Inicio Blog Páxina 626

Os cruceiros teñen permiso para descargar as súas augas residuais no Corredor Marítimo de Fisterra

Polo Corredor Marítimo de Fisterra, faixa de mar que discorre tan só a 21,7 millas (40 kms) das nosas costas, navegan cada ano máis de 40.000 barcos dos que, aproximadamente un terzo, transportan mercadurías perigosas (petroleiros e produtos derivados) e os dous terzos restantes son barcos portacontainers, cruceiros, graneleiros e buques con mercaduría xeral. Offshore e barcos especiais.

Todos eles utilizan o dispositivo de separación de tráfico marítimo de Fisterra, un dos máis conxestionados a nivel mundial e que delimita de maneira aproximada a Plataforma Continental de Galicia, esa grande piscina sen paredes, cunha profundidade media de 150 metros,  na que se desenvolve unha intensa actividade económica e humana por parte do 1,5 millóns de persoas que viven a carón do mar, case o 60% da poboación total de Galicia, e que viven expostas aos potenciais verquidos de todo tipo (hidrocarburos, augas residuais e tamén lixo plástico como ben sabemos os voluntarios de Mar de Fábula) procedentes deste Dispositivo de Separación como o demostra a experiencia histórica é o Estudo de Impacto Costeiro da Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, ferramenta elaborada polo observatorio RAIA no 2012 e no que participou o IEO da Coruña.

Entre os milleiros de barcos que pasan por diante de nós cobran especial significación esas cidades flotantes que son os cruceiros que, en marcado contraste co resto dos barcos que levan entre 15 e 20 tripulantes con tendencia á redución, os cruceiros transportan miles de turistas a bordo con tendencia en aumento a medida que se constrúen máis grandes, como o novo cruceiro “Icon of the Seas” programado para entrar en servizo a comezos do 2024 e que poderá transportar 9.950 persoas (segundo a Wikipedia) entre turistas e tripulantes, un verdadeiro monstro flotante en dimensións e consumo de combustible fósil nestes tempos de crise climática..

E non é mesmo unha descarga de augas residuais no mar por parte dun barco mercante con 15 tripulantes a bordo que a descarga de augas residuais por parte dun megacruceiro con 9.950 persoas a bordo. O Convenio Marpol no seu anexo IV permite a todos os barcos, incluídos os cruceiros, descargar as súas augas residuais, sen depurar, directamente no mar, sempre que o fagan máis aló das 12 millas da costa (22km) A CLIA (Asociación Internacional de Liñas de Cruceiros) que representa o 95% do sector argumenta que a meirande parte dos seus cruceiros teñen instalados a bordo sistemas AWTS (Sistemas avanzados de tratamento de augas residuais) e que nunca descargan augas residuais no mar sen tratar. Co seu longo historial de delitos ambientais, recollidos en medios de comunicación internacionais, que crédito merecen estas afirmacións? Quen os controla en altamar?

O periódico británico de Guardian na súa edición do 9 de xullo 2022 (non hai un ano aínda) baixo o explosivo titular “Os cruceiros dos USA utilizan Canada como taza de váter para as augas residuais” denunciaba nun amplo texto baixo este titular o uso que fan os cruceiros para descargar no mar as súas augas negras e grises e as augas tóxicas de lavado dos scrubbers durante os tres días de navegación pola costa oeste de Canada antes de chegar a Alaska, principal destino turístico destes megabarcos e cunha lexislación moi restritiva para protexer os seus glaciares e a natureza salvaxe dos parques nacionais.

Se esta maneira de actuar acontece nas costas de Canada, un país paradigma do primeiro mundo, que podemos esperar do comportamento dos cruceiros nas costas do Sur Global?  E no Corredor Marítimo de Fisterra? Este proceder aberrante dende os puntos de vista ético e ambiental, está dentro da legalidade vixente.  A única solución, urxente, é actualizar o Convenio Marpol Anexo IV para que a IMO (Organización Marítima Internacional) prohiba a descarga no mar das augas sucias sen tratar, calquera que sexa a distancia á costa.

Neste obxectivo estamos a traballar.

  • Asinado por Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula); Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción) e Antonio Garcia Allut (Fundación Lonxanet).

