Inicio Blog Páxina 624

Betanzos poderá levantar a vindeira semana as restricións da auga se continúan saíndo ben as analíticas

As análises da Xunta para detectar a presenza de norovirus na auga de Betanzos realizados desde o pasado mércores en oito puntos, tanto nos depósitos de cabeceira como na rede de traída de augas municipal, empezaron a dar negativo.
Así, no caso de que os resultados das mostras do luns sexan óptimos en relación coa calidade da auga, a Xunta recomendaría ao concello levantar as restricións. Feito que podería producirse o mércores ou o xoves cando se reciban os resultados definitivos das analíticas.
Deste xeito, poderían pór fin a 26 días de restricións no consumo da auga de Betanzos que chegou a afectar a máis de 800 veciños no concello.

Así o comunicou este venres o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que explica que a dirección xeral de Saúde Pública informou esta mesma xornada dos resultados á alcaldesa de Betanzos, María Berral. Ademais, as mostras recollidas no xoves, confirman esta tendencia e volveron a dar negativas en norovirus.

Nun comunicado remitido aos medios, o delegado manifestou que aínda será necesario facer unha terceira recollida de mostras, o vindeiro luns, para confirmar a posibilidade de que se recomende ao Concello o levantamento das restricións no consumo de auga da traída municipal.

O luns tomaranse novas mostras para determinar que os parámetros de microbioloxía e bioquímica son os correctos, tras reducir o nivel de cloro, por parte do concello de Betanzos, tal e como indicaron os técnicos da Xunta de Galicia. Estes resultados corroboran tamén a efectividade da limpeza dos depósitos e da rede, así como da hipercloración da auga.

 

A Xunta aproveita o comunicado para botar os balóns enriba do Concello, lembrando que tanto a ETAP como a rede “son responsabilidade do goberno local”. Lembran tamén que a día de hoxe o departamento de Sanidade da Xunta xa desenvolveu 56 analíticas no sistema de abastecemento de auga, polas 32 por parte de Augas de Galicia

ORIXE DOS PROBLEMAS

Así e todo, segue sen haber conclusión concreta sobre as causas do problema. A Xunta entende que “non hai base para afirmar que a orixe do brote de gastroenterite sexa a auga do río Mendo, como afirmou o concello”.

 

 

 

O delegado da Xunta manifestou que a Xunta seguirá colaborando coa alcaldesa para pechar este proceso de contaminación da auga municipal e mostrou a súa confianza en que as análises dos próximos días manteñan esta tendencia positiva na calidade da auga para pór fin a 26 días de restricións no consumo da auga de Betanzos que chegou a afectar a máis de 800 veciños no concello.

A veda de centola comeza este sábado na costa da Coruña

A veda de centola comeza este sábado, 24 de xuño, nas costas das provincias da Coruña e Pontevedra. Así o será ata o 5 de novembro, día incluído, desde A Guarda ata cabo Corrubedo e de cabo Corrubedo ata cabo Estaca de Bares.

No caso da provincia de Lugo, entre Estaca de Bares e o río Eo, incluída a ría de O Barqueiro, a veda non arrincará ata o luns 3 de xullo e manterase ata o 26 de novembro.

Pola súa banda, a veda do boi comezará o 2 de setembro e prolongarase ata o 5 de novembro, de acordo con este plan de xestión.

Nestes períodos queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas no momento en que comece a correspondente veda e levalas a porto.

Así, se vas a un restaurante e hai centola, desconfía e pregunta.

Diana Morant defende a sede da Axencia de Intelixencia Artificial na Coruña: “Isto non o ten que parar ninguén”

A Ministra de Ciencia, Diana Morant, defendeu este venres o proceso polo que se elixiu A Coruña como a sede física da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), tras a decisión do Concello de Granada de pedir ao Tribunal Supremo a suspensión cautelar do procedemento.

“Fíxose un procedemento obxectivo, con criterios obxectivos, e saíu A Coruña e entendemos que isto non o ten que parar ninguén”, explicou Morant nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press.

A titular de Ciencia lembrou que o Goberno decidiu que “España creza desde toda España e por tanto que todos os territorios teñan a oportunidade de albergar centros como este que xeran oportunidades no territorio”.

