Inicio Blog Páxina 366

Laura Suárez e Sandra Lodi gañan o XIX Premio Castelao de Banda Deseñada

0

Laura Suárez (Dumbría, 1994), co álbum ‘A raíña cadáver‘, na categoría para público infantil e xuvenil, e Sandra Lodi (Lugo 1994) coa obra ‘Adelina‘, na categoría xeral, son as gañadoras do XIX Premio Castelao de Banda Deseñada. Trátase dun certame convocado pola Deputación da Coruña e ao que nesta edición, segun informa a institución provincial, presentáronse 18 orixinais.

De ‘A raíña cadáver‘, o xurado puxo en valor “o acabado completamente profesional cun estilo propio moi persoal e o dominio das formas e da cor”. Tamén destacou a gráfica. De ‘Adelina‘, o valorou o “acabado solvente da obra cunha gráfica moi expresiva e recursos desenfadados que aborda o tema da vellez con frescura, humor, crítica social e moita acción e diversión”.

Atopan morto a un ancián no seu piso da Coruña tras alertar veciños dun cheiro forte

0

O corpo sen vida dun home de avanzada idade foi localizado este luns pola noite nunha vivenda da Coruña tras alertar veciños dun forte cheiro.

Efectivos dos bombeiros desprazáronse ao lugar tras ser avisados, sobre o dez da noite, con motivo dunha asistencia na citada vivenda. Segundo precisaron a Europa Press os bombeiros, no seu caso procederon á apertura da vivenda tras acceder á mesma por unha xanela.

Foron os veciños os que alertaron dun forte cheiro no piso da rúa Anxo Senra e explicaron que levaban varios días sen ver ao residente. Ao entrar, localizouse o cadáver do home, de avanzada idade. Ao lugar, desprazáronse tamén efectivos da Policía Nacional.

A Romaría de Santa Margarida pecha o verán

0

A Romaría de Santa Margarida pecha estes días as Festas de María Pita 2024. Este ano son 4 días de festa, arrincando este xoves 29 cunha actuación especial de Rodrigo Cuevas. Será ás 22.00 horas no anfiteatro, e as entradas (de pago) xa están esgotadas. Abrirá o concerto Pansenfron, ás 21.30 horas.

Xa o venres tamén haberá novidades cunha actuación dobre especial no Planetario da Casa das Ciencias de Trilitrate, na que se mesturará música folk e imaxes que aproveitarán o novo sistema visual deste espazo.

O venres tamén será a tradicional Gran Noite do Folclore (desde as 21.00 horas), que contará con Donaire, Xacarandaina e Son D’Aquí e que estará presentada por Caxoto.
Tamén actuará a compañía de danza Óscar Cobos co seu espectáculo Bailador (22.15).

O sábado desenvolverase durante todo o día na explanada da Casa das Ciencias o Espazo Participativo, con obradoiros para distintos niveis e idades, unha mostra de entidades da cidade e unha mostra de artesanía musical. Tamén haberá unha actuación de Maghúa (13.30 horas). Pola noite actuarán no anfiteatro De Ninghures (20.30), Tiruleque (22.00) e Xurxo Fernandes (23.35).

Por último, o domingo ás 12.00 horas, na explanada da Casa das Ciencias, terá lugar o tradicional concerto da Banda Municipal de Música da Coruña, que actuará xunto con Cántigas da Terra. Durante a xornada haberá actuacións de Pesdelán, Espadana e Caldo e a xornada rematará no anfiteatro con Fetén Fetén (20.00), Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (21.30) e Startijenn (23.10). Entre medias, haberá un espectáculo de fogos artificiais, que terá lugar ás 22.50 horas.