ARTIGOS RELACIONADOS

O San Xoán que foi

1

Cando finalizaba o curso escolar e os días se facían máis longos e calorosos, a veciñanza da Coruña se mobilizaba para celebrar o seu San Xoán. Non era preciso que ninguén a incitase nin a tutelase, moito menos o concello, porque era unha festa súa, moi vencellada co seu propio carácter e costumes. Era unha manifestación comunitaria e espontánea, e por suposto laica, e polo tanto non suxeita a ningún tipo de regulamentación ou domesticación. En moitos casos, como na meirande parte das festas populares, a festa deviña salvaxe, aínda que non tanto como outras do estilo, por exemplo as fallas de Valencia ou os San Fermíns Pamplona.

En principio a celebración resultaba ben sinxela. Na tarde de San Xoán a xente saía á porta da casa e xunto a veciños e veciñas facía unha sardiñada (con pan de broa) a carón dunha fogueira construída por eles mesmos. Ás doce na noite (non ás nove ou ás dez como arestora acontece), comezo do día de San Xoán, prendíase a fogueira. Na madrugada, cando a fogueira estaba case consumida, saltábase dunha beira á outra, en principio tres veces. Os máis ousados cruzaban as brasas descalzos, o que se consideraba un signo de afouteza.

Coas pandas de mozos, o San Xoán acadaba unha dimensión que daba lustre e contido á festa. As fogueiras posuían unha arquitectura determinada, semellante á dun barco, cun pao maior como eixo central, unha osamenta de vigas e madeiras grosas fornecendo volume e madeiros máis pequenos nos intersticios. O comburente procurábase por toda a cidade; en soares abandonados, en obras de reformas ou demolicións, en depósitos de lixo, ou mediante obradoiros ou pequenas fábricas que se desfixesen de madeira.

Nas fogueiras había mobles vellos, portas, cadeiras, pupitres de colexios, palés, enormes vigas de edificios, chinchorros, incluso teño visto paus da luz. A cidade quedaba entón limpa de refugallos. Eis o espírito do San Xoán, queimar o vello. E así se facía. Agora esta queima considérase unha catástrofe ambiental, porque seica en Sogama ou Nostián non queiman lixo os 365 días do ano, nin o soterran en vertedoiros colapsados.

As pandas de mozos pasaban semanas a carrexar madeira. Era unha actividade comunitaria que supuña un esforzo e unha organización colectiva. Había quen non aprobara o curso en prazo e nas datas previas ao San Xoán asistía aos exames de recuperación co pulso tremendo despois de carrexar toda a mañá.

Para gardar a inxente cantidade de madeira ata o día sinalado buscábase polo barrio un soar propicio. No noso caso o señor a destajo vixiaba dende a súa fiestra. Fornecíanos de xornais vellos e caixas de froita. Emocionábase co noso labor. Adoitaba animarnos dicíndonos “ahí hay madera a destajo”, e de aí lle veu o alcume.

A cacharela era motivo de honra para os rapaces. Pugnábase por ver quen construía a máis grande. En Durmideiras había dúas pandas, cada cal coa súa fogueira. Segundo ían amoreando a enorme pila de madeira de tres ou catro metros de alto e cinco ou seis de ancho deixaban sentinelas día e noite, pois desconfiaban de que os outros lles roubasen madeira.

A xente adoitaba facer as fogueiras nos seus barrios. Nun parque, nun descampado ou no medio da rúa. Ás praias do Orzán ou Riazor ían os que vivían polo centro ou en barrios de máis avoengo, porque non se adoitaban plantar fogueiras en San Andrés, Rúa Real ou Juan Flórez. Sendo así, a festa esparexíase polos barrios populares e o centro non se atopaba tan ateigado como hoxe en día.

A ninguén se lle ocorría parcelar as praias con cintas de obra. Para comezar porque a festa implicaba un sentido de fraternidade cos conveciños, e para rematar porque as fogueiras eran fogueiras de San Xoán (non catro madeiros doados polo concello), e cando se acendían desprendían bafaradas de calor que creaban clareiros de decenas de metros onde non se aturaba coa fogaxe.

Como as fogueiras eran tan grandes, permanecían acendidas e dando calor ata as seis ou sete da mañá, non esmorecían á unha ou dúas como agora. Os rapaces quedaban toda a noite en torno á fogueira que construíran con tanto esforzo e da que estaban orgullosos. Falábase e bebíase cos amigos e con todo aquel que se pasase con intención de pasalo ben. Moitas veces non se chegaban a pisar bares ou discotecas. O alicerce e inspiración do San Xoán, era a fogueira.

