco escalas triplos e un día, o 22 de abril, no que coincidirán cinco buques no porto.

Para Fernández Prado o impacto económico dos cruceiros estímase en máis de 30 millóns de euros anuais, sumando o gasto directo que realizan os turistas e os tripulantes e toda a repercusión nas empresas.

O bronco pleno rexeita convenio co fondo de investimento para urbanizar as Xubias

  • Aprobouse unha moción para poder licitar as obras de reurbanización dos Cantóns.
  • Moita polémica xerada arredor do cuarto Modificativo de Crédito aprobado polo goberno.

— —-

Celebráse esta mañá de xoves 12 de setembro (máis de 5 horas…) o pleno no Concello da Coruña. Un pleno que arrincou con 16 minutos de silencio, un por cada unha das 15 mulleres e unha crianza vítimas de violencia machista do último mes.

Volveu ser un pleno bronco, con tres bloques decididos e coalicións cruzadas, con malas palabras e alusións directas entre concelleiros. “A chapuza dos Manolo e Benito do Concello”, chegouse a escoitar na voz do edil popular Rodríguez en relación á falta de modificacións Lage Tuñas e Gonzalo Castro. A propia alcaldesa Inés Rey pediu ao remate do concello que se manteña o “respecto” entre os edís.

O punto máis importante da orde do día, a pesar do silencio do goberno na información municipal, foi a moción presentada polo BNG sobre o futuro das Xubias. Unha moción aprobaba cos votos de BNG e PP que rexeita o convenio co fondo de investimento suizo.

Un convenio que, en calquera caso, o grupo de Goberno xa se encargou de avanzalo sen consenso, e que se atopa en período de alegacións, pero que “esta moción non impide a súa continuidade”, deixou claro Lage Tuñas.

A voceida do BNG presentaba a moción e denunciaba que o proxecto “só pretende beneficiar os intereses privados” do fondo de investimento, e “en ningún caso atender os da cidadanía coruñesa”. Tanto BNG como PP lembraron que o vén mercando parcelas na zona durante os últimos anos, e que agora “vén para facer negocio”, como denunciou Miguel Lorenzo, que tamén preguntou polo papel Isabel Pardo de Vera, consultora do fondo suizo e encargada do proxecto de humanización do porto.

Fixeron fincapé ademais á necesidade de que pase polo pleno para a súa aprobación definitiva unha modicación acordada en 2022 sobre o PXOM de 2013, que finalmente nunca foi ratificada, pero que reduciría a edicabilidade de 633 a 241 vivendas.

Ante as críticas do PP, que esta semana deixaba claro que non ía negociar co PSOE, como deixara caer a rexedora trala negativa do BNG, Lage Tuñas negou a maior sobre a falta de transparencia do grupo de goberno neste procedemento.

Outros puntos: Reurbanización dos Cantóns: “A dase cero da nova fachada marítima”

Aprobouse unha modificación do anexo de investimentos nos orzamentos do Concello para este 2024, unha medida que permitirá licitar as obras de reurbanización dos Cantóns (anunciadas en xuño) antes de que remate este ano, por un total de 8 millóns de euros.

Modificativos de crédito

Moita polémica arredor do cuarto modificativo de crédito, ante a falta de concreción e os reparos de intervención. Uns modicativos que permitirán apoiar ao Básquet Coruña na súa tempada na máxima categoría do baloncesto español (250.000 euros). Tamén se destinan 50.000 euros á Asociación de Clubes de Traineras para a organización de competicións na cidade e outros 10.000 euros para APEM para apoiar á entidade na xestión dos cabaliños de Méndez Núñez, entre outras cousas.

Pocomaco

Ademais, hoxe aprobouse inicialmente a addenda complementaria ao convenio urbanístico de execución para a regularización do viario, servizos e instalacións do polígono de Pocomaco. Este convenio é necesario para resolver unha situación anómala existente desde hai máis de cincuenta anos en Pocomaco, de titularidade privada. Así, a Comunidade de Propietarios poderá executar as obras para mellorar os accesos peonís e a iluminación nun prazo de 4 anos e cun investimento de 1,6 millóns por parte da mesma.
Tamén se fará un investimento de 1,9 millóns (sufragados ao 50% polo Concello) do sistema de reixas salvacunetas para a introducición de técnicas de drenaxe sostibles, mellorando así a rede de saneamento para a recollida de augas residuais e pluviais.

