Inicio Blog Páxina 552

Confirman a condena de 8 anos de prisión para unha muller que tentou matar á súa parella no seu domicilio

0

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña na que condenou a oito anos de cárcere a unha muller por tentar matar á súa parella en 2022 no seu domicilio. A Sala rexeitou o recurso presentado pola procesada e ratificou a súa condena como autora dun delito de homicidio tentado, concorrendo a circunstancia de parentesco como agravante.

O TSXG, avala o relato de feitos probados do fallo de primeira instancia, no que os maxistrados indican que a muller, despois de estar bebendo bebidas alcohólicas, “aínda que en cantidade non precisada e sen que conste que afectasen dalgunha maneira as súas facultades”, e de falar coa súa irmá, residente en Alemaña, enfadouse porque lle dixo (ou ela así o entendeu) que o seu compañeiro sentimental estaba a flirtear con ela.

Entón, colleu na cociña un coitelo, e, “coa intención de matalo”, cravoullo con forza á súa parella no abdome. A vítima, que saíu á rúa desde a súa vivenda buscando axuda, aínda que percorridos uns metros esborrallouse, foi trasladada ao hospital, “onde recibiu a asistencia precisa para salvarlle a vida”.

Universidades galegas tecen redes de colaboración sobre innovación docente nunha xornada na Coruña

0

Representantes das universidades galegas reivindicaron a importancia da innovación docente nunha xornada na Coruña, que contou tamén coa presenza do secretario xeral de Univeridades da Xunta, José Alberto Díez de Castro.

Foi no marco da xornada promovida polo Centro de Formación e Innovación Educativa da Universidade dá Coruña (UDC), xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a de Vigo. Trátase da primeira edición da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente que aspira, segundo os seus responsables, a ser “un punto de encontro entre docentes universitarios de toda Galicia para pór en común experiencias e tecer redes de colaboración”.

A innovación docente é un alicerce básico”, sinalou a Europa Press o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente da UVigo, Alfonso Lago, quen o cualificou tamén como un “desafío”. Por iso, destacou estas xornadas para incentivar a colaboración en proxectos deste ámbito.

Na mesma liña, o reitor da UDC, Julio Abalde, remarcou a importancia de que as xornadas se promovan polo tres universidades dando continuación a unha actividade que ata agora organizaba exclusivamente a universidade coruñesa.

Este venres inaugúrase o primeiro edificio da Cidade das TIC na antiga Fábrica de Armas

0

Este venres 20 de outubro de 2023 terá lugar a inauguración do primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade das TIC (Avda. Pedralonga). O Centro de Servizos Avanzados (CSA) é o primeiro edificio acondicionado nos antigos terreos da Fábrica de Armas da Coruña, que trata de convertirse da man da Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia nun polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel internacional.

Acodirán ao acto o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o reitor da #UDC, Julio Abalde.

Despois do acto institucional haberá un evento sobre intelixencia artificial e empresa, con expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Telefónica. Tendes o programa na web da USC.

O edificio, de 5.000 metros cadrados, será a sede das empresas Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene. Ademais, na planta inferior haberá unha sala versátil.

 

As traballadoras das Escolas Infantís da Xunta únense á folga das compañeiras das Escoliñas Municipais

0

Este mediodía de xoves 19 de outubro comezan as xornadas de folga das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión directa (na Coruña as escoliñas municipais) para conseguir un convenio digno. Unha loita á que se unen as traballadoras das Escolas Infantís dependentes do Consorcio de Igualdade e Benestar (as Galiñas Azuis) da Xunta, a pesar da falta de información entre sindicatos.

Así o denuncia a CUT Galiza, o sindicato que abandeira a loita tanto nas residencias de maiores como nas escoliñas dependentes do Consorcio Galego da Xunta nos últimos anos. Un sindicato que lembra que falamos “dun sector, o dos coidados, absolutamente feminizado que a duras penas chega ao SMI, e que sen dúbida é un dos máis precarizados do país”.

