Inicio Blog Páxina 375

Urxen medidas pola situación “deplorable” de varios gatos e un can en Oleiros

0

A asociación Iniciativa Dignidade Canina reclamou medidas ante a situación “deplorable” de varios gatos e un can no municipio de Oleiros, informaron a Europa Press tras varios escritos e “sen resultado ata o momento”. A primeira denuncia, segundo explicaron, remóntase ao mes de maio tras informar, en abril, telefonicamente ao Concello de Oleiros “dada a urxencia do caso polo estado dos animais” e despois do aviso dun cidadán sobre “a situación de absolutos malos tratos na que se atopan os gatos e o can enxaulados”.

Desde entón, a asociación remitiu escritos á Consellería de Medio Ambiente e á Valedora do Pobo, “que permanece á espera de recibir do Concello de Oleiros a información solicitada”. “Só nunha inspección completa poderase determinar”, sinalan sobre o número de animais nesta situación e tras apuntar, polo menos, a seis gatos e un can pequeno “encerrados en gaiolas, rodeados de defecacións, lixo e todo tipo de restos de comida, aveños, ouriños e excrementos”.

“E con evidencias de absoluto abandono, constituíndo un grave problema sanitario e foco de todo tipo de infeccións”. Ademais, aluden a un “gato máis encerrado nunha especie de fin de semana, recluído nas mesmas condicións deplorables”. Tampouco descarta que as dúas persoas propietarias dos animais necesiten “algún tipo de apoio por parte dos Servizos Sociais”, sinalan en relación a testemuños que lles achegaron.

Ao lugar, confirman, desprazouse a Policía Local de Oleiros que, nun informe en abril, constata a presenza de lixo e outros problemas. Alí falaron coa residente e o seu irmán, que lles confirma a presenza de “sete ou oito gatos” en gaiolas. Os axentes, recolle o citado escrito, non puideron acceder á zona onde estaban os animais ao denegar o permiso o home. Ademais, expuxeron a necesidade de que interveñan Servizos Sociais e Medio Ambiente.

O Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña acollerá grupos de Asia e América Latina

Grupos de Corea do Sur, Arxentina e México, xunto á a Asociación de Coros e Danzas Eidos, actuarán desde este mércores e ata o domingo, día 11, no Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña.

A alcaldesa herculina, Inés Rey, recibiu este mércores, no Palacio Municipal de María Pita, ás catro formacións que participarán no festival.

Ademais da Asociación de Coros e Danza Eidos, estarán o Ballet de Arte Folclórica Arxentino; Sun A Arts Company, de Corea do Sur e a Compañía Nacional de Danza Folclórica, de México.

Por outra banda, a rexedora presidiu este mércores a presentación da nova edición do Calendario Histórico da Coruña, que recolle 600 feitos e 30 novas efemérides. O exemplar reúne trece fotografas antigas da cidade pertencentes á colección Bartolomeu-Chavert.

A directora herculina Alicia Úbeda debuta en ficción con “Ratiña”

0

Ródase este verán na Coruña a curta Ratiña, a primeira ficción da directora herculina Alicia Úbeda. Esta obra, coproducida polas produtoras Brava e Mordisco Films, está protagonizada por Sara Ferro e Luis Zahera, Ratiña, e trata sobre como unha nena de nove anos xestiona na súa casa o bullying que sofre na escola desde unha cara menos coñecida das consecuencias destas situacións: a soidade que provoca non ter as ferramentas para pedir axuda na casa.

Alicia Úbeda (A Coruña, 1995) gradouse en Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense de Madrid, con título honorífico na súa promoción, e diplomada no Máster en Produción Executiva da Universidade da Coruña. Algunhas das súas obras son Náufragos (2016), Sueño (2016) e Memoria de un baile (2019), todas curtas documentais. Así, Ratiña é a súa primeira obra de ficción como directora, estrenándose así cun proxecto especialmente íntimo e persoal.
Á vez, continúa co guión da súa primeira longametraxe, Chorima, que vén de recibir este ano a axuda á escrita de guión da AGADIC. E traballa xa na produción da súa segunda curtametraxe, Garabato, tamén coa produtora Brava, obra coa que xa consegui un destacado percorrido por eventos como o Conecta+, foi finalista do NoTodo-Desde Otro Prisma e tamén participou na I Residencia do FicBueu.

Brava, produtora emerxente liderada por Cristela Torres e Bea Villar, métese así nun novo proxecto este 2024, mentres sigue producindo diversos formatos para a plataforma da Televisión de Galicia, AGalega, como Raíña-me! de Álvaro González ou a segunda tempada de Pringadas de Belén Puime. Tamén está traballando xunto á equipa de Delirio Sketches, proxecto gañador do Premio a proxecto do Carballo Interplay e que se estrenará na próxima edición do festival, en abril de 2025 en Carballo.