Outro costume entre os rapaces era pedir cartos polas casas da veciñanza, para mercar sardiñas. E os veciños adoitaban dar. Porque en San Xoán, a sardiña molla o pan. Agora o característico do San Xoán da Coruña é o churrasco. Moito máis cómodo para os bares do centro, que se transformaron nos verdadeiros protagonistas. Os únicos que se van preocupar días antes de solicitar autorización para facer unha fogueira, neste caso montar unha grella.

Un ano o concello habilitou nas praias carpas techno que servían bebidas e estoupaban os tímpanos do persoal. Esta ocorrencia non durou moito, porque atraían pelexas e drogas. Pouco despois estableceuse un dispositivo de seguridade á altura dun cumio do G7. O seu propósito era (é) aplicar diversas restricións, principalmente nos areais, onde a estas alturas xa case ninguén fai a súa fogueira. Sería interesante comprobar o número de fogueiras maior que unha grella ou catro madeiros que hai en toda a cidade, se é que queda algunha. Sorprendentemente, antes de existir este dispositivo non se produciu ningunha masacre e que eu lembre nunca se incendiou a cidade.

Agora no San Xoán hai ruído e luces por todos sitios; puxeron teatro, concertos (como se fosen necesarios reclamos en día tan sinalado), música chunda chunda e demais regulamentos sobredimensionados, protocolos e domesticacións. Antes só estaba o fragor do lume, o murmurio da veciñanza, a satisfacción de comezar o verán e erixir a fogueira canda os teus paisanos, cos folgos e vontade comúns. Se te afastabas un chisco, quizais coa túa namorada, a un lugar solitario nunha praia, nun recuncho esquecido da cidade, nunha atalaia oculta e alén do balbordo, quedabas na compaña do silencio da noite, coas cacharelas alumeando ao lonxe, a alborada asomando no horizonte e o característico cheiro a fume e a sardiñas que todo o impregnaba, e que che sabía a camaradería, a troula, ao latexar dos barrios dunha cidade en pé.

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

MÁIS ARTIGOS DE TITO PÉREZ EN XDC

MÁIS INFO

Caravanas de coches percorren Coruña para protestar pola situación das residencias de maiores

Decenas de vehículos percorreron en caravana as cidades da Coruña, Lugo e Ourense para demandar da Consellaría de Política Social solucións pola problemática que se vive nas residencias polo ingreso de usuarios con diferentes patoloxías, algo que interfere nas necesidades das persoas maiores ingresadas. Os traballadores sae á rúa ante o “ninguneo” da Xunta nas negociacións.

Tal e como explicou o presidente do comité intercentros, Manuel Gallardo Canitrot, a pesar de analizarse a situación derivada do ingreso dunha nova tipoloxía de usuarios con Política Social, nunha reunión celebrada a mediados do mes de maio, a consellaría “non deu aínda resposta” a esta problemática. “Nesta reunión insistimos na situación que se está producindo nos centros, porque se trata de usuarios máis novos e con diversas patoloxías psiquiátricas, alcohólicos, de dependencia ou de arraigamento social”, afirman.

Gallardo Canitrot explica que os centros “non están preparados” estruturalmente para albergar a esta nova tipoloxía de usuarios, polos conflitos que xeran, coas necesidades de tranquilidade e seguridade dos actuais usuarios maiores nas residencias.

Remarca, ademais, que “os profesionais non teñen os medios necesarios para unha boa atención, nin moito menos persoal suficiente para cubrir as necesidades, urxencias ou crises que poidan xurdir neste tipo de usuarios”.

O comité apunta que isto se suma a unhas condicións laborais “precarias”, xa que o persoal destes centros de atención directa as 24 horas “non teñen ningún tipo de compensación por traballar os sábados, domingos e festivos desde o ano 2012”.

Na reunión con Política Social tamén se trasladou a demanda de dotar aos centros de máis persoal, “dimensionando os persoais á realidade actual”, xa que o cociente de persoal/usuario “é do ano 2006, cando a denominación era diferente e existían centros de atención a persoas ‘válidas'”.

O comité provincial do PSOE propón a Formoso para revalidar a presidencia da Deputación

0

O actual presidente en funcións da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, foi proposto na tarde deste martes polo comité provincial do PsOE coruñés como candidato a revalidar a presidencia da institución provincial no próximo mandato.

A candidatura de Formoso foi aprobada por aclamación nunha reunión na que o secretario provincial, Bernardo Fernández, destacou que os gobernos da Deputación da Coruña presididos polos socialistas nos últimos anos “supuxeron importantes avances” para os municipios da provincia.