Programa Éfeso de inserón laboral

Tamén se aprobou o investimento de 2 millóns de euros para a participación do Concello no programa Éfeso, cofinanciado con axudas do Fondo Social Europeo Plus (FSE+). Un programa de inserción laboral que se desenvolverá no triángulo que conforman a segunda fase de Elviña, Monelos e o Barrio das Flores, o vertebrado pola Agra do Orzán, Labañou e Os Rosales e, por outra banda, a Sagrada Familia e Os Mallos.

Cambio de rumbo na política cultural

O BNG pediu un cambio de rumbo na política cultural do Executivo coruñés, que non se discriminen xs creadorxs locais fronte aos artistas foráneos protagonistas dos grandes eventos”. Así mesmo solicitaron que “se avance na unificación da rede das bibliotecas municipais”, paralizada dende hai tempo.

Rescatan o Vello Camiño de Santiago que une A Coruña e Betanzos con Compostela

0

Despois de varios anos de investigación, o Club de Leones quere rescatar o coñecido como Vello Camiño de Santiago. Un novo itinerario xacobeo que percorre a provincia da Coruña seguindo a cartografía antiga, da que se conservan documentos históricos de máis de 200 anos de antigüidade que certifican a súa existencia.

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de turismo, Xosé Regueira, escoitou as propostas da directiva do Clube de Leóns da Coruña Torre de Hércules, da man de Manuel Rodríguez, vicepresidente e tesoureiro, e Carmen Payá e Belén Montes, historiadoras encargadas do deseño do estudo para establecer os trazados.

A primeira proposta é crear a Asociación Amigos do Vello Camiño de Santiago, da que poderían formar parte os concellos de Arteixo, A Laracha, Carballo, Cerceda, Cambre, Carral, Tordoia, Trazo, Malpica, Abegondo, Ponteceso, Cabana, Betanzos, Santiago e A Coruña.

O Vello Camiño conta co recoñecemento da Igrexa, pero aínda non co da Xunta de Galicia, de aí que Regueira invitara aos Leóns a xuntarse co administración galega para apurar o recoñecemento e poder optar a subvencións.

Itinerarios

Itinerario Vello Camino de Santiago copia

O Vello Camiño ten dúas variantes. Unha parte de Betanzos e a outra, da igrexa de Santiago, na Coruña, aínda que as dúas conflúen en Rodís (Cerceda) para entrar na capital galega polo barrio de Vista Alegre. Cada itinerario percorre uns 100 quilómetros, na súa maior parte por camiños de terra e entre aldeas, formando unhas 4 ou 5 etapas.

Aparatoso accidente en Cambre cun coche a punto de arder e un ferido que saíu despedido

0

Dúas persoas resultaron feridas na noite deste pasado xoves tras saír da vía mentres circulaban por unha parroquia da localidade coruñesa de Cambre. Tal como informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron minutos antes das 22.00 horas e foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencias tras observar o sinistro, que aconteceu no lugar de Altamira Arriba, en Anceis, Cambre.

Segundo o seu relato, un coche saíuse da calzada e estaba a empezar a botar fume pola zona do motor. Ademais, varias persoas estaban a tratar de retirar a unha ocupante do interior do vehículo.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a colaboración dos servizos sanitarios de urxencias, dos Bombeiros de Arteixo, da Garda Civil de Tráfico e do servizo municipal de emerxencias. Finalmente, os profesionais sanitarios confirmaron que no interior do automóbil había un ferido, que xa estaba fóra cando chegaron os bombeiros.

Con todo, atopouse un segundo ferido nunha zona de monte próxima, que saíra despedido do vehículo no momento do impacto.

Deputación e Concello herculino financian pisos para vítimas de violencia machista

0

A Deputación da Coruña apoia con 121.000 euros o mantemento da casa de acollida e dous pisos para mulleres vítimas da violencia machista no Concello da Coruña.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a rexedora herculina, Inés Rey, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega este ano 120.926,27 euros, un 24% do total dos gastos de mantemento destes espazos que dan atención ás vítimas da violencia de xénero e aos menores dependentes delas. No acto estivo tamén presente a deputada de Política Social, Mar García Vidal.