A CUT denucnia que “as profesionais das Escolas Infantís 0-3 afrontan diariamente xornadas cun nivel de exixencia por parte da Xunta, Concellos e empresas humanamente imposible na maioría dos casos, asumindo unha grande carga de traballo e de estrés”. Por iso, reiteran as peticións que levan anos realizando (moitas coicidentes coas das compañeiras), como o pago dos veráns ao persoal temporal, a conversión de prazas ADIX e REOGAL en interinidades, a redución horaria de 18 e 21 horas…

Así, representantes das traballadoras dependentes da Xunta tamén formarán parte da manifestación que sairá ás 12:00h dende a Praza de Pontevedra até o Obelisco.

Servizos Mínimos Abusivos

O Colectivo herculino @educadorasenloita xa nos trasladaba onte que “non imos poder asistir á folga porque marcan uns servizos mínimos abusivos, deixando unha educadora por aula, o que vén sendo a ratio normal”.

Unha denuncia que comparte a CIG ensino, que considera igual de abusivos os servizos mínimos impostos pola Xunta para as Galiñas Azuis como polos Concellos da Coruña, Arteixo e Santiago para as escoliñas privadas ou de xestión indirecta (as coñecidas como “municipais”).

Como exemplo, a CIG-Ensino destaca que nalgunha destas escolas só poderán ir á folga 3 das 20 traballadoras, as que fan apoios, pois estarán obrigadas a traballar unha persoa por cada unidade, dúas para abrir e pechar o centro e logo unha na cociña e outra de limpeza.

”A CIG-Ensino lamenta que “estas administracións, gobernadas ademais por diferentes organizacións políticas (PP, PSOE, BNG), se unan en poñer paus nas rodas das lexítimas demandas dun persoal que presta un servizo que debería ser de xestión pública”. “Por riba de manter unha xestión indirecta e privatizada, poñéndose habitualmente de perfil nas demandas de melloras laborais, alegando que estas dependen da negociación colectiva coas patronais, agora os gobernos municipais e a propia Xunta, de quen depende o Consorcio, si toman partido, mais do lado da patronal”, denuncian.

Máis novas

As traballadoras das escolas infantís municipais critican os servizos mínimos abusivos para a súa folga

Traballadores en escolas ‘Galiña Azul’ e en atención a maiores maniféstanse na Coruña contra a temporalidade

A Xunta ratifica que recorrerá a sentenza que anula o plan de espazos do novo Chuac

0

O presidente galego, Alfonso Rueda, confirmou que a Xunta recorrerá ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a sentenza que anula o plan de espazos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), por non estar suficientemente xustificada a súa localización en Eirís.

Neste contexto, tal e como asegurou na comparecencia posterior á reunión semanal do Consello, Rueda mostrouse confiado en que “non haberá problemas” para continuar coa tramitación das obras, despois de que hai dúas semanas –tras emitirse a sentenza– o Goberno galego aprobase para o Novo Chuac a declaración de proxecto de interese autonómico (PIA), que permite reducir prazos administrativos, entre outras vantaxes.

O titular da Xunta confirmou que “en principio” si se recorrerá o fallo ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago, que deu a razón aos veciños do barrio de Eirís afectados as expropiacións para acometer as obras. En concreto, o que fixo o xulgado foi anular o plan funcional e de espazos aprobado en 2020 que fixou a localización do proxecto.

Segundo Rueda, que dixo “non” coñecer os detalles da sentenza, a aprobación do PIA inclúe unhas “cuestións xurídicas” que agora o TSXG poderá ter en conta. Por iso mesmo, cre que “non haberá problemas” para que continúe a tramitación da ampliación do hospital coruñés.

A Solana volverá ser para os e as coruñesas

0
  • O TSXG desestima os recursos da Autoridade Portuaria e dá validez ao acordo plenario para recuperar a titularidade pública da Solana

— —

Vén de ditar sentenza o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desestimando en todos os seus termos o recurso interposto pola Autoridade Portuaria da Coruña, contra o acordo unánime do pleno municipal do 16 de xaneiro de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM para recuperar a titularidade pública da Solana. Os privilexiados terreos quedarán como chan dotacional público no canto de chan dotacional privado.