Programa

Romaría de Santa Margarida - Programa completo copia

Máis novas

A Romaría de Santa Margarida amplíase a 4 días de tradición

 A Coruña é a terceira cidade de España menos rendible para alugar inmobles

0

O prezo da vivenda en aluguer en Galicia subiu un 11,9% en xullo respecto ao mesmo mes do ano 2023, aínda que rexistrou un lixeiro descenso, dun 0,3%, na súa variación mensual. Estes son algúns dos datos que se desprenden do Índice Inmobiliario Fotocasa. O informe tamén apunta que, con estes datos, o prezo sitúase no 9,58 euro/m2 ao mes en xullo. A Coruña é unha das cidades con máis problemas para alugar.

“O prezo do aluguer segue en niveis máximos de forma xeneralizada. De feito, 15 das 17 comunidades autónomas alcanzan marca no prezo do arrendamento. Ademais, por primeira vez na historia, o prezo do aluguer xa excede a barreira tácita dos 1.000 euros mensuais de media”, explica a directora de Estudos e portavoz de Fotocasa, María Matogueiras.

Sinala que, tras dous anos consecutivos de incrementos “moi significativos” e despois de presentar a aceleración “máis brusca da historia”, “o prezo do aluguer está máis alto que nunca”. Argumenta que a razón principal é a contracción da oferta dispoñible, unida á “intensa” demanda que aumenta debido a que nestes momentos o aluguer é “a principal vía de solución habitacional para acceder á vivenda en España”.

Así, Galicia pasou dunha variación interanual do 8,4% de xullo de 2023 ao 11,9% detectado no mesmo período de 2024. Nos últimos 12 meses analizados o prezo da vivenda pasou dos 8,56 euros/m2 ao mes de xullo de 2023 aos 9,58 euros/m2 ao mes de xullo de 2024. A nivel estatal, as comunidades autónomas con maiores incrementos interanuais (por encima do 10%) son: Asturias (17,9%), Madrid (15,6%), Castela-A Mancha (14,8%), Galicia (11,9%), Rexión de Murcia (10,3%) e País Vasco (10,0%).

PROVINCIAS E MUNICIPIOS

O estudo tamén achega datos por provincias e sinala que o prezo interanual da vivenda en aluguer en xullo de 2024 incrementouse nas catro provincias galegas. Na Coruña, un 12,4%; en Pontevedra, un 7,2%; en Ourense, un 5,7%; e en Lugo, un 5,0%. En canto aos prezos, unha provincia supera os 10,00 euros o metro cadrado ao mes, Pontevedra, con 10,67 euro/m2 ao mes. Séguenlle A Coruña con 9,70 euro/m2 ao mes, Lugo con 7,40 euro/m2 e Ourense con 6,87 euro/m2.

No que respecta aos municipios, Vilagarcía de Arousa é o que máis incrementos acumula en xullo cun 30,8%. Séguenlle as cidades con incrementos superiores ao 10% nun ano como A Coruña capital (15,2%), Vigo (11,8%), Ferrol (11,5%), Pontevedra capital (10,3%), Ourense capital (9,8%), Lugo capital (7,1%) e Santiago de Compostela (6,5%).

En canto ao prezo por metro cadrado en xullo, seis dos 11 municipios exceden o 10,00 euro/m2 ao mes e son: Sanxenxo con 18,06 euro/m2 ao mes, A Coruña capital con 11,52 euro/m2 ao mes, Oleiros con 11,33 euro/m2 ao mes, Ribeira con 11,08 euro/m2 ao mes, Vigo con 10,59 euro/m2 ao mes e Santiago de Compostela con 10,01 euro/m2 ao mes. Doutra banda, as dúas cidades máis económicas para alugar unha vivenda son: Lugo con 7,11 euro/m2 ao mes e Ourense con 7,15 euro/m2 ao mes.

A CORUÑA, A TERCEIRA CIDADE MENOS RENDIBLE PARA ALUGAR

Por outra banda, segundo os datos publicados por Pisos.com en base aos informes dos prezos de compra e de aluguer rexistrados en xullo de 2024, A Coruña é a terceira cidade de España menos rendible para alugar inmobles.

