A Asociación SOS Desaparecidos informou este martes da localización do coruñés de 48 anos que fora dado por desaparecido e que faltaba do seu domicilio desde febreiro.
A asociación pedira axuda leste mesmo luns para localizar a Juan Manuel Moyano Sánchez, ausente da súa casa, na cidade herculina, desde o pasado 21 de febreiro. Finalmente, a alerta foi desactivada na tarde deste martes.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou que espera que “se solucione a conflitividade laboral” na planta de tratamento de lixos de Nostián, ante a folga convocada nos días de Semana Santa polo persoal pola negociación do convenio.
“É un conflito que existe entre a empresa e os traballadores, nós o que temos é que garantir o servizo público e, por tanto, estaremos vixiantes para que se cumpran os servizos mínimos”, dixo.
E é que, preguntada pola denuncia do comité de empresa sobre o “incumprimento” por parte do goberno local sobre a publicación dos pregos de condicións da concesión, dixo que a convocatoria de folga “non ten nada que ver con nada máis”. “Espero que o solucionen pronto”, engadiu.
MURAIS DE URBANO LUGRÍS
Noutra orde de cousas, cuestionada polos murais de Urbano Lugrís situados no que foi un restaurante na rúa Olmos e o requirimento aos propietarios para a súa restauración, sinalou que se iniciaron os trámites administrativos e que o concello “ten que cumprir os trámites legais”.
“Non nos podemos saltar os procedementos”, engadiu tras o requirimento feito aos propietarios e despois de que uns técnicos revisasen os citados murais.
O Concello da Coruña comezou a segunda fase dos traballos de conexión do carril bici entre o paseo marítimo e Gregorio Hernández. A alcaldesa, Inés Rey, supervisou as obras realizadas na avenida da Habana, que se complementan con máis prazas de aparcadoiro, novo arboredo e melloras de accesibilidade.
A actuación, consistente na creación dun carril bici que conecte o paseo marítimo coa rolda de Nelle, comeza a súa segunda fase coa extensión desta vía ciclable ata o cruzamento entre ambas as rúas nos dous extremos da avenida.
CURSOS
Noutra orde de cousas, o consistorio informou que os bombeiros ofrecerán formación en prevención e actuación en caso de incendio a entidades veciñais e comunidades de propietarios. A iniciativa está orientada a concienciar á cidadanía sobre as medidas e pautas a seguir para, por exemplo, evitar incendios no fogar.
Cita deportivo-solidaria imprescindible a que recupera o Instituto Miraflores de Oleiros despois do parón pola pandemia. A V Carreira da Luz – IES Miraflores celebrarase na noite do vindeiro 21 de abril. Trátase dunha proba popular que serve de fío condutor ao centro para aprenderlle ao seu alumnado valores solidarios, deportivos e de convivencia, cooperación e solidariedade.
Para iso cada ano escollen unha entidade social. Este ano van da man da recentemente constituída Fundación Diego González Rivas, unha entidade con selo galego que ten como finalidade a investigación médica e que leva o nome do cirurxián coruñés que dende hai máis dunha década, estivo operando en todo o mundo a persoas sen recursos e con enfermidades torácicas a través da súa técnica de cirurxía Uniportal VATS.
Coa cantidade recadada preténdese dotar de LUZ a este proxecto, que se puxo en marcha con éxito a semana pasada tras realizar unha complexa operación que salvou a vida, neste caso, de dúas persoas. A paciente ten 12 semanas de embarazo, polo que era tan urxente realizar a operación. En palabras do doutor Diego González Rivas “Yahaira tivo unha excelente recuperación despois de ter sido operada este luns na Coruña nunha complexa operación na que lle extirparon o tumor carcinoide que tiña no pulmón esquerdo e que agora está de volta en Perú” .