A sentenza considera que “a decisión municipal non é arbitraria ao perseguir o interese público fronte á sua posible subasta”, con “motivación suficiente e coherencia co interese xeral”, dada ademais “a singularidade do entorno no que se ubica”, dentro do ámbito PEPRI. Deste xeito, O Parque Deportivo La Solana, fica suxeito á Ordenanza de Espazos Libres e Zonas Verdes Públicas. Ademais, “o paso situado entre a devandita dotación e as murallas da cidade pasa de dotación local a viario, tamén de titularidade pública”.

O Tribunal, que en varias ocasións sinala as “incoherencias” do Concello (e dos variados grupos políticos que pasaron polo goberno nesta década) en todo o procso, critica o enfrontamento entre administracións, calificando este proceso xudicial como a consecuencia da “frustración da negociación” entre Concello e Autoridade Portuaria.

A sentenza impón as costas á APAC, se ben cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Proceso de recuperación dos terreos

A sentenza explica o proceso temporal, despois de que en 2013, o PP deixase a porta a unha posible privatización dos terreos, cunha modicación no Plan Xeral que podería permitir a venda do complexo para paliar a débeda contraída pola contrución da Dársena do Porto Exterior.

Foi o 01-09-2017 cando o Pleno do Concello da Coruña aprobou tres mocións (presentadas por BNG, PSOE e Marea Atlántica e apoiadas por unanimidade) que instaban, a garantir a titularidade pública dos terreos que integran o Conxunto La Solana, que foran incorporados ao dominio público portuario. estado ata que foron desafectados mediante a Orde do 28-12-1999, pasando así a ser ben patrimonial.

A raíz de tales mocións incoa un expediente de modificación puntual do PXOM vixente, co fin de cambiar a titularidade privada deste tipo de espazos a titularidade pública.

Foi o 03-05-2018 cando por acordo plenario se produce a aprobación inicial, no 14-01-2019 a aprobación provisional, e finalmente a definitiva no pleno do 16-01-2020.

O concello defende que “o porto non está en venda” 

O portavoz do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, defendeu que “o porto non está en venda” despois de trasladar a satisfacción municipal polo fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que avala a modificación do plan urbanístico da cidade que converteu os terreos de La Solana en espazo público.

“Porque quería vender eses terreos e agora dannos a razón”, insistiu tras o fallo do alto tribunal galego en relación a este asunto e no que se considera “motivada” a decisión. Ademais manifestou a “mensaxe clara” de que o porto “non está en venda” e que “ten que seguir sendo un espazo público”.

 

A Audiencia de Madrid ordena reabrir a investigación pola morte de ‘Jimmy’

0

Audiencia Provincial de Madrid ordenou a reapertura da investigación pola morte do seareiro do Deportivo, Francisco Javier Romeu, coñecido como ‘Jimmy’, durante unha liorta que se produciu o 30 de novembro de 2014 entre seareiros do Riazor Blues e a Fronte Atlético.

Así consta nun auto no que os maxistrados revogan o arquivo decretado en maio de 2022 pola xuíza de instrución, ordenan practicar dilixencias para seguir investigando e instan o Xulgado a que posibilite un informe proposto pola acusación que exerce na causa LaLiga. A Sala cre que “hai evidentes indicios delituosos para reputar autores aos investigados identificados”, as acusacións que representan á Fiscalía de Madrid, LaLiga e outras partes personadas no procedemento.

A xuíza arquivou a causa en maio de 2022 ante a ausencia de autor coñecido ao non dar credibilidade ao relato dunha testemuña protexida que identificou ante a Policía ao autor material ao considerar que incorría en numerosas contradicións sobre o sucedido nos arredores do entón estadio Vicente Calderón.

A acusación particular e A Liga de Fútbol Profesional recorreron esta decisión. En concreto, LaLiga cargou contra a xuíza, á que acusaba de cometer “erros de vulto” e incorrer en “razoamentos simplistas ou inocentes”. En decembro de 2022, concluíu o xuízo pola liorta que derivou na morte de ‘Jimmy’. O Xulgado do Penal número 23 de Madrid condenou a multas de entre 300 e 1.350 euros a 75 acusados de participar na multitudinaria pelexa que enfrontou a seareiros do Deportivo da Coruña e do Atlético de Madrid.