Pola súa banda, González Formoso destacou que este martes se dá “un paso máis” na consolidación do proxecto que xa leva uns anos “cambiando esta provincia e a propia institución” e avanzou que darán prioridade ás políticas para facer fronte ao reto demográfico.

Ademais da aprobación do candidato á presidencia da Deputación da Coruña, a executiva provincial aprobou tamén por unanimidade os nomes do dez deputados e deputadas que integrarán o Grupo Provincial Socialista na Deputación da Coruña tras as eleccións municipais do próximo 28 de maio.

A proposta tamén foi aprobada por unanimidade tras a celebración de reunións dos concelleiros socialistas electos en cada un dos partidos xudiciais da provincia.

En concreto, trátase de Valentín González Formoso e Rosa Ana García López (concelleira en Valdoviño), polo partido xudicial de Ferrol; Mónica Ródríguez Ordóñez (alcaldesa de Vimianzo), polo partido xudicial de Corcubión; Antonio Leira Piñeiro (edil en Oroso) e María del Mar García Vidal (concelleira en Negreira), polo partido xudicial de Santiago; Bernardo Fernández Piñeiro (alcalde de Pontedeume e secretario provincial do PSdeG-PSOE), polo partido de Betanzos; José Manuel Lage Tuñas e Yoya Neira (concelleiros na Coruña), José Ramón Rioboo (alcalde de Culleredo) e Cristrina Capelán (concelleira o Cerceda), polo partido xudicial da Coruña.

As traballadoras de ABAI levaron a súa repulsa ao ERTE ata o Obelisco

0

Esta pasada tarde de luns 19 de xuño, traballadores e traballadoras de ABAI volveron saír á rúa para protetar polo ERTE anunciado pola empresa. Como fixeron hai unha semana na zona de Matogrande, desta volta o Comité de empresa decidiu facer a concentración no Obelisco, para darlle visibilidade ás protestas.

Os protagonistas rewalizaron unha acción performativa, na que sinalaron ao verdadeiro culpable da deslocalización dos máis de 70 postos de traballo na cidade e centos en toda España afectados polo ERTE: Movistar. O COmité de empresa recrimínalle á dirección de ABAI que se negue a escotar as demandas dos traballador@s, “un xesto que confirma o desprezo e a falta de consideración que teñen os responsales da compañía cara o conxunto do persoal”.

Lembran que nas dúas últimas reunións do proceso de negociación, “a empresa non acreditou as causas do ERTE, e alude unicamente ao descenso de carga de traballo da campaña de Movistar, principalemente, algo que choca coa solicitude de ampliacións temporais de xornada ou denegación de vacacións”.

Por iso, dende o Comité inciden en que si que hai carga de traballo para todo o persoal polo que piden a retirada completa do ERTE.
Ademais, invitan á mobilización cidadá contra a deslocalización.

Novas relacionadas

O Recorda Fest xa ten data e lugar, 8 e 9 de setembro no peirao de Batería

O festival de música pop e indie Recorda Fest celebrarase na Coruña, no peirao de Batería, os días 8 e 9 de setembro. Nun principio, estaba previsto que este evento tivese lugar no municipio coruñés de Culleredo pero cambiou de localización debido “ao incremento na previsión de venda de entradas“, segundo comunicou a organización.

O cartel do festival confórmano Taburete, Iván Ferreiro, Miss Caffeína, Dorian, Marlon, Mägo de Oz, Pignoise, David Otero, Despistados, Furious Monkey House, DJ Nano, Michenlo e un artista “sorpresa” que se anunciará a mediados do mes de xullo.

O evento inclúe tamén aos DJ’s Adrián Gold, Bea Fernandez, Carlos Barral, Chimeno, David Ribeiro, Joao Ribeiro, Jorge Álvarez, Mark Deluxe, Toni Seijas, Tuxiro e Víctor Rivas.

A programación musical do Recorda Fest, engaden os organizadores, vai dirixida a “toda a familia” e en especial a un público de “entre 25 e 55 anos“. Os nenos menores de 8 anos teñen o acceso gratuíto aos concertos, recalcan. As entradas adquiridas son válidas para o novo festival, “sen necesidade de cambio”.

Tres detidos por seis asaltos a vivendas habitadas en Carral, Abegondo e Cambre

0

Tres persoas foron detidas pola súa suposta implicación en seis roubos con forza cometidos nos municipios coruñeses de Carral, Abegondo e Cambre, onde asaltaron casas, algunhas das cales, atopábanse habitadas no momento dos feitos.

