Inicio Blog Páxina 615

Subindo á Pena Vixía con Xurxo Souto

0
Este xoves 13 de xullo, recupérase a “tradición neocoruñenta” coa III Ascenso á Pena da Vixía da man do eterno Xurxo Souto. Será unha boa ocasión para reivindicar o prometido Parque dos Nenos no monte Vixía, que leva anos agardando nun caixón.
“A Pena da Vixía (invisíbel na gaiola de cemento da cidade) é o centro místico de Monte Alto. A súa procura é tamén unha viaxe de descuberta cara ao interior no barrio”. Dende este outeiro, no solpor, quizá albisquemos de novo os “homes mariños”, seres míticos que habitan no mar do Orzán, protagonistas da novela de Xurxo Souto.
A saída será ás 20 h. da Biblioteca da Asociación Veciñal Atochas/ Monte-Alto (rúa da Torre).

Interceptados dous mozos que intentaban roubar as rodas dun coche en Cambre

0

A Policía Local interceptou, a pasada madrugada, a dous mozos como presuntos autores dun intento de roubo de rodas. Os feitos ocorreron ao redor das 0:55 horas, cando axentes municipais patrullaban o polígono da Barcala.

Durante as labores de vixilancia, os axentes viron na zona dous mozos. Ao decatarse da presenza policial, os mozos agocháronse entre varios vehículos, alertando á policía, que decidiu entón baixar do coche. Os individuos, que non levaban documentación, teléfonos móbiles nin ningún outro efecto persoal, explicaron que eran curmáns e indicaron que un deles padecía un ataque de ansiedade. A maiores, afirmaban que ían ás festas de Vilaboa. Non obstante, a Policía localizou debaixo dun dos turismos un desaparafusador e unha chave de reparación de neumáticos tipo trinquete que coincidía co diámetro dos parafusos das rodas do coche. Ademais, ao seu carón estacionouse un Volkswagen Golf coas tapas dos parafusos retiradas e depositadas baixo a estrutura.

A Policía Local trasladou o aviso á Garda Civil, realizando unha inspección conxunta entre os axentes de ambos os corpos. A poucos metros do lugar atopouse un vehículo de marca e modelo BMW, cos asentos traseiros reclinados e cubertos e cun gato hidráulico no maleteiro. O vehículo estaba desbloqueado, as chaves estaban nel e o motor fora apagado recentemente. No interior atopáronse os teléfonos móbiles dos identificados. Nese momento, un dos autores afirma que o coche é da súa parella e que pretendían roubarlle as rodas do outro coche para utilizalas no primeiro. A Garda Civil procedeu á súa detención como presuntos autores dunha tentativa de roubo ao redor das 14.00 horas.

Identificados os acusados por falsificar a identidade dunha empresa de Culleredo e estafar 60.000 euros

0

A Garda Civil do Posto Principal de Culleredo identificou a tres homes como presuntos autores dun delito de estafa e outro de pertenza a grupo criminal e dous delitos de falsidade en documento mercantil por suplantar a identidade dunha empresa do municipio coruñés e estafar 60.000 euros.

A operación, denominada ‘Cameril‘ e tutelada dende o inicio polo Xulgado de Instrución Nº 6 da Coruña, iniciouse por mor da denuncia interposta polo representante dunha empresa radicada en Culleredo en dependencias oficiais da Garda Civil na mencionada localidade.

Así, denunciaba que autores descoñecidos suplantaran a identidade da súa empresa, emitindo facturas a algúns dos seus clientes, unha delas, unha empresa da localidade murciana de Yecla, a cal abonou un total de 60.000 euros. Tras esta denuncia iniciouse unha investigación na que se corroborou a existencia do ilícito.

Ademais, descubriuse que se realizou mediante o método coñecido como ‘E-mail Spoofing‘, que consiste no envío dun correo electrónico dende unha dirección similar á da empresa suplantada, solicitando un ingreso nun número de conta que corresponde aos autores do ilícito, os cales unha vez recibido o importe reenvíano a diferentes contas, tanto nacionais como internacionais, para tratar de dificultar deste xeito o labor policial.

Con esta investigación, os axentes lograron a identificación plena dos presuntos autores, resultando ser un veciño de Badajoz e dous veciños de Vitoria, ademais de recuperar 48.300 euros.