Explican que a rendibilidade bruta do aluguer en España en xullo de 2024 foi do 6,04%. Este é o rédito anual que un propietario dunha vivenda conseguiu ao pola en aluguer tras a súa adquisición.

Demostracións de skate e breakdance no Recorda Fest 2024

0

O festival coruñés Recorda Fest, que chegará ao Peirao da Batería os días 6 e 7 de setembro, contará con demostracións de skate e breakdance. En colaboración coa Secretaría Xeral para ou Deporte da Xunta, a organización incorpora estas disciplinas urbanas. Será da man da entidade Vella Escola Cultura Urbana e a escola de skate NorthSide da Coruña. Haberá demostracións de skate, en horario de 12.00 a 14.00 horas e breakdance de 16.00 a 16.30 horas.

Na zona de pulseración, que estará situada nos Xardíns de Méndez Núñez, quen queira adquirir a súa credencial de acceso sen esperar as longas colas da tarde, poderá facelo e gozar das demostracións de skate. Neste espazo instalarase un skatepark provisional para que os amantes deste deporte poidan contemplar as exhibicións, favorecendo a adquisición de pulseiras e evitando así o tempo de espera.

Xa dentro do recinto no que se celebra o Recorda Fest, quedará instalada unha bancada para as demostracións de breakdance. Alí, á primeira hora da tarde do venres e o sábado celebraranse ‘batallas’. Ademais, quen queira, poderá probar as súas habilidades no mundo desta disciplina urbana.

Un equipo coruñés, pioneiro na práctica do roller derby: As Brigantias

0

Se che digo roller derby, sabes dicir de que trata? No Xornal da Coruña e no Galicia Confidencial continuamos visibilizando diferentes disciplinas deportivas, nas anteriores entregas coñecemos máis sobre billarda, petanca, rugby, fútbol gaélico ou chave. Viaxamos ata Estados Unidos, nos anos 20, onde nace o denominado roller derby, un deporte de contacto, velocidade e estratexia. “Tivo os seus inicios coas carreiras en velódromo de patíns, coincidindo coa primeira crise grande deses anos e comezou a derivar en espectáculo”, así o expón Percebeira, nome derby de Rosalía Varela, pintora artística e xogadora de As Brigantias de A Coruña. Da súa man imos facer un percorrido por este deporte. Destaca que foi “moi inclusivo con todo tipo de xéneros e de identidades” desde as orixes e o espectáculo baseábase no bloqueo, en impedir que os rivais lles pasaran por diante con golpes. “Isto, anos despois, reviviu con menos espectáculo e máis seriedade”, afirma.

Na actualidade, o deporte caracterízase polo bloqueo, polo corpo a corpo, pero xa con moitas normas, coma no rugby, para garantir unha práctica segura. “Avanzou máis cada vez ata chegar ao roller derby de hoxe, sobre pista plana, hai outra modalidade que só se xoga en Estados Unidos, peraltada, como nun velódromo pequeno”, comenta. Deu o salto hai uns 10 ou 20 anos a Europa e en España introduciuse polo antigo equipo de Tenerife, “as primeiras en montar un equipo”.

Os inicios en Galicia non foron doados, xa que non había referentes próximos. Sereas Bravas de Vigo e As Brigantias de A Coruña, foron os equipos pioneiros, sendo o coruñés o primeiro equipo galego no 2012. Unha disciplina considerada deporte olímpico. Iso sí, Rosalía explica que con normas variadas ás orixinais da asociación WFTDA (Women’s Flat Track Roller Derby Association)a fundadora. Aínda que se practica maioritariamente por mulleres, tamén hai equipos masculinos, en todos os continentes do mundo no que se xoga: “Podes xogar no equipo no que sintas que é o teu xénero, ninguén che vai pedir explicacións, é totalmente adaptativo, non consideramos que exista unha maior vantaxe só por ter un corpo ou outro, inclúe todo tipo de corpos, enorme ou pequena, pesar máis ou menos, alta ou baixa, sempre vai haber un oco, ser áxil ás veces compensa non ser tan forte, e ao revés”.