De entre as 16 cidades que presentaron candidatura para albergar esta sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, o Consello de Ministros escolleu á Coruña, unha decisión que rexeitan o Concello de Granada e a Xunta de Andalucía.

Denuncian o Wake Up & Dream Festival polo seu impacto ambiental

Xa sabemos dende hai un par de meses que o parque de Bens se convertirá nunha gran rave no marco do Wake UP Festival, un evento programado polas empresas El Pelícano, Wake Up e DreamBeach. A cita de música electrónica, programada para os vindeiros 14 e 15 de xullo, contará con figuras internacionais como Carl Cox.

Poucos se preguntaban pola afectación do macrofestival nunha contorna natural como Bens, a meirande zona verde da Coruña. Si o consideran perigos dende Ecoloxistas en Acción. O grupo conservacionista vén de denunciar a celebración polo seu “alto impacto ambiental no parque e na súa contorna, afectando as Illas de San Pedro, zona protexida, e ós veciños dos barrios adxancentes, como o dos Rosais”.

Dende o grupo lembran que o festival, celebrado anteriormente en Almería, “acumulou varias queixas polos veciños da zona, que denunciaron, entre outras cousas, un ruído ensordecedor as 24 horas do día”.

E precisamente consideran que “todos estes decibelios, así como toda a actividade e lixo derivado de dito festival, impactarán negativamente tanto no medioambiente como na saúde da veciñanza da Coruña”.

“É unha tolería”, declara o voceiro de Ecoloxistas en Acción, Eloy Pérez, “Quérese facer un macrofestival nun lugar que debe estar protexido contra o ruído. Que será o seguinte? Facer unha competición de pesca no acuario? É que non hai por onde collelo. Non se entende que o concello permita esta atrocidade, este atentado medioambiental que non depara mais que destrucción a este fermoso parque que temos na Coruña”.

A maiores do ruído, a organización ecoloxista teme tamén os impactos que se poidan derivar da actividade humana no macrofestival, “Estamos falando dun festival que pretende reunir a 50.000 persoas, con todo o que iso implica. Con toda seguridade, nun evento destas características e con tal concentración de persoas, a actividade humana e o lixo deixarán pegada no parque, que en moitas zonas matense asilvestrado para conservar a biodiversidade.”

Contando as horas para a noite máxica de San Xoán

Xa non queda nada. A falla deportivista, con Lucas, Arsenio e o mesmísimo Picasso comandando a nave á deriva na que se convertido o Dépor, xa está lista sobre a area Riazor.

Lucas, Arsenio e Picasso na falla de Riazor

Xa case que arrecende a sardiña (que ten bo prezo no Mercados este ano) ou a churrasco, como se destila ultimamente polo centro da cidade. Xa a rapazada afronta a parcelaria para reservar sitio, e apesar das reflexións de Tito Pérez sobre aquel San Xoán que nunca volverá, agardamos con nervios a chegada da noite máis máxica do ano. Esa na que sempre pasa algo inesperado, algo místico, mentres conversamos arredor do lume.
Dan bo tempo, ademais, o que evita esa habitual incerteza que envolve os días previos á festa.

Unha festa que espera a chegada de preto de 150.000 persoas, é dicir, máis da metade dos coruñeses botados á contorna do paseo. E para que non pase nada, haberá un completo dispositivo de seguridade, con máis de 650 efectivos. Xa sabedes que o paseo estará cortado dende as 19:00h, e que o baño estará prohibido desde as 22:00. E que a partir das 6:00h, haberá que recoller o telderete para deixar paso aos efectivos de limpeza, que tratarán de evitar esas incómodas instantáneas da falta de compromiso medioambiental das novas xeracións.

Unha vez teñamos listas as 7 herbas do San Xoán, preparadas no caldeiro con auga para lavar a cara na mañá do sábado 24 e espantar as meigas que queidaron por aí, podemos xa ir pensando o plan, botando un ollo á a programación completa de toda a semana. De feito, para a noite do venres haberá concertos en Riazor, con The Txandals ás 22:15, e de Celtas Cortos ás 0:15h, xusto despois de que as 23:50 comecen os fogos de artificio.