“Con esta achega económica, a Deputación colabora co Concello da Coruña cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros”, informan.

A casa de acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e constitúen un recurso de estancia temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero, así como para os e as menores ao seu cargo.

Franz Ferdinand actuará en febreiro na Sala Pelícano

0

A Coruña será unha das paradas da xira europea da banda escocesa Franz Ferdinand, que regresará a mediados de febreiro a Galicia e á cidade herculina dous anos e medio despois da súa última visita.

O grupo de indie rock anunciou unha quincena de datas por varios países europeos que inclúe tres paradas en España: A Coruña, Madrid e Barcelona. A cidade herculina será o primeiro alto do paso por España da xira de presentación do novo álbum da banda liderada por Alex Kapranos, ‘The Human Fear’.

Será o 15 de febreiro na Sala Pelícano, dous días antes de subirse ao escenario da Riviera en Madrid e de facelo o 20 de febreiro na Sala Razzmatazz de Barcelona.

Así, Franz Ferdinand regresará en 2025 a Galicia, case 20 anos da súa primeira visita para actuar no parque de Castrelos de Vigo en 2006. Houbo que esperar doce anos para a seguinte oportunidade de velos en Galicia, cando formaron parte da primeira edición en 2018 do festival santiagués ‘Ou Son do Camiño’.

O último paso pola Comunidade galega produciuse en 2022 como parte da ‘Morriña Fest’ que se celebrou no Estadio de Riazor da cidade herculina, á que volverán dous anos e medio despois.

O “caramelo envelenado” do recorte horario do profesorado

0

O que parecía ser unha demanda histórica do profesorado dos Centros, o recorte de horas lectivas ata as 23 horas semanais, estase convertindo nun “caramelo envelenado”. Así definen o acordo asinado a finais do ano pasado moitas persoas vencelladas co sistema de ensino público.

Explican dende os centros que a medida provoca que haia menos horas lectivas do profesorado, pero que a Xunta non cobre esas horas con máis profesorado. Nun centro pequeno, por exemplo, con 15 profesor@s, como se cobren esas 30 horas lectivas menos que ata este curso tiñan disponibilidade os mestres?, pregúntanse moitos.

Relatan que no día a día é moi complicado, e que “a Xunta escúdase na boa vontade do profesorado para non reforzar os equipos porque sabe que van responder”, explican. E poñen exemplos. “Cando faltan apenas un par dous profes, pois por calquera motivo, moitos centros veranse obrigados a xuntar dúas clases, porque non hai profesores dispoñibles”.

A “progresiva” rebaixa do ratio

O que se anunciaba o curso pasado como un gran avance, tamén se está a ver a súa pouca incidencia real. A rebaixa do ratio de alumnado por aula pasa de 25 a 20, pero en realidade é unha medida progresiva que empeza só pola aula de 3 anos (4º de Educación Infantil), e que se vai ir implantando curso a curso… É dicir, se cadra dentro de 9 anos deixa de haber clases de 25 alumn@s….

Así, este curso seguirá habendo clases de 24-25 alumn@s, e cunha casuística moi variada, chega a ver clases que superan os 26.

Máis necesidades específicas

A todo isto hai que engadirlle unha situación evidente: Cada vez hai máis nen@s con necesidades específicas, (xa son 1 de cada 36 nacementos) e pola contra hai menos horas de profesorado e hai centros que quedan sen auxilliares a pesar de ter nenos aos que a Xunta de Tratamento lle asignou unha Coidadora específica.
Neste sentido, a Xunta segue a ter a man moi curta á hora de outorgar AL e PT (auxiliares de Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica), a pesar de que os centros seguen demandando máis e máis colaboración.

Máis novas sobre os recortes

ANPA RASA: “Os centros públicos están privatizados case durante media xornada lectiva”

ANPA Sardiñeira: “Por que teño que xestionar eu todo isto?”

 

ANPA As Pedreiras: “Collo vacacións en setembro para poder resolver o comezo de curso”

ANPA Faro: “As administracións deberían facerse cargo da educación de 7.30 a 16.30h”

ANPA Avantar: “Non debería recaer nas ANPAS a responsabilidade do comedor”