Inicio Blog Páxina 625

O presidente da Deputación da Coruña espera repetir acordo con BNG

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mostrouse este xoves convencido de volver alcanzar un acordo co BNG para repetir coalición na institución provincial, cuxa constitución estima para o 18 de xullo.

A preguntas dos medios tras un acto na Coruña, González Formoso explicou que este mesmo xoves realizarase un “primeiro paso” de cara á constitución do novo goberno provincial, coa votación dos partidos xudiciais, con excepción do do Barbanza.

“A partir de aí, iniciaremos conversacións co socio de goberno habitual, o BNG, e seguro que chegaremos a un acordo para constituír un goberno outra vez estable e que teña como obxectivo claro facer avanzar unha provincia que é o motor económico, social e cultural de Galicia”, dixo Formoso. Así marcou como retos da institución que “ese motor siga funcionando” dentro “dun proceso de modernización” da súa estrutura interna e “dos obxectivos cara a fóra“, en campos estratéxicos como os investimentos, o apoio ao tecido produtivo e a aposta polo “tecido creativo” e do coñecemento.

En canto aos prazos, estimou que, segundo os seus cálculos, a constitución podería ser o 18 de xullo, aínda que a data “aínda non está pechada“.

Pola súa banda, no mesmo acto, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, considerou unha “boa noticia” que vaia a haber de novo “un goberno progresista” na Deputación da Coruña e eloxiou a figura de Valentín González Formoso, “que é un magnífico presidente” e que “apoia, como ten que facer unha institución provincial, a todos os concellos” con “independencia de quen goberna” o municipio.

 

Aproveita… que aínda atopas sardiñas a bo prezo

quilo de sardiña alcanza un prezo duns 8 euros o quilo nas pescaderías da Praza de Lugo, na Coruña, na mañá deste xoves, o día antes da noite de San Xoán. En declaracións a Europa Press, o responsable de Mariscos Abad, Gonzalo Abad, explica que nesta xornada os prezos son máis ou menos similares a hai un ano, pero prevese que para o venres o quilo suba a entre os 10 e 15 euros.

Tamén na Coruña, Teri Ceán sinala que na súa pescadería a sardiña atópase a entre 7 e 8 euros, mentres que a de tamaño pequeno que “é case ‘parrocha” está a 6 euros. De cara ao 23 de xuño non cre que se vaia “moito máis alá de 10 euros o quilo”.

Igualmente, Alfredo, de Sondomar, confirma o prezo duns 8 euros a 24 horas da noite grande de consumo de sardiña en Galicia, á espera dunha subida o venres. Mentres, en supermercados e grandes áreas comerciais de Galicia o quilo de sardiña podíase atopar a 3,95 euros este 22 de xuño.

UNS 4 EUROS EN LONXA

Pola súa banda, o secretario da asociación de cerqueiros Acerga, Alberto Castro, explica que estes días aumentou o prezo coa aproximación do San Xoán e alcanzáronse os 4 euros o quilo en lonxa este xoves. No entanto, “o que abunda moito é o medianiño”, unha sardiña máis pequena, ao redor dos 0,70 euros por quilo.

Castro lembra que este ano hai un aumento de cantidade ao crecer a cota respecto ao ano anterior, o que levou a unha baixada de prezos durante a campaña, aínda que “esta semana está máis ou menos ao mesmo prezo que o ano pasado”. Apunta que haberá unha subida para a última xornada “en función da demanda”.

Abertos os prazos de inscricións para os obradoiros de verán no Castelo de San Antón e o Castro de Elviña

0

Xa está aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de verán do Castelo de San Antón e do Castro de Elviña.
As actividades, que se levarán a cabo entre o 1 de xullo e o 26 de agosto, sempre os sábados e en horario de mañá, están deseñadas para as nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, permitindo que os máis pequenos se acheguen ao patrimonio e historia do castelo e o castro, implicando a rapazada en talleres de carácter artístico e lúdico.