O seguinte obxectivo da Fundación é a adquisición de material e a obtención dunha Unidade Móbil de Cirurxía en África, para poder realizar, a través da súa técnica Uniportal VATS, aquelas cirurxías que non se poidan acometer, por falta de recursos, en países en vías de desenvolvemento.
Diego González Rivas en África
A Carreira
Trátase dunha carreira nocturna na que poden participar persoas de todas as idades, con categorías desde biberóns ata super veteranos.A cita será o21 de abril a partir ddas 20:00h e se desenvolverá na Polígono industrial de Iñás (Oleiros), entre as Rúa Barbanza, Rúa Salnés, Rúa Soneira e Rúa Silvas.
Poden inscribirse de xeito presencial no no IES Miraflores, os días 18, 19 e 20 de abril, de 10:10 a 12:30h. e a través do formulario da páxina web do centro, segundo as indicacións, e sendo imprescindible achegar o resgardo de ingreso/transferencia (ao número de conta ES08 2080 0064 9230 4001 6160) a través de correo electrónico: carreiradaluz@iesmiraflores.gal. Os menores de 18 ofrecen un donativo de 6 euros e os maiores de 12.
Ata 12 xuramentos diarios dicimos na Coruña-Arteixo-Oleiros. Así o recolle un estudio realizado por Preply. Tras facer unha enquisa entre 1.500 residentes de 19 zonas de todo o estado, o estudio sitúa á área herculina entre as tres que máis palabras feas din ao día, despois de Santa Cruz de Tenerife e Granada.
Segundo o estudio, os españois din unha media de 9 bocaladas ao día, unha cifra inferior á media doutros países como Estados Unidos (21), Polonia (19), Reino Unido (10) ou Alemaña (10).
En canto á aceptación social dos groserías, as respostas sinalan que o 48,63% afirma sentirse ofendido polo uso das mes,mas, mentres que o 51,37% afirma que non o fai. Aí a nosa zona tamén marca un récor, recoñecemendo un 66,7% da poboación que tolera sen problema os tacos.
A meirande parte dos herculinos xuramos (un 40%), sobre todo, contra nós mesmos, segundo a enquisa, sendo tamén habitual contra os amig@s.
Os lugares onde se di máis blasfemias son as reunións cos amigos, na casa e no coche mentres conduces, mentres que diante das crianzas, e máis dos xef@s, son os momentos nos que intentamos evitar dicilas.
O BNG da Coruña propuxo impulsar o proxecto ‘Primavera Cultural’, unha iniciativa para potenciar o sector vinculado á cultura e co obxectivo de promover unha cidade “creativa”.
Así o expuxeron, nun encontro cos medios, a concelleira do BNG Avia Veira e a deputada da formación nacionalista no Parlamento galego, Mercedes Queixas, candidata número 2 e 3, respectivamente, nas próximas eleccións municipais.
“Falamos dun proxecto que enfocaremos desde unha perspectiva integradora, transversal, plural, feminista, galega e universal”, remarcou Mercedes Queixas, portavoz de Cultura do BNG no Parlamento galego e en referencia ás súas propostas para a cidade de face ás municipais.
Esta iniciativa concretarase en accións vinculadas a datas como as do Día do Cómic, da Narración Oral, da Poesía, do Teatro, do Libro, da Diversidade Cultural ou dos Arquivos, entre outras. “Unha ‘Primavera Cultural’ que terá como protagonista o potente tecido creativo da cidade”, remarcou Veira.
A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do seu programa FO215/2023, de subvencións a entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais e afeccionados da cultura galega.
A institución provincial investirá neste exercicio 200.000 euros, cun mínimo de 1.500 e un máximo de 30.000 por solicitante. O prazo de presentación de solicitudes terminará o 19 de abril.
Segundo informa, poderán ser beneficiarios das axudas as entidades persoais sen fins de lucro e con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas.
Por outra banda, a institución provincial convoca 45 bolsas deportivas de 3.500 euros cada unha destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.