As traballadoras das escolas infantís municipais critican os servizos mínimos abusivos para a súa folga

0
  • “Non imos poder asistir á folga porque marcan uns servizos mínimos abusivos, deixando unha educadora por aula, o que vén sendo a ratio normal”, denuncia o colectivo @educadorasenloita.

—- —-

As organizacións que representan ás traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta (as municipais da cidade utilizan este formato) de Galicia, CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino, unen forzas de cara a convocatoria da folga de profesorado do 24 de outubro. E tamén das xornadas de paros e concentracións que terán lugar estes 19 de outubro (mañá xoves) ademais dos 25 de outubro e 8 e 15 de novembro.

Na Coruña haberá unha manifestación ás 12h, dende a Praza de Pontevedra até o Obelisco.

Estes paros afectarán ás 2.000 traballadoras e traballadores dos 200 centros que hai en Galicia.

As centrais sindicais denuncian unha vez máis o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3, xa que tras máis dun ano e 10 reunións non se avanzou nun acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos (a día de hoxe están por debaixo do soldo mínimo profesional), acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

Esixencias

Os sindicatos, que xoncuntamente suman o 60% do tecido traballador, esixen os seguintes puntos:

  • Recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de 2 cursos.
  • Redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
  • Aplicación de medidas inmediatas (curso 2024/25) para a redución da burocracia: aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e aumento de persoal administrativo.
  • Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.

Servizos mínimos “abusivos”

A Xunta de Galicia publicou este mércores os servizos mínimos establecidos para a folga. Estipulan 2 traballadores de atención directa aos nenos, ademais doutro traballador por cada unha das unidades que teña a escola, para garantir a apertura e peche dos centros ao longo da xornada. Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.

Uns Servizos que colectivos como @educadorasenloita das escolas infantís coruñesas, consideran “abusivos”. “Non imos poder asistir á folga porque marcan uns servizos mínimos abusivos, deixando unha educadora por aula, o que vén sendo a ratio normal”, denuncia.

 

Un coruñés métese na Winamax Póker Tour tras gañar a etapa da Coruña

0

O Winamax Póker Tour, é o maior torneo de póker gratuíto celebrado en España. Un torneo itinerante que percorre o país que serve de experiencia experiencia única para xogadores afeccionados. Esta fin de semana celebrouse a segunda etapa, que rematou na Coruña. O torneo tivo lugar o sábado no Casino Atlántico, e tivo unha etapa competitiva, coa participación de 107 xogadores.

E os campións da xornada foron o coruñés César P. (de alcume “Cesar p99”) e o fisterrán Eduardo Rivas (“NoGanoFlip”), que conseguen así entradas gratuítas para a Gran Final, que se celebrará en febreiro en Madrid.

Cesar e Eduardo na WiPT- A Coruña_ Ganadores ©Winamax
Cesar e Eduardo na WiPT- A Coruña ©Winamax

Van 19 finalistas e aínda quedan moitos que se irán determinando nos 22 pases que se realizarán nesta singular liga e que en vindeiras datas pasa por Málaga, Zaragoza, Murcia, Ondara, Bilbao e Castellón.

Ambiente_ WiPT_sabado_AR
Ambiente na xornada sabatina

O fillo de Elisa Abruñedo sinala que sempre mantivo a “esperanza” e pide “xustiza” polo crime da súa nai

0

Adrián Fernández, fillo de Elisa Abruñedo, a muller que foi asasinada en setembro de 2013 e que foi previamente violada no lugar de Lavandeira, en Cabanas, reclamou “xustiza”. Este martes, a Garda Civil detivo en Ferrol a un home de 49 anos como sospeitoso destes actos.

“Eu quero xustiza e que este tipo de xentuza, calaña ou merda que paguen como teñen que pagar, non como fai agora no cárcere, estando ‘sanitos’, illados para que non lles pase nada e logo para casa”, expresou, tras coñecer o arresto deste veciño de Narón, natural de Vilarmaior, dez anos despois do crime.