Cada unha das actividades terá unha duración de hora e media, e disporanse un máximo de 20 prazas por obradoiro. A inscrición previa está habilitada desde hoxe, e a asignación de prazas disporase por orde de chamada ao número de teléfono 981 189 850 (en horario de martes a sábado, de 10.00 a 20.00 horas).

Calendario

O calendario de obradoiros, categorizado por instalación e datas, é o seguinte:

Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (sempre ás 12.00 horas)

● Sábado 1 de xullo: Mosaicos: pisando arte. Durante a xornada, a rapazada descubrirá de primeira man a arte dos mosaicos, aprendendo as diferentes técnicas para a súa produción e, xa para rematar, cada participante traballará na creación do seu propio mosaico xeométrico.
● Sábado 15 de xullo: Oleiros en San Antón. A cerámica foi un dos grandes avances da prehistoria. Tras coñecer os restos conservados no museo, falarase da decoración e formas para, posteriormente, crear potes castrexos.

● Sábado 22 de xullo: Tecendo na prehistoria. A rapazada achegarase á moda prehistórica e traballará, utilizando un tear, en pulseiras de la.

● Sábado 29 de xullo: Heraldicart. As e os participantes coñecerán polo miúdo o detalle do escudo da Coruña e as súas lendas. Ademais, as e os pequenos
elaborarán e crearán o seu propio escudo heráldico.

● Sábado 12 de agosto: A luz da lucerna. A actividade fala das orixes do lume e a evolución das técnicas para a súa produción. Experimentarase con moldes e arxila para fabricar unha lucerna romana.

● Sábado 19 de agosto: O cofre perdido. Xogo de aventuras no que a rapazada “asaltará” o Castelo para atopar un tesouro perdido. Desta forma, as e os pequenos descubrirán os lugares máis simbólicos da fortaleza.

● Sábado 26 de agosto: Rock Art. As nenas e nenos coñecerán polo miúdo os petróglifos, e traballarán na creación do seu propio.

Castro de Elviña (sempre ás 11.30 horas)

● Sábado 8 de xullo: O tesouro de Elviña. Mediante un xogo de pistas, a rapazada descubrirá o Castro poñéndose na pel do pobo ártabro e, a través de réplicas arqueolóxicas, achegarse á vida na Idade do Ferro.

● Sábado 5 de agosto: Arqueólogos en Elviña. A través dunha escavación simulada, a rapazada coñecerá o traballos das arqueólogas e arqueólogos. Haberá un
percorrido polo xacemento.

Licitadas as obras para a primeira peza do novo CHUAC por 35 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou este xoves a licitación das obras da torre polivalente do novo hospital público da Coruña, que suporán un investimento de case 35,2 millóns de euros.

Esta actuación é a primeira peza do novo complexo hospitalario, que se construirá na parcela sen edificar situada á beira do actual hospital e servirá de nexo entre as actuais instalacións e as novas.

O contrato autorizado este xoves consiste na execución da torre e a previsión de acometer a pasarela, unha vez que se aprobe o proxecto de interese autonómico, previsiblemente a finais de ano (actualmente en tramitación administrativa).

O novo edificio contará cunha superficie de máis de 12.600 metros cadrados en 16 plantas, catro delas baixo rasante, e acollerá áreas de administración, xestión sanitaria, laboratorios, ‘hotel de enfermos’, novo servizo de informática, etc.

O prazo de execución é de 18 meses e disporanse dous accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para usuarios do ‘hotel’ de pacientes e persoal administrativo, e outra para persoal sanitario. A Xunta tamén prevé licitar “en breve” o contrato de concurso e obra dos accesos, que suporán un investimento estimado de mñas de 25 millóns de euros.

ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR DO SERGAS

Por outra banda, o Consello tamén aprobou a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que ten como obxectivo “buscar iniciativas innovadoras que resolvan o impacto que a actividade continuada do Sergas causa ao ambiente”.