Segundo informou a Garda Civil este martes, un dos arrestados é o presunto responsable dos asaltos e os dous restantes están investigados por un delito de receptación dos obxectos roubados polo primeiro.

A identificación e arresto destas tres persoas culminou o desenvolvemento da denominada operación Petramor, que se iniciou tras as denuncias presentadas por propietarios de vivendas en núcleos do rural que sufriran roubos con forza, o que provocou “unha gran alarma social” nesta zona da área metropolitana coruñesa.

A investigación ligou o ‘modus operandi’ de seis asaltos e procedeu a identificar ao seu principal responsable, cuxo domicilio foi rexistrado tras recibir autorización xudicial por parte do xulgado de instrución número 6 da Coruña.

Alí, os axentes incautaron de “gran cantidade” de xoias, reloxos e outros efectos de valor procedentes dos roubos. O home foi detido acusado de seis delitos de roubo con forza. Os obxectos ían parar ás mans dos outros dous arrestados, que se encargaban da súa venda e aos que se lle imputan delitos de receptación.

Ademais dos obxectos achados no domicilio, a Garda Civil logrou localizar e recuperar “numerosas xoias” que xa foran vendidas e que xa foron devoltas aos seus propietarios.

O xulgado de instrución número 6 da Coruña ordenou o ingreso en prisión provisional do presunto autor dos roubos.

Traballadores de centros de Política Social convocan caravanas este martes en protesta polo “ninguneo” da Xunta

0

Traballadores de centros da Consellería de Política Social convocan este martes, 20 de xuño, caravanas por catro cidades –Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense– en protesta polo “ninguneo” da Xunta respecto das súas demandas de melloras laborais, salarios e dotación de maior persoal.

Nun comunicado, o Comité Intercentros denuncia que a Xunta “incumpre” a súa palabra ao non presentar nun mes un documento con cuestións como creación de postos de traballo dentro da RPT (relación de postos de traballo), compensación por traballar domingos e festivos, así como análises da tipoloxía de usuario dos centros e solucións inmediatas.

Critican que non teñen “ningún tipo de compensación por traballar os sábados, domingos e festivos desde o ano 2012, suspendida temporalmente, a pesar de que dita compensación se recolle expresamente na Lei de Emprego de Galicia”. Igualmente, reclaman a necesidade de máis persoal, xa que continúan con cocientes de persoal/uusario do ano 2006.

Así mesmo, os traballadores avisan de que os centros “non están preparados estruturalmente” para albergar unha nova tipoloxía de usuarios máis novos –con diversas patoloxías psiquiátricas, alcohólicos, de dependencia ou arraigamento social– que “xeran conflitos” ante a seguridade dos maiores en residencias.

E é que apuntan que os profesionais “non teñen os medios necesarios para unha boa atención, nin moito menos persoal suficiente para cubrir as necesidades, urxencias ou crises que poida aparecer neste tipo de usuarios”.

Ademais das caravanas deste martes, os empregados de centros de Política Social ten tamén previsto concentrarse o 28 de xuño ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, Santiago.

Un día do mes de San Xoán de 2023

Atopei a Marcos Mera para unha aperta e un parloteo sobre profesión e vida.  Que se Medicina rural, que se Medicina urbana; que se motivación inicial para a Medicina de Familia, que como anda a vocación actual; que se equilibrio coa vida persoal. Preguntoume: e os escritos?

Verbalicei o que levaba dentro dende fai tempo: que aquel ímpetu pola escrita se diluíra, seguramente nun proceso de parada de ilusión pola profesión.

Fíxome reflexionar que que unha vaia recolocando as parcelas da súa vida non quere dicir que deixe de lado actividades que si lle gustaban e lle axudaban.

As condicións na Sanidade Pública para exercer da forma que me gustaría non son as idóneas. Pero iso tampouco significa que a profesión deixase de ser bonita e, a ratos, gratificante.

Hai tardes nas que teño tanta sobrecarga mental de todo o que tiven que atender que no modo piloto automático non aprecio detalles motivadores. Pero hainos, e de todas as cores. Nesta nova andaina… aquel señor que acababa de coñecer nun “chequeo” que mando a urxencias polo electrocardiograma, que marcha con cara de non entender nada e remata cun marcapasos; aquela señora que despois de falar en varias consultas das tristuras e dos medos me pide unha aperta; aquel señor que si coñece Lousame e co que charlo sobre a comarca e iso axuda á relación médica-doente; aquela rapaza da caída da bicicleta na que tras explorarlle o xeonllo sospeito afectación do ligamento cruzado + menisco + ligamento lateral e acerto; aquela chamada días despois de repasar o caso da chica que responde con moito agradecemento.

Que si, que é o que hai que facer, que para iso estudamos, que para iso exercemos… pero facer balance das cousas boas ao final do día ou, a lo menos, ao final da semana, axuda a seguir adiante.

E ter xente preto que tamén fai os seus balances e chos comparte, motiva.

Nota: animo a Marcos a ser o seguinte en publicar algo neste rincón de Xornal da Coruña.

 

  • Alicia Barreiro Cambeiro. Médica de Primaria no Centro de Saúde de Monte Alto.

Máis artigos de Alicia

 

A cidadanía herculina demostrou a súa conciencia crítica na Rede Acampa

Fin de semana de reflexión social e compromiso nos Xardíns de Méndez Núñez. O VII Encontro Internacional Campamento pola Paz “Odio ou Convivencia” da Rede Acampa foi todo un éxito, gracias á participación da sociedade herculina, que demostrou a súa empatía e receptividade a esta proposta reflexiva arredor dos Dereitos Humanos e o Dereito ao Refuxio.

Equipo de coordinación VII Encuentro
Equipo de coordinación do encontro

Un evento organizado polo Movemento Campamento pola Paz, unha Rede que agrupa a case 80 organizacións relacionadas cos dereitos humanos, que seguirá traendo información real, veraz, directa, neste mundo da sobreinformación.

A reprodución da carteleira de Melilla, instalada fronte ao Palco da Música, foi, sen dúbida, o polo de atracción deste ano. Tamén o campo simulado que reproducía o que acontece en tantos campos de refuxiados por todo o mundo no que o odio, moitas veces en forma de lume, arrasa a esperanza das persoas máis vulnerables varadas nestes espazos sen dereitos e sen futuro.

Baltasar Garzon no muro da Rede Acampa
Baltasar Garzón no valado da Rede Acampa

Visitas

Visita expo Corral
Corral explicando a súa mostra

O público, e visitas concertadas de varios centros de ensino tamén apoiou as visitas guiadas dos fotoxornalistas convidados, que achegaron a súa mirada e a súa historia directa

Os grandes debates

A carpa central desbordou o público nos dous grandes debates, os que sentaron a Pepe Mujica, expresidente uruguaio, Virginia Álvarez, a xefa de investigación de Amnistía Internacional. Crúa a versión de Álvarez sobre o caso do valado de Melilla. “Non hai xeito de que, se non es louro e de ollos azuis, poida entrar en Europa de forma ordenada cando necesite protección internacional. É kafkiano que teñas que cometer ilegalidades para que se respecten os teus dereitos”, sinalou criticando a todo o estado por encubrir unha auténtica masacre preparada.

Mujica lembrou que “estamos cometendo estupideces estratéxicas; non en balde, dentro de 50 anos, a metade da humanidade será africana; E se nos responden con esta vergoña que practicamos con eles, ímolo pasar mal”. “A solidariedade a longo prazo tamén é comodidade. A Europa rica envellece, os pobres van ser unha maioría esmagadora”, sinalou.

Pola súa banda, o xuíz Baltasar Garzón falou de xustiza universal. “A xustiza, en materia de Dereitos Humanos, é conservadora e non pode selo”. “Hai que pensar en quen é a responsable deses estados fracasados, pensar no que leva a migrar a millóns de persoas; e aí Europa non é inocente”, explicou. “É moi rechamante que Meloni estableza acordos con Libia sabendo que estes retornos levan a seres humanos encarcerados, masacrados”.

Virginia Mielgo, xefa de operacións de Geo Barents de MSF, testemuña directa do que está a suceder no Mediterráneo Central, insistiu en denunciar a campaña mediática e política que criminaliza a migración e os esforzos de rescate das organizacións humanitarias. Tamén a dobre moral de Europa, capaz de asumir unha recepción eficaz e rápida dos ucraínos fuxidos da guerra pero que pecha fronteiras e permite que centos de seres humanos doutra cor de pel ou doutra orixe se afoguen no mar.

Aínda podedes pasar a ver as exposicións fotográficas nos xardíns ata o día 10 de xullo, e ver todos os contidos, vídeos do encontro e exposicións en https://coruna.redeacampa.org/gl/.
E mentres, imos xa pensando no Encontro Internacional do próximo ano, que xirará arredor da Infancia e da Xuventude