E COMO SE XOGA AO ROLLER DERBY? 

O primeiro que chama a atención son os nomes que figuran en cada camiseta, xa que Rosalía ten de nome derby, Percebeira. Isto ten unha explicación: “Ao bautizarte no roller derby levas un alter ego. Moi en relación coa historia LGTBIQ+ do deporte, xa que desde o principio quen máis xogaba e mantivo este deporte, era a xente do colectivo. Nos anos 20, nos 30 e ata, por desgraza, recentemente, a xente do colectivo non podía empregar o seu nome, tiñan que ter especial coidado coa súa identidade porque podería resultar perigoso. Entón, elixías o teu nome de guerra, o que ti quixeras”. Desta maneira, afirma, polo xeral soe ser algo que se escolle, que “soe de tipa dura ou algo gracioso ou que teña un valor especial para ti”. O número tamén se elixe, así levarás ese nome e dorsal na camiseta.

Como primeira característica do xogo destaca que son “carreiras en patíns”, con “patíns quads, non de liña, como os do hockey”. En cada equipo xogan cinco xogadoras na pista e unha de cada equipo leva unha estrela no casco e denomínanse jammers. Comezan dende un pouco máis atrás ca o resto e o seu labor é, no tempo que se lles outorgan, dar o maior número de voltas á pista posible. Por cada xogadora do equipo contrario que pase vai ter un punto nesa carreira, o labor das outras catro xogadoras é impedirlle á jammer contraria que as pase co seu propio corpo. A función do balón sería a jammer, o balón ten conciencia propia. “A jammer por cada cadeira que pasa do equipo contrario, marca un punto, tamén, ai ir primeiro, gaña o poder de cortar a carreira cando queira”. En canto á duración, o “máximo de cada carreira son dous minutos” e o cronómetro, como pasa noutros deportes, párase por revisión de faltas ou interrupcións. Os partidos teñen dous tempos de 30 minutos cada un, pero o tempo real depende dese cronómetro.

Cantas xogadoras entran na convocatoria? “As carreiras soen ser moi intensas, en velocidade e forza, polo que levamos mínimo unhas nove persoas ata chegar ao máximo de 20 xogadoras no roster, na aliñación. En cada carreira van saíndo e cambiando ou repiten dependendo da estratexia e segundo o que se necesite”.

E COMO SE COMPITE? QUE OPCIÓNS HAI?

En Galicia, existe a Liga Galega Roller Derby, na que compiten distintos equipos de Galicia: Sereas Bravas de Vigo, Brigantias de A Coruña, Irmandiñas de A Coruña, Jabatas de Ourense e Negra Sombra de Pontevedra. Logo está a liga nacional coa asociación de ARDE, fundada desde os propios equipos, a Asociación de Roller Derby Española (ARDE) con competición a nivel nacional, na que hai ao redor duns “30 equipos por toda España”. Cada ano celébranse ambas, a Nacional ten unha clasificación durante o ano e logo hai unha final, na que se fan os últimos partidos para decidir os últimos postos, nunha fin de semana específica. Na Galega teñen varias sedes e eventos, non é tanto de ir acumulando, e tamén se disputa a Copa federativa de Roller Derby.“Competimos todo o ano á Española e intercalamos coa Galega”, afirma Rosalía.

Tamén existe un ránking mundial WFTDA no que vas puntuando durante o ano e se quedas no top podes chegar á “Champions de Roller derby”, con equipos de todo o mundo e xogando un playoff en diferentes cidades do mundo, como en A Coruña, coa correspondente final. A nivel de selección, dispútase un Mundial cada catro anos e “España quedou de novena no primeiro mundial ao que foi”, que valora como “bastante alto”.

Entre os recoñecementos, As Brigantias gañaron a I Copa Federativa Galega: na temporada 2021-22 no ránking Arde quedaron en terceira posición co Team Galicia, “amálgama de todos os equipos galegos que foron competir”. Desta maneira ían como mínimo unha xogadora de cada conxunto. Actualmente, Rosalía comenta a situación deste ránking con ata 33 equipos de toda España: “Estamos cuartas a nivel español e Sereas Bravas de Vigo, sextas”. Tal e como pasa no clásico dos clásicos en Galicia, Celta de Vigo contra Deportivo da Coruña, aquí tamén teñen o seu clásico con estas dúas cidades implicadas. Nesta tempada enfrotáronse, as Sereas Bravas de Vigo contra As Brigantias de A Coruña, na Liga ARDE, con victoria para ás da cidade herculina.

No que atinxe ao ritmo de competición nun equipo como As Brigantias, destaca que pode xogar nun mes un ou dous partidos ou ningún, nunha tempada que vai de setembro a xuño. “Se houbera máis equipos, sería máis regular, pero a situación é a que é. Temos que pagar as pistas, a equipación, as viaxes e hai pouca subvención, polo xeral, intentase aforrar e organizar da maneira máis eficiente. De aí, que se fagan triangulares con varios partidos nunha soa xornada”, manifesta.

“É UN DEPORTE QUE EMPODERA MOITÍSIMO” 

De xogar ao roller derby, Rosalía, máis coñecida como Percebeira, destaca beneficios como a ruptura cos estereotipos de xénero que asocian á muller con deportes de flexibilidade ou harmonía: “Na miña xeración, as mulleres eramos máis de ximnasia rítmica, mentres o meu irmán ía a judo, porque se supón eran deportes máis bonitos”. Neste sentido, fai fincapé en que é un deporte que empodera moitísimo co coñecemento de ata onde podes chegar co teu corpo, tanto en forza, axilidade como velocidade. “É un deporte co que podes soltar todo e botar a enerxía fóra”, confesa.

Outro punto no que se para é que é moi “horizontal” e que fomenta o contacto coa compañeiras non só no plano deportivo. “Non debería ser o noso labor porque os equipos soen ter unha federación, pistas, subvencións… Pero como positivo, empodera moitísimo, o feito de ser quen de organizar de maneira social e loxística todo, con traballo en equipo constante”, indica. Fronte aos prexuízos por ser un deporte de contacto, sinala: “Como calquera outro deporte deste estilo, implica lesións, pero polo xeral, nada fóra do normal. Imos ben protexidas con cascos, bucal, protección nos xeonllos, nos cóbados e incluso hai camisetas interiores acolchadas”.

“Levo trece anos no deporte e para min é unha honra ver como van avanzando esas compañeiras que chegaron detrás e como consiguen aquilo que vían moi díficil nun inicio”, destaca e engade que o feito de representar a unha cidade e levar na camiseta ese nome que escolliches tamén supón algo importante para ela. Neste tempo tamén puido apreciar como cada vez se sigue máis entre o público, concretamente na cidade da Coruña, o Día do Deporte na rúa estarán representando o roller derby para dalo a coñecer. “Digamos que é fácil distinguir á xente que xoga a isto, temos unha estética característica, xa que está moi ligado á cultura underground, á música e naceu moi arroupado pola cultura punk”. Chegado a este punto con toda esta información, a pregunta é clara, ti coñecías o roller derby? Se a resposta era un non, agora xa podes dicir que si!

 

Máis novas

As Brigantias e as Irmandiñas abren a nova tempada do intenso Roller Derby

Unha persoa trasladada ao hospital logo dun incendio na súa vivenda da Coruña

0

Unha persoa necesitou asistencia médica e tivo que ser trasladada ao hospital tras declararse un incendio na súa vivenda da Coruña, segundo informou o CIAE 112 Galicia.

Os feitos ocorreron pasadas as 17,00 horas deste martes nunha vivenda da rúa Manuel Azaña, e foron os veciños quen, alertados polos berros desta persoa, chamaron a Emerxencias.

Desde o 112 activouse un operativo no que interviñeron os bombeiros da Coruña, axentes de Policía Local e Nacional, e profesionais de Urxencias Sanitarias-061.

Mentres os bombeiros traballaban na extinción das chamas (que afectaron os mobles dunha das habitacións), os sanitarios atenderon á persoa afectada que, finalmente, tivo que ser trasladada a un hospital.

O artista asturiano Rodrigo Cuevas actuará este xoves na Coruña

0

O artista asturiano Rodrigo Cuevas presentará este xoves, día 29, na Coruña o seu último traballo, ‘Manual de Romaría’. Farao no anfiteatro de Santa Margarita, na antesala dunha romaría que amplía a catro días a súa programación con “numerosas actividades e actuacións para todo tipo de públicos, vinculadas todas elas co baile e a música tradicional galega”, segundo informa o Concello da cidade herculina.

Cuevas, galardoado co Premio Nacional das Músicas Actuais, mostrará na Coruña a súa reinterpretación do folclore “con ritmos que mesturan tradición e modernidade”, precisa o Consistorio. As últimas entradas para a súa actuación continúan á venda a través de Ataquilla. O espectáculo comezará co grupo Pansenfron ás 21,00 horas.

Retiradas 59 carabelas portuguesas nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Mera en Oleiros

0

O Concello de Oleiros procedeu á retirada de 59 carabelas portuguesas que apareceron este luns nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Espiñeiro. Segundo indica o Consistorio, “aínda que a situación pode cambiar, neste momento está colgada a bandeira amarela neste tres areais para que os bañistas extremen as precaucións”.

Tamén se está informando da situación a través da megafonía das praias “para lembrar a importancia de non tocar estas medusas que provocan fortes picaduras”. En caso de contacto, as persoas afectadas deben dirixirse ao posto de socorrismo.

As carabelas portuguesas chegaron a semana pasada a praias da cidade da Coruña, ao municipio coruñés de Carballo e a algunhas praias do norte da provincia de Lugo. De feito, a “gran cantidade” de exemplares desta especie atopadas na zona obrigaron a cancelar este domingo a LXXXIII Travesía a nado de San Amaro, na cidade herculina.

SEGUIMENTO NA CORUÑA

Pola súa banda, o Concello da Coruña informou que se está realizando un seguimento diario da chegada de medusas ás praias da cidade aínda que sitúa dentro de “a normalidade” nestas datas a presenza das mesmas.

Con todo, desde o consistorio lémbrase aos bañistas que deben estar atentos ás indicacións dos servizos de socorrismo que, tanto por megafonía como co izado de bandeiras, alertan de calquera posible risco. Tamén se lembra que non se debe tocar aos exemplares que aparezan na area e que o concello se encarga da súa retirada.

Suspendida a folga na concesionaria do mantemento na refinaría da Coruña tras o cobro de salarios

Os traballadores e traballadoras do Grupo Navec, concesionaria do servizo de mantemento da refinaría da Coruña, suspenderon a folga indefinida convocada a partir deste luns, día 26, para demandar “o cobro dos salarios pendentes” debido a que a empresa “puxo ao día o pago a todo o persoal”.

Así o confirmou o secretario comarcal de CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, en declaracións a Europa Press. “O persoal a día de hoxe está ao día do pendente de pago”, explicou.

Navec, que entrou en preconcurso de acredores, ten unha nave en Arteixo e só traballa para a refinaría, segundo explica o representante da central sindical.

A falta de pagamentos da contratista, engade, afectaban a un total de 55 empregados e empregadas da industria herculina. “Suspendeuse a folga porque están ao día”, insistiu Caamaño.