A administración autonómica sinalou que o documento ten o propósito de asegurar “a sustentabilidade” do sistema sanitario coa vista posta nunha contorna saudable e equilibrada.

Ademais, a aplicación da economía circular permite aforrar custos, unha maior eficiencia, redución de impacto e de emisións de dióxido de carbono equivalente, entre outras melloras. A estratexia ten un horizonte fixado no 2030 e será “a principal ferramenta para impulsar o cambio dun modelo lineal cara a un circular”.

A Estratexia recolle cinco eixos de actuación: recursos e materias primas, residuos e pegada ambiental, ecodiseño de procesos, I+D+i responsable, e comportamento social.

3 anos de prisión para un veciño acusado de traficar en Cambre durante o toque de queda da COVID

0

Era 18 de febreiro de 2021, cando a Garda Civil detiña unha persoa que camiñaba á altura do km. 7 da N-550 (por Cambre), quebrantando o toque de queda vixente naquelas datas debido á COVID-19.

Os axentes dábanlle o alto e, ao cachearlle, atopáronlle, nunha mochila que portaba, chisqueiros, pipas, dúas navallas e un cúter, así como unha carteira con 579,92 euros. Os funcionarios tamén rexistraron o vehículo no que se movía e, dentro do forro da súa cazadora, que estaba no asento do copiloto, atoparon pequenas bolsas heroína, cocaína e metadona, que terían un valor no mercado arredor dos 400 euros. “As pesadas exceden do consumo medio diario, aínda considerando unha provisión para varios días, sen que o informe achegado pola defensa aclare a unha efectiva condición de drogodependente, a que substancias depende, pautas ou doses de consumo”, salienta o tribunal no fallo.

Deste xeito, sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos de cárcere e ao pagamento dunha multa de 500 euros ao home, se ben a resolución non é firme, pois contra ela que cabe presentar recurso.

A Coruña, campo de experimentación da eólica mariña en Galicia

Repsol e a compañía enerxética norueguesa Orsted asinaron un acordo coa Autoridade Portuaria da Coruña para impulsar o desenvolvemento de proxectos de eólica mariña na costa de Galicia e Portugal.

O convenio foi subscrito nun acto no que participaron o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, o xerente de mercado de eólica mariña en España e Portugal de Orsted, Marianne Hassl, e o responsable de Desenvolvemento de eólica mariña en Repsol, José Partida.

O acordo entre o tres entidades contempla “o desenvolvemento, construción, operación e mantemento de futuros proxectos de eólica mariña flotante” a través do uso “temporal” de infraestruturas do porto exterior da Coruña durante as fases de montaxe e integración dos aeroxeradores, bases flotantes, subestacións, cableado, sistemas de amarre e “demais equipamento necesario para o desenvolvemento do proxecto”.

“Galicia está chamada a converterse nunha rexión chave para a eólica mariña en España e Orsted e Repsol están a dar xa pasos para construír as alianzas adecuadas que garantan que estamos listos para empezar a construír desde o día uno”, sinalou Marianne Hassl.

Repsol e Orsted asinan un acordo co Porto da Coruña para o desenvolvemento de proxectos de eólica mariña / PORTO DA CORUÑA – Arquivo

Pola súa banda, o responsable de éolica mariña de Repsol tamén destacou a potencialidade de Galicia para ser “un hub destacado” no desenvolvemento desta tencoloxía, polo que avogou por “aproveitar as oportunidades que ofrece esta fonte de enerxía”, que a compañía española quere impulsar para alcanzar os 6.000 MW de capacidade instalada renovable en 2025 e 20.000 MW en 2030.

Por último, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, afirmou que o acordo “é moi relevante para o desenvolvemento do Porto Exterior, dado que se trata de dúas compañías líderes no sector enerxético que se suman ao proxecto Green Port”.