Despois da simbólica exposición, continúan as homenaxes ao pintor Xaime Cabanas. Esta pasada noite, o Concello da Coruña rendíalle homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa na súa casa natal. “É un día especial na historia da arte coruñesa no que facemos xustiza e memoria a un dos máis grandes artistas da nosa cidade” explicou a alcaldesa, Inés Rey acompañada de familiares e amigos do artista.
A colocación da placa pecha o ciclo de actividades en homenaxe a Xaime Cabanas, que comezou coa exposición “MMXXIII Cabanas” na Sala de Exposicións Municipal de Palexco e o Kiosko Alfonso. “Pechamos o círculo dunha forma simbólica, na súa casa de Monte Alto onde todo comezou, deixando recordo desa arte crítica e libre que tanto o ten caracterizado e que terá pegada nas futuras xeracións de coruñeses e coruñesas” concluíu a alcaldesa.
A desaparición da cúpula da Medusa do Porto da Coruña xa é unha realidade. Na tarde deste luns, 20 de marzo, tivo lugar un derrube programado do que quedaba en pe e agora a famosa estrutura case que está desaparecida da paisaxe do porto.
Sobre as 18.10 escoitouse un forte estrondo na cidade seguido dunha pequena nube de pó negro. Foi o momento escollido para derrubar boa parte da estrutura que aínda queaba en pé. O pasado 24 de febreiro comezaron os traballos previos ao desmantelamento da instalación e o 9 de marzo iniciouse o desmonte da estrutura en si, que foi utilizada para a descarga e almacén de carbón e que leva desde 2019 sen usarse.
Nestas semanas despezáronse as tolvas de carga de vagóns, ademais de tarefas de limpeza. Polo momento non se sabe cal será o destino da estrutura, que nun primeiro momento Naturgy expuxo que podería ser situada noutro lugar.
O presidente de ASCEGA (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Galicia), Alfonso Salazar, lanzou este luns unha crúa crítica ao goberno municipal. Salazar denunciou que “profesionais, empresarios e veciños están fartos de estar fartos da neglixente xestión das licenzas na Área de Urbanismo do Concello da Coruña”. Un asunto que xa fixo moito dano a nivel municipal nas pasadas eleccións, e que parece que volve á escena municipal de cara a este 28 de maio.
A entidade critica “os atrasos de entre 1 e 2 anos na tramitación das licenzas municipais” solicitadas ao concello coruñés, que “convirten un trámite burocrático nun auténtico calvario”, mesmo as feitas por comunidades de veciñ@s que vén perder as súas subvencións polos atrasos nas concesións.
Salazar critica “a parálise e continua arbitrariedade” do goberno municipal e recoñece que “sentímonos estafados e enganados por Inés Rey, porque vostede nos prometeu solucións e os retrasos seguen sendo escandalosos”.
Salazar pregúntase como é posible, como lle transmitiu a directora de Urbanismo, María Hernández García, que o programa informático non permita coñecer o prazo medio de tramitación dunha licenza nin o número de solicitudes pendentes, se en Vigo afirman ter un prazo medio de aprobación da licenza de 3 a 4 meses.
Pediron que os técnicos de Urbanismo poidan atender ás persoas que soliciten información sobre as súas licenzas.
“Esta grave situación prexudica gravemente aos veciños, á xeración de emprego, á economía local e á recadación de impostos” denunciou Salazar, e continuou “Moitos emprendedores acoden a outros concellos onde saben que teñen seguridade xurídica e axilidade na tramitación das licenzas”.
Un Xamón de premio
Para mobilizar o asunto mediáticamente a Asociación vai sortear un xamón entre todas as persoas que demostren estar afectadas por atrasos na xestión das licenzas solicitadas ao concello coruñés. “O afortunado será o que máis tempo estivo esperando. Tan sinxelo coma iso. Recolleremos os casos que nos cheguen ata o 12 de maio e garantimos o anonimato dos participantes”.