Dúas persoas rescatadas na praia de Valdoviño precisaron ser trasladadas polo 061

0

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas este luns ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol tras ser rescatadas da auga nunha praia do municipio coruñés de Valdoviño. Segundo informou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia, ao lugar do incidente enviouse unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Básico e foron atendidos e trasladados dous pacientes, un home de 43 anos, con iniciais M.M.P, e unha muller de 21 anos, con iniciais C.R.P.

Precisamente, este luns o Concello de Valdoviño  informaba de dúas intervencións na praia da Frouxeira nas que os socorristas do servizo de salvamento tiveron que rescatar a un total de sete bañistas, a pesar de que o baño estaba prohibido por haber bandeira vermella. Fontes municipais explicaron que a pesar de que ondeaba a bandeira vermella, a entrada á auga de persoas foi constante.

A primeira intervención produciuse ao redor das 17:30 horas, cando os membros do servizo de socorrismo tiveron que entrar á auga para auxiliar a un pai e ás súas dúas fillas menores de idade. Apenas corenta minutos despois volveron actuar para axudar a un home e ao seu fillo, así como a dous acompañantes. Estes rescates súmanse ao cinco que se rexistraron a semana pasada en varios areais de Valdoviño.

Máis de 40.000 persoas convertiron á Coruña na capital do Orgullo

Espectacular a edición edición 2023 do Atlantic Pride. A festa do Orgullo LGTBIQ+ congregou a máis de 40.000 asistentes en oito xornadas repartidas en tres escenarios. Máis de 30 artistas pasaron polos escenarios da Fundación Luís Seoane, da Praza de Pontevedra e dos Xardíns de Méndez Núñez, que semella van quedar no recordo como punto fetiche do movemento multicolor neste modelo de reivindicación e diversidade con ocio e festa como protagonistas.

A Praza de Pontevedra en imxe aérea
A Praza de Pontevedra en imxe aérea

A terceira edición completa do Atlantic Pride -tras un 2020 de obrigada parada e un 2021 en formato reducido polas consecuencias da COVID- deixa claro que A Coruña é, sen dúbida, a sede perfecta para O Orgullo do Norte.

A organización destaca o comportamento exemplar do público, que permitiu que as oito xornadas transcurriran sin incidencentes, demostrando que A Coruña é unha cidade libre, diversa e reivindicativa.

A dirección do festival, a cargo de Luís Pazos, César Pérez e Iván Cervo, destaca a actitude “disfrutona, reivindicativa e inclusiva de todo o público asistente, dende os máis novos até as persoas de máis idade”. E a verdade é que a xente disfrutou das diversas propostas musiqueiras: dende artistas emerxentes como Fillas de Casandra até artistas consolidados internacionalmente como hits noventeiros das Rozala, Corona ou Desy Dee from Technotronic, pasando por grandes nomes do panorama nacional como Joe Crepúsculo, Djs locais, e unha ampla representación do colectivo Drag.

A edición máis multitudinaria do Atlantic Pride ata o de agora baixa o pano tras oito días de festexos, pero o organización comeza xa a traballar nunha cuarta edición que sexa capaz de batir novos récords e demostrar, novamente, que “a igualdade, a diversidade o respecto e o bo talante seguen a ser conceptos necesarios e reivindicables, e o Orgullo merece un espazo reivindicativo especial, agora máis que nunca”.

Atlantic Pride Coruna 2023-Corona
Corona en concerto

Certame literario

Tres nomes de muller protagonizan o II Certame literario LGTBIQ´do Atlantic Pride: Eva Castro Outeiro (Primeiro premio), Lucía Estévez González (Segundo premio) e Vanessa Santiago (Terceiro Premio) álzanse cos recoñecementos do xurado nesta segunda edición, con tres relatos de estilos completamente diferentes.

Crónicas do Orgullo

Movementos do mercado (Parte 1)

Pasado un tempo prudencial para mascar a derrota de Castalia e o non ascenso un ano máis, comeza o clube a definir o que será a cuarta tempada no barro da 1ª RFEFF. Dende a derrota do pasado 11 de xuño, cúmprense un mes de decisións profundas na entidade branquiazul.