Morre o motorista que chocou contra un coche en Bens

0

Un morotista faleceu na cidade da Coruña ao sufrir un accidente cun coche contra o que impactou cando circulaba na zona de Bens.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o sinistro produciuse na estrada DP-3003 do termo municipal herculina ás 20,45 horas do pasado mércores. Tras recibir a alerta de varios particulares, a central de emerxencias mobilizou a varios efectivos, entre eles, a unha dotación de Urxencias Sanitarias 061.

Desprazados ao lugar, os profesionais sanitarios unicamente puideron corroborar a morte do piloto da motocicleta a consecuencia das feridas sufridas na colisión.

A Xunta e o Comité Antisida da Coruña farán cribados de VIH e Hepatite C en zonas de lecer

A Consellería de Sanidade e o Comité Antisida da Coruña (Casco) asinaron un convenio de colaboración para realizar un proxecto piloto de prevención e detección precoz de VIH e Hepatite C en persoas vulnerables en zonas de lecer da Coruña e en eventos multitudinarios da provincia.

O acordo foi asinado este mércores polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora de Casco, Sonia Valbuena. “Na unidade móbil vaise a facer asesoramento e prevención das enfermidades VIH e Hepatite C, así como cribados de maneira gratuíta e anónima”, indicou o conselleiro.

Valbuena, pola súa banda, lembrou que “a poboación que máis transmisións ten anualmente está nunha franxa entre os 20 e 30 anos“. Por este motivo, engadiu, este proxecto vai situar a unidade “de formación e información” nas zonas de lecer os venres e sábados, en horario de 22,00 a 24,00 horas.

As Analíticas confirman unha vertedura de fecais no río Mendo de Betanzos tras o brote de gastroentiritis

Máis de 3 semanas despois do brote de gastroentrerite, e mentres a veciñanza de Betanzos segue sen poder beber auga da rede, chegan novos resultados das analíticas encargadas pola empresa concesionaria da rede de abastecemento de auga de Betanzos. Unhas analíticas recollidas “durante a noite do pasado día 13 e a mañá do 14 cando se produciu a última vertedura detectada ao río Mendo”, que confirmaron a presenza de “restos fecais, de orixe humana, con presenza de Novovirus”, en augas do río Mendo, o “mesmo virus que ocasionou o brote de gastroenterite e polo que a auga da rede de abastecemento segue sendo non apta para o consumo”.

En consecuencia, os resultados destas análises elaboradas polos laboratorios ‘Labaqua’ serán achegados á denuncia que presentará o Concello no xulgado para que se investigue “a vertedura que foi detectada polos servizos de control e seguimento de Viaqua na zona de captación de auga”.

Así mesmo, o consistorio está á espera de que Augas de Galicia, que tamén recolleu mostras ese día, “informe sobre os resultados das súas análises”. “Entendemos que non variarán dos realizados polos laboratorios que fixeron a analítica para Viaqua”, puntualiza.

A CONSELLERÍA DE SANIDADE SEGUE BUSCANDO…

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, dixo que a Xunta descoñece a orixe do brote de gastroenterite e continúa realizando as “medidas correspondentes” para determinar se a auga é apta.

A preguntas dos xornalistas sobre este asunto nun acto na Coruña, García Comesaña explicou que o Goberno autonómico continúa facendo análise de auga “na rede –de abastecemento– e no río” para darlle “recomendacións e instrucións ao Concello na súa competencia de subministración de auga”.

O titular de Sanidade quixo transmitir aos veciños de Betanzos que “a Xunta ata o momento que teña a seguridade de que a auga está en condicións adecuadas dirá o contrario”.

Os cruceiros teñen permiso para descargar as súas augas residuais no Corredor Marítimo de Fisterra

Polo Corredor Marítimo de Fisterra, faixa de mar que discorre tan só a 21,7 millas (40 kms) das nosas costas, navegan cada ano máis de 40.000 barcos dos que, aproximadamente un terzo, transportan mercadurías perigosas (petroleiros e produtos derivados) e os dous terzos restantes son barcos portacontainers, cruceiros, graneleiros e buques con mercaduría xeral. Offshore e barcos especiais.

