Inicio Blog Páxina 623

Os Bombeiros en folga de Arteixo piden máis persoal, melloras salariais e máis mantemento

A folga dos Bombeiros de toda Galicia, declarada dende o pasado día 15 de xuño, está afectar directamente a un servizo tan básico como o das emerxencias. Un servizo que tras moitos anos de protestas foi revertido de concesión a empresa privada a xestión pública o 1 de xaneiro de 2020. Pero a pesar de que as esperanzas dos traballadores eran máximas naquel cambio, a relación entre traballadores e Consorcio (integrado por Deputación e Xunta) non mellora.

A folga está convocada en todos os parques de Galicia, pero nalgúns afecta máis que noutros, polo persoal co que contan, e porque os convenios son distintos en función do parque.

Na área coruña os meirandes problemas estanse dando no Parque de Bombeiros de Arteixo. Un parque que “coida” unha poboación estimada de 140.000 persoas (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros e casco urbano de Carral), ademais da flotante que vén pola industria da comarca. Leva 9 polígonos industriais con infraestruturas críticas como a refinería, fábricas e industrias como Arteixo Química, un xigante como Inditex que move 12:000 persoas cada día, un aeroporto, o porto exterior… Un parque que, en canto a importancia, aseméllase aos de Vigo ou Coruña, pero coa diferencia que na Coruña contan con 12 suplentes para emerxencias e en Arteixo con 3.
Precisamente, contan dende Arteixo que no incendio declarado nun buque no porto exterior a comezos de maio, os bombeiros do parque estiveron 3 días sen apenas relevo.

A folga estivo a piques de pechar o Parque na xornada de hoxe (xa estivo pechado unhas horas a semana pasada), pero dende o Consorcio non se atreven a pechalo pola súa relevancia. Tivo que acodir un rapaz dende Boiro para cubrir unha baixa de última hora por problemas de saúde e conseguir manter un retén de 3 persoas, o mínimo para mantelo aberto.

As demandas

”Sabemos que non somos funcionarios de carreira, como na Coruña, pero iso non implica que o lume queime distinto, nin que os accidentes sexan distintos”, explican os traballadores do parque arteixán. “Cremos que temos que ter unhas condicións moi semellantes. Estamos rescatados, somos persoal da administración, e a administración tennos que amparar”.

Piden máis persoal, melloras nas condicións salariais e melloras nas condicións de traballo e no material. Traballan 1.800 horas ao ano (cando calquera empregado público de Galicia realiza 1664 horas anuais), e cobran 1.300 euros ao mes en 14 pagas, “cobrando o mesmo se traballamos un 3 de marzo ou o día de Nadal”. Piden tamén compesancións dignas para as familias en caso de morte ou invalidez.
Tamén piden que se cumpla a sentenza do TSXG que confirma a fixeza dos seus postos de traballo.
Critican que non teñen asuntos propios e que “para solicitar un permiso parece que hai que falar coa Casa Real”.

Pero tamén esixen un correcto mantemento das instalacións. Falamos dun parque que se inunda cada vez que chove un pouco forte, dunha autoescala e vehículo nodriza que están sen aire para saír; un portalón estropeado que obriga a ter que meter todos os vehículos na cochera e obriga a ter que mover un camión para sacar outro…”É a realidade, e hai partes de avaría que o corroboran. A xerencia ten constancia disto e non fai nada”, denuncian.

Parque bombeiros arteixo inundado

Un fondo de Abu Dabi adquire o hotel Meliá María Pita da Coruña

Meliá Hotels International anunciou o pasado xoves, durante o transcurso da súa xunta de accionistas, que a carteira de Equity Inmobles –formada por 17 hoteis xestionados por Meliá, entre os que está o coruñes María Pita (de catro estrelas)– pasa a mans de Abu Dhabi Investment Authority (ADIA), un fondo soberano de investimento propiedade de Abu Dabi. Este luns, Cinco Días cifra en 600 millóns o peche desta operación que inclúe a 17 hoteis que seguirán sendo xestionados por Meliá.

Xa a finais de 2022 sabíase que as familias Calero, Briones e Mazin, fundadores de Tryp Hotels e propietarios do portfolio, estaban en conversacións co fondo para venderlle este conxunto de activos, aínda que por entón cifrábase nunha oferta duns 600 millóns de libras (693 millóns de euros).