Primeiro foi renovar a Dirección Deportiva e a Secretaria Técnica, que trouxeron a Imanol Idiakez coma novo adestrador, decisión esta que levantou bóchegas na afección xa que todos daban por feito a continuidade de Ruben de la Barrera. A propiedade tivo claro dende o principio que un novo intento de ascenso pasaba por un cambio radical de modelo e de persoas. Fernando Soriano e Juanjo Expósito toman ó mando nas decisións deportivas, cos bos resultados que acadaron na UD Ibiza como espello. ¡Ai, Deportivo que pequeno te fas có paso dos anos…. !

Segundo foi perfilar o cadro de xogadores. Polo de agora, trocamos a Edu Sousa (32 anos) por Germán Parreño (30 anos), é dicir, un suplente seguro por un que pode xogar de titular e que porá ás cousas ben duras a un Ian Mackay que veu minguar a súa relevancia no club tralo nefasto anoitecer de Castalia. Agora mesmo non sabería dicir quen dos dous será o titular.

Sae tamén Antoñito (36 anos) no carril dereito e chega o navarro París Adot (33 anos). Aquí, trocamos a un tipo plano e moi regular na nada por un titular de Segunda que ten na brega a súa máxima característica. Pola contra, na banda esquerda, saíron Raúl Carnero (34 anos) e Orest Lebedenko (25 anos), o primeiro por evidencia natural do seu ocaso e o segundo porque pediu saír a un club de primeira portuguesa. No seu lugar chega o experimentado  Mikel Balenziaga (35 anos) despois de 10 no Athletic Club e que terá que amosar se está preparado para o barro. A longa sombra de Ibai Gómez e Eneko Bóveda fai tremer a afección que podemos estar diante dun novo caso de retiro anticipado.

Cá marcha de Lapenya e a confirmación de Dani Barcia con ficha do primeiro equipo, restaría un central e outro lateral esquerdo para rematar a zaga, dando por feito que Trilli non se moverá da súa casa e que Retuerta ten o seu futuro no clube coma o seu apelido. Así as cousas, parece unha prioridade rematar a defensa canto antes, para comezar a construír un bloque que dunha vez por todas sexa fiable dende os cimentos.

Dicía Fernando Soriano na súa presentación que lle gustaría contar con 17 xogadores e tirar de canteira, polo que pode non se chegue a cubrir esa máxima de dous xogadores por posto e váiase a un modelo de un titularísimo cun rapaz da canteira de substituto. Os próximos movemento confirmarán cara onde vai a o novo modelo de dirección deportiva.

  • Baixas confirmadas: Edu Sousa, Antoñito, Rául Carneiro, Orest Lebedenko, Adrían Lapenya, Álex Bergantiños, Alberto Killer Quiles, Mario Soriano, Max Svensson, Rubén Díez.
  • Altas confirmadas: Germán Parreño, París Adot, Mikel Balenziaga.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

Acumulacións de auga nun carril da avenida Alfonso Molina pola rotura dunha tubaxe

0

A rotura dunha tubaxe nas inmediacións da avenida Alfonso Molina, na Coruña, provocou acumulacións de auga nun carril da avenida Alfonso Molina, en dirección entrada á cidade.

Segundo trasladou a Policía Local, a incidencia produciuse sobre as 10,30 horas deste luns. Con todo, desde Tráfico aseguraron a Europa Press que non se están rexistrando retencións na entrada da cidade herculina debido a este suceso.

Pola súa banda, fontes municipais confirmaron que a rotura se debeu a unhas obras alleas á empresa municipal de augas (Emalcsa) que se realizan nunha urbanización en Alfonso Molina.

Así, sinalaron que xa se está traballando na súa reparación e nun principio “non vai quedar ninguén sen suministración”, aínda que precisaron que “é posible que haxa episodios de turbidez nalgunhas zonas”.

O Festival Internacional +QJazz arrinca hoxe cos Yellowjackets

0

Este luns arrinca a programación do Festival Internacional +QJazz, que se desenvolverá do 10 ao 15 de xullo en salas e auditorios da cidade.