“Suponse que si, xa que se o deteñen quero entender que algo lles cadrou, eles cren que si (en alusión á Garda Civil), pero ata que non teñan as testemuñas e as probas que teñen que facer, queda niso”, manifestou, en relación a se cre que se puido deter ao culpable. O fillo de Elisa manifestou que sempre mantivo a esperanza de que este caso se resolvería. “Eu sempre tiven esperanza e dixen que a cabezón non me gaña ninguén, algo que saquei da miña familia e sempre quero chegar ata o final”, apuntou Adrián Fernández, que durante esta década exerceu en diversas ocasións como portavoz da familia.

PSOE DE NARÓN

Por outra banda, o grupo municipal do PSOE no Concello de Narón, localidade na que reside o detido pola Garda Civil, anunciou, a través dun comunicado, que esta formación “proporá unha declaración institucional de repulsa polo asasinato de Elisa Abruñedo tras a detención do presunto asasino”, xa que segundo os socialistas “Narón debe de mostrar a súa repulsa por este asasinato”.

Así, un dos seus edís, Jorge Ulla, asegurou que na próxima xunta de portavoces levarán a iniciativa para que “o Concello de Narón emita unha declaración institucional de rexeitamento por este terrible feito, así como a súa repulsa ante calquera tipo de violencia, especialmente a sexual”. Tamén propoñen a convocatoria dunha concentración pública, na que a vila se mostre unida contra este asasinato.

TÓMASE DECLARACIÓN Á CONTORNA DO DETIDO

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, informou de que, neste momento, están a tomarse declaracións testificais á contorna do veciño de Narón detido polo crime. En declaracións aos medios tras presidir coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a Xunta de Seguridade, Rivas sinalou que están á espera de que se lle tome declaración ao detido, que se prevé que pase a disposición xudicial este xoves.

“Tal e como manifestaba este martes o delegado do Goberno, a investigación está baixo segredo de sumario e a única información que podemos confirmar é que efectivamente o detido está na comandancia da Coruña e que neste momento están a realizarse actuacións”, indicou. Tras 10 anos de investigación, defendeu, “a Garda Civil nunca deixou de traballar”. “E ese traballo deu os seus froitos e coloca no foco a unha persoa, que finalmente é a que resulta detida”, narra.

“Non podo sentirme máis orgullosa do traballo da Garda Civil e dese permanente contacto coa familia, téndoos permanentemente informados e trasladándolles que por moito que pasase o tempo non iamos deixar de facer o que había que facer”, reivindicou. Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, trasladou que é “previsible” que o detido polo crime de Cabanas pase a disposición xudicial “no día de mañá”.

O delegado do Goberno, do mesmo xeito que a subdelegada, aproveitou para felicitar a actuación da Garda Civil na que colaborou a Comandancia da Coruña e a UCO, resaltando que se trata dunha investigación de máis de dez anos “con resultados que parece que están a chegar, coa detención do presunto autor desta fatal morte”. Polo que felicitou aos corpos de seguridade do Estado e “fundamentalmente á Garda Civil e á UCO” que “traballaron calladamente, pero sen tirar a toalla”.

Así mesmo, trasladou de novo o pésame e as condolencias do Goberno aos achegados da vítima, Elisa Abruñedo, “que sempre estiveron absolutamente confiados na xustiza, nos corpos de seguridade do Estado e na Garda Civil”. Consultado sobre si se realizará unha reconstrución do crime opinou que “se realizará nun segundo momento”, pero en todo caso insistiu en que non pode contar moito máis.

DETENCIÓN DUN VECIÑO DE NARÓN

A Garda Civil, tras dez anos de investigación, detivo este martes a un veciño de Narón, de 49 anos, como presunto autor do homicidio da veciña de Lavandeira, en Cabanas. Abruñedo foi localizada nas proximidades do seu domicilio, o 1 de setembro de 2013, ás poucas horas de desaparecer. O corpo sen vida estaba a tan só 200 metros da súa vivenda, con diversas puñaladas e constatándose que fora tamén violada. A muller contaba por aquel entón con 46 anos, estaba casada e era nai de dous fillos. Na zona foron localizadas varias mostras de ADN que pertencerían ao responsable da violación e asasinato.