Os 17 hoteis, que suman 2.500 habitacións, están repartidos case ao 50% entre vacacionais e urbanos. En concreto, dentro desta carteira atópase o hotel ME Madrid Reina Vitoria, ademais de cinco hoteis da marca Meliá en Madrid, xunto a establecementos en Marbella, A Coruña, Chiclana de la Frontera e Baqueira Beret.

Na xunta de accionista do pasado xoves, Meliá falaba desta operación pola que pasa a “unha nova e eficiente” situación “en réxime de xestión hoteleira”, o que lles permitirá “manter e consolidar” a súa presenza en “a maioría de prazas”, cun “portfolio ambicionado por moitos dos competidores. “Énchenos de orgullo poder conservar na súa totalidade para unha nova etapa”, valoraba.

“Éxito” da exposición sobre Picasso na Coruña, segundo a Xunta

0

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu este luns o “gran interese” mostrado polo público na exposición ‘Picasso, branco non recordo azul’, organizada pola Xunta no Museo de Belas Artes da Coruña e que pechou as súas portas tras recibir a 50.000 visitantes.

Durante a presentación do catálogo da mostra, na que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o titular de Cultura subliñou a “oportunidade” que esta exposición supuxo no últimos tres meses “para que os que descoñecían a importancia de Galicia na obra do artista máis universal do século XX descubrisen unha nova perspectiva creativa”.

“As máis de 600 visitas diarias de media durante os 82 días que estivo aberta dan boa conta do interese que espertou esta cita”, engadiu o conselleiro, que aproveitou para agradecer “o importante esforzo e atención por parte do persoal do museo”.

Do total de visitantes, o 59% foron mulleres e os 41% homes. Ademais, atendéronse case 600 grupos de visitas guiadas -a metade deles grupos de escolares-, un 60% dos cales procedían da Coruña e da súa área metropolitana, mentres que o 40% do resto de Galicia, de España e do estranxeiro. A maiores, un total de 2.500 persoas participaron nas distintas actividades complementarias programadas como conferencias, concertos, ciclos de cinema e actividades infantís e familiares.

Román Rodríguez agradeceu tamén o traballo dos comisarios Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira que, coa coordinación da directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Anxos Penas, fixeron posible a única exposición galega no marco das celebracións oficiais do 50º aniversario da morte do artista que se converteu, ademais, “no gran evento cultural do ano”.

Fixo mención, ademais, a Telefónica como empresa colaboradora do programa en España e aos 35 fornecedores internacionais e nacionais procedentes de coleccionistas persoais ou institucións de distintas partes do mundo que colaboraron coa cesión dalgunha das máis de 120 pezas da mostra.

Os Directos do Castelo de San Antón poñen en valor os artistas dos Locais de Ensaio

0

Este venres 30 chega unha nova edición dos Directos do Castelo, formato de concertos showcase no Castelo de San Antón. Serán tres os grupos usuarios dos Locais de Ensaio do Concello da Coruña os que participarán, a partir das 21.00 horas, nesta ocasión: Batiscafo, Hundred Fires e Revel Velvet, tras diversas bandas do pop-rock herculino.

Un xeito de poñer en valor os Locais de Ensaio do Concello da Coruña que levan 13 anos traballando cos proxectos musicais da mocidade coruñesa, ofrecéndolles de balde un espazo totalmente equipado onde poder ensaiar, e facilitándolles os primeiros pasos para desenvolver a súa carreira, tanto con gravacións de maquetas no seu estudio, como cun departamento de imaxe que lles facilita sesións fotográficas, creación de logos ou a edición de material audiovisual. De feito, días antes da súa actuación, está prevista a publicación na canle de YouTube (@locaisdensaio) de dous novos vídeos con Hundred Fires e Batiscafo de protagonistas.

Podes descargar os convites en  coruna.gal/mocidade.

Piden entre 12 e 15 anos de cárcere para cinco membros dunha banda por atracos en bares de Arteixo

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña xulga este venres, 30 de xuño, a cinco membros dunha banda por supostos roubos en bares e restaurantes no municipio de Arteixo, ocorridos en 2020.

Fiscalía pide entre 12 e 15 anos de prisión por delitos como roubo con violencia e intimidación, roubo con forza das cousas e intento de roubo con violencia. Tres deles contaban con antecedentes penais. O modus operandi era o de actuar de madrugada cos rostros tapados mentres un deles encargábase de conducir e esperaba fóra dos locais vixiando.