Todos eles utilizan o dispositivo de separación de tráfico marítimo de Fisterra, un dos máis conxestionados a nivel mundial e que delimita de maneira aproximada a Plataforma Continental de Galicia, esa grande piscina sen paredes, cunha profundidade media de 150 metros,  na que se desenvolve unha intensa actividade económica e humana por parte do 1,5 millóns de persoas que viven a carón do mar, case o 60% da poboación total de Galicia, e que viven expostas aos potenciais verquidos de todo tipo (hidrocarburos, augas residuais e tamén lixo plástico como ben sabemos os voluntarios de Mar de Fábula) procedentes deste Dispositivo de Separación como o demostra a experiencia histórica é o Estudo de Impacto Costeiro da Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, ferramenta elaborada polo observatorio RAIA no 2012 e no que participou o IEO da Coruña.

Entre os milleiros de barcos que pasan por diante de nós cobran especial significación esas cidades flotantes que son os cruceiros que, en marcado contraste co resto dos barcos que levan entre 15 e 20 tripulantes con tendencia á redución, os cruceiros transportan miles de turistas a bordo con tendencia en aumento a medida que se constrúen máis grandes, como o novo cruceiro “Icon of the Seas” programado para entrar en servizo a comezos do 2024 e que poderá transportar 9.950 persoas (segundo a Wikipedia) entre turistas e tripulantes, un verdadeiro monstro flotante en dimensións e consumo de combustible fósil nestes tempos de crise climática..

E non é mesmo unha descarga de augas residuais no mar por parte dun barco mercante con 15 tripulantes a bordo que a descarga de augas residuais por parte dun megacruceiro con 9.950 persoas a bordo. O Convenio Marpol no seu anexo IV permite a todos os barcos, incluídos os cruceiros, descargar as súas augas residuais, sen depurar, directamente no mar, sempre que o fagan máis aló das 12 millas da costa (22km) A CLIA (Asociación Internacional de Liñas de Cruceiros) que representa o 95% do sector argumenta que a meirande parte dos seus cruceiros teñen instalados a bordo sistemas AWTS (Sistemas avanzados de tratamento de augas residuais) e que nunca descargan augas residuais no mar sen tratar. Co seu longo historial de delitos ambientais, recollidos en medios de comunicación internacionais, que crédito merecen estas afirmacións? Quen os controla en altamar?

O periódico británico de Guardian na súa edición do 9 de xullo 2022 (non hai un ano aínda) baixo o explosivo titular “Os cruceiros dos USA utilizan Canada como taza de váter para as augas residuais” denunciaba nun amplo texto baixo este titular o uso que fan os cruceiros para descargar no mar as súas augas negras e grises e as augas tóxicas de lavado dos scrubbers durante os tres días de navegación pola costa oeste de Canada antes de chegar a Alaska, principal destino turístico destes megabarcos e cunha lexislación moi restritiva para protexer os seus glaciares e a natureza salvaxe dos parques nacionais.

Se esta maneira de actuar acontece nas costas de Canada, un país paradigma do primeiro mundo, que podemos esperar do comportamento dos cruceiros nas costas do Sur Global?  E no Corredor Marítimo de Fisterra? Este proceder aberrante dende os puntos de vista ético e ambiental, está dentro da legalidade vixente.  A única solución, urxente, é actualizar o Convenio Marpol Anexo IV para que a IMO (Organización Marítima Internacional) prohiba a descarga no mar das augas sucias sen tratar, calquera que sexa a distancia á costa.

Neste obxectivo estamos a traballar.

  • Asinado por Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula); Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción) e Antonio Garcia Allut (Fundación Lonxanet).

ARTIGOS RELACIONADOS