 

Situación de “case normalidade” no tocante á recollida de lixo

A empresa que reforza a recollida de residuos na Coruña, ante a folga indefinida que mantén o persoal da concesionaria, Prezero, recolleu na xornada de onte un total de 66,6 toneladas de lixo, segundo informa a comisión de seguimento tras declararse a emerxencia sanitaria en toda a cidade. Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia polos residuos acumulados nas rúas, os operarios de Valoriza, a empresa á que recorreu o consistorio, xa recolleron un total de 814,1 toneladas. Nas últimas horas non se rexistraron incidencias, excepto na tarde do martes un colector de vidro incendiado na rúa Torno, precisa a comisión.

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas, a alcaldesa, Inés Rey, manifestou que esta noite as porcentaxes de recollida “foron superiores” en relación ao sucedido en semanas pasadas en canto ao traballo que realizan de noite os operarios de Prezero. “A situación está case normalizada, quedan algúns puntos aínda por recoller, queda tamén acumulado papel, cartón e vidro que se irá regularizando esta semana”, dixo sobre a retirada destes últimos. Especialmente, a rexedora destacou a “mellora notable” en barrios “por onde non se podía nin pasar pola rúa”. “Esperamos que nos próximos dias estea normalizado”, apostilou.

Comeza a segunda fase da reurbanización de San Andrés por parte do Concello da Coruña

O Concello da Coruña iniciou a segunda fase da reurbanización de San Andrés, coa intervención entre Santa Catalina e a praza de Pontevedra.

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá os traballos e celebrou que “moi pronto a rúa recuperará a súa configuración orixinal de bulevar”.

A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz e polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Fran Diaz.

Rey sinalou que a rúa “gañará espazo para a cidadanía, máis visibilidade para os comercios e melloras para as persoas”. Nesta segunda fase executaranse as obras de canalización e pavimentación no tramo final da rúa, entre Santa Catalina e a praza de Pontevedra.

Por iso, esta mañá cortouse ao tráfico rodado o acceso a San Andrés desde a praza de Pontevedra e Juana de Veiga, desde onde só poderán circular os autobuses en dirección ao intercambiador da praza.

Noutra orde de cousas, o consistorio fixo público este martes a listaxe provisional de persoas beneficiarias das bolsas comedor para o próximo curso. En total concedéronse 2.313 solicitudes do total de 4.946 recibidas. Agora abrirase o período de alegacións.

Nova protesta dos mariscadores do Burgo: “A situación económica é asfixiante”

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo denunciaron unha situación económica “asfixiante” e volveron a demandar axudas mentres non poidan faenar polo dragado e ata que a cría alcance a talla legal permitida para a súa recollida.

Así o expuxo, en declaracións a Europa Press, o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, nunha nova mobilización con corte de tráfico na zona da Pasaxe, nos accesos da Coruña e nun dos carrís.

“Seguimos á espera de que o Goberno central e a Xunta cheguen a un acordo“, indicou Baldomir, que explicou que a Confraría de Pescadores fixou unha nova mesa de negociación para o 19 de agosto, con convocatoria tanto a representantes estatais como autonómicos.

A situación segue sendo dura dado que non hai ningún tipo de ingreso“, expuxo sobre o colectivo. Ademais, sinalou que por parte do Goberno central “débese” aos mariscadores e mariscadores os meses de xaneiro a abril. “É imposible aguantar tanto tempo facendo pagos de Seguridade Social e outros, a xente está moi asfixiada economicamente e psicoloxicamente e sen ver saída laboral”, apostilou.

A recollida do lixo na Coruña comeza a “normalizarse”, segundo Inés Rey

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, trasladou “nos próximos días” podería estar normalizada a situación respecto do lixo acumulado nas rúas, ante a folga indefinida convocada polo persoal deste servizo.

Parece que empeza a aumentar a recollida na quenda de noite coas novas contratacións da empresa”, expuxo ao ser preguntada tamén polo reforzo durante o día por parte de Valoriza, a empresa contratada ao declararse a emerxencia sanitaria e que agora actúa en dúas quendas, entre as 07.15 horas e as 23.15 horas.

En concreto, este luns púxose en marcha a nova quenda de limpeza tras a ampliación da emerxencia sanitaria a toda a cidade. Outros 22 operarios de Valoriza sumáronse aos 32 que xa estaban a traballar previamente.

Na xornada de onte, a empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade recolleu un total de 71,5 toneladas de lixo, sen incidentes. Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia dos residuos acumulados nas rúas, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 747,5 toneladas.

Por outra banda, durante a noite do luns 5 a este martes 6 de agosto non se rexistrou ningún incidente por queima de colectores. Con todo, desde o pasado 24 de xuño, o Concello contabilizou “159 colectores queimados intencionadamente nos diversos distritos da cidade”.

Repudio ao crime machista da Coruña con concentracións e minutos de silencio en varios puntos de Galicia

0

Distintas localidades galegas acolleron este martes concentracións, con minutos de silencio, ante institucións para condenar o crime machista da Coruña, no que, presuntamente, un septuaxenario asfixiou á súa muller, de 74 anos, na noite do xoves ao venres.