Unha fogueira de San Xoán que se reavivou provoca un incendio en Cambre

0

Unha fogueira de San Xoán que se reavivou provocou este sábado un incendio no municipio coruñés de Cambre, concretamente no lugar de Sobreguexe, en Cecebre. Por fortuna, soamente afectou a unha ampla zona chea de palla recentemente rozada.

Un particular chamou ao 112 Galicia, sobre as 16 horas desta tarde, para informar de que se acababan de reavivar os restos dunha fogueira da noite de San Xoán. Nas proximidades había unha vivenda, e os veciños trataban de combater as chamas con mangueiras.

Desde o 112 Galicia púxose en coñecemento dos feitos ao persoal do distrito forestal da zona, aos Bombeiros de Arteixo, aos axentes da Policía Autonómica e aos da Policía Local de Cambre. Unha vez no punto, os Bombeiros procederon a controlar e apagar o incendio, que queimou ao redor dun mil metros cadrados de palla rozada.

O BurgoJazz cumple 22 edicións

22 edicións leva o singular festival BurgoJazz. Unha cita que se desenvolverá do 30 de xuño ao 3 de xullo na Aula da Natureza Juan Lembeye do Xardín Botánico Ría do Burgo.

O venres, 30 de xuño, arrincará co Tributo a Grapelli, o trío referente no panorama nacional e especializado en gipsy jazz e jazz manouche, e con Charo Quicler & Group, un proxecto actual da formación inspirada nos temas de Jazz vocal clásico interpretados no famoso Cotton Club de New York e que marcaron a banda sonora do século XX.

O sábado, 1 de xullo, será o turno do blues con Marian Ledesme & Tinaguero Brothers. Con máis de 20 anos de experiencia nos escenario. Tamén actuará Simón García Quartet, un contrabaixista e compositor ecléctico.

O domingo, 3 de xullo, a combinación de tradición, folclore e modernidade virá da man do concerto de Puzzle Cabinet que viaxarán desde a fusión desenfadada ao intimismo sincero con temas brasileños, balcánicos e propios. A súa vez, tocará Udra, o trío musical fusionan o groove soul e o hiphop coa complexidade do jazz, que vén de gañar un dos Premios Martín Códax da Música.

O luns, 3 de xullo, pechará a edición a actuación Potato Head Jazz Band unha das mellores a nivel nacional no estilo Hot Jazz Tradicional/New Orleans, o jazz máis divertido e animado das décadas dos anos 20 e 30.

O San Xoán de 2023 deixa na Coruña 54 toneladas de lixo, a cifra “máis baixa desde que hai datos”

A noite de San Xoán deste 2023, que congregou na Coruña a máis de 150.000 persoas, deixou 54 toneladas de lixo nas dúas principais praias da cidade –Riazor e Orzán– e nas rúas onde se desenvolveu esta festividade. Supón, segundo cifras do Concello, a cifra de residuos “máis baixa desde que hai datos”.

Segundo informa o Consistorio nun comunicado, inmediatamente despois ao desaloxo dos areais –sobre as 6,00 da madrugada– comezouse a traballar por Riazor, que quedou limpa sobre as 10,00 da mañá, tras o que se actuou en Orzán. Xunto a isto, houbo un dispositivo especial de limpeza noutros puntos da urbe herculina e das rúas próximas ao paseo marítimo.

En total, recolléronse 54 toneladas de refugallos, un 33 por cento menos que en 2022, cando foron 86. Pero é que, ademais, en comparación cos datos de 2018, cando se recolleron 117 toneladas, a redución supera o 50 por cento e a deste ano sitúase como a noite de San Juan “máis baixa desde que hai datos”. O Concello da Coruña celebra estas cifras que evidencian “unha maior concienciación cidadá polo mantemento das praias e dos espazos públicos” nesta tan insigne festividade.

O Coliseo do San Xoán

Dende a atalaia do paseo marítimo vemos aos gladiadores prepararse para a gran batalla. Son ás 19:00h da tarde do 23 de xuño, e o areal do Orzán semella o Coliseo preparándose para o Circo Romano. Mentres a mocidade quece motores aló embaixo, acoirazados nas súas parcelas, os menos novos e as familias ollan dende as bancadas aos que serán protagonistas deste espectáculo nocturno.