Máis novas do San Xoán

Denuncian un veciño da Coruña por exceso de velocidade, condución neglixente e positivo en drogas

0

A Garda Civil de Pontevedra denunciou ao condutor dun vehículo, un veciño da Coruña, por exceso de velocidade, por dar positivo indiciario en drogas e condución neglixente en Vilaboa.

Segundo informou o corpo, os feitos sucederon o pasado 21 de xuño cando unha patrulla que prestaba servizo na autoestrada AP-9, na zona da peaxe de Vilaboa en sentido A Coruña, con motivo dun control de velocidade deu o alto a un vehículo deportivo que fose detectado polo radar.

O condutor foi captado a unha velocidade de 170 quilómetros por hora, nunha zona limitada a 120. Ademais, outra patrulla que estaba no control observou como o condutor circulaba dunha “forma neglixente que levaba a unha situación de risco ou perigo”.

O infractor foi sometido ás probas de detección de drogas nas que arroxou un resultado positivo indiciario en drogas, polo que lle abriron o expediente de denuncia correspondente que leva unha sanción de 1.000 euros e a detracción de seis puntos do seu permiso de condución, en caso de ser confirmado polo laboratorio.

Ademais, os axentes procederon a realizar dous expedientes de denuncia máis. Un deles por conducir por encima dos límites de velocidade establecidos, que leva unha sanción de 300 euros e a detracción de dous puntos do permiso de conducir, e outro por conducir de forma neglixente que leva unha multa de 200 euros.

A praza de San Cristovo convertirase este domingo nun mercado ecolóxico

0

A praza de San Cristovo, ao carón da estación de trens, convertirase nun mercado ecolóxico no marco do programa de Mercados de Compra Sustentable, que percorren os barrios da cidade.

O mercado estará aberto o domingo de 10.00 a 15.00 horas, cunha variada oferta de produtos sostibles, a granel, residuo cero e de proximidade. Tamén haberá unha programación de actividades orientada á infancia, cun espazo de dinamización infantil e de intercambio de xoguetes. De 11.30 a 12.30 horas celebrarase un obradoiro infantil de máscaras. Por último, ás 13.00 horas actuará Félix Arias, cun concerto infantil orientado a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Programa

Deste xeito, o primeiro e terceiro domingo se situará no Campo da Leña, como é habitual; o segundo estará na praza da Tolerancia, en Labañou; e o cuarto rotará por diferentes barrios, sendo Novo Mesoiro o primeiro e a praza de San Cristovo, na contorna dos Mallos a segunda parada.

Poden informarse en @mercaecocoruna.

O reitor da UDC recibe ao alumnado da Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas de Daca, en Bangladesh

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xullo Abalde, recibiu a un grupo de estudantes da Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas da Universidade de Daca, en Bangladesh.

Ao acto, celebrado este venres no Reitorado da UDC, asistiu tamén a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da UDC, Pilar García de la Torre; así como membros da Cátedra, a súa directora, María José Martínez, o seu subdirector, Evaristo Zas, e a súa coordinadora en Daca, Amparo Porta.

Segundo informa a UDC, o grupo de estudantes está formado por seis alumnos –tres mulleres e tres homes– que obtiveron os mellores resultados nos diplomas DELE, títulos oficiais acreditativos do grao de dominio do español que outorga o Instituto Cervantes en nome do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España e para os que a Cátedra está habilitada como “único centro oficial de exames do país”.

A Cátedra de Inditex de Lingua e Cultura Españolas, engade, é o resultado do convenio asinado Inditex e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Daca. “O obxectivo destes estudos é a promoción da lingua e a cultura españolas en Bangladesh a través de diversas actividades académicas e de difusión cultural”, conclúe o organismo.

O Mercado Templario do Burgo de Faro quece motores

0

Queda menos para a celebración do Mercado Templario do Burgo de Faro, que engalará a vila de Culleredo do xoves 29 de xuño ata o domingo 2 de xullo. Unha festa organizada polo Concello, xa consolidada como elemento dinamizador do municipio atraendo a milleiros de persoas.