O ciclo albergará a grandes figuras do panorama jazzístico internacional, nacional e autonómico nunha sucesión de concertos que comezarán coa actuación de Yellowjackets o luns 10 de xullo no Teatro Colón, onde conmemorarán o seu 50 aniversario como formación.
As entradas para o concerto custarán 22 euros en venda anticipada e 25 euros o mesmo
día no despacho de billetes.

A gran novidade será a actuación gratuíta de Sharrie Williams Band o martes 11 de xullo na praza de Azcárraga.

As seguintes tres noites as salas de concertos da cidade serán as protagonistas, coas entradas dispoñibles en woutick:
O mércores 12 será a quenda de Steve Turre no Garufa Club (o custo das entradas irá de 12 a 15 euros), mentres que o xoves 13 Michael Olivera Trío actuarán no Filloa Jazz Club (entradas de 9 a 12 euros) e o venres 14 Red House Revival estarán na Sala Mardi Gras (entradas de 9 a 12 euros). Pechará o ciclo a tradicional actuación da Garufa Blue Devils Big Band, con artista convidado, o sábado 15 no Garufa Club (o custo das entradas será de
20 euros).

PROGRAMA:

  • 10 de xullo ás 21.00 h. no Teatro ColónYellowjackets (entradas: desde 22€)
  • 11 de xullo ás 21.00 h. na Praza de AzcárragaSharrie Williams Band (entrada de balde)
  • 12 de xullo ás 22.00 h. no Garufa ClubSteve Turre 6tet (entradas: desde 12€)
  • 13 de xullo ás 21.45 h. no Jazz FilloaMichael Olvera Trío (entradas: desde 9€)
  • 14 de xullo ás 22.00 h. na sala Mardi GrasRed House Revival (entradas: desde 9€)
  • 15 de xullo ás 22.00 h. no Garufa ClubGarufa Blue Devils Big Band (entradas: desde 28€)

Demenzia Sozial gaña a primeira edición do concurso de bandas Flores Rock

0

A sala O Túnel acolleu esta pasada noite de sábado a fase final da primeira “batalla” de bandas do Flores Rock, convocada polo Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. Unha proposta co claro fin de promocionar a música e artistas locais. Na cita reuníronse as oito bandas finalistas seleccionadas para mostrar o seu repertorio en directo ante o público e o xurado do festival.
Demenzia Sozial conquistou a ambos facéndose co ouro nesta primeira edición. A banda gañouse unha praza no Festival Flores Rock deste ano, previsto para o día 2 de setembro, onde terá a oportunidade de tocar no escenario principal en horario prioritario. Ademais o primeiro premio tamén contempla a gravación dun EP orixinal nun estudo da cidade.

Concerto de Demencia Social na sala Tunel

Crowded tamén gañou a súa praza no Flores Rock 2023 como segundo premio, actuando nun escenario secundario, ademais da gravación dun videoclip dunha canción orixinal. O terceiro premio foi para Noxxo, gañando un cheque de 100 euros e a posibilidade de actuar nun espazo da cidade aínda por determinar.

As tres bandas gañadoras designáronse en función da puntuación total, de acordo coa porcentaxe marcada nas bases de valoración (51% voto do xurado e 49% do público). O público votou de forma presencial a través da entrada, marcando no mesmo billete cunha
cruz a banda seleccionada.
O xurado, formado por persoal municipal do IMCE e da Plataforma de Veciños do Barrio das Flores, destacou a calidade dos grupos musicais e a orixinalidade das propostas.

Liberado un home que quedara atrapado no seu coche tras chocar contra unha árbore en Dorneda

0

Membros do servizo local de emerxencias de Oleiros liberaron a un home que quedara atrapado no interior do seu vehículo tras chocar contra unha árbore no municipio coruñés de Oleiros.

Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse sobre as 03,00 horas da madrugada na estrada AC-173, ao seu paso pola parroquia de Dorneda. Estes foron os datos que facilitou o propio implicado á central de emerxencias, ademais de indicar que se atopaba atrapado no interior do habitáculo.

Así, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros de Arteixo e dos efectivos do servizo local de emerxencias que, finalmente, efectuaron o rescate do condutor e único ocupante do turismo. Tamén realizaron a limpeza da vía co obxectivo de eliminar os restos causados polo accidente e devolver as condicións de seguridade da calzada.

Pola súa banda, os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico ocupáronse de coñecer todos os detalles sobre o accidente.