Foi ante o consistorio coruñés, igual que noutros concellos, pero tamén en delegacións territoriais da Xunta e a sede desta en San Caetano. No acto convocado na praza de María Pita, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, confirmou que segue aberta a investigación con actuacións por parte da Policía Nacional, ante a que o home, que ingresou en prisión por delito de homicidio, sostivo que lla atopou morta.

En declaracións aos medios, noutro acto convocado na cidade e tras participar xunto a edís do consistorio coruñés no minuto de silencio, a rexedora coruñesa, Inés Rey, incidiu en que a cifra de 28 mulleres asasinadas no que vai de ano é un dato “insoportable”. “Non descansaremos ata que a cifra sexa de cero, máxima condena e repulsa á violencia de xénero e a condena aos que a negan e recortan en políticas de igualdade”, sentenciou tamén.

En Santiago de Compostela, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeless Vázquez, así como outros membros do Goberno galego, participaron nun minuto de silencio ante a sede da Xunta en San Caetano.

A titular de Igualdade reiterou a repulsa do Goberno galego “a calquera tipo de violencia de xénero” e destacou que situacións como esta “constatan que aínda queda moito traballo por facer”. Así mesmo, dirixiuse a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero para que denuncien a través dos recursos á súa disposición como o teléfono confidencial e anónimo 016 ou os centros de información á muller.

Ademais, na praza do Obradoiro gardouse tamén un minuto de silencio. Membros da corporación municipal e persoal do Concello de Santiago de Compostela participaron no acto, no que se ha guadado un minuto de silencio en memoria da muller asasinada, mostrando así a súa condena e solidariedade.

“Descoordinación” ao remolcar un avión provocaron a amputación dunha perna a un operario en Alvedro

0

O operativo para remolcar un avión no aeroporto de Alvedro o pasado 14 de xullo estivo marcado pola “descoordinación e apresuramento”, o que provocou un accidente que se saldou coa amputación da perna dun operario.

Así o recolle a información preliminar da Comisión de Investigación de Accidentes de Aviación Civil –dependente do Ministerio de Transportes–, que deberá publicar un informe técnico final coas conclusións. O suceso tivo lugar preto das 20,00 horas do 14 de xullo, cando a aeronave Airbus 320 “estaba a ser remolcada cara atrás con xiro na plataforma para orientala en rodaxe con dirección norte cara á cabeceira da pista 21 por medio dun tractor con barra”.

Segundo recolle a ficha de investigación aberta, houbo dificultades ao desenganchar a barra de pulo do tractor polo operario. “Ao tentar solucionar o problema produciuse unha certa descoordinación e apresuramento entre os operarios de terra: coordinador, operario da barra e operario do tractor, de modo que se acumularon varias accións desviadas dos procedementos operativos”, expoñen as indagacións.

Neste proceso pediuse á tripulación que liberase o freo de aparcadoiro do avión e o operario que manexaba o tractor baixouse deste. De tal forma, o operario, “no intento de soltar ou desenganchar a barra de pulo do avión, quedou atrapado e unha roda do tren de morro lesionoulle gravemente unha perna”.

Finalmente, o home recibiu auxilio médico no lugar dos feitos e, posteriormente, foi trasladado ao hospital. Necesitou ser intervido cirurxicamente debido á amputación dunha perna.

‘Mulleres Afronte’, a arte feminina como ferramenta de transformación social

0

Acolleu a CUAC FM unha das primeiras iniciativas do proxecto Mulleres Afronte. Liderado pola USC e a ONG Ecos do Sur, a iniciativa trata de poñer en valor a creación artística de mulleres migrantes no país, experimentando esa arte, como ferramenta de transformación social.

O proxecto trata de investigar e promover experiencias como as que levan protagonizando durante décadas as batukadeiras de Cabo Verde na Mariña lucense, así como outras propostas que serviron para unha mellor integración social das mulleres migrantes no país.

O primeiro encontro reuniu na emisora comunitaria herculina tres das artistas de Mulleres Afronte (Miriam Sandoval Guiraldes, Kirenia MARtínez Acosta e Aranxa Vicens Cortés), que  participaron no Programa de Cuac FM “Escuela de Familias”, promovida por Accem e presentada por Yosi Hatillo.

Mulleres Afronte na CUAC FM
Mulleres Afronte na CUAC FM

En setembro os máis de 30 artistas participantes no mapeo poderán reunirse nunha xornada de diagnóstico para avanzar nunha visión conxunta sobre o situación do sector. Nos próximos meses celebraranse edicións de Wikipedia para crear colectivamente artigos de artistas con vínculos migrantes, como forma de aumentar a visibilización deste colectivo, e o proxecto pecharase en 2024 cun evento artístico e presentación de resultados.

Así, o proxecto tratará de fomentar estes emncontros entre unha vintena de artistas con vínculo migratorio (inmigrantes, emigrantes retornados, descendentes de emigrantes…) que desenvolven proxectos de culturais no noso país, nos ámbitos da música, danza, teatro ou performance, por exemplo.
Espazos sen precedentes no comunidade, que crean ambientes creativos nos que planificar accións futuras actividades conxuntas, explorar sinerxías e colaboracións e compartir situacións e problemas común.