Situarase, como é habitual, no paseo do Burgo, nas inmediacións da ponte. O espazo recibirá personaxes e contará con actividades da idade medieval, en conmemoración da época histórica na que a vila foi un referente.

Programa


A inauguración será o xoves ás 17.00 horas, e ás 20.30 horas terá lugar a inauguración oficial. Cada día haberá numerosos espectáculos, segundo a programación da organización: pasacalles, espectáculos de lume, batucadas, humor, e personaxes como zancos, seres mitolóxicos, ou bufóns, entre outras moitas propostas.

Os postos serán variados, dende artesanía ata gastronomía. Para os nenos e nenas haberá cada día un espazo aberto para xogos infantís, obradoiros e atraccións ecolóxicas. E a música será un son común no Mercado.

O_Burgo_Mercado_templario_2023

A Gala do Fútbol da Costa – QPC e a final da #CopadaCosta, a envexa do fútbol modesto galego

0

Cando a xente do Fútbol da Costa conta por aí que teñen álbumes de cromos, un carrusel tecnolóxico cos goles en directo, que hai 2 radios, 3 periódicos de papel, non sei cantos dixitais, fotógrafos especializados en promocionalo nas redes seguindo a actualidade, unha Gala de premios, unha final de Copa con 2.500 persoas no campo, ata unha tele chegaron a ter... a xente non o cre.

Porque o Fútbol da Costa engloba 34 clubs da Costa da Morte que compiten nas categorías Preferente, 1ª Galicia, 2ª Galicia e 3ª Galicia, é dicir, as “peores ligas federadas do mundo”, as categorías federadas máis baixas do fútbol amateur Preferente. Máis abaixo non se pode caer.

Pero o Fútbol da Costa é un sentimento, unha paixón. Un axente con vida propia, que como sempre din dende o xornal Quepasanacosta, “trascende o deporte para convertirse nun elemento vertebrador de toda unha dispersa comarca como é a Costa da Morte”.

Esta é a fin de semana máis importante do ano para o Fútbol costeiro. A fin de semana na que se despide a temporada con dúas citas moi especiais, que serven para que a xente se poña cara, para que un de Malpica e un de Muros se vexan, se coñezan, se respecten.

A VIII Gala do Fútbol da Costa – QPC

Publico na Gala do Futbol da COsta 2022 en Malpica
O público adoita encher os auditorios, como o do Centro Cívico de Malpica na Gala do ano pasado celebrada en Malpica

Dende 2014 leva o diario Quepasanacosta realizando estes “Óscars do Fútbol da Costa”. Ao máis puro estilo #BalóndeOuro, e cun completo sistema de votacións nos que participan unhas 80 persoas vinculadas co fútbol (adestradores, capitáns, directivos, xornalistas…), escollen os mellores do ano tanto do fútbol masculino como do FUTFEM. Os Nominados e nominadas pasarán unha noite de San Xoán chea de nervios para ver se poden levar para o seu salón un dos prezados trofeos, xa convertidos en elementos fetiche da comarca: o balón da Olería de Buño feito polas artesás de Feituras.

Este 2023, a VIII edición celébrase o sábado en Corcubión, como homenaxe aos 50 anos do club local.

Balons da Oleria de Buno da Gala do Futbol da Costa
Balóns da Olería de Buño da Gala do Fútbol da Costa

A FINAL DA COPA, A GRAN FESTA

O domingo é hora da doble final da Copa da Costa na Fontenla, en Santa Comba. Pola mañá, ás 12:00h, U.C. Cee e Bergantiños F.C. buscarán alzarse co título da 3ª edición da Copa feminina. Espéranse centos de persoas arroupando a un #FUTFEM que está crecendo de xeito exponencial nestes ano, contando xa con 10 equipos en competición

Pola tarde, a partir das 16:30h, o campo irase enchendo de afeccionados que non queren perder o seu asento na gran festa do fútbol costeiro. Ás 18:00h arrincará o choque entre SD Sofán e CD Baio, ante a presenza dunhas 2.500 persoas, e numerosos medios, incluídos a retransmisión en directo pola Radio Nordés e pola TVG.