Xa non son as batallas de antano… Facemos nosas moitas das reflexións de Tito Pérez sobre o San Xoán que foi e non volverá. Pero se cadra aquel San Xoán dos 90 igual é demasiado heavy para os tempos que corren… A día de hoxe, a concentración parcelaria na que se teñen convertido as dúas praias da cidade nesta festa, é moito máis organizada. A mocidade madruga (ou máis ben trasnoita cun día de antelación) para reservar cadanseu espazo, deixando unha estampa moito máis ordeñadiña tanto pola tarde, como pola noite. Dende as bancadas do circo albíncanse espazos de cor area que non antes non existían.

Tarde de San Xoan na praia do Orzan-Coruna
Tarde de San Xoán no Orzán
Noite de San Xoán no Orzán
Noite de San Xoán no Orzán

Xa non son as batallas de antano, pero percíbese o mesmo feitizo, os mesmos sorrisos, os saltos ás cacharelas, os mesmos abrazos aló embaixo, entre esa xuventude que disfuta da noite máis máxica do ano, nesa na que pasan as cousas que nunca pasarían un sábado de outubro.

Xa non son as batallas de antano… Agora, os que xa non somos tan novos (dos 30 aos 50elongos), e que vivimos aqueles anos 90 (a primeira vez que as fogueiras se trasladaron dos barrios á praia foi no 1992), aqueles comezos desta Festa de Interese Turístico Internacional que abre hoxe os telediarios estatais, quedamos polas prazas, #birraenman, a golpe de sardiña, choripán e musiqueo. Xa non estamos para baixar ao barro.
Si que chegadas ás 23:30h, moitas familias deixan a mesa da terraza ou o prato de plástico cos restos de sardiña no lixo, e comezan a baixar cara a praia. É un espectáculo do circo, ao fin e ao cabo, para todos os públicos.

Xa non son as batallas de antano…

Sardinas de San Xoan

MÁIS NOVAS DO SAN XOÁN

Olladas doutro tempo: San Andrés. Avrillón

Desfruto enormemente coas fotos antigas de Coruña, en especial cando atopo unha que nunca antes vira. Para min, é coma un xogo: primeiro tento ubicala, repasando mentalmente rincóns de rúas e prazas, ou pensando noutras fotos xa coñecidas. Cando creo que xa din co lugar correcto, xurde a necesidade de levar a imaxe ata o lugar físico, para acadar o punto exacto onde foi tomada. Ese momento, o do contraste pasado-presente, é o mellor do proceso: comprobando se estaba no certo, se hai que moverse uns metros do calculado, cambiar ángulos…  Entón pasamos á derradeira fase, que consiste, alí mesmo, en observar que queda na actualidade, o que aínda sobrevive dende aquel intre.

Neste caso é evidente que falamos de San Andrés, pois ese é o título da fotografía. Pero para ubicala exactamente hai que atender a varias cousas. A primeira referencia moi clara é a torre de campás da capela de San Andrés, que asoma no centro da imaxe. E a curvatura da rúa, que serpentea moi suavemente de esquerda a dereita. Con isto xa temos distancia e dirección. O punto exacto vaino a indicar o ángulo que se aprecia entre os dous primeiros edificios da dereita, marcando o inicio do chaflán que forma San Andrés na intersección coa rúa Santa Catalina. Eses dous inmobles seguen alí, observando o tráfico desta arteria da cidade ó longo de tres séculos distintos. O resto, déixoo para que o vaia a observar quen queira e que saque as súas propias opinións. Non quero ser eu o único que se divirta con estas cousas.

Quen estaría encantado de ver a nosa curiosa diversión sería Alejandro Avrillon, o autor da imaxe. Foi un dos primeiros fotógrafos dos que se ten mención na cidade. Nacido en Francia en 1840 e trasladado a estes lares, ó igual que a familia Sellier, polo traballo do seu pai coma operario de cristais na fábrica de vidro. El tamén comezou a traballar na mesma factoría, pero afortunadamente acabaría optando por adicarse á fotografía, tan de moda na súa época. Chegou a ser cuñado e socio do irmán maior dos Sellier, Luis. E uns anos máis tarde instalaríase por separado e tamén trocaría o nome polo que sería coñecido, de Alejandro a Juan Bautista Avrillon.

Non se coñece a data exacta da imaxe, pero pódese dicir con seguridade que foi a finais do século XIX cando Avrillón estivo xusto alí para capturala. A pé de rúa, a vista de persoa. Facendo que, máis de 120 anos máis tarde, poidamos ollar para ela e mesturarnos no ambiente de entón, case dubidando entre camiñar tranquilamente tralo carro, ó paso dos bois, ou percorrer a rúa máis á presa, adiantando ó home do sombreiro.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO